Cunqueiro.
Anda pola rede o vídeo da entrevista que Joaquín Soler Serrano lle fixo a don Álvaro Cunqueiro en 1978, cando o señor literario de Mondoñedo tiña 67 anos, no programa “A fondo” de TVE. Toda a entrevista é unha xoia (http://www.blues-propicios.blogspot.com/). Fala Cunqueiro da súa condición de escritor, que escribe dun tirón, pero todos os días, cargado de paciencia. Fala do segredo final da literatura: “la verdad no basta, porque hay que tener una memoria deformante y sobre ella se construye la literatura”.
Os novos escritores aprenderán moito máis escoitando a súa palabra creadora que lendo un manual tipo “Como escribir una novela”. Polo medio fala da alma galega, da ironía e da nostalxia, da fantasía e do celtismo, do Leviatán, de Zasconius, de San Martiño de Dumio e de moitos temas máis. Unha hora e sete minutos completa de marabillas, accesible xa dende o rato do ordenador.
6 comentarios:
En xeral as entrevistas que facía Soler Serrano, e que afortunadamente son bastante fáciles de conseguir e ver, son unha marabilla. Abonda con ver a Cortázar falando de El Libro de Manuel, ou as sensacionais conversas con Borges ou Torrente Ballester.
Escoite e vin, sen ser posible aburrirme un só momento, esta extraordinaria entrevista co gran Álvaro Cunqueiro.
Persoalmente nunca tivera a ocasión de oílo, e deixoume abraiado, felizmente abraiado.
Sería dunha crueldade sen límites comparar, sequera superficialmente, o seu sólido, pousado e lúcido "discurso de escritor" cos discursiños romos que adoitan ter algúns dos nosos escritores actuais.
Onde hai patrón non manda mariñeiro!
Interesante o xogo da mirada, e as contestacións apresuradas, ante as únicas dúas preguntas "comprometidas" do entrevistador (que, por certo, ao inicio enumerou unha miscelánea lista de escritores galegos...
Sobre o seu retiro a Mondoñedo en 1947, deixando atrás, entre outras cousas, unha prometedora carreira xornalística, di:
"yo estaba cansado moralmente... fatigado moralmente y necesitaba una larga cura de soledad y de silencio que me vino muy bien.. hay esas curas de las que sale otro... que tiene nostalgia del Otro... (risos) pero que ha salido nuevo"
Fai algo mais dun mes foi presentada na Arxentina unha sinal de televisión nova, financiada polo Ministerio de Educacion que, nas suas primeiras semanas no ar, pasou varias veces a entrevista a Cortazar en “A fondo”. Tanto o meu home coma min, vímola mais dunha vez (dúas horas de verbas e lucidez) tentando enchernos deses anos nos que había tempo para que os entrevistados célebres falasen canto quixeran. Agora pasan a de Borges e, se cadra e temos sorte, virán logo algunhas mais. Ogallá!
Querida Torredebabel:
Non sei se esa xeira de entrevistas de "A fondo" ten distribución comercial na Arxentina, pero hai varias xoias nesa colección: se podes conseguila, non perdas a de Josep Pla (xenial!!) ou a de Alberti.
Na Andoliña de mañá propoño que algunha institución galega recupere as posibles (de seguro que existen moitas) entrevistas a escritores galegos clásicos nos primeiros tempos da TVE en Galicia (Otero, B.Amor, Celso Emilio, Cunqueiro, Fole...). Sería unha colección gorentosa e creo que tería moitos seguidores...
Publicar un comentario