5 jul 2006


‘O cidadán do mes’, de Ameixeiras
(Andoliña mércores 5 xullo)
Hai unhas semanas gañaba o último premio Xerais Diego Ameixeiras, autor das novelas policíacas Baixo mínimos e O cidadán do mes, arredor das andainas do detective Horacio Dopico. Debemos engadir o seu nome á nosa serie sobre Ourense: universo literario pois ámbalas dúas están ambientadas na miña cidade e con profusión de riscos topográficos. Poderíase elaborar un plano urbano auriense seguindo os pasos do protagonista: dende a Cruz Alta ata o Parque Miño, dende a rúa dos viños ata Barrocás e o Polvorín, con incursións na Derrasa e na Chavasqueira e protagonismo para lugares de culto das novas xeracións como o Café Auriense ou o Rock Club.
Creo que ningunha obra literaria ata agora recolleu un abano tan amplo de espazos ourensáns, axuntando o Ourense histórico e medieval (o que coñeceu a Xeración Nós) cos novos barrios, froito da emigración e da especulación urbanística, nacidos de xeito ben desordenado nas décadas dos anos 60 e 70. Os espazos climatolóxicos tamén son importantes: se en A esmorga a choiva e a friaxe eran dominantes no curso da novela, agora quedamos enchoupados polas suores da calor abafante dun agosto ourensán, tan real por certo.

3 comentarios:

bouzafria dijo...

Entón Horacio Dopico ven sendo afillado do Gumersindo Nespereira do seu amigo Bieito?

Anónimo dijo...

Si, disque está ambientada en Ourense esa novela.
Pero... podía darnos a súa opinión sobre a calidade literaria da mesma?
Xa sabe que é un tema en discusión, e a súa autorizada opinión sería de moita utilidade.

Marcos Valcárcel López dijo...

Efectivamente, Bouzafría, é afillado do Gumersindo Nespereira, aquel un chisco máis enxebre.
Para Usuario Anónimo: aquí só quería subliñar a súa presenza ourensá. Da calidade literaria, xuzgando só por esta (non lle lin ainda a anterior), creo que é unha obra de xénero máis, quizais algo tópica nos esquemas da novela negra e que non será unha das obras claves da nosa literatura, pero o noso sistema literario creo que necesita libros de todas as características e tamén coma este. Por outra banda, D.Ameixeiras é un autor aínda máis novo e pode afondar no futuro en diferentes aspectos (na profundidade no retrato dos personaxes, na riqueza e variedade do código lingüístico, etc.).