16 ene 2007



Un novo blog

Descubro, case por casualidade, que Arume dos Piñeiros, visitante habitual desta bitácora e que nos enriquece coas súas reflexións, abriu un blog hai poucos días, que leva como cabeceira esa mesma marca: Arume dos Piñeiros.
Ademais nese blog promociónase unha tamén interesante páxina dedicada a Bob Dylan que xa leva algúns meses no mundiño virtual.
Bob Dylan era un dos cantantes preferidos do meu irmán maior cando eu deixaba atrás a adolescencia e por el escoitei os seus primeiros discos. Tamén me levou nunha ocasión ó cine Xesteira, sendo eu moi mozo (15 anos), porque tiña cara de neno e sempre me pedían o carné ó entrar nas salas, a ver a película Pat Garret e Billy The Kid, de Sam Peckinpah (1973), con música de Dylan (actuaba tamén), que daquela me impresionara moi favorablemente.
Noraboa e todos os nosos parabéns ó amigo Arume, a quen visitaremos a cotío.

8 comentarios:

Anónimo dijo...

Sinto o malentendido: non son eu o responsable desa magnífica páxina de dylanitas. Síntoo moito: algo debín facer mal. A páxina é, se non me equivoco, de Rubén Ruibal (Alicia Crece), pero os post son colocados por Chiquito de la Highway 61. Xa me gustaría a mín ser o autor desa páxina.

Marcos Valcárcel López dijo...

Xa está corrixido este erro. Sinto a confusión, pero como a páxina de Dylan non tiña pérfil, pensei que tamén era súa. Interesante, en calquera caso, sen dúbida. Saúdos e moitas grazas polas loubanzas que me dedica no seu último Arume.

Anónimo dijo...

Acabo de pasar por alí. Ese blog ten moi boa pinta. Noraboa, señor Arume.

Anónimo dijo...

Eu tamén remato de velo. Excelente blog, un dos mellores que teño visto en Galicia. Parabéns ao señor Arume dos Piñeiros. Visitarémolo con frecuencia.

Anónimo dijo...

Señores, d'onde sacan o tempo para ler E ESCRIBIR nos blo(g)s/blogues...?
Moi interesante, arume. Os bos blogs coma o seu permítennos enteirarnos de novas que non saen nos medios. Agora con Internet, eu xa case prescindín da tele.

Marcos Valcárcel López dijo...

Tamén eu me pregunto o mesmo que M.Swan: de onde saiu ese tempo que antes non invertíamos nos blogs? Prescindir da TV é unha boa solución, aínda que eu estou a revisitar boa parte do cine clásico (xa se nota, non?), entre outras cousas porque a filla pediume un gravador de DVD e agora podo gravar as boas películas que emiten as TVs ás catro ou cinco da mañá e velas noutro momento. Pero estou moi feliz deste intercambio cotián cos amigos/as, sempre tan informados e brillantes nos debates.

Anónimo dijo...

Eu teño que confesar que paso moitas horas ao ordenador porque o meu traballo require a miña presencia diante del. Adícome ao estudio da literatura e ando estes días un pouco apurado cun capítulo para unha monografía que teño que rematar antes do día 31 de xaneiro. A lectura deste blog non só entretén esta tarefa senón que enriquece o meu tempo e estimula o meu traballo. Moitas grazas a todos/as.

Anónimo dijo...

Non é para tanto, amigo Marcel. Polo que a min respecta non adoito a ver moitos blogs e menos a escribir neles. A principal excepción é este. E éo porque logrouse reunir aquí un elenco de xente moi cualificada que deixa opinións e ideas dignas de coñecer e comentar.
Como media eu diría que lle dedico unha 1/2 hora diaria (vexo este do señor Valcárcel e, moi de cando en vez, boto unha breve visual a algún outro a partir dos links que aparecen nesta mesma páxina). Tamén dedico outra 1/2 hora para botarlle unha ollada á prensa galega.
E vexo moi pouca, practicamente ningunha, televisión. E tempo para ler, ai!, quen dera ter tempo de abondo para ler todo o que está pendente.