16 dic 2006

Antón Tovar en Alacante
(Andoliña sábado 16 decembro)


Estiven nestes días en Alacante, falando de Antón Tovar. O responsable do convite foi o escritor e amigo Xavier Carro, profesor de galego na Universidade desa cidade, que organizou para os seus alumnos e alumnas un miniciclo de charlas sobre o poeta ourensán: Alonso Montero abriuno hai quince días e a min tocoume pechalo. Os alumnos e alumnas amosáronse moi interesados por afondar nas claves do ateísmo do autor de Cadáveres adiados e na expresión desa angustia que o acompañou dende os anos de mocidade e noviciado nos Xesuítas de Salamanca. A min deixoume abraiado o nivel deses mozos da Comunidade Valenciana que, con só tres meses de clase, son capaces xa de manter na nosa lingua un debate de alto nivel arredor da poesía do Tovar, que eles coñecían previamente a través do seu profesor. Sen dúbida, se o chegase a saber, o Antón estaría agradecido de comprobar como a forza da súa voz lírica chega ata o Mediterráneo.
E tamén puiden constatar que á Universidade de Alicante chegan, sen faltar un só día (pero cun pequeno retraso), todos os exemplares deste GALICIA HOXE que tes, lector, entre as mans. Que serve ademais para as prácticas de redacción destes aplicados alumnos.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Unhas bolsas para os alumnos de Filoloxía Galega das tres universidades galegas á de Alacant (que caben nunha monovolume) sería unha boa idea. Ademáis de coñecer outros mundos (e descubrir de paso o mediterráneo), seguro que terían máis oportunidades.