9 jul 2007

SALVAR OS NOSOS MICROTOPÓNIMOS
(Imaxe de Van Dyck)

O pasado mércores (novembro 2005) uns 30 escritores do PEN Clube tivemos a oportunidade de cear en Compostela coa nova conselleira de cultura, Ánxela Bugallo. Foi un encontro agradable e no transcurso do mesmo houbo un longo debate lingüistico, no que Gonzalo Navaza, Xavier Alcalá e Méndez Ferrín luciron toda a súa riqueza dialéctica para defender a urxencia de salvar os nosos topónimos e microtopónimos (que sucede coa Comisión de Toponimia, seica parada? ), así como as formas máis galegas dos apelidos, tamén en perigo de desaparición.
E foi nesas cando Navaza, sabio en tantas cousas, contou o que segue. Cando se bautizaron as rúas e viais do novo Campus de Vigo houbo un debate entre os que querían manter os microtopónimos antigos, de carácter rural, e outros que preferían buscar nomes novos de científicos do mundo. Entre estes estaban algúns profesores da área tecnolóxica que se negaban a recuperar o nome de “Porto de Bois”, isto é, un vao ou paso de vacas e bois que había naquel lugar. Alguén dixo: home, con ese nome, se ven un inxenieiro de Inglaterra ou dos Estados Unidos, vaia vergoña! Pois si, dicía Navaza, sobre todo se chega un catedrático de Oxford, topónimo que significa, mira ti, “Porto de Bois”.


P.S.: Encontrei no arquivo esta foto daquel encontro, tomada cando se ía xuntando a xente. Faltan moitos dos asistentes pero están no retrato colectivo Miro Villar, Luis G. Tosar, M.V., Marilar Aleixandre, Modesto Fraga, Helena Villar, Tucho Calvo, Xavier Alcalá, Carlos Mella, Xavier e Xavier Seoane. Despois engadíronse Méndez Ferrín, Gonzalo Navaza, Luciano Rodríguez, Xosé Mª Dobarro, Miguel Anxo Fernán Vello e Bieito Iglesias, entre outros.

12 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Este artigo é unha Andoliña publicada en GALICIA HOXE o 25-XI-2005, antes de saír o blog. Hoxe lembreime del e acordei recuperalo porque a anécdota que conta é ben atinada e simpática. Creo eu. Dedicada ós profesores da Universidade de Vigo que se achegan por esta casa (cónstame que uns cantos...).

Anónimo dijo...

Os topónimos son verdadeiros tesouros de információn codificada de todo tipo,sabédelo bén.Senón perguntarlhe ó Elixio Rivas Quintas...

Mr Troll Paúl

Anónimo dijo...

A mín o que me gusta de Oxford é esa pelexa que fan todolos anos entre os estudantes e os dos bares pra repetir unha tál histórica pelexa de non sei cándo...
Mr trol ágrafo

Veloso dijo...

Tiven a honra e o privilexio de ser alumno de Gonzalo Navaza. É un sabio, un verdadeiro mestre. Alégrome de saber que mantén o bo humor.

Anónimo dijo...

Dar clase na rúa das cumieiras é o que ten.

Anónimo dijo...

Xa se sabe como é a xente da Universidade ..... e aínda mais naquelas onde predominan titulacións como as enxeñerías ou o ámbito económico-empresarial...

Por certo as posicións da xente da Facultade de Filoloxía e Tradución (Navaza,Quique Costas..) serviu para que investigadores do campus completaran a microtoponimia das Lagoas-Marcosende, recollendo as denominacións non incluídas no mapa do campus recoñecido polo Concello de Vigo e aprobado no seu día

Anónimo dijo...

Xa era tempo, amigo Descrido: por onde andaba?

Anónimo dijo...

Recomendo a lectura do libro públicado por Gonzalo Navaza sobre fitotoponimia. Está publicado na Barrié e pódese baixar gratuitamente visitanto a páxina da Fundación.

Anónimo dijo...

Apreciado arume, non podo xustificar a miña invisibilidade, simplemente, polas datas ou polo que sexa, estamos nese tempo no que un non ten lugar que lle sexa propio e atopase cómodo sendo ave de "extramuros" (Valente).

Anónimo dijo...

Para iso a xente de filoloxía estuda os topónimos e os microtopónimos: para que todo o mundo saiba onde se atopa.

Anónimo dijo...

Eu pensaba que simplemente un estudaba esas cousas "por que si"; aínda que xa sabe aquelo de que non se debe de confundir o coñecemento do útil coa utilidade do coñecemento. Terei que ir mais a miúdo pola Universidade para atoparme, seguirei o seu consello

Anónimo dijo...

Un asunto que me gosta moito é o dos topónimos pre-latinos.Tenho algún libro sobre eso pro non séi se hai algo recente...
A importancia dos topónimos coma fonte de imformación ponse de manifesto hastra en moitas novelas de detectives.Incluso deben de saber que Sherlock Holmes era aficionado ó seu análisis...

Mr TRolh ágrapho