Prego de Oliver.
Xa noutras ocasións teño falado neste recuncho da obra artística de Prego de Oliver e fágoo hoxe de novo para amosar a miña ledicia pola exposición que se inaugurou nestes días na Casa de Galicia de Madrid, presentada por Basilio Losada e boa parte da familia Prego. O ourensán foi sen dúbida un gran pintor e quizais os artistas galegos que lle sucederon non deron aínda testemuño do moito que lle deben, aínda que non fose Prego un artista da vangarda. En datas próximas vaise publicar un libro de artigos de Otero Pedrayo no que o creador de Trasalba tamén se refire ó pintor, gabando o engado inesquecible dos seus cadros: “le atraen las adolescentes en apariencia frágiles, los huertos con aguas antiguas para el baño de la luz y de las muchachas tempranamente serias”. Porque ninguén, di don Ramón, pintou como el as vellas e os esmolantes dos arrabaldos das cidades.
(Pan por Pan 11 xaneiro)
2 comentarios:
Cónstame que un pintor tan senlleiro como Xaime Quessada ten en alta estima a obra de Prego e considérao un dos grandes da pintura galega do século XX. No caso do Xaime o seu testemuño é claro, non sei se público.
Si, ten razón este amigo. Xaime Quessada admira a obra de Prego e teno manifestado ademais en público, máis dunha vez. Non así outros artistas. Tamén falou moi ben de Prego (e escribiu) Carlos Casares, pero este xa non era pintor. E Basilio Losada, por suposto.
No meu caso, permitáseme engadilo agora, a miña querencia pola obra de Prego ten tamén un toque persoal: o meu irmán (Fiz Valcárcel) foi inicialmente un seu discípulo e pintou na súa casa (algunha vez estiven alí e lembro que algunha vez tamén Prego veu á nosa casa e ó taller-estudio que tiña o meu irmán) ata que decidiu ir por outros vieiros (pero as súas primeiras obras, hoxe en diversas casas de Ourense, están moi marcadas pola presenza do mestre Prego.
Publicar un comentario