2 ene. 2007




















Anos interesantes...

Ando a ler nestes días a autobiografía do historiador británico, nacido por accidente en Alexandría, Eric Hobsbawm, un dos grandes pensadores do noso tempo, que foi para a miña xeración unha referencia clave tanto nos seus estudos sociais (El mundo del trabajo, Trabajadores) como nos seus traballos máis políticos e ideolóxicos (Política para una izquierda racional, por exemplo, todos estes títulos en Crítica). O relato da súa vida, narrado con elegancia en Años interesantes. Una vida en el siglo XX (Crítica, 2003), é a crónica vivida dun século tan marabilloso como tráxico. España aparece en varias ocasións: nos anos 50 Hobsbawm visitou este país á procura de datos sobre os anarquistas da guerra. Chegou a Barcelona na Semana Santa de 1951, coa folga dos tranvías, e encontrouse cunha España infeliz. No plano intelectual, afirma o historiador británico, “España, a maioría de cuxos talentos emigrara, era un país asfixiado”. Tamén era un país arcaico e provinciano, de seguro, pero tamén lle pareceu un lugar de xentes orgullosas e de principios: “España non esquecera a guerra civil, e os vencidos, aínda que desprovistos de todo poder e sen esperanza, non cambiaran o seu xeito de pensar ó respecto”.



6 comentarios:

anónimo político-cultural dijo...

Tiven ocasión de falar con Hobsbawm hai xa anos cando unha visita súa a Compostela. Fala un aceptable castelán, por certo. Formou parte do que se ten chamado "os historiadores marxistas británicos", con xentes como o gran E.P. Thompson ou R. Hilton e Ch. Hill.

E xa que se menciona a guerra civil, permítome recomendarlles a todos un extraordinario, rigoroso e sistemático libro que remata de saír, obra dun historiador galego e que é a primeira gran aportación -non esaxerariamos nada se dixeramos que quizais sexa o libro máis importante e orixinal de todos os publicados este ano en España sobre a guerra- da historiografía galega á historia xeral da guerra civil española:

Xosé M. Núñez Seixas, "¡Fuera el invasor! Nacionalismos y movilización bélica durante la guerra civil española (1936-1939)", Madrid, Marcial Pons, 2006, 477 páxinas.

Para que se dean conta do seu contido, paso a citar os títulos dos seus cinco capítulos:
I. Introducción: Nacionalismos en guerra.
II. La nueva Numancia miliciana: Nacionalismo y movilización bélica en el bando republicano.
III. España será de Cristo: Nacionalismo y movilización bélica en el bando insurgente.
IV. Las otras guerras nacionales: Las periferias invadidas por "España".
V. Conclusiones.

O libro aborda, entre outras cousas, como o discurso nacionalista foi usado tanto polos republicanos como polos rebeldes, ademais de polos nacionalismos periféricos. Levaría tempo glosar a riqueza de contidos deste libro, e non quero abusar da súa paciencia. Só lles recomendo que o lean. De seguro que non han quedar defraudados.

Anónimo dijo...

O libro ten moi boa pinta. Gracias pola recomendación.

Leituga 1 dijo...

Pois eu agradeceríalle ao amigo APC que non temese aburrirnos e nos comentase algunha outra cousa sobre ese libro. Vino o outro día, recén publicado polo ínclito "Marcial Pons", pero aínda non o merquei.

anónimo político-cultural dijo...

A ver logo, amigo Leituga One, se teño un pouco de tempos estes días para falar algo máis deste libro. Desde logo, vaia por diante a miña recomendación moi especial para vostede, porque estou seguro que trata de asuntos que lle interesan. Un saúdo.

Leituga 1 dijo...

Guiados pola súa recomendación, puxéronmo antonte os Reis Magos. A ver cando empezo a rillar nel. Por certo, creo que está vostede, señor APC, citado nos agradecementos e mais na bibliografía.

anónimo político-cultural dijo...

Lamentablemente, confúndese vostede, amigo Leituga. A min ninguén ten nada que agradecerme e menos aínda citarme. Eu só son coñecido na miña casa á hora de comer, e ás veces até nin iso.