Cataluña rexeita os violentos (Andoliña sábado 14 outubro)
Cataluña é un gran país, consciente de vello da súa personalidade cultural no mundo, dinámico nos seus motores económicos e sociais. Foi un exemplo para os demócratas de toda España tanto no franquismo final como nos inicios da transición: unidade dos demócratas, conciencia de seu, tolerancia e respecto entre as formacións políticas. Nesas dúas etapas os cataláns rexeitaron a tentación de acudir á violencia política e iso librounos do grave problema de ter hoxe outra ETA causante de horrores e desgrazas mil.
Agora, cando Cataluña inicia a súa campaña electoral, co novo Estatuto xa aprobado, xorden actuacións que deben ser rexeitadas radicalmente: velaí o intento de boicot a un mitin do PP en Martorell, con empuxóns, insultos e lanzamento de obxectos ós seus oradores. Ou conatos de guerrilla urbana como os sucesos de hai días no Forat da Vergonya onde os violentos dispararon bengalas con bazucas caseiros.
O Parlamento catalán condenou con dureza estes ataques e destituíu un líder xuvenil do PSC implicado no boicot de Martorell. Hai que frear xa os energúmenos que se disfrazan de independentistas para liberar as súas frustracións con prácticas de matonismo covarde.
(Imaxe: Anglada-Camarasa, "Espido baixo a parra", Museo Belas Artes de Bilbao)
6 comentarios:
Esas si que son actitudes propias da extrema dereita. Parecíanse ós de Cristo Rei!!!
O pobo catalán non merece que se lles compare cuns energúmenos.
saúdos
A defensa das liberdades, neste caso das liberdades de expresión e de reunión, é un valor superior ás simpatías ou antipatías que susciten determinadas persoas e/ou políticas. Por eso o incidente de Martorell resulta intolerábel, e o feito de concentrárense xentes opositoras para apupar e insultar aos do PP que ían ao acto é unha vulneración clara desas liberdades.
Asemade se pretendían combater as políticas do PP con ese comportamento o resultado foi o contrario. En Catalunya o PP cávase el só a fosa, e non creo que con esto o empurren para abaixo, máis ben ao contrario. Non hai máis que ver o tratamento que levou nos medios o incidente, cando era un acto que tiña douscentos asistentes se facemos caso dos datos facilitados polo propio PP. É dicir, o PP levando ao candidato a presidir a Generalitat e ao secretario xeral Acebes, non é capaz, na comarca do Baix Llobregat ao carón de Barcelona, de xuntar máis de duascentas persoas. En Catalunya non paga a pena molestarse en falar deles.
Parece que en todos os sitios hai xente que non pensa un chisco as consecuencia dos seus actos, ou tamén será que, nalgúns casos, o totalitarismo fascista aniña tamén en mentes que se reclaman doutras ideoloxías. A min o de Martorell tróuxome á memoria aqueles ovos que lle guindaron a Fraga no inicio dunha campaña electoral (xa non lembro cal foi) e que lle deron para encher o seu discurso unha semana. Agora parece outro tanto, mesmo, polo que se ve nas imaxes, semella que o ínclito Acebes sae cun aceno de satisfacción contida pola movida mediática que lle vai supor o incidente.
Un gabinete de propaganda do PP non llo podía montar mellor, porque ademais resulta que a única agresión que se ve nas imaxes foi a de Xavier García Albiol (Secretario de Organización do PP catalán) que se tirou sobre un manifestante e lle deu en toda a cara, nas imaxes de Tele 5 viuse claramente esta agresión. En troques non hai agresións dos manifestantes antiPP, só insultos, berros, etc.
Un dirixente das mocidades do PSC foi fulminantemente expulsado por estar na concentración. En troques o tal García Albiol único agresor confirmado, cando é preguntado di: "No me arrepiento y lo volvería a hacer". Hai evidentemente un funil na hora de avaliar os feitos, tanto por parte do PP como dos medios de comunicación. Por suposto no PP xamais se asume unha responsabilidade.
O que se observa nas imaxes son abucheos, e que eu saiba os abucheos entran na liberdade de expresión. Houbo unha clara intoxicación, unha intención do PP de aproveitar a coiuntura para aparecer como victimas. Non hai agresión constatada contra ningún membro do PP, e segundo a vesión dalgúns participantes a maior agresión veu por parte da policia contra dos manifestantes anti PP.
Marcos, sumaste demagoxicamente ao carro do politicamente correcto, chamandolle energúmenos a persoas que ao mellor teñen maior cultura política que ti. Os que alí están e abuchearon ao PP, como aquí se abuceho tamén ao PP no caso do Prestige, non golpearon a ningúen, todo o mais polo que parece non pasou de berros. En toda manifestación pode haber quen se pasa, dun lado e doutro, mais por eso non se pode condenar a todos os participantes. E alí constame que había xente, a maiorría que so se manifestou contra o que considera un insulto ao seu pais, e expresouno cun abucheo democrático.
Xa sei que iso de abuchear, de berrar, non vai contigo, mais non podes agardar que todo o mundo parta de que o teu comportamento é o mellor, o correcto e o mais democrático.
Cónstame que non ergues tanto a voz contra os escesos represivos que caen as veces sobre os nacionalistas.
Ti es un home de orde, mais a orde as veces é inxusta, e a desorde resulta un primer paso cara a xustiza.
Outro amigo
Para o último "usuario anónimo": en Cataluña as protestas deste tipo teñen pasado con moito dos abucheos e ademais creo que, cando menos nunha campaña electoral, non hai "abucheos democráticos". Creo que o caso non é comparable ó Prestige, cando menos ao groso das manifestacións nas que eu participei, que eran un simple exercicio de liberdade democrática de protesta, pero sen agredir nin ir buscar ós adversarios políticos para abuchealos: ademais na resposta ó Prestige sobrou humor e imaxinación, que sempre suaviza calquera tipo de crítica. O mellor que se pode facer cos militantes e líderes do PP en Cataluña, por parte dos seus adversarios, é deixalos sós, eles mesmos xa se definen na súa práctica política e non se ve que vaian medrando en votos en terras catalanas. En cambio, con estas actitudes creo que se favorece o seu victimismo e unha imaxe moi negativa da Cataluña que tanto admiramos todos. (Omito comentar,`por improcedentes, outros teus xuízos de valor, "home de orde", eu nunca me definiría así dende logo, con esa linguaxe de dereitas; ou "non ergues tanto a voz ...", que simplemente non entendo.)
Eu comparto o diagnóstico do señor Valcárcel na súa columna: ese tipo de actuacións son "prácticas de matonismo covarde". Traslucen, ademais, unha maneira pueril de entender a liberdade de expresión, que parece consistir en non deixar, ou cando menos dificultar, a libre expresión do que pensa de xeito distinto. Non entendo que beneficios lle reporta á "causa", sexa esta cal sexa, ir facerlle propaganda a Acebes, multiplicar a irradicación da súa mensaxe e magnificar o papel victimoso do PP en Cataluña. O que parece mentira é que a estas alturas aínda teñamos que andar explicando estas cousas.
Publicar un comentario