O amigo Luis Menéndez mándame este cartel, cunha breve mensaxe, que quixen compartir cos lectores, por simpático:
Nas miñas andainas na lusofonía (recén chego de Angola) descubrín este detalliño no taboleiro de anuncios da Universidade libre de Lisboa. (o Centro Galego de Lisboa-Xuventude de Galicia é dos máis antigos do mundo, percibe subvencións da Xunta coma todos e ten unha magnífica sede, cesión do que fora gran "mecenas" Manuel Cordo Boullosa, nado en Caritel).q che parece??apertas,Luís Menéndez.
Por certo, o cartel lembroume unha anécdota que ten contado Vítor Freixanes. Convidárono aló por 1977? a falar en Londres, quizais con Casares? e quizais no Centro Galego. Falou da lingua e de Antón Villar Ponte, o homenaxeado naquel ano, pero tivo que esperar para facelo porque antes da súa charla e dentro do mesmo paquete estaba programado un espectáculo de... Flamenco!!! para os galegos do Centro. Freixanes botoulle valor e así saltou do "duende" flamenco ata a galeguidade, sen rede.
Como ten dito o Bieito Iglesias, o máis galego da nosa música é Juanito Valderrama e xéneros afíns. Quen dixo que o galego non era un pobo sincrético?
12 comentarios:
E despois veñen os "Toureiros" non?
Curioso, cando menos
Parafraseando a expresión dun célebre escritor, "es que Galicia y yo somos así, señora".
é como aquel gaiteiro en Madrid do que falaba Castelao e que dicia aquelo de: "que ganas teño de volver para España..."
http://ruaxudea.blogspot.com/
É un exemplo de confusión de identidade que por desgraza pasa en moitos galegos e galegas, e sobre todo nos seus descendentes, das vagas migratorias da segunda metade do século XX. Eu coñezo máis casos, e vénseme un á cabeza, o caso dunha filla da emigración nunha cidade francesa onde os sinais de identidade españois e galegos confúndense dunha maneira peculiar, hórreos e cruceiros de adornos na casa xunto con touros bravos e monecas vestidas de “flamenca”. Cadros con postais galegas, xunto con bufandas e carteis do Real Madrid (eso tamén pasa aquí, non hai que ir tan lonxe), e por suposto asiste a clases de sevillanas na cidade europea na que vive como un elemento identitario das súas raíces (cre ela). Acho que non é unha broma, e que pola contra é un síntoma de como os galegos que ficamos aquí construímos o noso país nas últimas décadas; é unha mostra da confusión mental e identitaria que moitos e moitas galegas teñen, e que cando non teñen baixo os pés o chan no que naceron, da lugar a estas cousas tan esperpénticas.
O caso do gaiteiro (quizais tocaba o tambor, non lembro ben a historia) do que falaba Castelao non é para nada o mesmo. Aquel home tiña moi claro de onde era, a única confusión era o nome con que chamaba ao seu país; chamáballe España a Galiza, e dicía que quería ir para España cando estaba en Madrid.
Xuro por deu-lo santo que vin en Berlin un bar dun ourensán que se chamaba "El pulpo flamenco". Tiña como anagrama un pulpo que sostiña nos seus oito brazos: guitarra (2 brazos), castañolas (2 brazos), gaita (dous brazos) pandeireta (2 brazos).
Foi alá polos días finais de 1989 cando caía o muro. O cabrito do dono, nin nos abriu a porta cando quixemos ir alí a cear, a pesar de que nos identificamos, non como galegos, senón como ourensáns... Está todo cheo, non me dean a lata que teño moito traballo.
Galego coma ti.
O problema dsa identidades é curioso. Son superposicions. Cando Franco, -Ramón- chegou a Bos Aires, foi recibido como o símbolo dos galegos e dos españois triunfantes. Sen oposición.
Desde fóra, España é sangría, paella, toros e flamenco... Como Escocia gaitas e saias... Como italia spaghetti, ópera e mafia...
No centro galicia de Bos Aires dan clases de Sevillanas desde sempre, desde hai trinta ou máis anos. Teño visto o público entusiasmarse coas sevillanas naquelas actuacións do campo de Olivos máis que cos chiidos das gaitas.
A min gústame Camarón. E o fillo de Alonso Montero. Somos un país raro raro, como dicía o galego Julio Iglesias, pai.
Eu non vexo este asunto nin como "esperpéntico" nin como unha "desgracia". Non é que a xente "confunda" as súas identidades, como se estas fosen "packs" que inclúen unhas cousas e exclúen outras. As identidades están integradas polo que nos é dado dende o momento en que nacemos, por aquelas cousas sobre as que non tempos capacidade de elección, pero tamén por todo o que imos elixindo, de maneira máis ou menos mediada e máis ou menos libre, ao longo de toda a nosa vida. Como di "etxeokehai", a el gústalle Camarón e Cuchús Pimentel, da mesma maneira que a unha persoa de distinta ou menor esixencia artística lle gusta Manolo Escobar ou as sevillanas. Supoño que ninguén vería mal, senón talvez un "sinal de modernidade e apertura ás novas realidades" que nese centro galego se impartisen clases de "hip-hop" xunto aos de muiñeira". Daquela, por que ten que estrañar o das sevillanas". Só porque son andaluzas, "españolas"?
Unha mensaxe incluso fala da afección futbolística polo Real Madrid como dun síntoma similar a esta "desgracia" das sevillanas. Sabe o posteador que na cúpula do nacionalismo galego hai auténticos siareiros madridistas? Pregúntelle a Suárez Canal de que equipo é. Ou ao director de A Nosa Terra. Ou ao propio Anxo Quintana...
As identidades, afortundamente, non é que sexan confusas (pois cada un ten a súa), pero si que son o produto da con-fusión de elementos moi variados.
E Paco Rodríguez é un fanático da Zarzuela, de Marujita Díaz e do kitch tipical spanish. E ninguén lle negará que é un auténtico nacionalista galego.
A min encantame Van Morrison, e sobre todo como "bluesman", e os viños da Ribera del Duero, igual que a Aznar.
Esa non é a cuestión. A cuestión é que moitos fillos da última emigración (falo do que coñezo) teñen unha auténtica confusión identitaria respecto das súas orixes, porque os galegos e galegas que os levaron a Europa, ou os pariron ali, non lle transmitiron unha clara identidade galega. Sería longo de máis explicar neste fío porque, eu dende logo non me atrevo, máis ben sería toda unha tese de socioloxia sobre os emigrantes dos últimos cincuenta anos e o que querían transmitir aos seus fillos.
Paréceme estupendo que lles guste o flamenco, Camarón, Cuchus Pimentel, Manolo Escobar ou Juanito Valderrama. Pero a cuestión é que se tome como un sinal de identidade galego, eso non acontece co hip-hop, ¿a que non?
Eu non creo, en efecto, que o hip hop se tome como un sinal de identidade galego. Pero tampouco as sevillanas. Estou seguro de que os galegos de Lisboa saben perfectamente que, como o seu propio nome indica, as sevillanas son un producto sevillano, andaluz, español. O que ocorre, moi probablemente, é que eses compatriotas de Lisboa non teñen ningún problema en asumir como propio tanto o galego como o español. En fin, que se consideran tan pertencentes a Galicia como a España, tan identificados con Galicia como con España. Tanto Galicia como España forman parte da súa identidade. Isto pode parecernos a uns ben e a outros mal. A min, particularmente, paréceme ben, pois o meu sentimento identitario-nacional é galego e español (o cal non esgota, dende logo, o meu "kit" identitario: amo máis a Venecia que a Leganés e que a Chandrexa de Queixa). En todo caso, amigo, coincidirá en que non todos os galegos que así sentimos e pensamos -a maioría, segundo di repetidamente a demoscopia- somos uns alleados e colonizados, ou boa xente un pouco ignorante e co cerebro lavado que aínda non se decatou de cal é o seu verdadeiro e auténtico ser...
Por certo, e disculpen a insistencia, o outro día falando deste asunto identitario cunha amiga, ela díxome: "Fóra de España, son española; en Madrid, son galega; e cando estou na Coruña, son de Vigo".
Publicar un comentario