CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1975. os poemas a Moraima
Bo ano de libros o último da ditadura con Franco vivo, nun tempo político sen dúbida moi conflitivo (folgas xerais de Ferrol e Vigo). Publicábase a novela de Carlos Casares, Xoguetes para un tempo prohibido, unha das obras máis autobiográficas do seu autor, premiada meses antes co premio do 25 aniversario da Editorial Galaxia. Tamén é das mesmas datas o primeiro wéstern no noso idioma, obra de Xosé Fernández Ferreiro, A morte de Frank González, que abría así a aposta por unha literatura en galego para todos os públicos (a chamada "literatura de quiosco"). Da mesma andaina é a edición castelá de Las musarañas, de Blanco Amor; Os inmortais, de Xoán Ignacio Taibo (colección O Moucho); unha versión de Contos de nenos de Perrault, por Edelmira Cacheda Otero; Campo e mar aberto, contos de Dora Vázquez, e Cantarelas e contos prá xente miúda, de Xosé Neira Vilas.
A poesía ofreceunos en 1975 títulos tan emblemáticos como Onde o mundo se chama Celanova, o derradeiro libro de versos de Celso Emilio Ferreiro, publicado pola Editora Nacional, con texto bilingüe: na segunda parte do volume, ‘Moraima: Diario de a bordo’, están algúns dos mellores poemas de amor escritos na nosa lingua. No mesmo ano saía Al césa
r anano, un folleto con poemas seus en castelán contra Franco (co pseudónimo Stow Kiwoto Lumen) e iniciábanse en Akal as Obras Completas do escritor de Celanova, prologadas por Alonso Montero e con debuxos de Xaime Quesada (saen nese ano os dous primeiros volumes). Outros libros poéticos do ano foron Paso soa de luz, de Miguel González Garcés, publicado por Adonais en versión bilingüe; Non vexo Vigo nin Cangas, de Bernardino Graña (quen dende 1966, con Profecía do mar, non publicara novos versos), na colección Val de Lemos da monfortina Xistral; Oriolos neneiros, poemas de Dora Vázquez, e Vento antergo, de Luís de Souza. No campo do ensaio rexistremos obras como Lembrando a Castelao, de Ramón Piñeiro (...)
5 comentarios:
¡VAGALUMEEEEEEEEEEE!
Mamma miaaaa
¡Cantos anooooooossss!
¡A mín dábama a ler o cura da miña póboa! ¡prestábama despóis da catequésis!
¿O da foto é o Casares escritor ou o irmán médico? Abofé que parece o segundo...
¿Oriolos neneiros?
¿Oriolo refírese ó paxaro que en latin é oriolus? (español oropéndola)
Na miña aldeia chamábanlhe verdegaio ou tamén "paxaro dos cuartos",por que no seu niño (tecido) aparescian ás veces billetes...
Imaxinen vostedes,nos anos da fame,rapaciños buscando niños por se neles aparecían cuartos...Ou que algún os atopase,daba para unha boa historia...
Tes toda a razón, XDC. O da foto é Carlos, co seu fillo Hakan, de neno, a carrelo. Pero con barba é idéntico ó seu irmán Xavier, o médico: cousas da xenética, que non deixa mentir nestas cousas. E Vagalume!!! Si, semella xa a prehistoria deste país. Ben merecería, polo que todos lle debemos, unha gran Homenaxe e unha reedición (mesmo en forma de reedición facsímile e crítica, sen dúbida).
Nese ano, en noite ben especial, ceei eu onda ese home, o neno e maila nai. Xa foi relatado aquí.
Publicar un comentario