11 dic 2006


Rafa Villar premiado
A miña noraboa para o amigo Rafa Villar, poeta das Fisterras e portavoz de Nunca Máis, que vén de gañar o premio Eusebio Baleirón na súa XIX edición, polo libro Escoración dos días. Nado en Cee, o escritor tivo a súa primeira incursión nas letras con Liques da memoria en 1991, que lle valeu o premio Bouza-Brey de autores novos. Licenciado en filoloxía galego-portuguesa, obtivo premios como o Curuxa do Humor e o Cómaros Verdes.

Para celebralo, velai vai un dos seus poemas (do libro colectivo Nós. Batallón Literario da Costa da Morte, 1997):

Hai un mar e unha terra dentro do mar que se crava fonda como

unha espora, e un silencio que ás veces é un látego escintilante

ao corazón da noite inmensa.

Somos esa vida desangrada tras os vidros manchados de argazo.

Os nosos ollos nacen ao inverno e ao espanto como nós á

loucura e ao berro. Perdidos faros alumean para sempre a nosa

ruta afundida.

Hai un mar de terra empuñada vomitando lume en nós. Unha

dor antiga que nos queima. Un horizonte cego. Unha soidade.

Somos como a ardora e o naufraxio, e navegamos calquera

vento imposíbel.

Entre a terra e o mar só os nosos corpos ferozmente amarrados.

10 comentarios:

Anónimo dijo...

Poema moi frouxo por certo, tópico tras topico, pretende sorprendernos, caindo a cada paso nun tópico prestado e levemente cosmetizado. Ao final resulta un simple exercicio profilactico que prepararía o advenitemnto dunha voz poética de verdade.
Disculpen polo comentario, pero é que me colleu así.
Miriam

Anónimo dijo...

Súmome aos parabéns polo premio a Rafa Villar. A súa é, sen dúbida, unha das voces máis frescas e orixinais da poesía galega dos últimos anos. Todo un exemplo de magnífico poeta e, sobre todo, de persoa íntegra, expoñente da verdadeira altura moral e humana.
Parabéns para el e para a poesía galega.

Anónimo dijo...

Agardemos que sexa mellor poeta que comentarista político (artigo en Vieiros, p.e.).

Anónimo dijo...

Señor Modesto, agradecerialle moito que algún día se poidese me presentase a esa señora, a señora poesia galega, quedaríalla moi agradecido
Miriam

Moralla dijo...

Parabéns!!
Sempre nos quedará a palabra!!

Anónimo dijo...

Desde logo, o post de felicitación do señor Modesto é do máis tópico e manido que se pode ler ou oír.

Anónimo dijo...

Seica hai a quen lle proe o premio a Rafa Villar, e bombardea este fío.

Anónimo dijo...

O de proer é outro tópico, sempre a mesma xaculatoria, é por envidia claro, non faltaria mais, así ten que ser polos tempos dos tempos amén
Mirian

Xosé Manuel Carreira dijo...

Encántanme estas rifas entre filólogos e escritores.

Marcos Valcárcel López dijo...

Si, dende logo, non contaba eu con que este fío de noraboa a Rafa Villar rematase por ser tan polémico...