13 sept 2006



A volta de ‘O berro’ e ‘Madonna’
Andoliña mércores 13 setembro
Foi unha das mellores novas do verán: a recuperación dos dous cadros roubados de Edvard Munch, ‘O berro’ e ‘Madonna’, só cunha pequena engurra no primeiro caso, máis deteriorado o segundo, dúas obras fundamentais no cano da nosa arte contemporánea. O noruegués Munch (1863-1944), formado no simbolismo e un dos fundadores do expresionismo, pertenceu a unha xeración excepcional nos finais do XIX europeo: a mesma de Gustav Klimt, Arnold Böcklin, Odilon Redon, Gustave Moreau, Puvis de Chavannes, Fernand Khnopff ou James Ensor. Entre o paganismo e o misticismo, entre o satanismo e os salóns rosacruces, entre o esoterismo e a melancolía, estes pintoress pariron algunhas das imaxes máis ousadas que nunca soñou un artista.
O berro’ é unha icona do noso tempo porque preludia a anguria e o horror que definiron o propio século XX. "A arte dálle sentido á miña vida", dicía Munch e quizais el non sabía que cos pinceis avanzaba o horizonte espiritual dos pensadores existencialistas. Na súa obra están Nietzsche e Freud, os grandes románticos e a pegada da sensualidade de Rosetti e os prerrafaelitas, o psiquismo interno do noso mundo e a expresión sutil de misterios que aínda hoxe descoñecemos.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Sempre me apaixonou o cadro da "Madonna", tan feminino, sensual, emotivo, misterioso, sutil, suxestivo, erótico, místico ao mesmo tempo, cunha aura expresiva especial. O do "Grito" é un símbolo do Expresionismo por excelencia. É grandioso expresar todo o teu mundo interior sobre un lenzo a través das cores; baleirarse, recrearse inventando paraísos que levamos dentro. Bicos luminosos