27 ene. 2007

Un debate pendente: o papel dos intelectuais no noso país? (Convite ó debate)

Un amable lector deixou nun dos fíos anteriores esta suxerencia, que eu recollo só para abrir o debate. Opinen vostedes, se lles parece útil ou pertinente (eu xa opinarei co meu comentario tamén):

A cuestión é, e iso daría para que o amigo Marcos abrise outro tema de debate: Que intelectuais, homes de letras ou pensadores galegos poden ser hoxe referentes para a opinión pública e a cidadanía deste país? Existen entre nós auténticos intelectuais comprometidos con capacidade de intervir no debate público máis alá das tomas de posición de opinantes e opinadores xornalísticos, blogueiros (coma nós), persoeiros con asento simbólico-institucional ou pedigrí biográfico (poñamos por caso: é Villares un referente nese senso? Éo Díaz Pardo ou Fernández del Riego?), ou escritores máis coñecidos por como din as cousas fermosamente (p. ex., un Manolo Rivas) que polo que realmente din no fondo? Témome que non. E ese baleiro, que a sociedade ou a cidadanía tamén percebe, ha ser enchido por alguén. (Anónimo)

73 comentarios:

anónimo político-cultural dijo...

Para ben e para mal, hoxe xa non hai lugar para ningún “maître a penser”. Coa extensión da educación superior a amplas capas da poboación, coa aparición da figura omnipresente do especialista, cos cambios nos medios de comunicación e o predominio do homo videns, coa implosión dos espazos de formación-información, etc., no hai espazo xa para o intelectual á antiga usanza: como referente moral da comunidade ou, no seu defecto, para un significativo sector desta.
Pretender asumir hoxe ese papel, e máis se fai por "sucedáneos", non deixa de resultar máis ou menos patético ou inútil. Supón isto a morte do pensamento? Coido que non. Máis ben trátase dunha profunda e irreversible mutación das sociedades contemporáneas. Hai, e seguira habendo, opinión pública e publicada, plural, excéntrica, inevitablemente nesgada. E a partir de aí, que cada quen se faga a súa composición de lugar. É o que hai.

marcos valcarcel dijo...

Velaí a miña primeira opinión: o tema é moi complexo e hai que situalo no seu momento histórico e contexto preciso. Creo que hoxe non é o momento dos grandes intelectuais, como puido suceder na posguerra europea ou mesmo na España dos anos 60 e 70. Cambiaron moito as cousas, na liña do que afirma APC. No plano galego, quizais haxa diferencias en función das xeracións e outros o vexan doutro xeito: eu véxoo na perspectiva dos que andamos arredor (no meu caso, perto) dos 50 anos. E coincido en que non existe ese intelectual modelo e referente indiscutible. Si, persoas moi válidas, escritores sobre todo, que nun momento dado teñen un maior protagonismo político: así sucedeu co tema do Prestige e Nunca Máis. Pero esas persoas non teñen a mesma pegada nos aparellos partidarios nin no conxunto da sociedade civil. Noutros casos, outros escritores están vinculados a posicións de poder cultural ou institucional, o que limita obrigadamente as súas posibilidades ó respecto (Villares, Barreiro, Freixanes, etc.): non poden dicir sempre o que pensan e ás veces, se o fan, poden meter a pata. Quizais o máis próximo ó modelo de intelectual cun grupo arredor seu moi fiel e moi condicionado polas súas posicións políticas e ideolóxicas sexa o dos escritores que se axuntan arredor do tecido simbólico de Méndez Ferrín (sobre todo, cos seus escritos no Faro ou as súas tomas de posición nun momento dado). Tamén Carlos Casares cumpriu un papel semellante en certo momento, aínda que quizais el non o pretendese, porque a súa pegada foi moi grande para moitas persoas, en moitas liñas diferentes. Das xeracións dos históricos que aínda viven quedan o seu exemplo moral e a historia, pero tampouco cumprirían esa función de intervención na sociedade civil que se reclamaría dun intelectual-referente. E quizais sexa mellor así: Casares sempre dicía que era abusivo pensar que un escritor (ou quen fose) puidese ter solucións para todo, dende a fame ou a pobreza no mundo ata a crise do Real Madrid (os xornalistas chaman ás veces ós escritores para os temas máis inverosímiles, mellor calar?).

arume dos piñeiros dijo...

Comparto con APC a súa consideración sobre o novo papel do chamado intelectual, pero tamén é certo que aínda quedan reliquias dese mundo ás que a xente (certa xente) segue. Por moito que nos empeñemos en decretar a morte do referente moral, a tendencia de parte da humanidade de depender dun ser superior (incomprensible, ao meu xuízo) fai que certos nomes sigan tendo hoxe esa marca. Saramago saíu hai pouco. Pero hai uns cantos que van polo mundo con ise carimbo. Os comentarios á morte de Kapuscinski son elocuentes neste asunto: aínda quedan nomes que serven de referencia.

10:52 AM

anónimo político-cultural dijo...

En efecto, e como di Arume dos Piñeiros, aínda quedan reliquias dese pasado que xa pasou. Incomprensiblemente… ou non tanto. Porque, non poucas veces, os seguidores de tal ou cal escritor que mantén determinadas posicións aupan a este á condición de oráculo infalible en tanto que lles aforra pensar (e formarse) por si mesmos. Créase, así, unha relación virtual de “dependencia feudo-vasalática” na que gaña o señor e gaña o vasalo. Lembro, a estes efectos, unha anécdota dun profesor de taller de FP, quen enviaba estensas cartas a ANT despois de ler o que dicía un coñecido escritor nun xornal de Vigo, parafraseando punto por punto os seus acertos e, sobre todo e curiosamente, os seus desatinos. A peculiar “metodoloxía” deste siareiro contouma un amigo directo del, quen, lonxe de dar creto as súas lucubracións, concluía cun “dalle por aí!”, na mellor (?) tradición paisana de home práctico.

XM Carreira: Caixa do Mendinho dijo...

Penso que aínda existe unha certa lideranza dos intelectuais ou grupos de intelectuais. Quen non se deixou engaiolar algunha vez por un bo discurso?. Existe incluso unha música, unha poesía e un grafismo que inflúen na xente. Mesmo hai semellanzas entre o papel crítico dos Aduaneiros sen fronteiras e os debuxos de Castelao.

Igual que mo eido da ciencia, da tecnoloxía e dos negocios continúan existindo gurús de prestixio que axudan a ver con maior claridade o camiño, o mesmo acontece no social e no cultural.

Apesar de estarmos conectados en rede, non todos temos o mesmo karma para influenciar. Aínda hai líderes.

arume dos piñeiros dijo...

Debo confesar que, intelectualidade por intelectualidade, aprendo moito máis (e conténtome máis) cos vosos comentarios ca cos de moitos/as dos que presumen selo nas páxinas dos xornais.

Anónimo dijo...

Non hai por que meter no mesmo saco ós intelectuais e ós escritores. A cuestión é que na Galicia semella que teñen que coincidir, e non vexo por que. U-los ensaístas galegos? U-los investigadores e científicos na avangarda? E, fundamentalmente, por onde anda a xente da universidade, ademais de andar repartíndose os postos de profesores entre eles? Se deixamos todo o peso do "guieiro" intelectual en novelistas ou en escritores de contos coas mellores intencións, e con todo o válidos que poidan ser, que podemos esperar? De feito, espera algo a xente? Non hai sensación de derrota, como pasa co caso dos sindicatos, que xa pasaron a mellor vida?

Anónimo dijo...

Por fin abre vostede señor Marcos, un fio que me excita.
Nomease unha ausencia, unhas ausencias, a du, duns intelectuais que dalgún xeito marquen un canón, dende aquí e para aquí, supoño tamén, como non con pretensións universais. ALgúns, algún creo que xa saiu, dirá que non cabén hoxe defender puntos de vista privilexiados. Neste panomarame, a min gustame aclarar o seguinte.
1) Que non hai puntos de vista privilexiados, acadados por via dunha iluminaciónm, xenial, nin dunha adicación ao esencial. En fin que trasladando do ámeto da filosofica da ciecia: O argumento de autoridade é un pésimo argumento. QUe hai que partir, e ser conscientes, do contexto de descubrimento, ou de producción neste caso intelectual.
Os puntos de vistas teñen que ser validados con argumentos, nun contexto adecuado, como decía o outro, para xogar a un dos xogos da linguaxe.
2)NO noso caso, o galego, apenas contamos cunha tradición actualizada da producción intelectual, e se contamos é cunha intermitencia que dificultou o seu desenvolvimento. A ausencia de institucións culturais activas, efectivas, ao longo do tempo, marxializou a producción intelectual no amateurismo, con todas as tachas que a el van ligadas.
POr tanto, non é estrano que non existan figuras dunha talla intelectual sobranceira, intelectuais, cunha formación afianzada, solida e productiva que sinalen un canon. Non temos sabios.
Esto é particularmente grave, por exemplo na crítica literaria, onde non hai critico, capaz de fitar de tu atu, ou elevarse por riba dos nosos mellores escritores. Vese tamén en disciplinas como a socioloxia, a filosofia e outras....
Pola contra existen demasiados mercaderes da cultura, capaces de vender autenticas nulidades con promesas que rematan escachando contra o público inxenuo e benpensante. Esto confunde a recepción, e relativiza, alonxando da apreciación toda producción cultural galega.
3) e Por último, unha sociedade como a nosa tan acclada na súa mentalidade,Onde o operar neocaciquil, se insire na parte escura das nosas conductas, resulta demasiada estantia, para acercarse aos cambios que se están producindo na permanente actualidade cultural na que se vive hoxe en día. Vívese unha sorte de estamentalismo, de titulitis, que no ámeto da cultura só pode retrasar as potencialidades de enganzarse na actualidade cultural universal, global se o queren.
nada mais.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Podería explicarse mellor?

XM Carreira: Caixa do Mendinho dijo...

Non sexamos tan pesimistas. Sempre tendemos a esaxerar o bo que era calquera tempo anterior. Moitas veces adoita ser a morte a que transforma os homes simplemente singulares en auténticos ícones de referencia.

Hai un conxunto de figuras interesantes e en todos os ámbitos; arquitectos que reinventan a ocupación do espazo, como Gallego ou Portela, escritores que escreben en curto como Suso de Toro ou Rivas, xornalistas como Juan Varela, María Yáñez ou o propio Freixanes que reinventan a maneira de informar e comunicar, novas líricas (especialmente en voves femininas), o aggiornamento da música tradicional cando parecía que todo estaba inventado, o abandono do tradicional celtismo e o redescubrimento da lusofonía, etc...

O outro día vin na TVG unha representación baseada en bailes tradicionais mas actualizados por parte de Nova Danza Galega e fiquei abraiado e moi animado. Penso que todo este novo espírito das cousas remata por chegar ao galego de a pe e hai motivos para un certo optimismo.

Anónimo dijo...

Fagamos unha relación dos que escriben na prensa diaria que eu leo, con especial adicación nos seus escritos á situación en Galicia:
Corte da Voz:
Blanco Valdés
Barreiro Rivas
Fernando Ónega
Álvarez Corbacho
Pedro Arias
Corte do Faro
Sánchez de Dios
Méndez Ferrín
Anxel Vence
Juan Manuel Ponte
Corte do Correo
Alfredo Conde
Carlos L. Rodríguez
Iglesias/Sarille
Xavier Navaza
Corte do País
Ramonet/Chao
Reixa
de Toro
Santiago Lago/ González Laxe
Julián Hernández
Barreiro Gil
Estes son os que crean a opinión en Galicia, a opinión máis difundida, aínda que os niveis de lectura de xornais non sexan moi alá. Porque non me digades que os libros publicados sobre historia, sobre ciencia ou sobre bioloxía por profesores/as universitarios/as galegos/as alcanzan a poboación. Non alcanzan nin aos seus colegas, como para ter esa esperanza.
Por certo, cantas mulleres, miña nai!

Anónimo dijo...

"O abandono do tradicional celtismo e o redescubrimento da lusofonía".
De que figuras interesantes me está a falar, meu señor?

Anónimo dijo...

Observo algunhas ausencias na relación que publicou Arume máis enriba: p.ex. na Voz faltan os nomes de Lourenzo Fernández Prieto ou de Anxo Guerreiro. E os opinadores de A Nosa Terra e de Tempos Novos? pensa que non son quen de crear opinión en formatos non diarios?

Anónimo dijo...

Cero, releo e tería que ser mais claro, mais ando de gripe, e a verdade non me apetece reredactar, se hai algún punto que lle interesa eu encantado respondereillo percurando mais claridade.

Das figuras nomeadas, a verdade non creo que ningunha cree moita opinión, hai que ter en conta que as persoas que leen as súas columnas, xa teñen unha opinión bastante formada. Resultan mais ben espellos, refrendos ou confirmación de antitesis.
Notase nos periódicos galegos artigos de fondo, de mais calado, de analise, mais que de difusión da opiniñon, estes artigos si que axudarían a conformar opinión, alonxados da propaganda, e dos guiños fáciles.
Na prensa galega, non sei se estarán de acordo conmigo, hai moita acefalia, moito caciquismo, opiniòn prestada e conformismo creativo e de analise. Todo soa en clave B, argumentos prestados, recursos gastados.
Eu suspiro por outro periodismo, por un novo xornal, que aposte, que arrisque, que valore o que teña valor por si mesmo, e non por vir de parte de.
Pero é un soño....en Galicia vivimos de moitos soños, de fantasias, haberá que fantasear que existe e escribir nas súas páxinas de auga as frases cun pao.
Jimy de Rairo.

Anónimo dijo...

Por certo paréceme que nos estamos desviando, os columnistas non son intelectuais.
Intelectual pode ser, digo eu, Umberto Eco, Atnthony Giddens, Habermas, Jeremy Rifkin, R. Sennett,L. Blomm e outros.
con quen contamos aquí?
esa é a cuestión, con quen contamos,que a pesar de que disentamos con el, lle recoñezamos unha autoridade por tela demostrado noutras ocasións, unha autoridade intelectual, afianzada, e de dificil, moi dificil revatimento.
Habería que comezar a lista a partir de aquí.
JR

Anónimo dijo...

No caso dos escritores, non é que xa non creen opinión, é que nin crean "estética".

anónimo político-cultural dijo...

Creo, con JR, que se está desviando o tema central.

Cando se fala de intelectuais como "mestres de pensamento" non nos estamos referindo simplemente a novelistas, xornalistas ou artistas. Destes hai de abondo, bos, malos e malísimos. Tampouco a intelectuais de gabinete especialistas en humanidades e ciencias sociais, que algúns temos en Galicia. E menos aínda a momentáneos engaiolamentos con discursos efémeros de políticos ou escritores. Non.

Cando nos referimos ao "intelectual" referímonos a quen, ademais dunha probada traxectoria de destreza no(s) ámbito(s) da súa competenza, posúe un plus de credibilidade moral produto da súa insubornable vocación de actuar na escena pública co seu único instrumento: a pluma (ou o ordenador hoxe). E desde a súa atalaia, defender, con argumentos cribles e sólidos, cunha intelixencia fóra do común e sen componendas ou intereses espúreos, unha(s) causa(s) determinada(s) e xusta(s).

É o modelo europeo (ou, mellor quizais, francés) que naceu con Zola, e que continuaría, na segunda metade do pasado século, con Camus ou, noutro sentido, Sartre. E tamén Levi-Strauss e algúns outros máis. Ou en España, no seu momento, Unamuno e, sobre todo, Ortega y Gasset.

É este tipo de intelectual propiamente dito o que xa non existe nin existirá, polos motivos que tentei de amosar anteriormente.

A risco de ser reiterativo conclúo de novo co que xa dixen: Hai, e seguira habendo, opinión pública e publicada, plural, excéntrica [talvez mellor policéntrica], inevitablemente nesgada. E a partir de aí, que cada quen se faga a súa composición de lugar.

Convén afacerse á idea, meus amigos.

Isildur dijo...

Bo, vaiamos por partes.

Isildur dijo...

Bo, vaiamos por partes. Coido que o tema é acertado, aínda que quen o plantexou talvez pecase dun certo optimismo decimonónico na posíbel función do intelectual. Unha cousa é certa: opinión pública non é opinión publicada, e moito menos hoxe en día, onde o segmento de poboación que le tamén accede a unhas posibilidades inmensas de información (coma poidan ser os participantes neste blog). Con todo, os profesionais, artistas, escritores ou intelectuais universitarios -que talvez se repartan os postos entre eles, dicíase antes, pero iso tamén se fai noutros ámbitos corporativos e da Administración, dos que viven a inmensa maioría dos opinantes e pensadores deste país, ata os máis rupturistas e revolucionarios- que emiten opinión e a espallan através dos medios de comunicación teñen tamén o seu influxo, por limitado que sexa. E os libros deses especialistas, nomeadamente no xénero do ensaio, poden ter unha difusión notábel. Coincido con APC en que se trata non só de demostrar destrezas específicas, senón tamén de amosar vocación de intervir no debate público dende posturas construtivas e emitir xuízos intelixentes e ben informados. De aplicarmos esa definición, boa parte dos colaboradores de prensa diaria citados máis enriba sinxelamente fan augas, mesmo os ausentes (Guerreiro? Anxel Vence? Non me fagan rir). Bos profesionais no seu levan tempo escribindo ensaio partidista e irreflexivo, máis pensado dende as vísceras que dende o raciocinio, e o seu dominio das artes da poética e da oratoria é discutíbel (v. gr., Blanco Valdés). Outros son insulsos. E outros máis, en fin, son máis xornalistas de opinión, coma Barreiro Rivas -malia os acertos do seu "A terra quere pobo"; pero: pode dar lecións de ética quen está na orixe de moitos dos defectos estruturais, p. ex. no que atinxe á imbricación entre intereses públicos e privados, do sistema institucional galego, por ter participado na súa primeira xestación; e quen foi un tránsfuga, dixese o que dixese a posteriori?-. Entre os que cultivan o "amadorismo", hainos coma en botica: mellores e peores.
Porén, hai nomes que non necesariamente saen nos medios porque, de entrada, eses medios non lles dan a oportunidade. A Voz, co seu sistema de colaboradores fixos, perpetúa firmas insulsas xunto doutras que si din algo orixinal. O mesmo o Faro. E El País vai pola mesma vía: Santiago Lago emite bos "artigos técnicos", Rivas ofrece preciosos ourives literarios, e Suso de Toro nos reafirma nas crenzas sen dicirnos nada orixinal. Ora ben: lean por exemplo os "Días soltos" de Bieito Iglesias en Tempos e desfruten dos eu talento e da súa retranca (para min, o Bieito é o mellor escritor galego sen dúbida ningunha). Eís un exemplo que é merecente de tribuna máis mediática. O mesmo se aplicaría aos artigos do Monxardín n'O Correo Galego, por poñer outro exemplo. Ferrín de cando en vez escrebe cousas interesantes, agás cando pretende sentar doutrina no que non sabe e tenta xustificarse diante da súa pequena corte de aduladores.
O problema non é que non haxe bos intelectuais en Galiza. O problema é, moitas veces e coma noutras latitudes, conseguir que teñan o eco do que son merecentes, destronar os reis que van espidos e facer rotar un pouco o panorama. Iso non é doado. Váianlle vocés dicir a Fulanito ou Menganito que teñen a súa tribuna semanal na Voz que os seus servizos xa non son precisos. En absoluto é iso nostalxia dos tempos de Zola ou Ortega. A opinión terá que seguir a ser policéntrica, ou non será.

Anónimo dijo...

Considero que a figura do intelectual esmorece e brindo profusamente por iso. En primeiro lugar porque creo que é unha clasificación inxusta e clasista, eu coñecín a soldadores e vendedores de mercadillo que deberan ter columnas nos xornais en vez dalgúns outros que prefiro non mentar. Agora coa globalización e toda esa gaita polo menos poderían falar e que alguén escoite, o que non substitúe nen de lonxe a un espazo xornalístico.
A seguir o mundo artístico eliminou as barreiras entre a estética e a política. Podemos relacionalo coa caída dos metarrelatos e co avance da suposta posmodernidade, ou non. En calquera caso estamos nun momento no que se mira un artigo ou un manifesto cos ollos da arte e se valora a forza vangardista da súa irrupción por riba da súa lóxica interna ou da súa posíbel realización. Desde ese momento esa "intelectualidade" perde a súa función relacional coa cidadanía, en boa parte porque renega dela (da función) e porque non sabería baixo que presupostos guiala (caeron as grandes ideoloxías e os únicos que o seguen tendo todo claro son os empresarios).
En canto á pregunta de se ese baleiro que a cidadanía tamén percebe debe ser enchido por alguén a resposta é clara. Debe ser enchido pola propia cidadanía e hai miles de vías para realizalo. Para min o baleiro non está creado desde arriba, senón desde abaixo, por unha cultura cunha pobre tradición de participación social e un sometemento ao poder absoluto que o propio poder aproveita e explota. O baleiro nótase porque a cidadanía cre que aínda necesita dun guía fronte ao grande ogro que é o poder, un permiso de participación. Nas sociedades evoluídas a cidadanía é un monstro para os gobernantes, nunca ao contrario.

Chiño de Redondela dijo...

Unha das cousas que se adoita ignorar, cando se aborda o papel dos intelectuais é a súa inserción nun campo de intereses, do que, por moito que invoque a “universalidade”, non pode e, ás veces, non quere escapar. Téndese a entender ao intelectual como unha figura libre de influenzas (económicas, simbólicas..), cando, en realidade, está tan sometido a un contexto como un traballador da cosntrucción. Co agravante de que, así como, antes, o campo que o circunscribía estaba relativamente afastado dunha universidade máis feble e aínda non excesivamente sectorializada e dun esceario público que aínda non se convertira en “mediático”, agora se ve nunha situación onde todo iso conflúe. E así, hoxe, o ”intelectual” é, ao mesmo tempo, escritor que se debe ao seu público e ás editoriais, profesor que se debe áestructura de intereses e reciprocidades da universidade, e figura mediática que se debe ao que, en cada momento, os medios definen como digno de ser amplificado ou non. Todo esto leva ao intelectual a unha alternativa: ou marxinarse ou calar ante certas cousas (algo difícil de manter, porque se lle esixe que fale de todo) ou reproducir consciente ou inconscientemente os valores do seu mundo, sen entrar a discutir a fondo os aspectos da actualidade que poidan entrar en colisión co “sistema”.

Anónimo dijo...

no gods
no masters

Anxo Guerreiro?
María Yañez?
(por dicir algúns)
líderes de opinión???????
que risa.

Eu cando leo a certos especímenes vexo que eles son os vampiros do que se coce e non ao contrario. Ademáis de que manipulan tersiverxan e moitas veces por ignorancia non saben nin do que falan. Outr@s non saben que escribir na súa columnita diaria ou semanal e o que teñen que inventar...

Totalmente de acordo con Mario.
Non necesitamos que nos guíen, hai unha necesidade de concienciar á xente para a auto-organización en todos os temas que importan.

INTELECTUALIDADE=TELEVISIÓN
por ese pensamento global hipnotizante se guía á xente.

Anónimo dijo...

Un intelectual nunca debe ser autoritario, nunca debe basear a forza da súa argumentación na súa autoridade até de entón acadada, senón no argumento, no argumento espido que se insire nunha comunidade ideal de dialogo. Un espacio onde todos os opinantes concurren en pe de igualdade, e coa honestidade suficiente como para recoñecer a forza do mellor argumento.
O intelectual é necesario nestes nosos tempos, porque precisamos, dada a profusión desmedidad de información: Orientarnos. Poño por caso na literatura, pero tamén noutras materias. Non podemos saber de todo e a un grande nibel. Podo eu por exemplo orientarme para adentrarme en ciencia politica, e para esto terei que ter en conta, dada a grande dimensión que teñen estes estudos, terei, digo que axudarme de algún autor, que me dé unha panoramica xeral, de algúen de quen eu me fio, porque penso que me vai guiar nun primeiro momento honestamente, porque lle presupoño competencia, rigos, honestidade, e que apunta a unha liberdade de coñecimento, a unha non mediatización ideoloxica do coñecimento, para acacar unha claridade da visión daquelo que percuro. O mesmo, en Literatura ....
A cuestión é entón a seguinte:
A figura do intelectual pervive no noso tempo na figura daquelas personas das que votamos man para orientarnos no mundo da producción cultural, e perviven porque non son prescindibles. Unha horizontalidade radical é unha tolemia. Todos facemos caso dos que consideramos mais formados, por esto é polo que os mais formados, poden ofrecernos unhos arguemntos mais solidos e formados que os que podamos facer nos no momento de iniciarnos. É mais estas figuras de intelectuais, ou mestros teñen unha grande responsabilidade na nosa formación, nas nosas eleccións e nos nosos rechazos.
Hai polo tanto trasmutación, non eliminación.
Outra cousa son os nosos intelectuais, poño por caso, o mais empírico posibel,
É Marcos Valcarcel un intelectual?
Ou é un divulgador?
Marcos Valcarcel ten presencia publica suficiente, cos seus libros, cos seus artigos, coa súa actividade de conferenciante, de organizador para crear opinión, para orientar....
Fago a pregunta ao mesmo Marcos Valcarcel: Considerase vostede un intelectual.
Así de xeito mais empirico paréceme que orientariamos mellor esta importate temática pra unha discusión mais xugosa.
Jimi de Rairo

Anónimo dijo...

Jimi, ¿a que autoridade recorre vostede para procurar escribir ben sen faltas de ortografía?

¿Recoñece vostede o argumento de que escribe peor que un alumno de primaria?

Anónimo dijo...

Si, recoñézoo.
e tentarei facerme cun corrector.
Pero con todo prefiro que se fixe vostede mais que nas grallas ortográficas, nos argumentos.
jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Para ser crible hai que empezar polo básico. Máis que cun corrector, debería facerse cun libro de gramática, ortografía e vocabulario elemental de galego.

marcos valcarcel dijo...

Non sei se debera contestar ás alusións do amigo Jimy de Rairo: obviamente, no sentido que se está a usar neste debate, eu nunca tería a ousadía de considerarme un intelectual nin creo estar capacitado para tal función. Son simplemente un opinador, outras un divulgador, outras un promotor cultural, como se queira... Quizais outros con menos méritos e presenza mediática leven o título de "Intelectual" no carné, pero asegúrolle que non é ese o meu caso. O que si podo pretender, e digo só pretender, humildemente, é o ter unha actitude intelectual ante o mundo: aberta, tolerante, constructiva, plural e chea de matices. E informarme e debater cos que saben moito máis para chegar a saber só un pouquiño: levo toda a miña vida aprendendo da xente, dalgúns amigos ós que lles debo moito e deses libros amigos que tamén nos acompañan (e das películas, e das cancións, etc.). Pero iso facémolo todos, non?, cando menos os que frecuentan estas Uvas: ben se ve.

Anónimo dijo...

Efectivamente señor Valcarcel, para coñecer hai que ser epistemolóxicamente humildes.
Teño xa na mesa uns libros para un bo uso do galego, e aplicareime a eles.
Eu tentei situar a cuestión mais que na necesidade do intelectual, na necesidade de guías. Personas cunha formación importante no seu contexto cultural, que poidan trasmitir a súa experiencia a outros para que se orienten. Esta figura é a que noto que se vota en falta, non a do intelectual, que en moitos casos como dicía M. Blanchot tende a ser aquel, que pasea con soltura polo que descoñece. Respecto a miña pregunta sobre se vostede se considera un intelectual, escoitea dende o respeto. Apunta na resposta a unha serie variada de funcións,pero eu siguo, inquisindo, entón, para vostede que sería o específico do intelectual, e poñame un exemplo, aquí, se lle parece,e o ten a ben.
Jimy de Rairo

pastrana dijo...

Intelectuais... Homes de letras... al igual que no eido da ciencia e a tecnoloxía...

Resultame mesmo ofensivo que se siga identificando de xeito exclusivista a intelectualidade cos que desenvolven a su actividade no eido literario-social.

Pois mira que non houbo e hai médicos, enxeñeiros e científicos experimentais que son alicerces do pensamento neste país e no mundo.

anónimo político-cultural dijo...

Habitual marca da casa, o señor Valcárcel contestou con total elegancia e corección ás impertinentes preguntas ad hominem –síntoo, pero iso me parecen- sobre se é ou non un intelectual. Faltoulle, por modestia, engadir outra faciana da súa actividade: a de investigador. E acredito en que hai moitos que, apoñéndose en plan fátuo a etiqueta de intelectual, están moi por debaixo das súas cualidades intelectuais e, non digamos xa, humanas.

Ter saudade por un "guía" que nos oriente (un asesor espiritual quizais?) semella máis ben cousa da relixión e das súas "verdades transcendentes" ca dun racionalismo laico, que sempre é tentativo, provisional, suxeito perma revisión.

Verbo do que di Pastrana, que non se sinta tan ofendido, que non é para tanto. Certamente que ten habido científicos que exercían de intelectuais, mais hoxe os científicos están máis escorados cara o "especialismo" que cara a actividade de intelectual propiamente dita, tal como foi definida. Unha cousa é usar o intelecto -e os científicos talvez sexan os que máis o exerciten- e outra distinta é ser intelectual.

Anónimo dijo...

Vaia ante todo o meu recoñecimento para o traballo intelectual de Marcos Valcarcel. Non distingo a ver preguntas "ad hominem". Supoño que recoñecerse como intelectual no supon un crimen, vamos!, señor politico-cultural. Precisamente o que pretendía era quitarlle trascendencia ao termo, que voste debe ter por un termo teoloxico, como a encarnación ou o aura. Par min Marcos Valcarcer realiza unha laboura intelectual, porque quería saber a súa personal opinión, porque me daría pe, a outros analises, por supostos moi respetuosos.
O meu interés na figura do intelectual reside no significado do termo, que recibin de outras xeneracións, e que moitos tentamos de manter sen excesivo exito, ten que ver coa idea do valor proprio do saber e o coñecimento. O sentimento de autorespeto profesional que implica unha esixencia sempre presente de poder dar conta razonabel da nosa tarefa e cumplir unha responsabilidade pública que presupuñasempre un sistema de confianza colectiva no desempeño dunha función socialmente necesaria. Aprendimos que o chegar a saber algo non lera un regalo, nin unha graza, nin unha inspiración, senón producto dun esforzo continuado, ilusionante e que incluía moitas veces o fracaso e o error. Non naciamos aprendidos, senon que o que se metia neste xogo do saber, tiña ante si unha longa carreira de obstáculos que non sempre conducía a unha victoria personal, pero que se inscribía nun esforzo colectivo que viña de lonxe e que pormetía un futuro mellor para as futuras xeracións. En ningún momento, amigo politico cultural entendo o guía mais que neste contexto, non me malinterprete, e de ter saudade, sería desta pretensión, do declinar colectivo desta pretensión.
E por certo dí vostede que unha cousa é usar o intelecto e outra ser intelectual, e sigo.....que é logo un intelectual, segundo vostede, e é vostede, considerase un intelectual?

Anónimo dijo...

Esquecíaseme
Son Jimi de Rairo
o artistiña

anónimo político-cultural dijo...

Amigo Jimi:

Estou de acordo en bastantes cousas que di, agás na necesidade dun guieiro, sexa do tipo que sexa.

O de que é, para min, un intelectual, trateino de definir -con moita, pouca ou ningunha fortuna- en dous dos meus posts anteriores. Vaia a eles, aínda que quizais non lle resolvan nada, e ben que llo lamento.

Seguindo os criterios expostos na miña definición, desde logo que eu non me considero, nin por asomo, un intelectual. E diría máis: tampouco teño nada claro que use o intelecto.

E como mo puxo a "huevo", non me resisto á tentación de devolverlle a pregunta: vostede, señor Jimi de Rairo, considérase un intelectual?

Un saúdo.

Anónimo dijo...

Pois non, señor Politico- Cultural, considérome un artista, un artistiña de Auria.

Xosé M. González dijo...

A cousa era: hai, no ámbito de intelectuais, pensadores e homes de letras, auténticos referentes para a sociedade galega? A resposta do foro, ata o de agora e con matices suavizantes, sería NON. Ora ben, aparenta contestación outorgada desde o desapego, tirándolle tacitamente importancia ao requirimento.

Di algún de vostedes que unha sociedade desenvolvida e con escolaridade obrigatoria consolidada non precisa de referentes; outros admiten prevalencias nalgún momento particular e sensible. Desculpen o descaro, non teño afán de ofender: nótase que este blog atrae, coma mel, voces e figuras que teñen da actividade intelectual profesión, forma de vida ou marca de identidade; se cadra nalgún caso, presuntos referentes en potencia ou volición.

Miren, eu considero que algunhas figuras singulares vólvense conciencia ou evidencia para persoas de toda condición e formación; en prazo limitado ou duradoiro. En lucidez analítica, tamén en proposta ética ou axiolóxica; e sen que limiten necesariamente a liberdade ou autodeterminación persoal: é liberdade poder discernir e dar resposta.

Nesa cuestión esencial estou bastante con algo do que Harold Bloom establece para a materia literaria: hai clásicos, hai figuras singulares de valor obxectivo; despois, o caso é coincidir co alcance do canon.

En suma e concretando: no país, arestora, hai figuras que merecen respecto e audiencia; ningún xenio que entrase nas claves que este tempo poida ter, pero si voces e actitudes valiosas. Ora ben, é moi complicado manter a atención eludindo a envexa e outras debilidades; ten que ser duro, se posible, manter compromisos permanentes.

Resulta, en tal sentido, elocuente a actitude de Manuel Rivas do 2004 para aquí: voz que suscitou amplísimo respecto nos dous anos anteriores, entrou nun voluntario afastamento da primeira liña, que eu non só respecto, senón que estimo probablemente necesario. Pero el foi un referente cidadán; diría que o intelectual non foi alleo a tal protagonismo.

Figura nacional de perfil único e irrepetible si que non albisco. Será tal cousa xa posible en Europa? Xaora. Pero igual se dan, de cada medio século, con frecuencia semellante á dos vintages do Porto cada década: tres como moito, ou así.

Desculpen se repetín cousas xa ditas; é difícil sintetizar, en dúas e apuradas tiradas de lectura, todo o que ata o de agora se leva debullado.

Remedios Rangán dijo...

Galicia carece de forza arestora para crear unha elite intelectual per se.
Somos a metade de Madrid en poboación. E dela a metade vellos con algo de verniz da vella cultura popular e algo maís de Luar. Ou sexa a cuarta parte de Madrid. E alá van e foron os escritores que queren vivir do tema... Desde Celso Emilio Ferreiro a Manuel Rivas, desde Suso de Toro a Curros Enriquez. Ademais, nestes tempos de globalización, case tanto dá onde un estea, o caso é onde teña os ollos e o corazón.
Respecto da “elite cultural galega” teño unha sensación bastante estraña. O agradecmeento pola construción dunha identidade negada. O desacougo porque dificultade de dar o relevo parece case consustancial á nosa identidade. Así esmoreceron as sociedades de emigrantes, por non saberen vincular os fillos ás sociedades, igual que os grupos galeguistas de América. Así esmoreceu o PG porque máis ca unha disolución formal foi un ocultamento aos fillos da historia. E Díaz Pardo non soubo dar relevos e facer dunha marabillosa obra persoal para construír unha obra colectiva. E os do maio do 68 que antes comezou en Santiago que en París –¡que fartou estou de escoitar esta presunción!- seguen pensando hoxe que son uns críos, que son uns “mozos” que andan cerca dos sesenta, e eles teñen a obriga de parir proxectos e ocupar todos todos os postos... porque hai que deixar descansar aos “vellos”, que para vellos realmente temos a Paco del Riego, Isaac e Illa Couto. ¡Pero se Bóveda tiña trinta anos menos ca eles cando o fusilaron!
Esta xeración –como outrora C.Casares- ten un maxisterio indubidable, do que todos bebemos... e ademais teñen a virtude de sempre caeren de pé. Son precisos e preciosos para calquera goberno. Coa crítica superamable e integrable. Dóciles. Educados. Todos amigos. Tanto ten pasarlle a man polo lombo a Pérez Varela como a Anxela Bugallo. Tanto dá comer no Vilas con Fraga como con Touriño. Non é a precisa convivencia e traballo co poder constituído.... É a falla de compromiso, non sei se de proxecto de país... máis alá do beneficio propio... Están en todo. Universidade. Consello. RAG. Fundación Rosalía. Asociación de Escritores. Pen Clube, Museo do Pobo, Pedron d’Ouro... Vense en todos os saraos. Un novo centralismo de dúas ducias e media. A constitución de Galicia -forzada pola historia e pola actuación política, tivo neles aos principais beneficiarios. De repente, de “progres” pasaron todos a seren o “establishment” ou parasitos secundarios dun establishment blindado con moita retórica galeguista e moita trangallada... Pero non é un estáblishment blindado, claro que non. Pódese integrar a exconselleiros –e vicepresidentes- do PP que se aveñan ao rego do disfrute da historia, e pódese integrar a rapaciños novos que se acollan á boa sombra da árbore na sabana.
Efectivamente. Os intelecutais fan xa pouca falta. Eu enteireime antes do ataque ás Torres Xemelgas que Bush. Eu vía o telediario e el estaba nunha escola... Eu tiña mellor información sobre Iraq –a da prensa filtrada polo sentido común- que el, que tiña miles de informantes con grosos informes. O papel do intelectual orientador da masa está en declive. E non o debemos confundir co escritor, sempre fabulador, por definición.
Pero a culpa é tamén nosa. Todos falamos mal de Fraga... é gratis. ¿Pero quen se distancia desta “xeración tupida” que todo o controla e todo atoa. Os vellos ancestros buscaban ocos para os agromares futuros, -así naceu Illa Nova- sabendo da necesidade dos elos na cadea da historia... Agora, nun país moito máis formado que hai trinta anos, con moitas xeracións convivindo e nas palestras públicas, son só uns pouquiños, os mesmos, os do sesenta e oito –que risa que andan xa case polos sesenta- que se intercambian pasteis e que os comen todos. Profesión, galeguista.
E os Rivas e os Toros van a Madrid, porque o país, non dá para máis...
Se cadra é así a cousa en todos os sitios... Non sei. Creo que os cataláns, ao viren do mundo da empresa, entenden mellor a sucesión que os funcionarios que queren traballar ata o último día da xubilición.... non lle vaian sacar os complementos.
PD/ Non son intelectual. Son cazadora de moscas a man libre

Anónimo dijo...

Precisa descripción do tapón, señora Rangán.
J.R.

Anónimo dijo...

Preguntas sen saír do eido cultural.
Hoxendía, por exemplo, quen pode exercer o papel de crítico literario (ou crítica literaria) en Galicia sen arriscarse a quedar mal cos/as escritores/as que soen ser amigos/as? quen exerce, e este non ten excusa, a crítica cinematográfica en Galicia? quen pode ofrecer unha reflexión sobre a arte, que non sexa a típica nota (inintelixible, por certo) sobre unha exposición en Galicia? quen cubre de xeito continuado e cunha preocupación coherente para toda Galicia, non só para unha cidade, os espectáculos musicais? En fin, a dónde acudimos para sabermos se algo merece a pena ou merece a nosa atención?

Anónimo dijo...

Ehí está a cousa Arume, aí, precisamente aí.
Quen ten un prestixio suficientemente recoñecido como para que se lle teña en conta, independentemente dos seus títulos, das súas amistades...Unha personalidade formada, que veña convencendo polos seus acertos ao público.
Non a temos.
Senón dígase, nomeese un crítico literario que cumpra esa condición?

Isildur dijo...

Certamente, o debate convértese en apaixoante. Con todo, convidaría a deixar de banda ese laio, tan galaico e nacional-popular, de pensar que un intelectual (ou exercente do intelecto) ten que manterse na torre de almasí, refuxiarse na pureza prístina, non cobrar cartos polo seu traballo, os seus artigos de prensa ou os seus relatorios e manterse totalmente "incontaminado" de toda institución. Pois daquela estas institucións non mudarán xamais, se non cobra polo seu traballo dignamente acabará por pasar ou, sinxelamente, pasar a un mercado cultural máis amplo que lle garante outro público e, ás veces, outra calidade do debate -pois típico é de países con culturas non normalizadas e con mercados culturais febles que os mecanismos de excelencia estean viciados: á final, todo o que escrebe unhas liñas é bo, alén da súa calidade literaria, e a crítica non se exerce por medo a matar o pouco que poida haber.
Denuncia de incoherencias, de venalidades, de involucións e de mercadeos descarados, si. Pero supoñer que todo o mundo que exerza de intelectual en Galiza teña que ser un bo e xeneroso segundo os moldes sagros da tradición galeguista, é contraproducente para a calidade do debate e da propia produción cultural. Tanto ten que sexamos un cuarto de Madrid: é que eu non quero parecerme a Madrid. Con creatividade e orixinalidade teremos valor engadido, e iso garantiranos a nosa supervivencia como cultura diferente no mundo. Eu quero ser coma Dinamarca ou Islandia. Small is beautiful. Pero para conseguir creatividade e talento, cultivalo e exprimilo, e exportalo se fai falla, cómpre denantes escolmar ben o produto, facer viños de calidade e sermos competitivos. Non penso que o resistencialismo sexa a receita. Esas actitudes foron comprensíbeis, pero dalgún xeito cómpre recuperar o espírito da Xeración Nós. Sexamos arredistas nese senso, como dicía o Risco.

Anónimo dijo...

Ou sexa que para algúns todo se reduz a un quítate ti para poñerme eu.

Anónimo dijo...

Quen di que faga falta un golem, un ídolo con pés de barro e unha palabra máxica na boca (Galicia? Nación? País?) que o anime?
Intelectuais ou non, por qué teimamos en buscar gurús da verdade absoluta?

Xosé M. González dijo...

Entendo que estamos cruzando dous debates: o da necesidade ou existencia de referentes (artísticos, político-culturais [con permiso do colega], ético-axiolóxicos...) co da pobreza ou ausencia dunha elite técnico-intelectual, máis ou menos dedicada ou profesionalizada, renitente ende mal, cal tapón, ao relevo. E no cruzamento, por certo, parece que vai gañando o segundo.

Non me parece mal nin ilóxico, un propón e a realidade dispón; mira que é fértil este solo, seica a raxeira ourensá madura ben as uvas. Déixenme, así e todo, dicir que a figura xenial ou irradiante clama pola carencia. E vostedes, non queren máis Shakespeare?

Xosé M. González dijo...

"Renitente ende mal (a que hai, pouca ou moita), cal tapón, ao relevo".

Precisou aquí o que quedou sen precisar no de arriba. Desculpa.

marcel swann dijo...

Señores, eu non lles vivo do galeguismo, nin cobro das arcas da Xunta de Galicia. Non estou a pedir ningunha bolsa ás administracións galegas, nin me van publicar as editoras galegas, nin me vou presentar a ningún premio. As miñas opinións nin lle van desagradar aos meus amigos nin a ningún “persoeiro” que o o día de mañá me poida facer un favor.
A miña opinión “desterrada” tenlles esa independencia, o cal non quere dicir que teña a razón.
Coincido e moito co aquí expresado por remedios rangán.
1.-Que publico le hoxe o que publican os intelectuais, divulgadores, etc., galegos e en galego? Esa é a pregunta que moi poucos se fan. Temos o que merecemos?
2.- Algúns neste foro renegan deses “referentes” ou “gurús da verdade absoluta”. Os tempos cambiaron, efectivamente. A “autorictas” non é un valor en alza. O rexime económico e social é o neoliberal, que nos vende como positivos valores coma o individualismo e nos fai desconfiar de todo o que cheire a compromiso común, valores compartidos, nacionalidde, etc. O resultado: nefasto, porque o que se está a construir non é mellor. Con todo, e ironicamente, nunca os xornais lle deron tanta importancia á sección de opininón nos seus xornais. E aí están os blogs.
3.- Sempre me chocou nos intelectuais galegos (os “galeguistas”) a relación inversamente proporcional entre “falar” e “facer”. Con Fraga no poder moi poucos abriron a boca. En teoría estaban en contra (e así o manifestaban en privado), pero como dominaban os resortes do poder cultural calaban coma petos. Deste xeito, Fraga pouco necesitou de intelectuais orgánicos. Por outra banda, como eses intelectuais galeguistas non sabían delegar en persoas máis novas (e mellor preparadas), deixábanse sen facer moitas cousas.
4.- Xente moi preparada e traballadora tivo que liscar de Galicia porque o poder cultural e universitario copárono e cópano xentes que nin facían nin deixaban facer, e cuxa máxima aspiración é “destacar” e “quitarse do ensino medio”. Temos moitos egos pero poucos obreiros. Compromiso, ningún. Temos moi poucos ensaistas. No eido da lingua, nin temos gramática nin dicionario. Xentes que en galego divulguen a ciencia e a técnica, case ningún. Galeguismo nos artigos de opinión dos xornais, moi pouco.

Anónimo dijo...

Pastrana puña o outro día unha cuestión a debate: a clara tendencia a identificar o intelectual cun home procedente de Historia ou de Filoloxía, como moito do ámbito económico, pero u-los/as científicos/as, enxeñeiros/as que poidan explicar como ven eles o mundo que viven? Hoxe é imposible vivir sen o seu alento.

marcos valcarcel dijo...

Creo que ten bastante razón M.Swan no que se refire ós silencios dos "intelectuais" na era Fraga: agás no caso dos novos (xeración Rivas) que estaban vetados na TVG e en todos os eidos; os de xeracións superiores, vinculados a espazos de poder cultural, non se deixaron oír demasiado en tono crítico, tamén é certo. Houbo algunhas excepcións da xeración intermedia: Ferrín e Alonso Montero, por exemplo. Pero esaxera o amigo Swan cando di "No eido da lingua, nin temos gramática nin dicionario" (non é certo). Tamén é certo que hai pouco galeguismo na opinión dos xornais e, a medida que pasan os anos, e aínda que chegue o nacionalismo ó poder (en coalición), cada vez menos. Por exemplo, o único opinador da prensa diaria xeral (sem ANT nin Tempos) que se pode situar na liña oficial do BNG hoxe é, se non me equivoco, Lourenzo Fernández Prieto: un soio entre un cento de opinadores repartidos nos xornais, non é moito, non?

Anónimo dijo...

Pero os vetos prosiguen, agora cernense sobre os independentistas, independentistas, radicalmente democráticos, para nada violentos, pero que incomodan ao paracer o estado de amor acadado entro Psoe e BNG, e sobre todo algúns próceres do BNG, que temén a emerxencia dese discurse en diferentes formas, commo se fose unha serpe do mal. O veto ten xa funcionado na TVG.
Permítaseme que por discreción non de mais datos.
Jimy de Rairo

marcel swann dijo...

Volvo insistir no que dixen sobre o eido lingüístico. Non temos unha gramática descritiva axeitada, nin publicada pola chamada Real Academia nin polo ILG (xa non comento as que hai por aí). Na universidade valórase máis o artigo científico que a "divulgación" ou a "didáctica". A última versión do dicionario da Academia (que non chega ás 30,000 entradas) é de 1997. Algún día terá que respostar alguén a quen é que non lle interesa que esas institucións publiquen o dicionario, e o choio o repartan as editoras. O CIRP dedícase a editar "opúsculos" varios "ao chou". Levan máis de dez anos traballando nun conversor texto-voz para o galego. Tampouco funciona aínda un servizo eficiente de neoloxía. Non hai dicionarios bilingües axeitados, e xa non falo de inglés, francés ou alemán, senón de castelán. O que se publica é o que lle interesa ás editoriais, non o que realmente interesa como ferramenta. E así é que temos este galego de "cursiño".

Remedios Rangán dijo...

E ai Marceliño, se che soubesen ben o "galego de cursiño" cunhas pingorexadas do da aldea... Nin iso saben... Ai os políticos noxo dá velos falar... E se cadra os mellores son os que menos pensamos... Portomeñe, por exemplo.
Todo o problema Galiza/ Galicia, Coruña... ¿Onde van os infinitivos conxugados? ... A fonética sintáctica e da outra, ulas? As formas de solidariedade? onde elas van? A esencia esencial do noso...
Galego light, decafeiné, morno... chegaremos a un panromance... unha interlingua... unha conachadiña, con perdón da súa cara

anónimo político-cultural dijo...

Si, vanse perdendo os aspectos máis, digamos, "enxebres" do galego. Son os signos dos tempos, unha sorte de "evolución", non moi grata deste o purismo ben entendido, mais quizais inevitable.

E desculpen que fale sen precisión, pero non lles son linguísta.

Anónimo dijo...

Confeso que hai tempo que me perdín neste debate, pero sobre este asunto do galego fetén, xa dixen noutro blog que ese fetén non existe, como non existe o español fetén ou o italiano fetén. Existen tantss linguas galegas como galegos estean dispostos a falala, con acento aldeán ou birretiano a fartar. Coa maior riqueza posible: esas cousas do/a filólogo/a purista pasaron á historia.
E sobre esa cuestión da Academia, hai que recordar que nos países anglosaxóns non existe esa institución e si moitas editoriais que levan adiante ese labor. Non ten por que ser malo que os/as filólogos/as traballen fóra destas institucións: é máis: sería moito mellor. Que houbera moitas gramáticas, moitos diccionarios. O mellor diccionario en español segue a ser o Moliner e mira ti que académico resulta.

Anónimo dijo...

Estimo abusivo denominar galego "fetén" aquel que mantén e pon en valor formas xenuínas da lingua galega. É transmitible, con que a lingua se faga moito máis vehicular no ensino e se diversifique un pouco a rede de media en lingua propia.

Diría que entre o Swann, a Rangán e o anfitrión resumen o que eu opino: hai gramática digna (a do Freixeiro Mato), hai dicionarios útiles: nin un nin outro están validados pola Academia, pero permítome alegar a realidade do Robert e a lingua francesa. Faltan bilingües e urxen, ¡como urxen! Faltan elites, pero, meus reis, aínda en ámbitos nacionais e lingüísticos "normalizados" esa caste vai para vella, se non se remedia.

Vexo que ninguén apaña a provocacción sobre Shakespeare.

arume dos piñeiros dijo...

Cales son as formas xenuínas da lingua galega? Perdoen a miña ignorancia.

Xosé M. González dijo...

Eu seiLLE disto pero non sei se atinarei a explicarllo suficientemente ben como para entendérMONOS.

En maiúscula, dúas formas xenuínas da lingua galega -vixentes na fala, pero máis hai dez anos- de cuxa limitación de uso se queixan máis arriba: pronome de solidariedade e infinitivo conxugado (neste, a desinencia agrupada con pronome).

Arrecúan porque son formas que o castelán descoñece como tales. É, polo tanto, unha perda.


Lerei mañá as súas reflexións, se se producen. Teñan boa noite.

arume dos piñeiros dijo...

Non creo que manter ou conservar sexa unha decisión nosa: se o galego decide suprimir tales formas (¿xenuínas?), como decidiu sustituir o sistema de desinencias casual do latín, será porque lle peta, porque lle gusta e porque lle sai de dentro. E pode ser que sexa por influxo do castelán, pero o que verdadeiramente importa é que non as conserva porque sexan xenuínas (de selo) senon porque non lle resultan rentables ou cómodas. As razóns da perda (ou gañancia, según se mire) son moitas, pero desde logo son motivadas. E o resultado é tan xenuíno como o contrario. Por exemplo, o d intervocálico (xenuíno?) dos participios en -ado, debe pronunciarse en galego?

marcos valcarcel dijo...

Eu, que non son filólogo pero teño que traballar coa lingua todos os días, sosteño que non estamos tan mal (a nivel científico) como semella que apuntan algunhas intervencións. O Gran Dicionario Xerais da Lingua acolle 95.000 palabras, non está tan mal, non? A Gramática da Lingua Galega de X.R. Freixeiro Mato, con tomos propios para Fonética e Fonoloxía, Morfosintaxe, Semántica, etc., editada por A Nosa Terra, ten a entidade máis que suficiente para acometer a fondo o estudo dunha lingua. E temos Dicionarios de Dúbidas, de Dificultades, etc. Todo é mellorable, por suposto, e hai pouco no campo dos Dicionarios Bilingües, pero todo se andará... Moitos galegos falan, si, un galego de cursiño, pero isto non é culpa dos gramáticos. Nin creo que se solucionase con moitos máis Dicionarios e Gramáticas publicadas.

Xosé M. González dijo...

Primeiro: decátome que a mensaxe sobre o "galego xenuíno" e a provocación de Shakespeare como paradigma da conveniente excelencia referencial (seica definitivamente arrombada como pretexto) saíu atribuída a usuario anónimo; reclamo a súa paternidade, omitida por despiste.

Segundo: o infinitivo conxugado, o pronome de solidariedade, o aserto mediante forma verbal reiterada (- Fuches ti? -Fun.) son ben rendibles semántica e estilisticamente. Se entran en desuso (de momento é só certo rareo), constitúen caso de substitución lingüística ben tipificado; nin deterioro fonético nin caso ningún de variación ou motivación intrasistémica. Loxicamente, non o vou dar por bo e inevitable; sobre todo se penso que é tan indesexable como reversible.

Aquí, desde logo, cómpren referentes escolares e mediáticos moito máis ca persoais. En materia de lingua levamos case media lexislatura que, discretamente, valorarei como infrutuosa; sen que se fale moito aquí disto, por certo, tócanse moito máis iniciativas parlamentarias e particulares que, polo menos, levan o mérito de ser algo.

A ver a nova campaña. De momento, aparenta iso... outra campaña.

arume dos piñeiros dijo...

Eu, que son filólogo, si que podo acreditar que o estado dos estudos filolóxicos en calquera lingua son exponencialmente máis ricos, máis rigurosos e máis útiles que en anos atrás. O avance na ciencia filolóxica é impresionante. E non son complaciente neste sentido, porque falta moito por traballar, pero as ferramentas que hoxe temos son de primeiro orde.

Anónimo dijo...

Concordo con Marcos en que o problema da lingua radica noutra parte, e non nos estudos filolóxicos sobre o galego, que, sen ser especialista, estimo que son dunha grande calidade. Comezando polos cargos públicos e rematando polas contradicións sociolingüísticas deste país. Mesmo, de máis dun cargo nacionalista -militante ou "de confianza"-, que lles fala aos fillos nun perfecto galego enxebre de Burgos.

arume dos piñeiros dijo...

Todos os amigos nacionalistas que coñezo (que eu coñezo e son moitos, algún mesmo metido en normalizacións varias) da miña idade teñen fillos que non falan nin unha soa palabra de galego. Nen siquera na intimidade. Esa é a teimosa realidade.

Xosé M. González dijo...

Probablemente -permítame que supoña-, Arume, en moitos dos casos contra o desexo, vontade e posiblemente tamén o esforzo ou intento dos proxenitores. De aí o meu sorriso sardónico, case sempre só para dentro, cando falan de "imposición do galego", "libre elección" e outras lilainas.

Os meus si que falan. Póñame na lista -algunha cordialidade si que mantemos- e reduza ese cen por cen, hom. Qualsevol nit pot surtir el sol.

arume dos piñeiros dijo...

Non podo resistirme: esta nova trae moitas esperanzas:

La Vicepresidencia de la Igualdad y el Bienestar ha sacado a concurso el diseño de la ropa de trabajo para el personal educador y cuidador de las Galescolas y los mandilones para los niños de estos centros.

El Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoy una orden en la que recuerda el proyecto de esta red de escuelas infantiles de titularidad pública que pretende «constituir un referente de calidad, con más servicios, una mejor oferta educativa y pedagógica que forme a los niños en la tolerancia, en el respeto y en la imaginación».

La convocatoria para elegir un diseño para la ropa del personal y los niños tiene como finalidad «conseguir una imagen común en todos los centros que integran la red de las Galescolas que les permita a los usuarios identificar fácilmente los centros de la red creando una identidad propia».

Los diseños recogerán necesariamente las características de funcionalidad y libertad de movimientos, así como resistencia a la tracción, abrasión, extensión, rozamiento y suciedad y ser de fácil manejo.En cuanto a la temática, los diseños deben encajar con el logotipo escogido para identificar las Galescolas y ofrecer una imagen vinculada a éstas como «red institucional propia de Galicia con identidad propia».

marcel swann dijo...

Non coñezo ningún dicionario de ningunha lingua que faga unha división das súas entradas en tres grupos: 1) aceptables [están no VOLG, “Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega”]; 2) “non sabemos se son aceptables”; 3) “parecen dialectalismos/vulgarismos/castelanismos/lusismos pero fulanito de tal empregounas nos seus libros”. O que non hai é criterio, porque aquí o grande dicionario de referencia tíñao que facer a RAG ou o ILG (non me pregunten quen, porque ese é outro tema) e logo vir detrás todos os demais a facer as súas adaptacións escolares. Mais aquí fíxose o contrario porque non hai criterio ou, dito doutra maneira, os dous que hai en moitos casos son ou o do español ou o do portugués, e non hai ningún filólogo que se atreva a mollarse nestes terreos, entre outras cousas polo que dixen nunha mensaxe anterior: falta un bo servicio de neoloxía. Nos 70 e 80 dedicáronse a facer atlas lingüísticos, porque daquela a teima era a do galego popular, “enxebre”, que había que conservar e, evidentemente, poñer en contraposición do portugués. Con estes alicerces naceu o ILG. Fixeron uns libriños para o ensino (cando non había unha normativa), o mecionado Atlas e varias docenas de teses sobre falas dialectais.
Durante estes anos dedicáronse a poñerlle uns remendos á morfosintaxe (cabería dicir que á morfoloxía, porque é o que menos choio dá), pero aínda non temos un modelo ou norma para a pronuncia.
Resultados desta “política lingüística” levada ás escolas: galego traducido do castelán (prefírese “entón” a “daquela”, perda das perífrases verbais, etc); pobreza léxica; entrada nos dicionarios de castelanismos a esgalla; galego cinco vocais para moita “sente” (xente), etc. Na escrita, para o galego admitimos toda clase de tropelías, cando a ninguén que redactase en castelán lle admitirían “haiga” en vez de “haya” ou “defunto” en vez de “difunto”. No fondo segue a later esta idea de que o galego ten que ser “rural” e “popular” (idea na cal entran, evidentemente, miles de castelanismos). Dito doutra maneira: o que non vale para o castelán vale para o galego.
Etc, etc.

marcel swann dijo...

Referíame ao Gran Dicionario Xerais da Lingua, das famosas 95.000 palabras.

marcos valcarcel dijo...

Hoxe, no GALICIA HOXE, opinión máis que oportuna:
Barnes asegura que a influencia actual dos intelectuais é nula
O escritor Julian Barnes, mesturando ficción e realidade, viaxa á Inglaterra posvitoriana e relata na súa última novela, Arthur & George, un caso de morte e mutilación de animais ocorrido en Birmingham no que se viron involucrados o avogado George Edalji e Sir Arthur Conan Doyle, o célebre autor de novelas de misterio protagonizadas por Sherlock Holmes. Barnes, que presentou en Madrid a súa obra, reflexionou durante a roda de prensa sobre a influencia dos intelectuais no mundo actual e concluíu que o seu peso na sociedade é moi diferente ó da época de Conan Doyle ou Kipling. Ó seu xuízo, "se agora me chantara ante o goberno de Tony Blair e dixese que a guerra de Iraq é unha estupidez, nin sequera me farían caso".

Anónimo dijo...

A min paréceme señor Marcos, que Blair non é un receptor tipo dos intelectuais. Blair pon o ouvido só aos especialistas, aos profesionais, todo o mais a intelectuais faústicos, ou ben tenta enganalos para prestixiarse simulando que os escoita como no caso de Giddens.
O que os intelectuais teñen que comunicar suponselle imparcialidade, e que é o resultado de pescudas rigorosas orientadas cara a liberdade e a dignidade do ser humano. Pero na recepción ten que existir previamente a vontade de recibir esa comunicación. O poder nunca constiuiu, supoño que salvo alugunha excepción, un recpetor para os mensaxes dos intelectuais. A recepción está orientada éticamente dende o caso Dreifus (non sei se se escirbe así). E a ética tende a orientarse a esquerda, sen dogmatismos claro, tende a orientarse cara o recoñecimento das marxes,da subalternidade e da dignidade, dos seus dereitos. A verdade cara a que todo intelectual se orienta, non está aí para ser descuberta, é unha verdade que se construe nese recoñecimento.
A recepción das mensaxes que describan imparcialmente a realidade, a recepción das mensaxes que non sacralicen o existente, senón que cometan iconoclatía, que den todo o protagonismo ao suxeito humano, encarnado en sociedades concretas, padecedor de realidades e reximenes inxustos, que pervirten a súa autonomía, a recepción dende analises honestas dos limites do humano....todas estas necesidades precisan unha constante actualización. Os intelectuales axundannos, porque poñen a nosa disposición, a súa experiencia, cognitiva, ética e estética. Certo que hoxe semella que desapareceron, pero non tanto, eu conto con eles, uns pasaron a mellor vida, fai seculos, ou fai pouco, outros están vivos, e algún teñoo ao meu lado.
Aínda que non se atreva con ese calificativo, que semella unha medalla, grande, de outro tempo, cando anda existían o heroes.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Pódese saber quen é ese gran intelectual que ten "ao seu lado"? Non será que ten un espello diante?

Remdios Rangán dijo...

Moito leite dá esta vaca dos inteletuais...

Leituga 1 dijo...

Dosu problemas graves que obstaculizan moito a influencia dos intelectuais hoxe:
1) Equivocáronse moitísimo. O século máis terrible da historia da humanidade foi tamén o século dos intelectuais, moitos dos cales arrouparon, animaron, xustificaron e disculparon barbaries e totalitarismos de distinto signo, con absoluto desprezo pola verdade e polos valores que dicían defender.
2)Son moitísimos, enormemente abundantes, os golfos e os falabaratos que conseguiron colarse entre as filas da "intelligentsia" e facerse acreedores, diante da opinión pública, ao título de "intelectuais": escritores dicharacheros, pintores borrachuzas, actores con faltas de ortografía, periodistas mamarrachos, profesores mediocres... ¿Como pretender que se distinga o gran da palla? Os medios de comunicación danlle máis valor ao que poida dicir Almodóvar ou Paulo Coelho sobre, poñamos por caso, "a liberdade" que ao que digan Michael Walzer ou Rorty. A indistinción a este respecto entre "intelectuais" e "artistas" é un gran elemento de confusión.

Anónimo dijo...

Totalmente de acordo. Dicía Casares nunha das súas últimas entrevistas (poida que, de feito, a derradeira que concedera en vida) que un escritor só é alguén que domina unha arte de contar as cousas e xogar coas palabras, e non necesariamente alguén que posúa unha bola máxica para desvear a verdade. O mesmo se pode aplicar a artistas, etc. etc. A cuestión é: como chegar aos medios? Como pode, alguén que teña algo que dicir, conseguir un eco? Hai intermediarios nese proceso de transmisión de coñecemento. E intermediarios que operan a escolla e escolma de quen chega ónde.

Leituga 1 dijo...

Este asunto tamén ten relación coa das élites e os ilustrados do que se fala noutro post. E tamén cos medios de comunicación. Un dos problemas que neste aspecto tivo e ten Galicia é que os seus periódicos nunca foron nin aspiraron a ser proxectos político-intelectuais, ademais de empresariais. Esa é a grande e decisiva diferencia que hai entre "La Voz de Galicia" e "El País", neto de "El Sol" e fillo da xeración de políticos e intelectuais que fixeron dende a esquerda a transición democrática.

Anónimo dijo...

Coño, i eu que pensaba que os únicos intelectuais con certa influencia (grouchiana) en Galicia eran Tucho e Tonecho...