Milladoiro (e Castelao) en Trasalba
(Andoliña martes 27 xuño)
Estivo brillante o profesor
Xesús Alonso Montero o domingo pasado en Trasalba, coa súa evocación das cartas entre
Castelao e Otero: sublime, moi especialmente, a imaxe que nos ofreceu de
don Ramón e da súa nai
dona Eladia camiñando co sacho cara ó lugar máis querido da súa horta a coller un saquiño de terra para mandar a Bos Aires e enterrala no sartego de Castelao. Magnífica igualmente a "laudatio" que fixo
Manuel Bragado da ampla historia de Milladoiro, premio Trasalba 2006: moi ben documentada, certeira na recolleita de datos, profunda en subliñar o significado do grupo na nosa cultura onte (dende 1978) e de hoxe (e de mañá). Moi ben tamén
Víctor Freixanes, mestre de cerimonias (nalgún momento semellaba un clon do finado Sixto Seco), e Anxo Quintana, dende o plano institucional, que demostrou sen complexos que lle gusta a música de Milladoiro.
En nome do grupo homenaxeado, que ten paseado o nome de Galiza por todo o mundo,
Antón Seoane preparou unha intervención reivindicativa, densa e reflexiva, como diagnóstico (algo lle axudou a súa profesión de psiquiatra) dun país doente de hipersomnia e desmemoria. Esperanza e galeguidade: as voces de Trasalba no 2006.
(Hoxe vai a foto enteira de Blanco Amor, realizada en Compostela en 1958, con Luis Meneses, o neno violinista, no medio)
1 comentario:
Foi pena que, despois do xantar, os amigos de Milladoiro non animasen a sobremesa dos comensais cun par de gaitas, un tambor e unha pandeireta... Quizais se debeu a que, sendo os convidados de honra, tiveron que agardar un bo cacho ao sol a que lle fixeran sitio na mesa.
Publicar un comentario