A ESCOLA FUSILADA
Manuel Luís Acuña. Estiven na Pobra de Trives, participando no III Congreso Manuel Luís Acuña, que organizaron a Universidade de Vigo e a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, coa man sempre dilixente e atinada de Xoán Carlos Domínguez Alberte como coordinador técnico. Despois de tres convocatorias, é xa case unha tradición visitar as terras de Trives nestas datas para falar de historia, de literatura, de pedagoxía, arredor da memoria da figura do creador de “Fírgoas”, aquel gran poeta, mestre e republicano, natural destas terras. Este ano o tema monográfico da cita era o maxisterio republicano e a represión sufrida por este colectivo social nos anos da guerra civil. No encontro participaron moitos amigos como Antón Costa Rico, Xosé M. Cid, Raúl Soutelo, Xosé M. Salgado, Xurxo Sierra Veloso, Xesús Alonso Montero ou Ramón Nicolá. Tamén houbo achegas ás innovacións educativas no IES da Pobra de Trives, a cargo de Francisco Javier González Álvarez, ou á realidade política da comarca nos inicios do século XX, por Francisco García Sánchez, o que permitiu unha maior proximidade á contorna social na que se desenvolvían os debates. Participaron tamén (pero non puiden estar en todas as sesións) profesores como Isaac Alonso Estravís, Sabela Rivas Barrós, Santiago Veloso e algúns colegas portugueses; eu botei en falta a voz de Carlos Casares que apoiara esta iniciativa dende os seus comezos e que estaría moi satisfeito, dende logo, desta lembranza de quen foi para el tamén unha especie de amigo e profesor cando Carlos, na súa mocidade ourensá, empezaba a pensar en ser escritor.
A Escola Fusilada. Un dos momentos centrais do encontro foi a emisión da película documental “La escuela fusilada”, de Iñaki Pinedo e Daniel Álvarez, un relato tan emotivo como digno e rigoroso que fai balance do que significou a represión no corpo do maxisterio: abríronse 61.000 expedientes de depuración, dos que unha cuarta parte remataron en sancións e, como é sabido, en moitos casos co asasinato de tantos mestres identificados coa República e a Fronte Popular. O documental, moi crítico co papel da Igrexa, que segue sen pedir perdón por bendicir como “Cruzada” a barbarie franquista (algo que xa indignara a Castelao e a algúns galeguistas católicos), denuncia a ocultación do legado do maxisterio republicano ata datas moi recentes: as voces dos fillos dos mestres asasinados dan así o perfil exacto do que concibimos como reivindicación da Memoria Histórica: un acto de xustiza, un acto necesario de recoñecemento dunha realidade que se quixo facer desaparecer durante máis de 40 anos.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 1 semana
3 comentarios:
Na miña opinión son ben merecidas todas as homenaxes que se veñen facendo aos mestres e mestras da República, non só pola represión que tiveron que sofrer a partires do 36 senón tamén como sinal de recoñecemento do seu traballo e esforzo, do que pretendeu ser un profundo cambio social baseado na educación e na cultura, unha luz de ilustración nun tempo escuro. Non hai que esquecer o valor pedagóxico desa xeración de mestres saídos do Plan Profesional da República e doutras iniciativas coma as Misións Pedagóxicas. Todo iso tivo un triste final. Había xente que non estaba disposta a que o pobo se armara de cultura, resultaba máis conveniente mantelos na ignorancia.
As medias verdades, cande se tenta absolutizalas, perden o valor que poidan ter. Isto e o que acontece coa documental A ESCOLA FUSILADA. Ainda que amosa unha parte da realidade, tenta silenciar a outra. Con iso o que está a facer é suliñar unha parcialidade que non llefai xustiza a historia. E moito menos en Trives onde entre o Colexio "Santa Leonor" (Rexido polos Hirmans das Escolas Cristians - La Salle) e os mestres e mestras da bisbarra trivesa a colaboración foi case sempre boa e fructífera. Alí sí que todos estaban dispostos a que o pobo non continuase na ignorancia e se armara de cultura.
Para o último anónimo: nada do que se afirma en A Escola Fusilada foi mentira nin medias verdades. Puido haber outras realidades e quizais nese colexio de Trives estivese unha das excepcións: pero foron excepcións. Dende 1936 impúxose en Galicia (en toda España dende 1939) unha escola nacional-católica onde os coñecementos e a educación como proceso eran relegados pola propaganda do franquismo. Basta ver as enciclopedias da época: con aqueles materiais era imposible traballar para "que o pobo non continuase na ignorancia..."
Publicar un comentario