25 mar 2006


FALANDO SOBRE O XORNALISMO LITERARIO
Na miña columna de GALICIA HOXE (Andoliña sábado 25 marzo) falo tamén dos encontros de xornalismo literario e conto algunha cousa mais (na imaxe, o inmortal J.Pla):
Na tardiña do xoves, cando Galiza quedaba asolagada polas augas que caían a cachón, estiven en Vigo, nas xornadas do PEN Clube sobre Xornalismo e Literatura. Compartín mesa redonda con Xosé Carlos Caneiro, Tucho Calvo e Jose Viale Moutinho e foi un encontro moi agradábel. Falouse alí de moitas cousas, pero houbo plena coincidencia en afirmar que un autor é tan escritor cando escribe nun xornal como cando constrúe as súas obras de ficción narrativa. Antes Margarita Ledo delimitara moi ben as lindes entre o xornalismo e a literatura, mesmo acudindo a clásicos como Jack London: a verdade é norma no xornalismo e debe trasladarse con testemuñas directas ao lector, cousa que non se esixe no territorio da literatura. Tamén criticou a profesora de Xornalismo o papel dos medios que eluden o tratamento informativo rigoroso dalgúns temas conflitivos, desprazados para ser abordados polos seus columnistas: pensaba, creo, na prensa de Madrid.
Eu lembrei, entre outras cousas, aquelas palabras de Pla sobre o labor dun escritor, nos seus libros ou nos xornais: o que debe facer un escritor, máis que dar opinións, é describir a atmosfera do seu tempo. Para opinar, dicía Pla, xa temos abondo co bispo e co gobernador.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

"A verdade é norma no xornalismo", disque dixo Maragarita Ledo. Será que se esqueceu de cando dirixía ANT nos tempos gloriosos nos que ela foi a directora.

Anónimo dijo...

Josep Plá, de pruma precisa e coa ironía dun estilete, é un auténtico mestre do que deberían aprender a maioría dos columnistas galegos, sempre dados a posicionarse gregaria e topicamente.
O seu libro sobre o advenemento da II República en Madrid, por exemplo, é todo un exemplo de estilo, irónico e fodidamente desapegado, si, pero dun estilo que xa ninguén é capaz de practicar hoxe. Para iso fai falta atrevemento, independencia de criterio, intelixencia e capacidade, algo, ai, do que carecemos a maioría de nós. E así nos vai.

Anónimo dijo...

Os artigos do Josep Pla sobre o seu entorno, sobre todo o rural, son realmente xeniais. Por certo, lembrar outro gran articulista deses que xa non se ven, ou len, hoxe: o gran Xulio Camba.

Marcos Valcárcel López dijo...

Coincido coas súas apreciacións (xavier e anónimo cultural) sobre as virtudes literarias de Josep Pla, a quen cheguei a través de Carlos Casares e xa non deixei nunca: O cuaderno gris, Humor honesto e vago, Cartas de Italia, A vida amarga. Teño o libro da República, pero aínda non o lín (prexuízos ideolóxicos: quizais?) pero lereino de contado tras as palabras de anónimo cultural. E o mesmo digo de Julio Camba, co seu humor e o seu sentido da ironía absolutamente maxistrais.

Marcos Valcárcel López dijo...

Clicando en "Xavier", descubrín a páxina www.concellodesandias.com, non oficial, que non coñecía, pero que é unha marabilla de suxerencias e documentación. Non só turísticas e patrimoniais, senón tamén históricas e literarias (conta cunha ampla cronoloxía e unha coidada escolma de textos de escritores sobre a Limia). Desde aquí, graciñas a Xavier polo seu labor e recomendo vivamente aos blogueiros que se acheguen a ela.

Anónimo dijo...

Graciñas polos teus comentarios sobre a miña páxina. Aproveito pra comentarte que coñecín o artigo de Otero Pedrayo ¨Se quiebra el mágico cristal¨ gracias a un artigo teu sobre a publicación do libro ¨Antela, a memoria asolagada¨.
Retomando o tema do outro día sobre a arquitectura popular, enviote un ligazón sobre un proxecto de promoción e dignificación da nosa arquitectutra no que estou a colaborar, espero que sexa do teu interese:

http://www.arquitecturagalega.net/novaweb/component/option,com_zoom/Itemid,54/