1 sept 2006

VIAXANDO CON PURA VÁZQUEZ

Con amplos de saudade hei de evadirme
polos labres, con zume de cantigas.

Pura Vázquez (“Maturidade”)


Un dos montes máis orientais da cordilleira dos Cárpatos e ó que lle chaman Halych. Desde o seu cume divísanse largacías extensións do que foi Galicja, país independente en tempos, primeiro medievais, e logo canda o imperio austrohúngaro. O topónimo polaco de “Galicja” (“Galitzia”, en alemán) veu darlle nome á devandita montaña. Hoxe a antiga Galicja repártese entre terras de Polonia, Eslovaquia e Ucraína. Desde o vértice do Halych, que case fai fronteira tripla (de xeito semellante á nosa Pena Tre-vinca), albíscase nos días claros a gran cidade de Lwov, noutrora capital da Galicja -antes de Cracovia- e máis cara ó sur adivíñase Ternópol, afastado lugar desde o que un día veu a Ourense Halyna Kizlyk, máis coñecida –transcrición do cirílico- como “Gala”, muller que coidou da nosa poetisa Pura Vázquez, recentemente falecida. Gala, que foi alí directora dun colexio, veu buscar a vida ó occidente rico europeo, deixando atrás a súa terra, nai, irmans, o seu home, dúas fillas e trouxo consigo a saudade de todo emigrante.

Coincidencias da vida. Gala mudou Galicja por Galicia. Deixou aquelas terras que tan ben coñecera e cantara a escritora galega Sofía Casanova, casada co filósofo polaco Wicenty Lutowslaski, para agarimarlle os derradeiros anos á outra grande das nosas Letras. Gala puxo traballo e corazón, arrimou o ombreiro, coma unha familiar máis, ao grande labor desenvolvido por Antonio e Maria Teresa, Abelardo e Conchita, sobriños queridísimos de Pura, fillos de Dora, a súa inseparable irmá, que denodadamente estiveron ó seu carón sempre, sobre todo nestes últimos e difíciles tempos, nun labor tan calado coma exemplar, silandeiro, ata os intres finais da súa produtiva e dilatada vida. Da que por sorte puiden aprender moito.

Pura era a “tía-do-meu-tío Antonio”. Algo me tocou, familiarmente falando. Desde cativo convivín momentos inesquecibles con ela e con toda a súa familia. Especialmente lembro aquela tardiña de verán na solaina do Pazo de Trasalba onde me deran merenda con roscón da casa e Cola-Cao, mentres escoitaba conversar as dúas irmáns escritoras co seu gran mestre don Ramón, acompañados de dona Fita. Sería a primeira vez que vía a figura colosal do Patriarca, con acenos de fidalgo e afervoada oratoria, aprezada anos despois nunha memorable conferencia no salón de columnas do Instituto. Pura e Dora enviáronme sempre as súas obras, con cariñosas dedicatorias, presentes nesa proximidade literaria e familiar. Oriolos neneiros, Maturidade, Ronseles, Edras do Vento, Orballa en tempo lento, Se digo Ourense, etc..., todo un universo, un mundo desde a nosa Auria eterna… Outra imaxe infantil vénme desde o Salto do Can, polo tempo das vendimas, onde tiñan casal, horta e algúns bancais de terra que ollaban cara ó sueste ourensán e producían aquelas uvas tintas que pisabamos con algarabía rebulideira. Ou cando apañabamos arandos por Teimende, nos montes de Parada de Sil, cara ás penedías do Canón, onde Dora tivera escola rural. Máis tarde chegaron tempos de viaxes e travesías e, de vez, encontros con elas en Cebreiros e Ourense conversando de comúns denominadores: Venezuela e a emigración (aquela crónica viaxeira “Os Aldán foron a América”), os galegos no cabo do mundo, os mosteiros célticos de Irlanda, as teimas de Compostela, os escritores portugueses, os xornais, a televisión galega, os amigos comúns, a familia…

Con ela marchou algo de nós. Despedímola con tódalas honras, vestida coa bandeira azul e branca, camiñando cara ó Alén, recitando os seus versos, quizais ecoando aínda as súas Aleluias de amor a Galicia, para que endexamais se perda o seu patriótico son coma chegado da noite estrelecida:

¡Ai, o celta berro baril e triunfante,
Que agrúa nos montes, forte e arelante!

¡Ai, vieiros floridos do nativo chan
curutos de toxos, soar de Breogán!

¡Ai, o esgrevio canto, ronsel de harmonía,
corazón galego, alma de Rosalía!


Vai con Deus. Descansa en paz, querida Pura.


Luís Menéndez Villalva.
Compostela 2/8/06.

(Nos primeiros días de agosto, o amigo Luís Menéndez Villalva publicou este artigo nas páxinas de opinión de La Región. Reproducímolo aquí co seu permiso).

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Cando pasen varios anos, habería que adicarlle o Día das Letras Galegas a Pura Vázquez, Ilustre Ourensá.

Marcos Valcárcel López dijo...

Terán que pasar cando menos 10 anos, tal como marcan as normas, lóxicas nisto, da Academia Galega. E logo Pura Vázquez terá o seu Día das Letras Galegas, sen dúbida: a escolla deste ano vai nesa liña de subliñar a presenza feminina nas nosas letras, escasa ata datas moi recentes (aínda que estudosas como Aurora Marco ou Carme Blanco sigan a rescatar tantos nomes esquecidos).