7 jun. 2007

En poleiro alleo

* Himnos (Bieito Iglesias, ECG)

* O labor ambiental de Al Gore merece o Príncipe de Asturias (El País)

* Admitida a demanda contra o historiador Dionisio Pereira (EP)

* "Europa segue sendo Kafka" (entrevista de Juan Cruz con Carlos Fuentes, EP)

5 comentarios:

bouzafria dijo...

Supoño que non se pode engadir nada novo ao dito sobre a demanda contra Dionisio Pereira. Resumo: unha barbaridade. Mal imos se permitimos que a dereitona impida aos historiadores facer o seu traballo. Traballo que pola súa propia natureza pode suscitar incomodidades, e máis cando están entre nós xente que viviron aqueles dramáticos anos.
Póñome no caso dos familiares dos aludidos e certamente non me gustaría que estes foran involucrados en episodios sanguinolentos, pero a procura da verdade debe prevalecer, e supoño que o historiador fará constar debidamente a fonte dos seus datos e a probable verisimilitude dos mesmos.
O dito, e no que poida valer, o meu humilde apoio a Dionisio Pereira.

Leituga 1 dijo...

Eu apoiei coa miña sinatura a Dionisio Pereira, a quen non coñezo persoalmente, nin sequera de vista. Pero iso non quita que o asunto este non sexa delicado. Imaxinémonos, só por un instante, que Pereira estea equivocado ou que fose mal informado...
Parece, ademais, que non cabe falar aquí de presións da "dereitona" como apunta o señor Bouzafría, pois os descendentes do implicado, os denunciantes, seica non son precisamente xentes de dereitas.
Eu creo que pode ser moi útil este litixio xudicial. Un, porque é posible que se chegue a saber a verdade do ocorrido, para ben ou para mal de Pereira ou dos seus denunciantes. Dous, porque espero que se empece a asentar unha xurisprudencia que non poña trabas baseadas en cuestións familiares ou persoais ao traballo dos hitoriadores, aínda no caso de que estes poidan achegar, nunha mínima porcentaxe de casos, informacións erróneas.

Katipunan dijo...

Eu tamén o apoiei e apoio a Pereira. Porén, concordo en parte con Leituga 1. Parte do problema semella vir do uso das fontes e dos termos utilizados. O argumento arrebolado polo avogado das familias dos represores é que non están claras quen son as testemuñas que sosteñen a opinión de que os sres. tal e tal foron represores, e parece que non son citados debidamente no texto (polo que sei, que talvez non é exacto), aínda que o historiador usou a expresión "presuntos" que son "sinalados" por testemuños, o que reflicte afirmacións das súas fontes, non posición normativa pola súabanda. Se Pereira se baseou en fontes orais, cómpre saber ónde se gardan eses testemuños gravados e se son accesíbeis para outros historiadores (ou, coma é neste caso, para a xustiza). Se non rexistrou eses testemuños, empeza o problema, que é xeral para todas as fontes orais se non están debidamente rexistradas, dispoñíbeis nun arquivo (privado ou público) e contan cunha autorización expresa dos entrevistados para seren usadas. Obviamente, é unha faena para os seus entrevistados iren declarar perante un xuíz, e sentaría un nefasto precedente. Mais un meirande coidado metodolóxico podería, talvez, ter evitado un envurullo coma este. Ora ben, non lin o libro e só baséome no que afirma a prensa, polo cal tamén pode ser que eu estea trabucado nas miñas afirmacións.
A Lei da Memoria, polo demais, semella que vai empecer a difusión pública do nome dos represores. Claro que isto é máis complicado. Non sempre os procesos militares, por exemplo, van dicir quen apretou o gatillo. Pero si aparecen delacións e declaracións de implicados directa ou indirectamente. A pregunta é, e isto daría para un tema: É tan importante saber o nome dos represores? Non deberiamos interesarnos moito máis pola lóxica das súas actuacións, polos seus obxectivos, polos mecanismos represivos e as xustificacións dos mesmos, polos mestos tecidos de complicidades xurdidos arredor desas práticas? Persoalmente, considero que iso pode axudar a esclarexar moitas máis zonas escuras do noso pasado e do noso presente, que obsesionarnos con nomes. Isto último non di moito. E pode dar lugar a moitas interpretacións malpensantes. Por exemplo, unha que lle escoitei certa vez a un ex-UPG hoxe colaborador de El Correo Gallego e afín ao PP, senón máis á dereita: que a UPG levaba através de López Suevos o pecado orixinal do seu tío, Jesús Suevos, falanxista de camisa vella e antigo xefe territorial de FE en Galiza.

bouzafria dijo...

Respectuosamente, discrepo co Sr. Leituga cando di que pode ser útil este litixio xudicial. Porque a verdade material do ocurrido non se dilucida no xuízo senón no traballo dos historiadores. Rectifico o de "dereitona": supoño que estou influído polos pseudohistoriadores tan de boga nas radios episcopais. E manifesto que teño unha certa autoridade moral no tema, aínda que sexa miúda, porque o meu tío estivo na guerra e no bando que ao cabo gañou. E se nun futuro, Deus non o queira, se demostra que foi principal protagonista dalgunha hora desgrazada, habería que apechugar co pasado, co tempo e as circunstancias. Aínda que como moi ben dixo nalgures Marcos de Auria os irmáns e fillos non son responsables dos actos dos nosos familiares, iso non contradí a máxima aquela de que son amigo de Platón pero máis amigo son da verdade.
Creo que o método máis xusto para refutar as verbas dun historiador, como no caso que nos ocupa do Sr. Pereira, sería con outra investigación rigurosa que rectificara esa versión. Creo que non cabe como resposta a utilización da Administración de Xustiza para a reparación dun pretendido honor perdido.

Leituga 1 dijo...

Comprendo o que vostede di, amigo Bouzafría, pero fíxese nun matiz importantísimo: os descendentes do señor ese de Cerdedo negan que o seu familiar fose o autor dos feitos que lle imputa Pereira. Están convencidos de que esas informacións son difamatorias e calumniosas. É dicir, a súa demanda non vai contra unha información supostamente veraz, senón contra unha información que eles estiman falsa. Por iso a investigación que se derive da actuación xudicial pode botar luz sobre o asunto. Vostede probablemente actuaría igual que os denunciantes se acusasen ao seu pai de crimes horrendos e vostede tivese a firmísima convicción da falsidade desas acusacións. Isto é o que lles ocorre aos demandantes: non é que queiran tapar ou cubrir unhas informacións certas, senón que queren que se rectifiquen unhas acusacións que consideran calumniosas e infamantes.
Este caso empeza a lembrarme a "A caixa de música", a magnífica película de Costa-Gavras.