17 abr 2007

Sempre o idioma
Só o Vicepresidente Anxo Quintana dixo algo novo. Para el a realidade do estudo é tal como a pintan, só que a culpa é do vello goberno. Eu creo sinceramente que fan menos e peor que os anteriores. O decreto do PP de ensino era de primeira, copiado de Cataluña, mentres que o novo está copiado de Baleares, unha comunidade de segunda. E até a campaña de Fernández Albor titulada Fálalle Galego era superior a esta que agora se puxo en marcha. No demais, antes era a nada e agora a nada é.

Resulta doado constatar que historicamente as relacións do estamento policial co idioma galego non teñen sido amables nin neutrais, o mesmo que acontece, aínda hoxe, coa Administración de Xustiza. Non é indiferente nin casual que estas Administracións optasen, xunto con outras institucións de exercicio do poder, polo uso case exclusivo do castelán nas súas relacións e actuacións oficiais. De aí a importancia de superar esta fronteira invisible que non permite a fluidez nin a naturalidade lingüística cando se trata da interacción cos estamentos do poder público e que actúa a modo de barreira psicolóxica facendo que o noso idioma non funcione espontaneamente no diálogo policía-sociedade. Malia todo existen aspectos positivos e exemplares pola súa constancia como é o caso da brigada da Policía Científica de Vigo, que dende hai varios anos leva emitindo en galego os seus informes dactiloscópicos que posteriormente son incorporados aos procedementos xudiciais.

(A imaxe é un "Retrato de muller" de Ghirlandaio: como non está este artistazo entre os grandes recoñecidos do Renacemento italiano?).

30 comentarios:

Anónimo dijo...

Como teñamos que poñer a todos os artistas do Renacemento italiano, acabamos coa historia da arte. Hai que deixar algo para os demáis.

Anónimo dijo...

Tampouco vaia pensar que Ghirlandaio é un descoñecido, señor Valcárcel. Non chega a súa sona á do triunvirato Rafael-Miguelanxo-Leonardo, nin tampouco á de Boticelli -de quen creo lembrar que foi mestre- pero mantense nunha honrosa segunda fileira no "top" da popularidade xunto con Piero della Francesca, Mantegna, Andrea del Sarto, Massaccio ou Perugino.

Anónimo dijo...

As imaxes que apega o anfitrión -en diacrónico percorrido polas artes plásticas- constitúen un dos acreditados valores e atractivos deste blog. Ben, e agora un pouco sobre Sarille e un pouco sobre a lingua.

Tocante a el, patricio meu non xa de cidade, moito máis, de barrio. Desde o comezo desta lexislatura adopta, supoño que deliberadamente, unha actitude de crítica, sen aparentemente concesión, ao bipartito; diría eu que particularmente ao Bloque. Non entendo moi en o motivo de tal actitude -ou cometido-, pero os que coma el fan en circunstancia semellante adoitan resultar útiles para a sociedade e a propia gobernación.

Non é infrecuente que me sinta distanciado de censuras súas, polo contido ou o continente. Neste caso, pola contra, sinto menos hiperbólico o segundo ca outras veces; e teño sensación non moi disímil canto ao primeiro.

Nesta casa levamos falado algunha vez do Bieito Lobeira e propostas súas arredor da lingua; téñome estrañado eu polos termos dalgunha descualificación aparentemente ex excelsis. Peregrina cousa, insinuábase, a máis de deslealdade, seica, fronte ao socio e instancia do bipartito encargada da xestión lingüística. Seica había moita cousa importante en marcha, Marisol debía estar no tema.

Vai case alá media lexislatura, e debe seguir no tema. Porque a min tamén me gustaba percibir acción e pulso social en normalización lingüística, e sigo recibindo anuncio de campaña nova.

O máis substantivo en política lingüística, as novas cotas de galego como lingua vehicular no ensino; outro anuncio, e doutro departamento. É ben que sexa o Consello Escolar de Galicia o portavoz do fracaso. É ben que se anuncie.

De momento, pola contra, o real, pública e socialmente feito dá lugar ao artigo de Sarille. Que se cadra se poderá percibir coma un pouco retórico, pero non exactamente como inxusto. A falta de desmentido que deberá ser práctico e fáctico, non máis promesas nin proclamas.

Marcos Valcárcel López dijo...

Xa sei, Leituga, que Ghirlandaio non é un descoñecido, nin moito menos. Pero, no que eu sei ou no que eu controlo, ten menos bibliografía e popularidade que case todos os artistas que vostede mesmo cita. Eu só deixaba constancia da miña sorpresa ó encontrar, vía Internet, unha colección de retratos da súa autoría realmente excepcional. E engadiría eu que quizais moi modernos na súa concepción.

Anónimo dijo...

Toda a acción e o talento deben ir para o cemento.
jimy de Rairo

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

"Un centro, departamento, comisión, instituto, academia ou consello da infinita constelación dos existentes para negocios de lingua galega"
Eu do artigo de Sarille quedo con este comentario irónico. Que quere dicir con esto? Esta acusación, que os que non estamos metidos no choio sempre advertimos, dita por alguén que coñece o percal, éche, ademáis de valente, moi grave. O grao de insatisfacción non co Bloque (non vai por aí a cousa, amigo González) senón co aparello progre deste país que toca poder é notorio. A proba do nove para mín, e que me perdoe ese máximo lector desde un servidor da USC, é que en tal universidade gobernan todos (nunha concertación universitaria insólita), repartidos convenientemente todas as áreas, de tal xeito que todos están contentos e contentados.

Anónimo dijo...

Canto a Sarille, eu referíame á súa actitude como observador -case notario- da gobernación bipartita desde o deu inicio. A quen siga tal liña -a través da prensa e, nomeadamente, o foro radiofónico dirixido por Tino Santiago- posiblemente non lle parecerá o meu comentario carente de todo fundamento; máis alá da coincidencia ou disidencia.

No da cita: durante o prolongado período no que presidiu A Mesa, a relación de Sarille e esta coas institucións públicas que operan no negotium linguae (deixémolo en latín, que o senso etimolóxico ao mellor leva menor suxestión de interese espurio) non foi excesivamente fluída. Na aglutinación de substantivos xace notoria crítica: moito barullo para nada, probablemente. E a crítica non será académica senón política; máis ca a investigación sistémica coido que alude a eficacia política, en senso amplo.

E a tal respecto, o perfil da persoa escollida para Secretaria Xeral nunca me pareceu a idónea tecnicamente; non hai nada, de momento, que disipe tal e inicial impresión.

Anónimo dijo...

Como supoño que González saberá, e moitos contertulios tamén, unha das grande liortas en Galicia é a que se produce a cotío e desde hai ben tempo entre o departamento de galego da USC e adláteres e o Instituto Ramón Piñeiro (vade retro, haberá que dicir cada vez que apareza o tal nome) e non menos adláteres (simplificado entre + nacionalistas e -nacionalistas ou nada nacionalistas). E, se me apuran, co paso do tempo, entre os propios membros (con perdón) conspicuos de tal departamento. E supoño que diso sabe Sarille, por contacto permanente, máis ca todos xuntos. O problema académico é político e viceversa, porque non se poden destinar cartos para o mesmo, con tal de contentar a todas as partes. O problema, para un vigués, é que en Santiago adoitan crer que son, e perdoen a pedantería, o umbilicus mundi. E claro. Non se dan de conta ou non se queren dar de conta de que neste país, afortunadamente, vive máis xente.
E repito o que dixen noutro foro deste blog: teño constancia de que alomenos dúas persoas creron pensar que o perfil (e máis a encarnación enteira) para Secretaría Xeral coincidían co seu. E algún non perdoa.

Anónimo dijo...

Os meus coñecementos sobre a arte do Renacemento son moi sumarios, abofé. Pero concordo con Leituga 1: Ghirlandaio é un autor abondo coñecido.

Unha simple proba: hai milleiros de entradas/referencias en Google Académico. Outra cousa é que, entre nós, quizais non haxa publicadas tantas monografías ilustradas(máis ben catálogos ilustrados).

Pero estou por asegurar que ten que haber publicados, noutros idiomas, dúcias de estudos monográficos en libro e centos de artigos en revistas especializadas.

Tan só botando unha visual en Google, atopo dous libros que semellan fundamentais sobre o autor:

Kecks, R., Ghirlandaio: Catalogo Completo, Firenze: Biblioteca d’Arte 3, 1995.

Jean K. Cadogan: Domenico Ghirlandaio: Artist and Artisan,
New Haven: Yale University Press, 2001.

Póñoos por se Valcárcel ten a ben procuralos. Eu, xa digo, teño un coñecemento moi limitado e, por suposto, nin os teño nin os lin. Que lle imos facer!

Anónimo dijo...

Pois verá, Arume: é ben certo que, ao primeiro, houbo suspicacia notoria cando se fundou o Centro "Ramón Piñeiro". Á fin e ao cabo, xa existían o ILG e outros departamentos universitarios. Á fin e ao cabo, tamén, o novo centro converteuse en receptor de cuantiosos fondos; deducir se unha relación máis achegada destes co poder xunteiro -ou desexo por parte deste de buscar achego nun mundo en principio pouco propicio- tivo algo que ver con todo o devandito, non será operación que eu vaia realizar aquí e agora.

Que lle vou contar a vde. sobre o trato entre instancias e individuos mo mundo académico! Canto á relación entre universidades, ¿que referencia máis elocuente có comentario final do seu penúltimo parágrafo?

Mire, só unhas matizacións (non pare vde., que ben o saberá): co e no "Ramón Piñeiro" traballan integrantes do Departamento de Filoloxía Galega da USC; este departamento é ben plural. A mesma Marisol López forma parte dese departamento; polo perfil académico e outros detalles, probablemente sexa dos menos indicados para o cargo que ocupa actualmente (quitando o detalle, nada nimio, de contar coa confianza de Touriño, que esa si que a ten).

Sabemos do que falamos. Á fin e ao cabo, eu (isto si que non o sabían) tamén formo parte do Departamento de Filoloxía Galega da USC, na miña calidade de doutorando a tempo parcial e coa tese moi parada moi parada, se ben nunca abandonada.

E desculpen, non desexo continuar por este tema e camiño. Non é xa que asine co meu nome, que é certo e ninguén me obrigaba a escribir isto se non quería; é que o tema aquí sería a política lingüística da Xunta de Galicia e non as relacións corporativas e endogámicas no mundo universitario. Ás cales, por certo, se Sarille se refire no seu artigo é de maneira totalmente tanxencial. Ou iso leo eu.

Anónimo dijo...

Pódense discutir os detalles, o ton do artigo de Sarille e mais algunhas facetas da súa actuación á fronte da MNL. Con todo, acerta no fundamental. Non se aprecia mudanza ningunha canto á Política Lingüística, e mesmo hai sinais de recesión nalgúns pontos -os progres non teñen complexo de culpa, coma a dereita, a pesares de aqueles non seren menos nacionalistas (españois) que esta última-, compensandos iso si pola actitude doutras Consellarías, curiosamente a de Educación. O perfil técnico da actual secretaria xeral de PL non semella o máis axeitado (iso si, o complemento directo + a en galego dá para encher un CV, véxanse as súas publicacións no catálogo da Biblioteca Xeral da USC ou da de Vigo). Pero responde perfeitamente ao que era admisíbel por unha das forzas do bipartito: unha política lingüística de baixo perfil, no que non houbese estridencias e na que non houbese "ninguén do Bloque". E, como afirma un conspicuo asesor en materia político-electoral e mafiosiño de palleiro achegado á Presidencia da Xunta, había que poñer alguén aí que tivese ao mesmo tempo "fame de poder por ser gris en perfil público, e cos collóns [sic] abondos para paralle os pes ao Bloque" (todo isto dito en castelán, claro está). Temos o país que temos, e velaí o resultado. Ou é que alguén pensaba que do PSdG era de agardar outra cousa, cando o galeguismo -digan o que digan os benintencionados e limpos de corazón que gañarán o Reino dos Ceos- non está incorporado á cultura política do PSdG, e cando en moitos dos seus cadros medios, intermedios e altos subsiste un autoodio e un prexuízo negativo absolutamente irracional a respeito do galego? Coda: imaxinen vostedes a un presidente de Francia falando o francés como o presidente Touriño fala o galego. Non pidamos máis a quen non dá máis de si. Se ata hai máis dun cargo público nacionalista, algún mesmo de certo relevo, que usa o galego tarde, mal e a rastro, e ata algún candidato a alcaldábel "brillante fichaxe" do Bloque non fala en galego... en zonas coma Cervo, por exemplo. Situemos o debate aí, e deixémonos de atribuílo todo ás pauliñas entre filólogos, composteláns, vigueses ou da Fonsagrada.

Anónimo dijo...

Isto vai de latifundismo e de chupar do bote.
Sobre a multiplicación de academias (RAG), institutos (ILG), centros de investigación (Ramón Piñeiro), departamentos (os tres das tres universidades) e consellos (o da Cultura galega) de lingua e culturas galegas xa me teño pronunciado nalgunha mensaxe neste foro.
E mentres tanto... o galego a morrer...
En canto á lingua, o sector máis "pericoloso" para o goberno de Fraga, o PP empregou a estratexia de "divide e vencerás", que funciona tan ben en pobos tan adormecidos e timoratos coma o noso. E así, o Centro Ramáon Piñeiro nace para neutralizar a "algunos de los chicos rojos y nacionalistas" do ILG mediante un produto bastardo, de matute, para que publicaran os seus traballos intranscendentes catro adictos á causa. O resultado: moitos cartiños para o CIRP e pouco para os do galego.
Nalgún caso, algún relumbrón porta-cachimba, un tipo que odiaba o galego pero que ía do ganchete de Fraga, estivo anos e anos do bote, ao mesmo tempo, en varios dos chiringuitos: academia, RP, ILG e departamento. Crecede a multiplicádevos.
Mentres tanto: bilingüísmo harmónico.
Agora temos practicamente o mesmo, porque a consellería de educación e Normalización Lingüística lévaas o Partido Xacobino Obreiro Español.

Anónimo dijo...

Marisol López pode ser o que un queira, menos que ten fame de poder. Leva anos traballando en xestión universitaria: primeiro como xefa de estudios do Colexio Universitario (dalí pode proceder a súa relación con Laura Sánchez que é probablemente a súa valedora) e despois como membro do Decanato de Filoloxía. E creo que todo o mundo fala ben e moi ben dela sobre o seu labor ao frente deses cargos. Nunca ocultou o seu vencello co grupo que sostivo durante oito anos a Villanueva, caracterizado sempre como antibloque desde a máis terna infancia, xa que descabalgou a Ramón Villares in illo tempore. Non estou a falar, pois, de liortas académicas, senón de política pura e dura se temos en conta a celebrada e buscada analoxía entre o que sucede na USC (en nas outras tamén) e o que sucede na Xunta.
E a excusa do autoodio xa ten un límite. Cando non hai outros argumentos para explicar a situación do galego, sempre xorde ese motivo sicosociolóxico para contentarmos a todos. Temos autoodio. E xa está: acabouse o conto. E, por suposto, o autoodio por definición sempre o ten o outro. Eu non, por suposto. Eu son o galeguista fetén.
Por outro lado, se no PSG-PSOE non son todos galeguistas, que pasa? Por iso están no PSG-PSOE, senón estarían no BNG. En EU non son tampouco moi galeguistas, e? E iso autoodio e prexuízo negativo absolutamente irracional?
Durante varios anos, a política lingüística foi a que foi e deu estes resultados: agora vai ser que en menos dun ano a responsabilidade da marcha do galego vai ser de Marisol López. Ostias, cando hai que atizar, atízase, pero hai que ser un pouco máis consecuente.
E, por favor, alguén sabe cal é a fórmula para conseguirmos a non desaparición do galego a medio prazo?

Anónimo dijo...

Xestión universitaria non é perfil público alto, sobre todo cando se desempeñan postos intermedios. E, sen coñecer atal Marisol, unha cousa parece clara: algo de fame de poder debe ter, se acepta unha secretaría xeral. Ou non? Iso non exclúe que Dona Marisol sexa unha boa experta en Gramática histórica etc. Pero habendo como hai bos e boas sociolingüístas neste país, non deixa de ser rechamante que ocupe un posto de Política Lingüística alguén que por perfil non se corresponde con el. Unha cousa é certa: os asesores son, polo que semella, bastante plurais, polo que un coñece.
Canto á fórmula máxica, témome que só hai unha, simplificando moito: deixar de pensar que se pode ter normalización lingüística sen identidade nacional cunha forte base de definición na lingua. A identidade nacional é a que pode crear o aprecio polo idioma, non á inversa. Se de 15-20% de nacionalistas se pasase a un 40-60%, xa cambiarían moitas cousas. Méndez Ferrín xa o dixo hai anos (Ferrín como político di adoito cousas abracadabrantes, pero como home de letras e intelectual de cando en vez di grandes verdades). Créense nacionalistas que teñan un interese substantivo na lingua, e non pensen que se pode converter a españolistas conspicuos en defensores do galego. Tendo o primeiro virá o demais. Claro que para iso tamén cómpre crear outra cousa: sociedade civil. E fe na sociedade civil, algo que tampouco non é moi abondoso no nacionalismo galego e na cultura política. O lóxico sería que a MNL, poñamos por caso, tivese máis militantes que o BNG. Pero é ao revés. Algo acontece aí, non si?

Anónimo dijo...

Tranquilos, amigos, que non se tomou Zamora nunha hora.

Non creo que unha concepción "agónica" da cuestión da lingua sexa o vieiro máis axeitado.

Sine ira et studio, procúrense solucións e consensúense proxectos.

(Hoxe estou dun conciliador...)

Anónimo dijo...

Concordo moito coa liña de crítica que Sarille mantén respecto da política lingüística do actaul goberno da Xunta, e non só polo necesario papel de aguilloar que lle recoñece o señor Xosé M. González, que tamén, senón polo atinado das súas críticas.
Con todo non hai moito, e en relación á política lingüística no ensino, Sarille daba noutro artigo de prensa unha valoración máis matizada do novo decreto. Se ben dicía que o de hoxe é menos ambicioso que o de Paz Lamela, parecíalle un punto de avance e valoraba como positivo que fose tamén resultado do consenso co PP, rompendo así a dinámica de crispación dese partido cando menos neste asunto. A crítica facíaa despois ao dicir que na realidade e logo de ano e medio de goberno bipartito era a primeira medida efectiva saída dende o goberno.
Eu asino ese análise e ademais son bastante escéptico en canto aos resultados a acadar co novo decreto para o ensino. Non me vou referir aos incumprimentos do decreto actual (que A Mesa ten repetidamente denunciado) e que se poden repetir, porque por ese camiño daríamos por inválida calquera lexislación, e tal cousa non é certa, pero si me refiro ás inconcrecións do decreto que en moitos casos non van supoñer un avance significativo. Inconcrecións en educación infantil e educación primaria, tramos de idade onde a adquisición, ou non do idioma, ten unha grande importancia. Se un neno/a chega a terceiro de primaria (8 anos) sen unha acaída adquisición da lingua vai ter moitas dificultades no futuro para facela súa e a súa aprendizaxe vaise asemellar ao dunha lingua estranxeira. Para que tal cousa non ocorra é fulcral que a iniciación e todo o proceso de aprendizaxe da lecto-escrita se faga en galego, algo que o decreto non garante en absoluto ficando ao criterio do centro argumentado en base ao desexo dos pais/nais (xa se encargou A. N. Feijoo de dicilo) e do contorno lingüístico. Se seguimos o criterio do contorno os centros que máis necesitan galeguización van ser o que menos teñan, e en aqueles de contornos socio-lingüísticos máis galeguizados pódese, e vaise, dar a circunstancia (temo que en moitos) de que a “vontade” dos pais/nais vai ser xustificación de que a lecto-escrita non sexa en galego. Vaian por diante eses apuntamentos sobre o novo decreto para o ensino que con todo é un avance respecto ao anterior.
O problema é cando analizamos en conxunto a política a prol do galego logo de xa máis de ano e medio e vemos que tende a cero.

Anónimo dijo...

Vostede, amigo anónimo, dixoo perfectamente: simplificando moito.

Anónimo dijo...

Coido ter dado co corolario a este debate un tanto agre: "Somos gallegos y no nos entendemos".

Anónimo dijo...

Por certo: ben pola Policía Científica de Vigo. Non foi igual o axente da Garda Civil de Tráfico que me parou e requiriu o 31 de marzo, sábado, na saída da autovía de Gomeán. Nin palabra en galego saíu da súa boca: xa se sabe, relacións nin amables nin neutrais.

Anónimo dijo...

- Crear centros de ensino público de calidade que impartan as asignaturas só en galego.
- Toda canta subvención reparta a Xunta ás empresas debe restrinxirse ás que rotulen en galego, vendan en galego, manteñan comunicacións internas e externas en galego, etc.
- Repartir os cartos que hoxe se gastan nalgúns dos tinglados culturais na promoción do galego.
- Establecer un sistema de exames por niveis como en Cataluña, de tal xeito que para acceder a postos públicos e privados nalgúns ámbitos haxa que ter os niveis máximos. Acabar, polo tanto, co "cachondeo" dos actuais "cursiños" de galego (iniciación, perfecionamento), auténticas "marías".
- Asignatura de portugués opcional no ensino medio.
- Asignatura obrigatoria de lingua galega e de castelán para todos os estudiantes universitarios, de tal xeito que sexan capaces de se expresar por escrito e no oral nas dúas linguas.
- Pechar o servizo de publicacións da Xunta e gastar os cartos en promover a tradución de clásicos ao galego.
- Responsabilizar ás asociacións en defensa do galego no control de todas as actuacións.

Anónimo dijo...

O inverosimil é que manteñan a esención nos mesmos termos que o goberno anterior, releano vostede, é unha falta de respeto a calquera idioma que se lle aplique, que por certo só se lle aplica ao galego, para o que foi creado.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Perdón ¿estamos co enésimo debate sobre que facer ou non co galego?. O galego é unha lingua sen prestixio goste ou non dicilo e así o perciben moitos dos nosos rapaces que despois de aprendelo na escola e no instituto renuncian a falalo. A mesma razón pola que lle damos a espalda ao portugués mentres ninguén se atreve a cuestionar ter que estudiar o inglés. Son excéptico en canto a que un idioma saia adiante só a base de decretos. Non me poñades o exemplo do catalán ou do vasco por que son idiomas cos que se progresa socialmente algo moi distinto do que aquí acontece, algo non doado de mudar.

Anónimo dijo...

Non o tiveron máis fácil os que nos anos sesenta, do século xa pasado, promoveron a recuperación da lingua para ámbitos e funcións perdidos. Nin se pode dicir que o seu empeño fose infrutuoso.

Habería que repensar a acción sociolingüística de signo galeguista; e, en tal sentido, non parece que ninguén se estea a dar por aludido. Se cadra é arestora un dos maiores problemas, que magnifica a dificultade. Falta xenio? (enténdase a palabra na súa polisemia).

Anónimo dijo...

Vieiros.org

Galego.org

Aposta por políticas lingüísticas máis decididas
Nova Escola Galega alerta de que o decreto non abonda para inverter a situación
Considera a nova normativa para galeguizar o ensino é máis un conxunto de medidas paliativas ca un proceso de normalización real

Redacción - 20:46 18/04/2007
Tags: Decreto galego
O movemento asociativo de base Nova Escola Galega vén de publicar este mesmo mércores na súa páxina electrónica un informe sobre a normalización lingüística no ensino. No mesmo analízase o último decreto aprobado polas tres forzas parlamentarias, que garante un mínimo dun 50% das materias na nosa lingua. O colectivo pedagóxico conclúe que a normativa, aínda que significa un paso adiante, non é suficiente para inverter a grave situación que sofre o galego nas escolas e institutos: “Consideramos que, para dar resposta axeitada a situación actual, analizada dende unha perspectiva global e tomando en conta os indicadores da evolución sociolingüística, serían necesarias medidas moito máis avanzadas e decididas”.

Dende Nova Escola Galega sinalan que o decreto non se pode considerar como normalizador e explica que, máis ben, ten como fin “medidas de promoción ou paliativas de déficits na aplicación da normativa anterior”. En xeral, o colectivo bota en falla medidas que favorezan o avance e consolidación dos proxectos lingüísticos dos centros educativos: “Descansar só na boa vontade pode supoñer que o avance dun curso sexa retroceso no seguinte”.

Formación do profesorado e mobilización social

Tamén se fai constar que é necesario un cambio radical na formación inicial e permanente do profesorado: “Non é posíbel que o profesorado siga saíndo das facultades sen un perfil claro de competencia lingüística e de coñecementos axeitados sobre sociolingüística aplicada ao ensino. Como tampouco se pode considerar apropiado o sistema de acceso do profesorado que non garante estes aspectos”. Tamén sinalan a contrariedade polo feito de que sexan os inspectores educativos os encargados de velar polo cumprimento do decreto despois de que este sistema demostrase que non valeu para que funcionase o decreto aínda en vigor.

A análise de Nova Escola Galega vai acompañada de indicadores sociolingüísticos dos últimos anos nos que se fai constar a curva decrecente do galego como lingua inicial e a “galopante” castelanización dos últimos quince anos. Dende o colectivo pedagóxico insisten en que o problema da normalización da lingua é “un problema de dimensións considerábeis, que precisa facerse explícito e require a adopción de decisións urxentes que mobilicen á sociedade”.

Anónimo dijo...

Non vou falar do galego, porque me impuxen unha corentena voluntaria, pero sí sobre esas cousas que chaman formación inicial e permanente do profesorado. O que non é posibel é que desde que eu fixen o CAP non houbera ningún responsable político (ningún) que se atrevera a borrala do mapa. E creo que é o maior fraude e a maior estafa (porque por riba hai cartos) que se produce no eido educativo. E, para aviso de espíritus temprados pola pedagoxía, xa proclamo que non vale ningunha outra fórmula sustitutoria ou paliativa. Ao lume directamente.
E perdoen, pero é que cando sae a palabra pedagoxía vaime mal.

Anónimo dijo...

Amigos: comprendo os seus laios, cuitas e protestas. Pero, se queren ser realistas, teñen que empezar por decatarse dunha cousa clave: o galego é un idioma moi pouco valorado socialmente. É certo que non leva xa no lombo o antigo desprestixio, pero ninguén o considera necesario para case nada. Agora que apenas hai sector primario é cando "o campo", "o rural", "a aldea" resultan interesantes e mesmo cun toque "chic". O mesmo lle pasa ao galego. Xa non se asocia cun mundo de ilotas, miserento e degradado, pero si segue asociado ao rural e, nas cidades, aos nacionalistas bloqueiros, unha especie de tribu urbana coa que non son moitos os que se identifican. Nas cidades grandes a maior parte da xente fala castelán e nin se lle ocorre pensar que é menos galega por iso, que ten autoodio ou que un día destes ten que pasarse ao galego.
¿Marisol? ¿O PSOE? Botarlle a culpa a Marisol ou ao PSOE de calquera cousa en relación co galego é como botarlle a culpa a Castelao da Segunda Guerra Mundial.
O galego vai seguir perdendo falantes nos vinte próximos anos, goberne quen goberne e aínda que poñan a Sarille, a Callón ou a mesmísima Pilar García Negro á fronte de Política Lingüística. Nese prazo de tempo, só un 25 ou un 30% da poboación usará o galego habitualmente na súa vida cotiá. A partir de aí, e sempre contando con que Galicia sexa nese momento unha sociedade rica, próspera e homologable coa Europa ou, polo menos,coa España máis avanzada, só a partir dese momento poderá ter lugar un terceiro Rexurdimento. Iso, se durante ese tempo deixamos de facer o imbécil coa normativa, cos cursiños e coa utilización da lingua como arma político-ideolóxica de identificación partidista.

Anónimo dijo...

Amigo Averroes: onde hai que asinar?

Anónimo dijo...

Nos anos sesenta do pasado século xa había profecías en relación co futuro dunha lingua, segundo ben se di, aínda máis desprestixiada. No tempo do Rexurdimento, e da Cova Céltica, a situación en termos de valores sería aínda ben peor; iso si, obraba a favor a oralidade, alicerce básico.

É obvio que se poden inverter as cousas. Pero, neste campo e a nosa historia contemporánea, foi necesaria a adecuada combinación de boa teoría e acción decidida. Ulas arestora? Eis un problema.

Ora que, desde logo, o problema do galego non radica en Marisol nin no PSOE. Malia ostentaren o poder, unha e outro resultan bastante irrelevantes e é case o peor que se pode dicir.

Anónimo dijo...

Como di a miña nai, amigo González: vostede non perde ripio.

Anónimo dijo...

O caso é non mancarse, estimado colega. E ir aprendendo algo, como vostede me aprende.

Súa nai debe ser, permítame que llo diga, todo un manantial de recursos e boa auga lingüística; o da zuna e o ripio xa non todo o mundo o lembra.

É o que pasa coas nais nosas, cando felizmente entre nós, e se non, ao mellor, coa súa lembranza. E como chegaremos, no seu caso, nós aló?