24 sept. 2006

Nova tertulia. (Pan por Pan domingo 24 set.)
O venres pasado naceu unha nova tertulia en Ourense, cidade cunha longa tradición a este respecto. Foi iniciativa común do amigo Antonio Piñeiro e máis deste cronista: el suxeriuno hai un par de semanas neste xornal (La Región) e puxémonos ó conto. A acollida da idea foi excelente e o venres xuntámonos no Liceo, casa sempre xenerosa, quince persoas relacionadas co mundo cultural e coa prensa: médicos, profesores, historiadores, filólogos, artistas, arqueólogos, etc. O obxectivo deste faladoiro non é outro que crear un novo espazo de opinión e conversa, agradable e informal, entre persoas que miramos o mundo con certa inquedanza. O primeiro éxito foi comprobar que amigos de diferentes sensibilidades políticas podemos compartir un diálogo enriquecedor sobre un moi amplo abano de temas: isto xa se logrou. E creo que non é pouco. (A foto é do amigo Xulio Outumuro, tamén membro da tertulia, que, como é lóxico, é o único que falta dos que participaron o primeiro día).

8 comentarios:

Anónimo dijo...

Congratúlame que a xente se una para fins culturais. Eu fun alumno dalgúns dos que participan na tertulia, e hoxe ando por terras de Heuskal Herria.
A ver se a xeneración Nós ten a ven encarnarse e dar frutos, tan bós como os que eles regalaron a Galiza. Mais para eso compre ser xenerosos, agargo que así sexan os tertulianos.
Karlos

Anónimo dijo...

Noraboa e que sexa enriquecedora para vós e para a cidade.

marcos valcarcel dijo...

Grazas polas vosas noraboas. Agardo, para Karlos, que gardes boas lembranzas deses teus profesores e que che vaia ben por esa terra tan fermosa e conflictiva de Euskal Herria.

Luís González Tosar dijo...

Irmaus na Ourensanía: únome a vós nesa nova tertulia e, aínda que sen pernoctar na vella Auria, procurarei deixarme caer calquera destes días outonizos que se aveciñan. Noraboa a Piñeiro, con quen comparto o labio poético fustigador e sensible do grande Curros, noraboa a Marcos, da xeración compostelá de residentes no Burgo das Nacións, e noraboa a todos e todas. ¿Il cando imos retomar, queridos nugallaus, o proxecto OURENSANÍA? Agardo novas.

Luís González Tosar dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
anómimo político-cultural dijo...

Se lles vai á tertulia o señor Leituga (tal como di noutra entrada) e o señor poeta Tosar, imos ser moitos os que nos animemos a achegarnos até Ourense.

Que pasaría se un venres pola tarde se chegasen a xuntar no Liceo trescentas persoas enfervorizadas con gañas de tertuliar?

Vaian pensado nesta posibilidade e buscando un local axeitado!

Parabéns!

Etxeokeai Fdz. dijo...

Agora que seica se disolve o Club Deportivo Orense, se cadra o estadio do couto...

anonimss dijo...

Non estou de todo de acordo que o Sr leituga fai dos membros desta tertulia noutra entrada .......Eu vexo algún do PP, algún do PSOE do Hórreo (os q se sumaría sen dubida o sr leituga se vai algún día) e moitos, moitos desencantados da política galega e ourensá (chámelle de esquerdas, socialdemócrata ou como queira....), que están a pensar que so dende unha sociedade civil potente pódense artellar propostas que son imposibles na miope mediocridade partidista.... oxalá teñan sorte e podan dar o paso dende a mera tertulia, a configuración dun grupo de opinión, porque o panorama municipal que lle ven a Ourense en riba...........