19 may 2007

Cuestionario Proust
Estimados amigos: hai dúas ou tres semanas fun requirido por amigos e colegas do blogomillo como Arumes e Fíos Invisibles co famoso Cuestionario Proust. Funo atrasando por falta de tempo, pero había que cumprir e aquí está. E custoume, porque isto é máis difícil que facer un libro. Nas preguntas máis persoais, sempre pensas que non vas ser entendido ou que non parecerán respostas auténticas (e dende logo, queren selo). Nas cuestións de afinidades, aínda peor: seleccionar os mellores poetas ou os mellores pintores..., vaia!! Como dicía Carlos Casares, o mellor escritor son polo menos cen ou mil e, ademais, en canto escribes un nome decátaste doutros dous ou tres que quedaron sen poñer e tamén tiñan dereito. Así de inxusto é opinar, disto e de tantas cousas. Pero non quería “escaquearme” e alá vai (sexan vostedes indulxentes).
E transmito a cadea, se non responderon aínda e se lles apetece, a: Fragmentos de Galaxia; Sobre filloas, mel; Dpaso; Modesto Fraga e Moralla.

O principal risco do meu carácter?
Quizais sexa a constancia, o desexo de comunicarme cos demais e unha certa inxenuidade, case infantil, á hora de querer entender o mundo.

A calidade que prefiro nun home?A bondade e a intelixencia, se pode ser en perfecto equilibrio, pero dominando sempre a primeira.
A calidade que desexo nunha muller?As mesmas que nun home.
O que máis aprecio nos meus amigos?Dende sempre busquei xente ó meu arredor que me enriquecera en calquera dos planos da personalidade: os mellores amigos/as son os que máis nos achegan dende a súa empatía e comprensión. Tamén admiro moito o sentido do humor que posúen algunhas persoas e que derraman xenerosamente sobre os demais.
O meu principal defecto? Quizais o ser un pouco disperso, non saber concentrar os esforzos naquelas cousas que son realmente importantes.

A miña ocupación preferida?Pois, ademais de ler e escribir, cousas que fago a cotío, ver cine (moito cine) e tomar unha caña cos amigos ou lendo os xornais pola mañá.
O meu soño de dita? Creo que nunca tiven un soño explícito de dita: contentareime se a vida se segue portando como ata agora.
Cal sería a miña maior desgraza? Obviamente, perder os seres que me importan. E, a un nivel máis egoísta, verme impedido para ter unha vida minimamente digna.
Que quixera ser?No mundo das artes, téñolle unha gran envexa ós músicos: creo que están nunha dimensión diferente ó resto dos creadores e, se vivise outra vida, non me desgustaría dedicarme a transmitir o meu mundo dende a música.
Onde desexaría vivir?Quizais na Florencia do Renacemento, cidade que por certo non coñezo. Ou nalgunha das cortes medievais onde interpretaban os nosos trobadores (se eu pertencese á nobreza, claro; os campesiños non podían gozar de todo iso).
A cor que prefiro? Dende neno tiven sempre querenza polos azuis e verdes, nunca demasiado rechamantes.

A flor que prefiro? Os gladíolos
O paxaro que prefiro? Calquera desas aves tropicais fascinantes ou os mesmos colibrís (pero teño mala conciencia: o meu avó tiña moitos paxariños na casa e, un verán que marchou de vacacións, tivemos que coidarllos o meu irmán e máis eu: cando volveu, morreran a metade deles.
Os meus autores preferidos en prosa?Castelao, Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares, Bieito Iglesias, Manuel Rivas, Torrente Ballester, Josep Pla, Cortázar, Vargas Llosa, Borges, Augusto Monterroso, Nabokov, Marguerite Yourcenar, Edgar Allan Poe, Dostoievski, Cervantes, Montaigne, o teatro de Shakespeare, C. S. Lewis.
Os meus poetas preferidos?Rosalía, Álvaro Cunqueiro, Luis Pimentel, Méndez Ferrín, Celso Emilio Ferreiro, Luis Cernuda, José Agustín Goytisolo, San Juan de la Cruz, Joan Salvat-Papasseit, Gil de Biedma, Walt Whitman, Dante Alighieri e Petrarca.
Os meus heroes de ficción? O Principiño, de Saint-Exupèry.
As miñas heroínas de ficción?Carmilla, a protagonista do conto do mesmo nome, de tema vampírico, de Joseph Sheridan Le Fanu.
Os meus compositores preferidos?Do mundo do cine, Dimitri Tiomkin e Nino Rota (“Amarcord”). E da música moderna, sempre van comigo cancións como “Suzanne” de Leonard Cohen ou “Michelle”, dos Beatles.
Os meus pintores predilectos?
Imposible facer unha selección. Pero, xoguemos: O Bosco, Brueghel, Leonardo, Caravaggio, Rembrandt, Vermeer, Velázquez, Durero, Turner, Matisse, Goya, W. Bouguereau, Picasso, Van Gogh, Egon Schièle e case todos os expresionistas, Magritte, Miró, Edward Hopper, Francis Bacon, Balthus, Luís Seoane, Laxeiro, Virxilio.
Os meus heroes da vida real? As persoas que foron quen de sobrevivir en situacións difíciles (a xeración dos nosos pais ou dos nosos avós) e fixeron todo o que puideron para que os que viñamos detrás viviramos un pouco mellor e fosemos máis cultos e sensibles.
As miñas heroínas históricas?Todas as grandes escritoras, músicas, pintoras, ensaístas (mulleres) que nos deixaron a súa obra, con enormes dificultades, antes dos tempos máis contemporáneos. E tamén as que non nola deixaron porque quedaron soterradas baixo a pegada dos seus homes ou dos seus fillos.
Os meus nomes favoritos? Sempre me gustaron, vai saber por qué, nomes como Xabier ou Laura. E, por razóns obvias, Eire e María.
Que detesto máis que nada? A maldade, a intolerancia, o desprezo cara os que nada teñen.
Que caracteres históricos desprezo máis? Os que se impuxeron na historia (e hai tantos!!!) cos
elementos que mencionei na resposta anterior.
Que feito militar admiro máis? Ningún. Supoño que hai feitos admirables, no seu significado histórico, pero non creo que gañar algo pola forza da violencia ou do armamento máis poderoso sexa digno de relembrar.
Que reforma admiro máis? A conquista da igualdade xurídica e social polas mulleres e o dereito da educación e saúde para todos/todas.
Que dons naturais quixeras ter? Un maior sentido musical ou a posibilidade de saber tocar ben algún instrumento.
Como me gustaría morrer?Pois, cando me toque por razóns de idade, sen dolor, por qué non, durmindo ou despois de despedirme dos meus seres queridos.
Estado presente do meu espírito? Sereno, tolerante, sempre con gañas de aprender (ese magnífico debuxo de Goya, xa tan velliño: “Aínda aprendo!”).
Feitos que me inspiran máis indulxencia?Eu, dos pecados de cintura para abaixo, nunca opino.
O meu lema?Pasar polo mundo agarimado cos seres que queres, ter os ollos ben abertos para aprender a gozar das mil marabillas que o mundo nos ofrece xenerosamente e facer o menos dano posible.

32 comentarios:

Anónimo dijo...

Sorpréndeme a súa escolla que fai de Carmilla como heroína de ficción. Considero que é un personaxe bastante plano e pouco consistente.
Do mesmo tema, recoméndolle dúas novelas que me parecen máis interesantes: "Drácula" (sobre todo as primeiras 60 páxinas) e una descoñecida novela de Conan Doyle: "O parásito".
Estas tres noveliñas teñen algunhas semellanzas:
- foron escritas por tres "estranxeiros" (non eran ingleses), que tiveron que facer vida literaria en Londres para poder ter éxito literario.
- tocan o tema da muller "liberada" (a New Woman) como ameaza para o home.
- encerran certos temores (e culpas) "inconscientes" da sociedade victoriana:
* medo ao poder contaminador (sangue) e mental (hipnotismo) do "outro" (Drácula e Carmilla proveñen do leste de Europa, e Penellosa das colonias).
* medo aos meirandes problemas de saúde física e mental entre os victorianos: o alcoholismo (outra forma de beber sangue), as enfermidades venéreas (o contaxio), a tolemia.
* o papel ambivalente que xoga a ciencia, unha vez que a relixión semella perder credibilidade.

Anónimo dijo...

Amigo Valcárcel: eso de non coñecer Florencia é un pecado inconfesable. Vaia facendo as maletas. Pero xa mesmo. Imperdonable. Non sei se propoñer que os habituais do blog o enviemos alí en misión especial para que nos conte as súas impresións. Non pode ter máis excusas.

Marcos Valcárcel López dijo...

Amigo M. Swan: isto das escollas, xa o dixen, é moi relativo. En realidade non teño heroes nin heroínas de ficción, pero, pensando cinco minutos niso, veume á cabeza a Carmilla, de Le Fanu, quizais como prototipo de personaxe romántico e non polos seus valores literarios. En calquera caso está considerado, para algúns, o mellor contos de vampiros (p.ex. na antoloxía do Conde de Siruela) e a min resúltame fascinante: permíteme esa lectura infantil, espontánea, que me reconcilia co neno que fun, sen maiores complexidades metaliterarias. Por suposto coñezo o Drácula, que recomendo de cotío ós meus alumnos (igual que "Frankestein" ou "O estraño caso do Dr.Jekyll e Mr.Hyde" de Stevenson, e farei por ler "O parasito" (en galego, sen acento)
de Conan Doyle, do que oín falar, pero non coñezo. Graciñas pola recomendación.

Anónimo dijo...

Si eu tivese a confianza de Arume co autor do blog (non paso de ser un correcto saudado de Marcos pola rúa) tamén faría a mesma recomendación. Iso sí, que vaia sen presas.

Anónimo dijo...

Poderiamos organizar unha excursión a Florencia entre os participantes habituais deste foro.

Con Arume, Isidur e Leituga 1 de cicerones, había ser unha experiencia imborrable.

Anónimo dijo...

Eu apúntome encantado, aínda que non teño inconveniente en cederlle a Arume o papel de guía. El coñece aquelo mellor ca min.
E de paso, poderíamos facer algunha correría ata Siena e San Gimigniano.

Anónimo dijo...

lindo,lindo

moralla

Anónimo dijo...

A Siena hai que ir polo Palio, 2 de Xullo e 16 de Agosto: esa si que é correría. A festa máis fermosa do mundo.
www.ilpaliodisiena.com

Anónimo dijo...

É agora que vexo -despois de estar ausente varios días- este cuestionario que, amigo Marcos, vou continuar (por iso de non romper a cadea) no meu blogue. É tarefa difícil, pero vou poñer empeño. Grazas.
ESTALOTE (sobre filloas, mel)

Anónimo dijo...

Pois veña, poñemos un micro-bus ben moderno e con todas as comodidades e imos a Florencia.

Anónimo dijo...

Se non hai conexión a Internet no bus, non vamos, non?

Anónimo dijo...

Home, depende do tempo que esteamos fóra. Que tamén sabemos resistir uns días sen drogha, ou non?

Anónimo dijo...

E de paso, namentres imos dun lado para outro camiño de Florencia, poderiamos facer no micro-bus un seminario-debate sobre esta obra:

Libro de discusión

Anónimo dijo...

A estas horas todo se trabuca e crin que íamos falar nun seminario de Florencia sobre o micropene de Bush.

torredebabel dijo...

graciñas por aceitar o convite. Sabía que ia atopar nas tuas respostas lucidez, humor e fermosura. Tamén eu recomendo vivamente un paseo por Florencia!

Anónimo dijo...

Por certo, e xa que o amigo Arume dá pé, voulles recomendar un libro excelente que estou lendo e que acaba de saír: "El misterioso caso alemán. Un intento de comprender Alemania a través de sus letras". É un dos mellores ensaios españois dos últimos tempos. A autora é unha "investigadora independente" (quedou fóra da Universidade) chamada Rosa Sala Rose, quen xa publicara un moi interesante "Diccionario crítico de mitos y símbolos del nazismo", ademais de ser a máis recente e fiable tradutora dás monumentais "Poesía y verdad" de Goethe e das "Conversaciones con Goethe", de Eckermann. Todo en editorial Alba. Como sei que, polo menos aos señores Valcárcel, Arume e AP-C, lles gustan e interesan as cousas relacionadas coa historia cultural, permítome facerlles esta encarecida recomendación.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pola miña parte, moitas grazas pola recomendación. Oín falar moi ben tamén (teño varias recensións gardadas) desde DICCIONARIO CRITICO DE MITOS Y SIMBOLOS DEL NAZISMO. Dende fóra da Universidade, velaí, hai vida. E obras de interese, sen dúbida.

Anónimo dijo...

Como vexo por estas leiras moito historiador/a, fago unha pequena consulta. Espero que non ma cobren.
Estou lendo o libro de Ferrán Gallego sobre Barcelona, mayo de 1937. Teño interés persoal en coñecer algúns datos sobre os sucesos na Barcelona daqueles días, pero estou varado polo medio do libro. Non consigo avanzar: ou é culpa do libro (de insoportable estilo retórico indixesto) ou miña (unha incapacidade de concentración ou de intelección). Preciso axuda: que me pode pasar, doutores?

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois, señor Arume, non podo dicirlle neste momento se lin o libro de Ferrán Gallego ou mesmo se o teño na casa, non estou seguro e teño a biblioteca tan revolta que é imposible encontrar nada (preciso tempo). Pero si lembro un traballo moi esclarecedor sobre maio de 1937, o de Antonio Elorza, "La estrategia del POUM en la guerra civil", no volume colectivo LA II REPÚBLICA. UNA ESPERANZA FRUSTRADA (Valencia, Ed. Alfons el Magnánim, 1987). Se lle interesa fágolle chegar fotocopias do mesmo: non é nada favorable ás liñas do POUM na guerra e á estratexia de subordinar a guerra á revolución. Remata cunha cita de Maurín, de 1973, que di "O que Engels dixo dos anarquistas españois de 1873, é dicir, que actuaron como non deberían haber actuado, pode dicirse, aproximadamente, do POUM en 1936.1937".
En fin, espero as opinións ben fundamentadas de APC ó respecto.-

Anónimo dijo...

O libro ese de Ferrán Gallego, publicado por Debate, é de hai dous ou tres meses. Eu non o lin, si o tiven brevemente nas mans, pero nin sequera lle lin a contracapa. Pero é moi groso e é de supoñer que debería usar novas fontes.

Pero comprendo que, alén da súa posible valía, se lle poida caer das mans a Arume. O autor -de quen lle lin outras cousas- non ten un estilo moi fluído que digamos e pode resultar certamente indixesto.

Ese é un problema que teñen moitos historiadores e autores de ciencias sociais en xeral: un estilo plúmbeo.

(Ah, agradezo que Valcárcel, sempre tan xeneroso, me atribúa opinións fundamentadas, pero eu tan só son un modesto lector de historia, como tantos outros)

Anónimo dijo...

Amigo APC: iso ten que ver cunha escola, unha tradición ou con que? Porque nos historiadores, por exemplo, anglosaxóns hai unha vontade de estilo sintético, ameno, sinxelo, por suposto sen desatender o sustancial e o rigor científico. O inglés obriga un pouco a iso, pero ese modelo, digamos, asiático é moi propio das humanidades hispánicas e xa non digamos dos italiáns, mestres no periodo longo, eterno e ás veces interminable. Pasa iso en Historia?

Anónimo dijo...

Ten que ver, sobre todo, con escribir ben ou non, e coido que pasa en todas as disciplinas humanísticas, historia incluída.

Eu admiro cada vez máis o estilo anglosaxón, quizais porque non son quen de acadar tan sinxela perfección.

Pero tamén hai anglosaxóns que son ben enrevesados, os moi cabritos, sobre todo algúns sociólogos.

Anónimo dijo...

Seguindo as recomendacións de Leituga 1, hoxe merquei o libro de Rosa Sala Rose que citaba nun post precedente, suxestión que agradezo especialmente.

Lin tan só as primeiras corenta páxinas, pero o libro promete, e moito.

Tras o comezo un chisco tópico da introdución (o recurso a un "ordinary man" está moi socorrido), a autora presenta un programa de indagación ensaística máis que atractivo e que está norteado por esta inquietante pregunta: Acaso pode haber unha alianza entre a cultura e o mal?

Anónimo dijo...

Os franceses só se entenden a si mesmos. Danlle corenta voltas ao mesmo tema, abusan da metáfora e ao final todo vén sendo Aristóteles, os seus filósofos de cabeceira e os estruturalistas. Dá igual que falen de política, relixión, lingüística ou historia.
Os que escriben en inglés (esa lingua que é francés nun 60%) fan as oracións son todas de suxeito, verbo e predicado. De cando en vez meten un "on the other hand" ou un "however", e xa está. Todo ten unha introduction e unha conclusion.
Os que escriben en iberoromance meten moita nota a rodapé, con moito "opus cit" e moita matracada, porque iso é síntoma dunha cultura "vastísima". Ademáis, sempre escriben (ou les sae) o mesmo libro, ou artigo, pero saben reciclalos coma se fosen croquetas do peixe que sobrou onte. Outros utilizan cidadáns de color para escribir tres libros por semana.

Anónimo dijo...

Sobre os "fets de maig" barceloneses hai un bo resume, unha boa narración no libro de Antony Beevor sobre a Guerra Civil Española. Ferran Gallego, en efecto, é un deses escritores que dilatan excesiva e innecesariamente o que contan. Isto, en Historia, é bastante imperdonable, sobre todo se o autor non alberga maiores capacidades estilísticas nin tampouco visións especialmente orixinais. Eu a Gallego tamén fun incapaz de rematarlle un libro sobre a extrema dereita alemana. Aburrinme de que non me deixase pasar, de que me tivese alí retido, nunha espera tediosa de páxinas e páxinas superfluas e case ilexibles.

Anónimo dijo...

Canto lles agradezo esta dose de autoestima: xa pensaba que era culpa miña. A verdade é que estaba buscando unha narración case periodística dos feitos, día a día, por mor dunha historia familiar. E vin o libro de Ferrán Gallego, boteille un vistazo, creín que podía contar polo miudo as batallas na rúa, pero levo máis de cen páxinas e iso non avanza: non é a capacidade de síntese, desde logo, a súa maior virtude.

Marcos Valcárcel López dijo...

Por iso, tamén na Historia e contra o que algúns opinan, son necesarios os (bos) divulgadores e sintetizadores: hai grandes estudos, de moitas páxinas e estilo de tese doutoral, case ilexibles que poderían chegar moito mellor ó público se alguén fixese ese labor previo de depuración para a súa divulgación. É un labor non desprezable, creo eu. Creo en todo caso que o que busca Arume non o vai encontrar nos libros de historia: ese tipo de microhistoria, das batallas na rúa, dos pequenos detalles, é máis doado encontralo nas novelas que se inspiran neses feitos históricos. Pero non sabería agora recomendarlle obras concretas neste aspecto, que deben existir de seguro (a nosa guerra civil ten unha inxente bibliografía literaria tamén: algo haberá nese campo...).

Anónimo dijo...

"Tierra y libertad", a infantiloide e mitificadora película de Ken Loach sobre a Guerra Civil, iníciase precisamente cos "fets de maig". Non sei se Max Aub nalgún dos seus "Campos" inclúe algo sobre eses sucesos. Non lle lin todos, pero nos dous primeiros hai excelentes páxinas novelescas -e moi vívidas e fidedignas- sobre a defensa de Madrid.

Marcos Valcárcel López dijo...

A min tampouco me gustou "Tierra y libertad", de Ken Loach: infantiloide e falseadora da realidade, artificiosa como produto preparado para a súa venda masiva á gusto do consumidor de tópicos.

Anónimo dijo...

Unha película para troskistas de salón, efectivamente.
Por certo, falando de comunismo e de salóns, non sei se leron o artigo que aparece hoxe no Faro, asinado por J.J. Santos Alavedra, vicepresidente do Ateneo Republicano de Galicia, no que contesta a un artigo de Ferrín sobre Lister...

Anónimo dijo...

Lin, lin...

insomniorizar dijo...

en breve o meu. Gracias por convidarme, maís a min si que me vai sair un cuestionario plano, agora que estou en pleno proceso asceta