ALGUNHAS CIDADES LITERARIAS (3)
(Andoliña venres 1 decembro)Cando escribían López Ferreiro e Otero Pedrayo as súas novelas sobre Compostela, non se inventara aínda o concepto de novela negra, que sería un dos recursos máis adoptados nos 80, sobre todo dende o éxito de “Crime en Compostela” (1984), premio Xerais, onde Carlos Reigosa logra facer da cidade a coprotagonista da obra. Tamén recolleu éxitos “O crime da rúa da moeda vella”, de Román Raña, premio Blanco Amor, e o mesmo vale para moitos relatos de Suso de Toro, Marilar Aleixandre ou de Bieito Iglesias, quen optou polo rexistro satírico das xentes da capital en “A vida apoteósica”.
E só unhas liñas para os poetas: á cabeza Salvador García Bodaño e “Tempo de Compostela” (1978). “El Correo Gallego” editou a magnífica colección “Poeta en Compostela” con títulos como “Crear o mar en Compostela” de Marta Dacosta ou “Love me tender” de Ana Romaní. Nesa mesma xeira poética navegaron Manuel María, Rábade Paredes e Helena Villar, Rafa Villar, María Lado, Antón Lopo, María do Cebreiro, Bernardino Graña, Lupe Gómez, Césareo Sánchez, Estevo Creus, Eduardo Estévez, Yolanda Castaño, Carlos Negro, Olalla Cociña, Xavier Queipo, Helena de Carlos e Marilar Aleixandre.
(Nota: a serie seguirá, en Galicia Hoxe e aquí, dende o martes próximo: teño a vontade de reseñar todas as grandes cidades literarias galegas, e algunhas das pequenas).
5 comentarios:
Compostela e unha rúa longa
na memoria
onde vagan os nomes
e as horas
que cada quen recorda.
Tempo de eternidade nas sombras
case vougas
a caer polos días
e as cousas
maino como unha choiva.
Van no libro da vida as follas
xa sen volta
pasando sobre o atril
das lousas
sen que un se dea conta.
E as lembranzas igual que as ondas
veñen soltas
dende o fondo de nós
e todas
fan un mar que se alonxa.
Salvador García-Bodaño
Tempo de Compostela (1979)
Creo que Tempo de Compostela ten máis valor sentimental que poético. Ou sexa máis trascendencia ca verdadeiro valor literario.
estou enganchada cos fios destas historias de cidades ou cidades con historia. Graciñas!
Un apuntiño teatral, señor Valcárcel: "Saxo tenor", de Roberto Vidal Bolaño, quen tamén fixo de Compostela o escenario do crime.
Graciñas pola súa achega, sr. Leituga. Confeso que no xénero teatral, fóra dos clásicos, teño moitas ausencias...
Publicar un comentario