16 mar. 2007


XOHÁN LEDO E O LIBRO GALEGO
(Andoliña 16 marzo)

Cando un se achega a un libro, pasa por varios momentos de fascinación e namoramento. Primeiro vémolo de esguello, quizais nun escaparate. Logo, xa lle dedicamos máis vagar, na libraría, revisando as súas páxinas, imaxinando o que suxiren aquelas follas tan novas. Logo na casa atendémolo con agarimo, expectantes dos mundos novos que esperamos abrir con ese volume. É fundamental a primeira impresión: a apelación da portada, por exemplo. Por iso é ben xusta a homenaxe que Grial lle decica a Xohán Ledo cun monográfico dos seus Cadernos.
Premiado en Trasalba en 1998, alí estivemos, a man de Xohán Ledo ten xa un lugar asegurado na historia do libro galego: cantas evocacións xorden nos seus debuxos para Galaxia dos anos 50 e 60! Recordan a súa figura os seus amigos (Del Riego, Xaime Illa), escriben os especialistas do mundo do deseño, recupéranse algúns dos seus traballos teóricos sobre Seoane ou sobre o superrealismo. Xohán Ledo na Galicia interior e Luís Seoane no exilio foron a imaxe do noso libro durante anos. “Habería que aforcar a quen non aprenda a ler, queimar os pés a quen non lea”, dille Xohán Ledo a Del Riego nunha conversa de 1956: solemne declaración, dende logo, de amor ó Libro.

1 comentario:

Mima García dijo...

A familia García Alonso, quere dar as grazas a todos os que -coma tí e dende o blogomillo- fixechedes un oco para comentar a publicación do GRIAl adicado a Xohán Ledo. Unha agarimosa aperta e, unha vez mais,grazas!