18 jun. 2007

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL

1960: cUNQUEIRO, dEL RIEGO, mARTINEZ RISCO

1961: eSPLENDOR NA NARRATIVA

1962: lONGA NOITE DE PEDRA

Pois vai ter razón o amigo Arume: debín esquecer de colgar os artigos da serie CEN ANOS relativos a 1960, 1961 e 1962. Recupero agora sequera os textos, no apartado de comentarios (en Galicia Hoxe dixital xa non os vexo).
Polo demáis, se alguén quere clicar no apartado de Etiquetas (ó cabo destas liñas) encontrará os artigos ordenados, cara atrás, dende 1970 a 1950 (falta algún máis).
A serie empezou en 1906 e rematará, nuns meses, co 2006. Cando teña tempo (ben tan escaso) poñereille etiquetas a todos para que sexan accesibles dende aquí.

8 comentarios:

marcos valcarcel dijo...

1960: CUNQUEIRO, DEL RIEGO, MARTÍNEZ RISCO
Marcos Valcárcel
O de 1960 non foi dos anos máis fecundos das letras galegas da posguerra, pero si nos deixou algunhas obras relevantes. Entre elas, a novela de Otero Pedrayo, O señorito da Reboraina (Galaxia), o segundo tomo do Diccionario Enciclópedico Gallego-Castellano (Galaxia) de don Eladio Rodríguez López e os poemarios De día a día, de Aquilino Iglesia Alvariño, e Barco sin luces, de Luis Pimentel, este xa de carácter póstumo. O libro do poeta de Seivane-Abadín é un diario poético, con obra de tres décadas da súa vida, no que a natureza, o paso do tempo e a intimidade do Eu son elementos esenciais; evoca con acentos virxilianos e horacianos as paisaxes nativas nun bucolismo descritivo e carente de tensións. Outros poemas abranguen a fráxil condición humana, co home como un ser indefenso ante a morte, nunha postura angustiada de filiación existencialista (Diccionario da Literatura Galega, Galaxia). O poemario de Pimentel, preparado por Ánxel Xohán e con limiar de Dámaso Alonso, tiña unha primeira versión en galego que estaba prevista para publicar na Editorial Nós cando estoupou a guerra civil; logo foi reestructurado polo poeta en catro partes e engadíndolle máis poemas. De Pimentel, falecido en 1958, ocupábase nese ano a revista literaria Aturuxo, de Ferrol, dirixida por Miguel C. Vidal e Tomas Barros, cun número monográfico (10) de despedida ó poeta lugués. Este especial ábrese con poemas do propio Pimentel e contaba con entregas poéticas de autores como, entre outros, Mario Couceiro, Fernando Pérez-Barreiro Nolla, Luz Pozo Garza, Ángel Johán, Miguel González Garcés, Álvaro Cunqueiro, Carballo Calero, Iglesia Alvariño e Manuel María. Este monográfico elexíaco inclúe ademais pequenas entregas críticas arredor de Pimentel de Ramón Piñeiro, Fernando Cadaval (Carballo Calero), J.Leyra Domínguez, J.M. López Nogueira e Miguel Carlos Vidal.
Álvaro Cunqueiro publica en 1960 dúas obras destacadas: Escola de menciñeiros e fábula de varia xente (Galaxia), un dos seus máis significados libros de relatos que se achega á cerna do home galego con trazos seguros e cheos de ironía, e Las mocedades de Ulises, que sae en Barcelona, na Librería Editorial Argos. Outros libros do ano eran Poema das materias sagras, de Faustino Rey Romero; Fábulas galegas dos nenos grandes e pequenos, libro publicado na Habana, do padre xesuíta Xosé Rubinos; e Acoitelado na espera, o quinto volume de poesía publicado polo grupo Brais Pinto, da autoría de X. Alexandre Cribeiro e con ilustracións de Mikel Forcada.
No campo do teatro, cabe subliñar neste ano a aparición de obras como Traxicomedia da noite de Santos, de Otero Pedrayo, publicada na revista QuatroVentos de Braga; Edipo, de Manuel María, e A volta de Ulises, de Xosé Luis Franco Grande, estas dúas inscritas na “dramática mítica” segundo clasificación de M. Vieites. En Buenos Aires Ramón de Valenzuela traduce A camisa de Lauro Olmo, que representa coa súa muller María Victoria Villaverde na Federación de Sociedades Galegas, e O casamento do latoeiro, de J.M. Synge.
Ingresaba na Real Academia Galega como numerario Francisco Fernández del Riego, cun discurso titulado “Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores”, que foi respondido por Carballo Calero, e era elixido como presidente desta institución Sebastián Martínez Risco, que sucedía a Manuel Casás Fernández (presidente dende 1942) e que desenvolvería unha longa andaina nesa responsabilidade ata a etapa democrática (1977). Son os anos máis difíciles da Academia, de supervivencia e semiclandestinidade: un ano antes, en 1959, o poeta Avilés de Taramancos deixaba no seu libro A frauta y-o garamelo esta significativa dedicatoria: “Á Real Academia Galega, en espera de mellores tempos e labores”.
2. ANTÓN TOVAR.
Pola súa banda, o poeta ourensán Antón Tovar gañaba o primeiro e terceiro premios de poesía nos Xogos Florais de Guimaraes
Cos poemas “O can” e “Responso saudoso pra D. Enrique o Navegante” e editaba o seu libro El tren y las cosas, con debuxos do pintor Virxilio.
Na Arxentina, nacía a Editora Follas Novas en Buenos Aires e este grupo editorial e Neira Vilas organizaban a exposición “Do xornalismo galego na Arxentina”, no Centro Lucense da mesma cidade. En Caracas fundábase a Hermandad Gallega de Venezuela.
Inaugurábase tamén en 1960 o primeiro Certame Literario do Miño en Lugo e fundábase o Museo de Arte Sacro de Vilanova de Lourenzá. En Lalín celebrábase unha magna homenaxe ó crego, matemático e astrónomo Ramón María Aller, no transcurso da cal se inaugurou a escultura a el dedicada de Asorey, que loce na súa base a lenda “Ciencia, humildad y virtud” como resume da vida deste fillo egrexio de Lalín.
En 1960 Agustín Magán puña en marcha o Teatro de Cámara Ditea, unhas das compañías non profesionais de máis dilatada e digna vida no teatro galego, e construíase o Cine Riazor na Coruña, obra do arquitecto Rey Pedreira. En Ourense cesaba, cun tomo dedicado a Cuevillas, o Boletín de la Comisión de Monumentos Históricos y Artísticos, fundado en 1898, e no mundo do cine rodábase en Galicia, en concreto en Marín, Combarro e arredores, a película Botón de ancla en color, dirixida polo catalán Miguel Lluch, a xeito de musical hispano e nova versión da película de Ramón Torrado en 1948. Pero a cinta tivo escaso recoñecemento crítico, aínda que nela actuaban Manuel Gil,o Dúo Dinámico e o humorista Miguel Gila, entre outros. Colaborou na cinta tamén a Coral Cantigas e Agarimos, de Compostela.
3. ALMOINA MATEOS.
José Almoina Mateos foi un escritor de Lugo (nacido en 1903). Trala guerra civil exiliouse en Santo Domingo e chegou a ser en 1945 secretario particular do presidente Trujillo e disque “negro literario” das novelas bestseller da súa dona. Publicou tamén libros sobre Goya, o erasmismo, o romanticismo español e hispanoamericano e o volume “Yo fuí secretario de Trujillo” (1950), rectificación dun seu libro anterior contra o sátrapa dominicano. Aínda así foi asasinado por pistoleiros de Trujillo en México en 1960.
Tamén morreron neste ano o pintor Fernando Álvarez de Sotomayor; o gaiteiro e músico Faustino Santalices, falecido en Madrid; o poeta e crego de Valadouro Celestino Cabarcos Suárez e o escritor de Mondoñedo Eduardo Lence-Santar y Guitián. Moito máis novo, con só 25 anos, morría na Coruña o 10 de xaneiro Xohán Casal,estudiante na Escola de Comercio un dos valores emerxentes da Nova Narrativa Galega.
Da quinta de 1960 son, entre outros, os escritores Xela Arias, de Vigo; Anxo Quintela, de Castrelos, Vigo; o poeta tamén vigués Román Raña Lama; a escritora de Catoira, Anxos Sumai; e o autor teatral e guionista Cándido Pazó. Da mesma andaina son o escritor e profesor ourensán Afonso Vázquez Monxardín; o contacontos e “teatreiro” de Ribeira Quico Cadaval; o artista vigués Tono Carbajo; o artista plástico de Moaña Xoán Anleo; José Luís García, pintor de Mugardos, A Coruña; a deseñadora Lía Santana, e a cantante de Boimorto Luz Casal.
Outros nomes que andan hoxe arredor dos 47 anos son o guionista e director de cine Hector Carré, nacido na Coruña; o actor Francis Lorenzo, de Pontevedra; a poeta Cruz Martínez, de Armenteira; o director de cine Antonio Caeiro, de Gondomar; o crítico literario Xosé M. Eyré, de As Lamelas, Chantada; o músico ourensán, pero nacido en Caracas, Alberto Conde, e a hoxe ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación Elena Espinosa, de Ourense.

***************

1961: ESPLENDOR NA NARRATIVA
Marcos Valcárcel
O ano 1961 foi un momento de esplendor na narrativa galega. Coincidiron nese ano a edición dun dos grandes bestseller das nosas letras de todos os tempos, Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas; a publicación desa pequena marabilla documental e retrato dun tempo e duns xeitos de vivir que é Vilardevós, de Silvio Santiago, e ademais Si o vello Sinbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro. Unha boa fornada, sen dúbida, á que deben engadirse aínda dous títulos da Editorial Galaxia xa encadrables no que se vén chamando Nova Narrativa Galega: a segunda entrega narrativa de Xosé Luís Méndez Ferrín, O crepúsculo e as formigas (un dos seus mellores libros de relatos segundo a crítica), e Lonxe de nós e dentro, colección de relatos itinerantes e protagonizados por antiheroes (M.Forcadela), coa que se estreaba no mundo literario Camilo González Suárez-Llanos.
O panorama poético tampouco foi menos relevante: velaí Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, un dos grandes poemarios galegos do seu século; Lanza de soledá e Nenias, dous destacados libros de Iglesia Alvariño (que falece neste ano); Salterio de Fingoy, de Ricardo Carballo Calero, e Bailada dos anxos, de Miguel González Garcés. Da mesma andaina é a nova edición de Ángeles de Compostela, os versos composteláns de Gerardo Diego, que amplía a publicada en 1940. En Madrid publicaba o recentemente falecido Alejandro Finisterre, despois de viaxar a Galicia para estudar a poesía galega, a antoloxía Poesía de Galicia contemporánea.
Tamén apareceu neste ano Leria, de Vicente Risco, a derradeira entrega en galego do ourensán, publicada en Galaxia co discurso dalgúns suscriptores, sobre todo do exilio, no que era un intento de recuperar para o labor galeguista de recuperación cultural ó creador de O porco de pé: Risco agradece a publicación a Del Riego nunha carta na que fala do fondo neoplatónico do seu pensar: “Canto levo escrito niste mundo, que xa me parece coma si foran seis ou sete “Espasas”, todo ven de ahí, por longas e difrentes que poidan ser- ou parecer- as derivaciós. Inda que non teño discípulos, ahí quedan e non faltará a quen lle sirvan”.
Edicións As Burgas de Buenos Aires publicaba a segunda edición, agora aumentada, de Sempre en Galiza, de Castelao, et amén en América aparecían na editorial Citania o volume de José F. Mosqueira Manso, La cuna gallega de Cristóbal Colón, e o poemario Pra unha terra apremida (colección Herba de namorar), de Antón Santamarina Delgado, libro dedicado “A tudo los pobos que loitan pola súa redenzón ista inquedanza nun idioma que é protesta”.
Rafael Dieste volvía do exilio en 1961 e Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda marchaban dende Arxentina cara Cuba. Álvaro Cunqueiro era elixido académico de número da Real Academia Galega, o 23 de abril, elección quizais tardía cando Cunqueiro xa tiña publicadas nove obras relevantes no noso idioma (lería o seu discurso de ingreso dous anos despois). Tamén nese ano, unha semana antes, Cunqueiro recibía en Lugo, no hotel Méndez Núñez, unha gran homenaxe da Asociación da Prensa desa cidade, o que provoca unha chea de artigos na prensa galega de recoñecemento do mindoniense e o esquecemento dalgunhas feridas políticas por parte dalgúns amigos de preguerra (segundo conta X.F. Armesto Faginas). Na homenaxe a Cunqueiro falaron, ademais do homenaxeado, Trapero Pardo, Vicente Risco, Fernández del Riego, García Sabell, Xosé María Castroviejo e Otero Nieto, alcalde de Mondoñedo. Un paseo poético pola muralla foi acompañado dos versos de Iglesia Alvariño, Celso Emilio e Manuel María, entre outros.

2. XOSÉ VELO.
Outros libros do ano 1961 foron o terceiro e último tomo do Dicionario Enciclopédico, de Eladio Rodríguez González; Opúsculos médicos gallegos del siglo XVIII, de Ramón Baltar Domnínguez; e a peza de Xosé Rubinos, publicada na Habana, O velliño (Edipo na Galiza), que debía representarse como “peza litúrxica, de inspiración celto-helénica, ó pé da Torre de Hércules” (Carballo Calero).
En Buenos Aires aparecía a revista Alén Mar, da Asociación de Hijos de Gallegos e dirixida por Antonio Pérez Prado, e A Terra, da agrupación dese nome no Centro Galego, dirixida por F. Varela. Na Galicia interior, en cambio, só nacían revistas relixiosas e diocesanas. En Compostela tiña lugar, en xuño, a Mostra “20 Pintores Gallegos” e en Lugo nacía o cuarteto de gaita “Os Amigos”. En Ourense Eulogio Gómez Franqueira creaba a Caixa Rural e en Vigo Manuel González Cerezales accedía á dirección do xornal Faro de Vigo.O investigador Enmanuel Anati (Firenze, 1930) percorre as principais estacións de arte rupestre galegas, tema sobre o que logo publicaría varios libros.
Tamén foi en 1961 cando se empezou a celebrar a Romería Viquinga de Catoira, impulsada inicialmente por personaxes como Plácido Castro. En Compostela nacía a Asociación Cultural O Galo, primeira dunha longa xeira de asociacións de base moi vinculadas ó movemento galeguista, que tivo entre os seus fundadores ó poeta Salvador García Bodaño.
Tamén aconteceron en 1961 os famosos sucesos do secuestro do trasatlántico Santa María, en viaxe de Venezuela a Galicia, por parte do Directorio Ibérico de Liberación (DRIL), encabezado polo Comandante Galvâo e do escritor de Celanova Xosé Velo, como protesta contra as dictaduras franquista e salazarista. Do suceso realizou recentemente unha película Margarita Ledo Andión (Santa Liberdade) e de Xosé Velo existe unha ampla biografía realizada polo xornalista celanovense Antonio Piñeiro.

3. ASOREY.
O 2 de xullo morría en Compostela o escultor Francisco Asorey González, un dos grandes intérpretes da alma galega: foi el o autor do monumento a Curros na Coruña e ata inspirou unha novela: A modelo de Paco Asorey (1934), de Xoán Xesús González. Tamén morría na súa Pontevedra natal o violinista de sona internacional Manuel Quiroga Losada, retratado por Castelao e tantas veces homenaxeado nos anos 20 polos galeguistas. E na súa Coruña natal, o historiador da arte Ángel del Castillo López. En Madrid falecía o gravador e pintor Manuel Castro Gil, nacido en Lugo en 1891. En Buenos Aires, o xornalista e poeta Fortunato Cruces Angueira, autor de Castañolas. Contos. Cartas. Discursos. Cantares e outras cousas (1913). E en Compostela de novo, o 29 de xullo, morría o poeta Aquilino Iglesia Alvariño, aínda novo (nacera en Seivane-Abadín en 1909), o mesmo ano que se publicaban dous dos seus libros poéticos.
Naceron en 1961 escritores como Anxo Angueira Viturro, en Manselle, Laíño, Dodro, poeta e novelista; o poeta Miguel Sande, de A Pastoriza-Arteixo; o poeta e xornalista de Monforte Antón Rodríguez López (Antón Lopo), e o músico-escritor Manuel Seixas, de Vilagarcía de Arousa. En Caracas nacía o historiador e bloggueiro Manuel Martínez Barreiro; en Noia o economista e político Xoaquín María Fernández Leiceaga; en Rodeiro (Pontevedra), Xavier Vence Deza, catedrático de Economía Aplicada da USC; e en A Devesa, Ribadeo, o historiador Lourenzo Fernández Prieto. Da mesma quinta son o pintor e gravador Carlos Crego Rodríguez; o medievalista Carlos Baliñas Pérez, nacido en León; a arquitecta e conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, nacida en México; o político de Ourense Alberto Núñez Feijoo, e o cociñeiro de Vilanova de Arousa, Paco Feixó. Deste ano son tamén actores como Manuel Millán, nacido en Vilagarcía; Miguel Insúa, de Valdoviño (que actuou en Sempre Xonxa); Evaristo Calvo Valcárcel, actor e director de teatro, nacido na Coruña, e tamén o debuxante Fausto Isorna, de Catoira, e o cantante Manu Chao, nacido este en París e sobriño de Xosé Chao Rego.

marcos valcarcel dijo...

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1962: LONGA NOITE DE PEDRA Marcos Valcárcel
Foi o ano 1962 excepcional nas nosas letras e na nosa cultura. Por varias razóns, como verán. Anotemos, en primeiro lugar, a aparición en Buenos Aires dos dous primeiros tomos da Historia de Galicia dirixida por Otero Pedrayo, que contiñan a “Xeografía” de Otero; a “Xeoloxía” de Isidro Parga Pondal; a “Xeografía fito-zoolóxica”, de Luís Iglesias, e a “Etnografía. Cultura Espiritual” de Vicente Risco (todo isto no primeiro tomo) e a “Etnografía. Cultura Material”, de Xoaquín Lorenzo (no segundo tomo), con fotos de Pacheco e Xosé Suárez. Este proxecto monumental viña de lonxe, pois naceu en concreto no verán de 1947 coa viaxe de Otero á cidade arxentina como conferenciante convidado polo Centro Galego. Manuel Puente propúxolle dirixir esta empresa cultural, que don Ramón calificou de “gran idea” para poñerse de inmediato a buscar colaboradores nas diferentes materias. Os dous primeiros tomos estiveron ó coidado do ensaísta Lois Tobío. Consta que Otero recibiu en setembro estes dous volumes (case 1.600 páxinas) e escribiulle a Manuel Puente: “Naceu un abrente raioso na historiografía galega. Non é “o libro do ano”. O de moitos anos. É un medrar do nome de Galiza”.
Tamén neste ano aparece un dos libros fundamentais na lírica galega do século XX: Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, que abrirá vieiros novos na poesía do seu tempo. Publícao Galaxia, na colección de poesía Salnés e nos talleres do Faro de Vigo, en outubro de 1962. Moitos dos poemas estaban escritos, segundo o seu propio autor, entre os anos da guerra e 1946, incluído o popular poema que dá título ó libro, froito da experiencia do escritor no Mosteiro de Celanova en 1937, cando facía función de cárcere de centos de presos republicanos. Algúns poemas foron autocribados polo propio autor e por Fernández del Riego para que o libro puidese pasar as tesouras da censura (Alonso Montero). O libro tivo dende o inicio unha acollida excelente e nese mesmo ano apareceron na prensa galega críticas gabanciosas de Manuel María, Alonso Montero, Salvador Lorenzana, Augusto Casas e “Ben-Cho-Shey”.
Das mesmas datas é esa marabilla de Eduardo Blanco Amor que son os sete relatos de Os biosbardos: unha visión da realidade dende a perspectiva dos ollos dun neno auriense, chea de tenrura e carga emotiva. Blanco Amor publica nas mesmas datas, en México, as súas Farsas para títeres, e outro autor vinculado ó exilio, Rafael Dieste, volto a Galicia un ano antes, publica unha nova edición, con vinte contos (na primeira edición, 1926, só tiña oito contos), da súa obra máis popular e lograda, os contos de Dos arquivos do trasno.
Outros libros do ano foron Libro de pregos, de Manuel María; Alén, poemario de Augusto Casas, cun afervoado limiar de Otero Pedrayo; a segunda edición ampliada de Poema das materias sagras, de Faustino Rey Romero; La camisa, sobre o mundo da emigración, do dramaturgo valdeorrés Lauro Olmo; Viaje por los montes y chimeneas de Galicia, de Álvaro Cunqueiro e José María Castroviejo; o poemario Mi vida está callada, de Alfonso Alcaraz, e a novela de Camilo González Suárez-Llanos Como calquera outro día, ademais do segundo tomo de Blasones y linajes de Galicia, do Padre Crespo e a edición póstuma das Prosas Galegas, de F. Cuevillas.
Ánxel Fole iniciaba na Hoja del Lunes de Lugo a sección “Plaza Mayor” (que mantería ata o ano 1984), e Otero Pedrayo gañaba o premio da Fundación March para o escritor que destacara na súa obra pola exaltación de Galicia, por diante do seu amigo Vicente Risco (nunha recente Andoliña, o 6 de abril, contamos cómo se desenvolveu o debate do xurado segundo a versión que dá nas súas cartas Ricardo Carballo Calero).

2. A FAMILIA DE PASCUAL DUARTE.
Aínda hai que engadir, entre os acontecementos literarios do ano, a publicación en Galaxia de A familia de Pascual Duarte, a novela de Camilo José Cela, en versión traducida por Vicente Risco; a obra teatral Vinte mil pesos crime, de Bernardino Graña, e o ingreso nas letras galegas do poeta Antón Tovar, con Arredores, na colección Salnés de Galaxia. Cela publicaba nesas datas dous dos seus libros: Tobogán de hambrientos e Gavilla de fábulas sin amor. Pola súa banda Gonzalo Torrente Ballester era un dos asinantes dun manifesto en defensa dos mineiros asturianos en folga, o que lle suporía perder o seu posto de traballo na Escuela de Guerra Naval e as súas colaboracións como crítico en medios do réxime como Radio Nacional e Arriba.
O italiano Erilde Reali publicaba o cancioneiro de Pedro Eanes Solaz e Aníbal Otero asinaba a parte galega do Atlas Lingüístico da Península Ibérica. O pintor Arturo Souto volvía de México a Galicia e inauguraba unha gran exposición da súa obra en Vigo e pouco despois outra en Madrid. E Manuel Espiña abría unha cátedra de Lingua e Cultura Galegas no Seminario Maior de Santiago.
En Lugo fundábase a Hoja del Lunes e en México o Ateneo de Galicia inauguraba un programa de radio e a súa revista Compostela. En Ourense nacía a revista turístico-cultural Fin de Semana, dirixida por Ánxel Huete, na que colaboraron Xesús Ferro Couselo, Vicente Risco, Otero, Casares, J.A. Valente, A. Tovar e o pintor Xosé Luís de Dios. En Santiago xurdía a Agrupación Fotográfica Compostelana e tamén nesta cidade a Agrupación Cultural O Galo iniciaba a súa “campaña do peso” en favor do teatro galego que consistía en recoller polas casas “un peso” para apoiar a difusión dos grupos de teatro.
Na revista Vieiros, de México, o cineasta Carlos Velo publicaba “Imaxe de Galiza. Carta ó Fato Brais Pinto” que algún autor interpretou como un detonante da futura organización da mocidade nacionalista (arredor da Unión do Pobo Galego, fundada en 1964).
3. JULIO CAMBA.
No ano 1962 falecía en Madrid o escritor de Vilanova de Arousa e gran humorista, Julio Camba, autor de obras como Historia de una peseta, La rana viajera o La casa de Lúculo. No exilio morría Elpidio Villaverde, nacido en Vilagarcía e deputado de Izquierda Republicana, fundador das Milicias Populares Galegas e enterrado no mausoleo do Centro Galego de Buenos Aires. E na Coruña, Manuel Banet Fontenla, o último dos fundadores da Real Academia Galega que quedaba con vida neses anos.
En 1962 nace en Lugo a poeta Xela Arias Castaño; en Santiago o escritor Xosé Luís de Toro Santos; en Mugardos o autor e director de teatro Lino Braxe; en Vilanova dos Infantes, o poeta Paulino Vázquez Vázquez; en Seáres, Ames, o narrador David Pérez Iglesias; en Noia a poeta e xornalista Ana Romaní; en Ourense, os poetas Manuel Outeiriño e Claudio Pato; en Dodro, Laíño, o poeta Eusebio Lorenzo Baleirón; en Balbargos, Noia, o filólogo e historiador da lingua Ramón Mariño Paz e en Riotorto o lingüista Benigno Fernández Salgado. Desta quinta son tamén o poeta Emilio Araúxo e os escritores, todos vinculados ó teatro, Henrique Rabunhal, Francisco Souto, Hernán Naval, Pepe Sendón e Xavier Lama.
Da mesma andaina son o ciclista profesional e director do Karpin-Galicia, Jesús Blanco Villar, de Socastro, Rois (A Coruña); a profesora e xornalista da Pastoriza Pilar Falcón Osorio; o musicólogo José Luis Calle García, nacido en Canarias e autor de estudos sobre Ricardo Portela e Perfecto Feijoo; as actrices de cine e teatro María Bouzas e Milagros Bará; o actor coruñés Víctor López Mosqueira; o reitor da Universidade compostelá Senén Barro Ameneiro, de As Pontes, e os políticos José Blanco López, secretario de organización do PSOE, de Palas de Rei; Alexandre Sánchez Vidal, portavoz municipal do BNG ourensán, e Néstor Rego Candamil, concelleiro de cultura en Compostela polo BNG, nacido no Vicedo.

Anónimo dijo...

Cunqueiro evitóume un trauma infantil.
Cando tiña sete anos,os meus pais regaláronme un reló pola primeira comunión.Non querían que o puxera máis que nos dias de festa pero eu levéino un día pro monte, e perdino.Os meus pais disgustáronse moito i eu tamén.Moitas noites soñaba que o encontraba...
Pasado algún tempo,lín esta frase,que Cunqueiro puña en boca de un personaxe,creo que era un enano: "O home decente guíase polo sol,o reló é unha fantasía moderna".Dende entón,casi nunca uséi reló...
(Por certo,o reló compráranmo nunha joyería na rúa Sto.Domingo,de Ourense,case na esquina con C.Quiroga.Ahora chámase de outra maneira.Non sei se lles sona a algún...)

(Algunha das cousas que ten o "Mago Merlín" de MOndoñedo no seu museo perto da estatua de Cunqueiro,dinlhas eu.Metéuselle na cabeza que eu era cura...)

O troll ágrafo...

marcos valcarcel dijo...

Tanto me sona esa xoiería, supoño que vostede xa o sabe,que era da miña familia: alí pasei moitas horas de neno, co meu tío Exmelin, tía Olguita, o meu avó José Antonio e Maribel, empregada de sempre. E levando os recados en sobres pequeniños para o taller que rexentaba na Habana o meu pai: gravados, arranxos, etc. E esa xoiería levaba alí moitos anos, dende os 40 creo: conservamos algunhas fotos cando aínda estaba alí, na parte de atrás, o taller.

Xosé M. González dijo...

Non encontro lugar mellor para poñer isto. Alarma, que é ben serio, polo continente e o contido.

A administración, xaora, debe manterse firme. Pero a sociedade favorable a, polo menos, máis galego vehicular no ensino, debe facerse sentir. Non me parece cousa pouca.

Leituga 1 dijo...

¿O Troll Ágrafo coñece ao Merlín de Mondoñedo e mesmo forneceu de abastanza ao seu esotérico chambo? ¡Non mo podo crer!

Anónimo dijo...

Boeno,si.Foi xa fai bastantes anos.Ibalhe facer sempre unha visita ao vello"rei das tartas" o que morréu,e falei moitas veces co Mago Merlín.A primeira vez eu non o conocía e foime seguindo co seu vestido estrambótico por todo Mondoñedo.Cando atopeí o seu Museo chamóume a atención ,abordóume e díxome coa súa voz aflautada: Vostede pensa que véu aiquí pola súa vontade,pero guiéino eu coa minha mente.Mostróume o museu e asombróuse moito por que non me asustéi ó ver un maniquí femenino que aparecía de repente nun sitio oscuro,como a nai morta ao final da película "psicose" de Hitchcock.Díxome: é vostede a primeira persoa que non se asusta.
Vostede é jesuita,pola forma de falar,pola forma de camiñar e de mirar.Non llo dín sacado da cabeza.
Falóume de Cunqueiro,de moitas cousas.Cando lle preguntéi canto lle debía por ver o museu,díxome:Non me debe nada.Tráiame algo da súa terra cando volva.Volvín varias veces...

O Troll ágrafo

a.p.-c. dijo...

Sería para rir se non fose un conto ben triste, amigo González.

Do que non hai dúbida é de que se está a preparar unha mobilización de sectores anteriormente adormiñados e non articulados. Veremos en qué para a cousa.

Concordo con vostede en que hai que manterse firmes ante esta zafia demagoxia.