18 feb 2007







CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1955: MERLÍN E FAMILIA, OS EIDOS...



(Nas imaxes, a portada de "Os eidos"; Antón Avilés de Taramancos de mozo, e Pura Vázquez con Ramón Cabanillas e Fermín Penzol en Madrid, nos anos 50).

O de 1955 foi un deses grandes anos das nosas letras, como tamén o foron os de 1880 ou 1933, entre outros. Verán, foi o ano en que se descubriu toda a potencia creadora de Álvaro Cunqueiro como narrador, co seu Merlín e familia, publicado por Galaxia en agosto e no que o señor de Mondoñedo levaba xa un par de anos a traballar. Pero, sen deixar a narrativa de posguerra, é tamén o momento da segunda entrega de Ánxel Fole, Terra brava. Contos da solaina, que mantén os presupostos da narrativa de raíz popular que o lugués xa esculcara en Á lus do candil, e da novela rural e melodramática Nos picoutos de Antoín, de Leandro Carré Alvarellos, que fora premiada polo Centro Galego de Montevideo.
Na poesía o panorama é tamén esperanzador. Os galegos descobren un dos seus grandes poetas contemporáneos en Uxío Novoneyra, con Os eidos, un poemario que alenta unha nova relación entre o home e a natureza dende a economía verbal e o esencialismo propios do poeta do Courel. Outro gran poeta dese momento é Avilés de Taramancos, que neste ano publica As moradías do vento nunha separata da revista coruñesa Atlántica (n.11-12), libro que sería logo recompilado, en 1982, en O tempo no espello. No mesmo ano saen obran tan destacadas como Seitura, de Fermín Bouza Brey, un dos títulos clave do neotrobadorismo; O ronsel do meu silenzo, de Manuel Casado Nieto, que continúa a liña de imaxinismo popularista do seu libro anterior (Orballo ispido, pubicado un ano antes na colección Xistral de Lugo); A realidade esencial, de Eduardo Moreiras; Versos de alleas terras e de tempos idos, traducións e paráfrases de textos poéticos clásicos e modernos realizada por Ramón Cabanillas; e Cóxegas, de Celestino Cabarcos.
De América chegan obras como Pranto matricial, de Valentín Paz Andrade, publicada nas ediciós do Centro Galego de Buenos Aires; na mesma casa editorial, Maturidade, da ourensá Pura Vázquez, que nese ano marchaba cara Venezuela; e o segundo libro en galego, do autor de Barbantes, Xosé Conde Fernández, co título Muiñada noitébrega, cun uso destacado do molde rítmico do versículo.
Tamén en 1955 Celso Emilio Ferreiro publica o seu libro semiclandestino, en castelán, Voz y voto (colección Papel de Estraza, Montevideo, aínda que se imprentou en Vigo), e declara esta súa autopoética na Escolma de Fernández del Riego: "Polo que se refire ós poetas galegos, si queren ser fideles a sí mesmos e á terra, teñen que fuxir da arqueoloxía estéril e do ruralismo pedáneo. Teñen que retorcerlle o pescozo ó reiseñol do lirismo lacrimóxeno, saudosento, vello estilo.
En troques, teñen que mergullarse con desesperado esforzo no mundo social da nosa terra; nos problemas vivos do noso tempo; nas angurias das nosas xentes. Pero con ollos recén abertos, con palabras de hoxe, con fórmulas novas en canto ó enfoque cordial e a perspectiva psicolóxica".

Nese ano ademais aparecía na Coruña o famoso panfleto contra o galego que dicía: “Hable bien. Sea patriota. No sea bárbaro. Es de cumplido caballero que Vd. Hable nuestro idioma oficial o sea el castellano. Es ser patriota”. O texto estaba impreso no sindicato vertical da Coruña e foi comentado con duras palabras dende América, sobre todo na revista de Seoane, Galicia Emigrante.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Ese cartel é un pouco estraño se entendemos a situación social e cultural daqueles anos: “Hable bien. Sea patriota. No sea bárbaro. Es de cumplido caballero que Vd. Hable nuestro idioma oficial o sea el castellano. Es ser patriota”.
A que viña esa reconvención? A quen ía dirixida? Aos todos coruñeses que visen o cartel pola rúa? A un sector moi específico?
O galego popular, que era o que se podía escoitar daquela na cidade, non era unha lingua que ameazase ao poder. O galego só podía ser unha ameaza cando se empregase para funcións cultas. Por iso nunca entendín moi ben a existencia dese cartel...