18 sept 2007


Cidadanía (entrada n.1100 do blog)
Pan por pan martes 18 setembro (Na imaxe, Santa Águeda, de Zurbarán)

Disque, malia o barullo mediático, foi un fracaso a campaña contra a Educación para Cidadanía: os promotores da obxección contra a mesma só recolleron o apoio de 84 pais entre os douscentos mil posibles. En cambio xorden voces, mesmo entre os opositores, para “adaptar” esta nova materia ós idearios, por exemplo, dos colexios relixiosos. Nalgures lin que estes propugnaban incluír a vida dos santos no curriculum real, o que logo se dará nas escolas, da EPC. Aló cadaquén, pero vexo difícil que os mozos de hoxe cheguen a identificarse cun San Sebastián, aseteado por axudar ós cristiáns e logo botado ás cloacas; ou con Santa Lucía, violada e torturada, para logo arrincarlle os ollos; ou con Santa Águeda de Catania, á que lle cortaron os senos cunhas tenzas. Sinceramente, eu preferiría unha cidadanía un chisco máis tranquiliña, con menos dramatismo e menos mártires.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Qué curioso,eso de incluir biografías no ensino.
¿Quén pode ter unha vida-modelo en tódolos aspectos pra servir de exemplo? ¿Quén pode ser admirado por todos sen excepción?
(Busco un home,que dixo Diógenes)
(ou unha muller,engado eu)

Anónimo dijo...

E San Simón Estilita, que pasou a vida subido a unha columna. E todos aqueles que xa non mamaban o Venres Santo... Serían mellor para a aula de Literatura no apartado de Literatura fantástica.

Anónimo dijo...

Unha boa páxina web sobre haxiografía: Foro católico
Pero para isto das vidas de santos: a da Universidade de Oviedo (coa Lenda Dourada, de Iago da Voráxine como principal axuda):
Coordinación da Edición de Hagiografía Castellana

Anónimo dijo...

"A Lenda Dourada" é un libro fascinante e precioso, do que hai unha edición en castelán moi boa en Alianza Forma. É ben sintomático que os de Alianza incluísen o libro na súa colección de arte, pois é aí onde hoxe teñen máis utilidade as vidas dos santos, fonte e asunto dunha parte susbtancial da mellor pintura de Occidente. Como tema para EpC non acabo de velas, tal como sinala o señor Valcárcel. Mesmo pode rematar a cousa en cachondeo, entre a escatoloxía e o "gore". De todos modos, ¡que enganados nos tiñan os ultracatólicos! Eu, inocente como son, crin no que dicían de que había non sei cantos miles de "obxecións de conciencia" á polémica materia. E ao final resulta que son só 80... ¿Haberá que lembrarlles que mentir é pecado?

Anónimo dijo...

As ilustracións da edición de Alianza teñen en efecto notable interese, igual tanto ou máis histórico e social ca artístico. Pero dificilmente as haxiografías do de Varazze constituirán referencia precisamente cidadá neste tempo.

Ora ben, hai outras posibilidades. No 1264 aínda non nacera o simpático Felipe Neri.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Claro, nin todos os santos que veñen despois de Trento, a maior parte españois e ben relacionados, como Felipe Neri, coa sociedade de Xesús.
En todo caso, e, como ando de recomendacións, na biblioteca virtual da BN de Francia poden consultarse varios exemplares das lendas douradas en forma facsimilar: http://gallica.bnf.fr/

Anónimo dijo...

Dille unha muller a outra:
-O meu home é un santo
Responde a outra:
-Sorte que tés,o meu aínda vive.