1 nov 2006


Méndez Ferrín en América
(Andoliña 1 novembro 2006)
Hai que felicitar a Consellería de Cultura da Xunta por convidar a Méndez Ferrín en embaixada cultural a Arxentina e Uruguai. Sabemos desa visita pola extenso comentario que da mesma fai ‘Torre de Babel’ no seu blog Fíos Invisibles. E sabemos así que a voz de Ferrín se escoitou en América, contundente, e aló falou de política, de lingua e de literatura. Enérxico, como adoita, na súa posición política: “Eu non podía darlle a man a Fraga Iribarne porque era unha man manchada de sangue”. Reclamou a presenza doutra esquerda no Parlamento galego, para que a oposición ó bipartito non sexa só de dereitas (onte mesmo laiábame eu da escasa pluralidade ideolóxica do noso Parlamento ó carón do vasco ou do catalán).
Falou de lingua: desmontou a falacia do mal chamado “bilingüismo harmónico” e cunha soa frase guindou polo chan as queixas dalgúns escritores nacidos en Galicia que optaron polo castelán: “Hai que escoller na vida. Non se pode ir na procesión e ser o Cristo, e ser o santo, e ser o cura...”. E de literatura: houbo gabanzas para Chus Pato e para Manolo Rivas e para a poesía feminina de hoxe.
Como se escribía onte nos foros de internet, Ferrín: insubornable.
(Imaxe: Ferrín nunha caricatura de Ruibal)

13 comentarios:

Moralla dijo...

Boa caricatura!! Cara de guerrilleiro! De ter o carácter forte que Ferrín por sorte ten! Como moitos andan a diciren este días: insobornable!

Anónimo dijo...

Tamén pode interpretarse como que Ferrín -sempre tan crítico co BNG e coa conselleira- non ten ningún problema en venderse por un plato de lentellas.

Anónimo dijo...

E não há que esquecer que o Patronato da Cultura Galega, uma instituição capital do exílio Americano, vai sair revezada com o apoio (por vez primeira em toda a sua longa luita cultural e política pola memória) desta viagem da Conselheira e demais.

E Ferrín devia ao Patronato e a Uruguai esse discurso pois foi lá na sua viagem iniciática "il y ha.." que definitivamente "espabilou" a respeito dos seus "mestres".

A Biblioteca, o programa Radiofónico do Sempre em Galiza, o local de Rio Branco e o pessoal sempre cálido, republicano e patriota do Patronato.

Ernesto Vázquez

Anónimo dijo...

Ti cres que foi na súa viaxe iniciática a América (no ano 1966) que Méndez Ferrín "espabilou" a respecto dos seus "mestres" (Piñeiro)? Eu creo que foi ben antes. Se tivera que datar o seu desencontro definitivo, eu faríao no ano 1964 (Paloma Mensajera, UPG)

Anónimo dijo...

Penso que se dá moitas veces acriticamente por válido o propio ego-relato de determinados persoeiros. E, ás veces, as cousas son moito máis sinuosas, confusas e contraditorias do que se nos quere dar a entender.

Anónimo dijo...

CArlos Casares dicia de Ferrin que era un seductor, como todos os que teñen textura de ditadores. A ver cando denuncia os crimes do estalinismo, do maoísmo, do castrismo etc. Entón terá credibilidade, mentres tanto é un coma eles, o que pasa é que non tén poder (me pica y me rasco), gracias á democracia.

Anónimo dijo...

Querido "usuario anónimo":
O que se di sedutor, sedutor político e cultural… creo que Carlos Casares foino máis que Méndez Ferrín, por razóns que sería longo de explicar, pero que teñen que ver, sobre todo, coa influencia que exerceu sobre os fascinados e polos resultados conseguidos.
Ferrín, con todos os erros que lle queiramos poñer ao seu xeito de pensar, foi todo este tempo unha persoa coherente coas súas ideas, sabendo a conciencia que non lle ían reportar ningún tipo de beneficio ou recoñecemento en forma de cargo cultural ou político.
Ao final, o que verdadeiramente importa son os froitos: refírome ao traballo positivo que estas dúas persoas teñen feito por Galicia, cada un desde ópticas e circunstancias distintas.

Anónimo dijo...

Certo Swann,

No 64 enxergou que havia outras verdades, outras maneiras de fazer política para além do “galeguismo” que lhe contaram os seus mestres.

Mas no 66 percebeu que o galeguismo não se limitava exactamente ao que lhe contaram os seus mestres.

Uma cousa é descobrir que os teus mestres são uns reaccionários, outra que são uns traidores. (Lembra aquilo de Tagen Ata e Ulm Roan)

Ernesto

Anónimo dijo...

Eu non son historiador. Velaí está Marcos Valcárcel que o pode facer: sería moi interesante facer un traballo serio, rigoroso, desapaixonado, do que foi o galeguismo do interior desde 1945/50 en adiante. Sería interesante describir os seus condicionantes. Por que foron unhas persoas as que tomaron iniciativas e outras non? Era galeguismo ou nacionalismo? Por que se desfixo o PG? Era monolítico o pensamento do grupo Galaxia? Había una estratexia a priori desde 1950 para dar lugar ao que deu lugar (a integración política en partidos non nacionalistas)? Cal foi o papel xogado por Piñeiro en programar o pensamento político, cultural, mesmo literario (era o director artístico de Galaxia)?
Son todos temas moi interesantes. Se cadra non tan apaixonantes coma estudiar o galeguismo de preguerra (ese momento brillante e único da nosa historia). Doume conta perfectamente, Marcos Valcárcel, pero sodes vós os que tedes que facer este traballo importantísimo e que hai que facer.
A figura de Piñeiro concítame moitas preguntas. Foino todo: filósofo, ideólogo, psicanalista dunha xeración, político, e profesor sen aula... Foi ao mesmo tempo heroe e traidor. Hai moito de contraditorio na persoa/persoeiro. Nos últimos anos coñecéronse algunhas cousas que abondan nesa duplicidade que acabo de apuntar. En fin, non sei se este tema lle interesa a ninguén. En todo caso, credes que o pensamento político de Piñeiro está de actualidade? É relevante hoxe en día? E se o é, para quen?

Anónimo dijo...

A estas alturas, termos como traidor ou heroe non son moi de recibo, sobre todo o primeiro. Piñeiro traidor? A que? A quen? Coido que a mitoloxía ferriniá neste aspecto é abondo perigosa e agocha máis do que aclara.
(E eu nunca fun nin son piñeirista)

Anónimo dijo...

Coherente tamén pode ser sinónimo de cacholán. E Ferrín éo e moito.

Anónimo dijo...

De acordo co que di anónimo político-cultural.

Marcos Valcárcel López dijo...

Queda moito por saber e por estudar arredor de R. Piñeiro, creo. O máis valioso son os traballos que recuperaron parte do seu epistolario (nun Grial), o libro de Casares e outro que editara creo que a Fund. Caixa Galicia. Na outra versión, contra Piñeiro, os libros de entrevistas con Ferrín ou con Beiras, p.ex. Pero está sen facer a síntese (se fose posible) entre tantas opinións tan polémicas e diferentes.