25 sept. 2006


PODER E MILITANTES NO BNG
(La Región luns 25 setembro)

Vitoria ou derrota?
Varios comentaristas afirmaban nestes días que Anxo Quintana “gañara perdendo” no último consello nacional do BNG, cando saíu derrotada a súa proposta para facer a próxima asemblea do Bloque a través dun sistema de delegados. Dicían estas voces que Quintana se situaba de forma independente, confrontado ós seus apoios tradicionais, e obtiña un resultado estimable, aínda perdendo a votación. Pero eu non o vexo claro. É evidente que hai unha loita interna de poder e o debate dos delegados foi só unha escusa para medir forzas. Forzas repartidas entre o grupo próximo a Quintana, cun terzo dos votos (sumados os do PNG e algúns máis); outro terzo amplo en mans da UPG, e o resto dividido entre sectores distantes da dirección (Esquerda Nacionalista, camilistas, beiristas, etc.). Xogan tres minorías e calquera acordo depende do pacto entre un mínimo de dúas delas. Ata agora a UPG hexemonizou sempre eses pactos e nada indica que iso vaia cambiar no futuro, a non ser que se produza un tsunami político. O máis probable é un novo pacto entre o grupo de Quintana e a UPG como sucedeu na anterior cita congresual (agora sen Beiras, defenestrado sen carta de agradecemento polos servizos prestados).
Caudillismo consorciado.
A chegada ó poder, en coalición cos socialistas, non solucionou os problemas de organización e dirección política do BNG. Pola contra, empeorou a situación, desarmando o capital político da fronte para encher consellerías e direccións xerais. Isto provocou que as estratexias do BNG pasen a decidirse no ámbito gobernamental e creo que rematará por darlle a razón á predición que facía hai tres meses un atinado analista político (www.dpaso.blogspot.com): “imponse a evidencia de que BNG houbo relevos, pero non renovación e a pouco que se sexa democraticamente esixente se chega á conclusión de que mesmo houbo involución. Unha involución que deixa a porta aberta a unha sorte de caudillismo consorciado: Quintana na acción gubernamental, Aymerich na área parlamentaria e Francisco Rodríguez no control do aparato partidario”.
Militantes, non, grazas. O que si me pareceu surrealista foi a nova da dirección do BNG de Narón negándolle a entrada a un grupo de 14 simpatizantes por “non constar que sexan nacionalistas”, pese a ser xa militantes do sindicalismo nacionalista na CIG e algúns mesmo cargos medios desta central. E iso da “constancia nacionalista”, por certo, como se mide? É seguro que o son xa todos os militantes actuais do BNG? Alguén debería explicar o sucedido porque eu non o entendo: o Bloque debe ser o único partido no mundo que non quere máis militantes (e ten poucos, en relación ó país e ás outras forzas políticas parlamentarias). Quizais sucede que, por algún motivo, o BNG non quere medrar ou os que mandan na organización prefiren que todo siga igual: poucos pero ben escollidos. Un BNG que, como Peter Pan, se nega a medrar: ese si é o problema real do nacionalismo hoxe.
(Na imaxe, detalle de “O Cuarto Estado”, de G.Pelliza da Volpedo, o cadro que serviu tamén como soporte propagandístico da película Novecento, de Bertolucci).
).

1 comentario:

Anónimo dijo...

Dende que estou de volta en Ourense teño falado con coñecidos do BNG, sobre todo de Allariz, e polo que sei, non creo que haxa agora nin no futuro proximo, ningún problema entre o Quintanismo e a UPG. Son a mesma escola politica.
Karlos