9 mar 2007

UN CORAZÓN DE DIAMANTE
(Recupero os dous primeiros artigos que publiquei cando a morte de Casares. O segundo, que é longo, xa vai como comentario. Os dous están recollidos, xunto a outros moitos doutros autores, no meu libro "Carlos Casares, punto de encontro", Ourense, 2002).

Entereime ás dez da mañá por unha chamada telefónica. Tardei un par de horas en asumir a idea da morte de Carlos Casares. Dei varias voltas polo Paseo, convencido de que en calquera momento aparecería andando, co Julito Losada e cos amigos ourensáns, e que nos daríamos unha aperta de amizade. O corazón destilaba de vagar as bágoas de dentro, as que máis doen. Só podo agora falar do amigo. Do amigo ó que tanto lle debo, máis do que el mesmo pensaba. Carlos tiña unha talla moral que será imposible sustituír. Hai outros grandes escritores, grandes intelectuais e xentes do mundo cultural. Pero moi poucos con corazóns de diamante como o que se cansou de latir no corpo de Carlos. Fóisenos un dos mellores corazóns que nunca pariu este país. A morte é absurda, dicíalle onte o propio Carlos a Damián Villalaín tomando café. E tamén inxusta, cruel, estúpida.
(O Correo Galego, 10 marzo 2002)

7 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

ISTO NON PODE SER UNHA DESPEDIDA
Marcos Valcárcel
Teño escrito en diversas ocasións sobre a presencia ourensá na literatura de Carlos Casares. Debería facelo agora de novo, como me piden os amigos do xornal, pero non vai ser nada fácil. Será difícil porque éme aínda imposible escribir de Carlos Casares en pasado. Rompe a lóxica das cousas, faime dano reconciliarme coa realidade. Carlos Casares era moito máis que un gran escritor –feito indiscutible-, moito máis que un gran arquitecto de aventuras culturais, moito máis que un intelectual serio e rigoroso. Era, sobre todo, un corazón cheo de vida e humanidade e un home fondamente xeneroso. Xeneroso co país, coa Terra, co idioma, coa súa cultura.
Sempre disposto a acudir alí onde era chamado a erguer un novo monumento á Memoria de noso. Sempre reticente ó conflicto e ó enfrontamento, nas súas longas e fermosas horas de conversa demorada –“escribía no aire”, di con acerto Manuel Rivas- nunca había espacio para o reproche, nin para a crítica malferida, nin para o sarcasmo. Era case imposible escoitarlle falar mal de alguen, aínda cando tiña motivos; cando iso podía suceder, dicía “xa sabes como é”, “el é como é” e expresións semellantes. Téñenme contado que o mesmo facían Otero ou Cuevillas, xentes da mesma talla moral, bondade cristalizada. Carlos sabía algo moi importante, algo que nos gustaría relembrar como a mellor lección de mestre: a convicción de que, por riba de ser un gran escritor, un gran científico ou unha personalidade notable, deberíamos valorar antes a existencia dunha gran persoa, do amigo capaz do sacrificio e a empatía. Así consideraba el ós seus semellantes e fuxía de xuzgar, algo tan fácil como mesquiño. “Con cariño, por riba doutras cousas” escríbeme na adicatoria da súa última novela: así era, por riba de cousas que cremos relevantes, moito máis importante é a amizade, o agarimo dos seres queridos, a lealdade. Neles pensamos agora e gustaríanos enviarlles a todos unha forte aperta, cando choran a máis doorosa perda, a perda de todos porque Galicia era un camiño infindo de amigos para Carlos.
Ourense foi o centro de toda a súa narrativa, tamén de boa parte do seu xornalismo e da súa literatura oral. El, o irrepetible contador de historias, sabíaas todas desta cidade e das súas terras da Limia. E sabía descubrir a literatura que se agacha en cada suceso, en cada anécdota, en cada historia. As rúas de Ourense teñen outra dimensión desde que as pisou ese home de abrigo azul, que escoita o reloxo da Catedral en “Deus sentado nun sillón azul” (1996). O Ourense do século XIX, dos seus anos finais, lindeiro co Ourense de Blanco Amor, teremos que velo sempre a través dos ollos de “Ilustrísima” (1983), ese mundo de cregos, ideas, tolerancia e novidades da modernidade que el coñecía tan ben. Algún día haberá que estudiar de vagar o ciclo ourensán de Casares, desde “Vento ferido” (1967) ata a súa última novela. Encontrarémonos coas raíces da nosa mellor literatura: Otero e Risco, Cunqueiro e Blanco Amor. Pero tamén cos seus escritores máis amados: Cesare Pavese e Hemingway, Azorín e Pío Baroja, Josep Pla e Borges, Julio Camba e Torrente Ballester e unha longa xeira de nomes universais. Carlos Casares está xa nesa lista por dereito propio.
Isto non pode ser unha despedida, porque nunca queremos despedirnos das persoas que nos enriquecen coa súa obra e nos fan máis felices. Sen dúbida, a Carlos Casares debémoslle milleiros de galegos moitas horas de felicidade. El tiña unha peculiar forma de ver e entender o mundo, Galicia, a cultura, que debera estar moito máis extendida, pero segue sendo excepcional. A mirada dun humanista namorado da vida, da beleza e da verdade. Botaremos en falta esa mirada, acudiremos a menudo ós seus libros, ós seus artigos de prensa, ós seus estudios críticos. E non deixaremos de lamentar a súa ausencia, cando tanto lle quedaba por facer por este país. Foi unha figura irrepetible, pero neste momento choramos polo amigo do que nunca máis gozaremos en viva presencia.

(Publicado no especial de La Región, 10 marzo 2002).

Marcos Valcárcel López dijo...

LEMBRANZA DE CARLOS CASARES NOS SEUS FALADOIROS DE OURENSE
Marcos Valcárcel
Foron centos os actos públicos nos que participou o finado Carlos Casares nos últimos anos nesta cidade. Lembraremos agora, só desde a memoria oral e sen acudir ó arquivo, algunhas das pegadas da súa presencia e das ideas que adoitaba soster como fío de conducta.
No Congreso celebrado en Trives en homenaxe a Manuel Luís Acuña (outubro de 2000), Casares pronunciou unha das últimas conferencias, rememorando a súa relación co poeta ourensán, que foi, desde as tertulias do Café Parque, un dos primeiros en ler os textos iniciais do autor de “Ilustrísima”. Foi unha charla moi fermosa e lembro ben como Casares insistía en que era unha mágoa que dalgúns escritores, como de Acuña, quedase só a súa obra e non a súa memoria vital, a súa andaina e conducta cotián, aquilo que se garda na memoria recente e que só se mantén mentres viven os que o coñeceron. Casares falaba de Acuña. Eu penso agora en Casares.
De Antón Tovar falou moitas veces, a última na pasada homenaxe en Rairiz de Veiga, no outono do 2001. Tovar foi para el o primeiro escritor importante que coñeceu e sempre dicía que durante moito tempo pensou que os poetas debían ser serios e taciturnos como o autor de “Diario en datas”. Casares defendeu sempre a poesía e a figura de Tovar, quizais máis do que el mesmo pensa. E aproveitemos para dicir que, anque básicamente narrador, era tamén un gran lector de poesía e un entusiasta de Luís Cernuda, sobre o que tivemos unha vez unha demorada e interesante conversa no Liceo, en presencia do escritor castelán Fernando Delgado, bon amigo do ourensán. Pero non ocultaba o seu desinterés por outros autores; así, nun congreso celebrado en Ourense, sorprendeunos a moitos a súa análise da obra de Valentín Lamas Carvajal, na que encontraba escaso valor literario.
Gardáballe unha especial querencia ó xornalista e escritor Arturo Lezcano, do que falou moitas veces como un dos seus primeiros mestres no mundo da escrita; díxoo no San Miguel, na homenaxe a Antón Risco, en maio do ano 1997, ante un Lezcano quizais abrumado por aquel recoñecemento espontáneo. Con Antón Risco tiña multitude de confidencias e vivencias comúns, algunhas presentes na obra do creador de “As metamorfoses de Proteo”.
O MAXISTERIO DE RISCO
¿Cantas veces falaría Casares da obra de Vicente Risco e de Otero Pedrayo? Incalculables. Sobre Otero Pedrayo aínda departiu no pasado outono, en compaña de Xaime Illa e Víctor Freixanes. Admiraba a obra de Otero, que puña sempre como exemplo de escritor vizoso, inmenso e espontáneo, que non corrixía os seus textos, a diferencia de Castelao, con menos dotes de escritor, pero que cuidaba e pulía os seus traballos ata lograr con eles xoias preciosas.
Vicente Risco foi unha das súas devocións. Encargoume recoller a súa obra xornalística e eu mandáballe cada novo texto risquián que aparecía. Admiraba as súas “Horas” e polemizou máis dunha vez sobre o significado das súas ideas políticas: para el, era o amigo e o mestre e ós mestres non se lles pode pasar contas. Aspiraba a entender a evolución do personaxe, sen limitarse a unha censura fácil. Dese interés naceu esa magnífica novela, “Deus sentado nun sillón azul”, que presentamos no Liceo, en xuño de 1996, en compaña de Basilio Losada. E admiraba a Hemingway, a Simenon e a Saint-Exupéry, citas habituais nas súas charlas, ó primeiro dedicoulle un libro sobre a súa relación con Galicia e unha suxerente conferencia que impartiu no Ateneo e nunha inauguración de curso no campus universitario. E o seu xenial Xan da Coba, paixón compartida con Torrente Ballester, José A. Valente e Alonso Montero, entre outros.
FALADOIROS VIVOS
A presencia de Casares era sempre anuncio de faladoiros vivos. Tivo a súa casa pública na cidade no Liceo de Ourense, acudindo puntual ós seus convites e organizando os seus Coloquios Literarios de outono; o Liceo nomeouno socio de honra no ano 1998. Tamén era convidado habitual nos actos do Clube Alexandre Bóveda, que decidiu homenaxealo en 1994; el apoiou despois outras homenaxes do Clube e acudiu persoalmente ás de Antón Risco, Buciños e Manuel De Dios. Viña sempre ós Encontros de Escritores Ourensáns e poucas veces vino tan divertido como nunha mesa redonda que pechou o primeiro encontro, no Teatro Principal, onde Marx acabou mesturado coas piscinas de Oira e Hegel coas Burgas. Casares, sentado ó meu lado, estaba feliz e ría coma un neno ilusionado. Noutro destes encontros, trinta persoas tomando café no Liceo, lían poemas Chus Pato, Manuel Guede e outros e Casares dime á orella: “Cada un dos que está aquí sentado ten un poema escrito escondido no peto”.
Nos encontros pequenos era unha delicia escoitalo. Fomos cear tras unha presentación duna novela de Bieito Iglesias e á cea seguiu unha longa tertulia sobre os guerrilleiros galegos entre estes dous grandes conversadores. Carlos falaba das andainas de Camilo Dios, o guerrilleiro da Limia, e as cousas do maquis na capital ourensá e Bieito aportaba as historias incribles do guerrilleiro Raúl por terras de Coles e A Peroxa, sen esquecer as súas citas eróticas e moito outro material novelable. Historias apaixoantes que ás veces eran tamén autobiográficas: moitos amigos lembran outra longa charla nun dos salóns do Liceo, en presencia de Basilio Losada, que foi un prodixio de narrativa oral. Carlos contou unha accidentada viaxe co seu irmán Javier e as súas familias por Alemaña e Basilio aportou a súa magnífica historia sobre cómo foi detido en Brasil por levar un machete na súa equipaxe: a Carlos encántaballe esta anécdota e Basilio debería convertila agora nun conto en homenaxe ó amigo desaparecido.
Algunhas destas historias están recollidas, como é sabido, no volume “Un país de palabras” (Galaxia, 1998), que tamén foi presentado no Liceo, e onde aparecen outros personaxes moi vencellados á súa biografía como Ramón Piñeiro, Torrente Ballester, Miguel Torga, Cunqueiro, Andrés Torres Queiruga, etc. Como dixen naquela ocasión, este é o auténtico Libro dos Amigos de Carlos Casares, que dá boa conta do que se podería chamar o seu “pensamento narrativo”, que consiste en servirse da parábola como forma axeitada de expresión para comprender o mundo.


FALANDO PARA OS MOZOS E MOZAS
Entre os grandes méritos de Carlos Casares, está o saber achegarse a todo tipo de públicos. Os seus libros e artigos eran lidos por moita xente que non le polo xeral en galego. E sabía falar cos mozos, no seu nivel e captar a súa atención: así o fixo unha vez ós alumnos do Instituto de As Lagoas, no salón da Biblioteca Pública, explicando a necesidade de contar con bibliotecas e infraestructuras culturais como tiñan os países nórdicos, que el tan ben coñecía. E admitía que non todos os mozos, como dixo nun coloquio con Rosa Regás, tiñan que ser lectores apaixoados de literatura, como tampouco son lectores entusiastas de estudios de física, matemática ou xeografía.
En Celanova déronlle o Premio Casa dos Poetas e tocoume facer a súa “laudatio” (agosto 1995); recolleu encantado o premio e nos pasillos saudáronse Casares e Ferrín con plena cortesía, pese a ter pasado daquela por un enfrontamento público nos medios; Casares citaba a menudo nas súas entrevistas a Méndez Ferrín como un dos grandes escritores galegos de hoxe.
Amaba os libros sobre moitas outras cousas. E non só o libro polo seu contido, senón tamén o libro como obxecto, como manifestación artística de beleza per se. A finais de maio de 1995 veu a Ourense para presentar, con Alonso Montero, o meu libro “A cidade da Xeración Nós”, para o que o propio Carlos fixera un xeneroso limiar que lle agradecín sempre polas gabanzas inmerecidas que me dedicaba. A cea posterior á presentación, con poucos amigos arredor dunha mesa, foi unha longa charla sobre os libros onde nos descubriu moitos segredos do mundo editorial que tan ben coñecía, das súas coleccións de bibliófilo ou de minilibros ou mesmo de cómo debía ser o papel e os tipos de letra dunha novela (apostaba polo papel limpamente branco, sen aditamentos). Os libros eran, si, unha parte importantísima da súa vida.
Cando quería censurar algo adoitaba dicir “¡Qué disparate!” e entre eses disparates collían moitos fanatismos, intolerancias e caciquismos burdos, con nome propio. Tamén foi interpelado moitas veces, nos coloquios das súas charlas, pola súa defensa da normativa da lingua (anque despois abandeirou unha posible reforma) ou polo seu descuido no emprego da mesma. É certo que no seu xornalismo Casares non era un purista lingüístico e podía introducir algúns castelanismos ou incorreccións, pero a súa opción era buscar un galego fácilmente comprensible por un público que non sempre sabía ler en galego. Quería eliminar o que en teoría literaria chamamos “ruídos” non desexados entre emisor e receptor. E quedan, por suposto, moitas cousas que contar. Pero será noutra ocasión ...
(La Región, sección “As uvas na solaina”, 17 marzo 2002; tamén se publicou en El Correo Gallego e O Correo Galego, 27 marzo 2002).

Anónimo dijo...

Indudabelmente Casares deixou en vostede Marcos, unha fona pegada. Eu percibín o seu alento entre as rúas de Ourense, non cheguei a tratalo, e algo importante perdín, polo que se desprende das súas palabras. Par min é tamén un grande escritor, un escritor que ven de Nós cara nos, cara o presente polas ruas, porqué será?, de Ourense. Casares tiña por norte a boa literatura e o seu esforzo, a súa entrega. Tiña e sigue a ter polo que vexo, moitos, moitísimos amigos, e iso si que é riqueza, exito e celebración da vida. Revivamos a súa voz, eu pensarei un pouco mais sobre "Deus sentado nun sillon azul", do que preparo un pequeno ensaio, empatarei algúns fragmentos que teñen lineas ocultas comunicantes e tentarei de ver na textura da súa voz o alento da escrita para soster a esperanza nestes días de primavera adiantada, mais ven precipitada, acelerada, estresada. Entre Marzo e abril hai un oco de tempo polo que colle toda a cidade toda Auria.
Que sexa un acto merecente da grandeza de Carlos Casares.

Anónimo dijo...

Esquecíaseme, dame igual, pero como vimos repetíndonos uns cantos, firmo para facer comunidade virtual
son Jimy, Jimy de Rairo, o artistiña.

Anónimo dijo...

Non tendo blog, pensei en sumarme á convocatoria cun artigo en Xornal. A non resolución, aínda, do caso Valadés provoca que manteña o actual e traia aquí, con permiso do anfitrión e se cadra algo máis brevemente, a miña anécdota.

PRESAXIOS DE OUTONO
O 19 de novembro do 1975 saín en auto-stop de Santiago cara a Cangas do Morrazo. A asociación cultural universitaria O Eixo, da que era directivo, resolvera organizar unha conferencia de Carlos Casares e eu funllo pedir en persoa.

Cheguei a Cangas a media tarde e, preguntándolles a uns mozos, din co domicilio do profesor, perto da praia de Rodeira e do Instituto. Timbrei, dixen quen era e Casares franqueou a porta da súa casa. Explicado o motivo, aceptado o convite (non lembro nin a data prevista nin o tema), fíxome el o seu logo de inquirir sobre os meus proxectos canto á pernocta: pasaríaa alí.

Imaxinen: estudante con menos cartos ca fame, sin idea alternativa e hipótese dunha velada con figura prominente das nosas letras. A cousa prometía e a fe que respondeu á expectativa.

Non sei que cea tiven, pero mellor ca do costume. Démoslle ben voltas ao país e á vida, só dous temas me lembran: o Paco Rodríguez, daquela moi popular profesor na mesma vila e do que o meu hóspede falou con agarimo; Franco e a tromboflebite que andaba nas últimas. Na conversa participaba unha fermosa muller -debeu dicir que se chamaba Kristina, pero esqueceume- cuxo sutaque prestixiaba grandemente a lingua nacional para os meus oídos; andaba polos colos un neno loiro falando sueco. Houbo que se ir deitar, tarde segundo o reloxio, non tanto pola miña avidez de experiencia e coñecemento, pola cordialidade ambiental.

Deixoume en leito confortable, provisto dun tesouro: a colección probablemente completa das Aventuras de Astérix e Obélix, da que lin títulos novos e cobizados, e non sei se repasei algún dos coñecidos. Debía logo levar non moito durmindo cando a voz do anfitrión, polo continente prosódico e o contido semántico, fíxome acordar irremisiblemente: "Esperta, ti, que morreu Franco!".

Mentres almorzabamos, dixo que suspenderan as clases e eles marchaban para Xinzo. A conferencia quedou sine die, e despedímonos co meu agradecemento e común sensación de espera.

Volvín a Compostela aquel día 20, e pola tarde detivéronme dous policías na Porta do Camiño. Ben me coñecían; e despois dalgunha intimidación, por parte dun, e determinado aceno de complicidade raposa e paisá procedente do outro, despediume este con abraiantes palabras: "E agora, a respectar para ser respectado".

Os mesmos inspectores -supoño que era o cargo- volvíanme arrestar na Rúa Nova o 31 de decembro daquel ano, logo dunha manifestación pola amnistía na apertura da Porta Santa. A actitude foi distinta e eu pasei do ano 75 ao 76 nun calabozo. Pero esa é outra historia.

Anónimo dijo...

Excelente rememoración, señor González. Magnificamente contada.

Anónimo dijo...

Alégrome de que lle guste. A narración pode que estea mellorada na entrada de abaixo.