28 dic 2007


Das emocións dos animais
Andoliña venres 28 decembro

Emocións animais: diso tratou un dos documentais da Dúas de onte. Hai anos os científicos só admitían o concepto de instintos e negaban a existencia das emocións no mundo animal, isto é, accións nacidas no cerebro, ás veces imprescindibles para a supervivencia. Por exemplo, o medo. Sen o medo a propia especie humana non estaría aquí. Estas emocións animais poden cambiar co paso do tempo: unha proba con corvos amosa que de novos se deixan levar pola emoción da curiosidade e proban todo tipo de cousas novas; xa adultos, tornan en neofóbicos, por prudencia teñen medo a comer cousas novas.

E falábase tamén no documental de cobiza ou de altruísmo como motores de comportamento animal. Ou de como o compartir emocións positivas e negativas (entre elas, a ira, a cólera, a dor) é o que permite convivir a moitos individuos nun grupo social. Ou da práctica habitual nos chimpancés de compartir o alimento para devolver favores anteriores. E como asocian o pracer da comida co da sexualidade.

En fin, cousas todas de grande interese, cando menos para min: a esa hora da tarde, ben relaxado diante do televisor, apréndese tanto sobre o ser humano vendo o que fan todos estes bichiños!

(Imaxe de William Wegman, o fotógrafo dos cans weimaraners e do seu querido Man Ray. "Cuando el hombre era perro", de Ángela Molina, en El País 2003, unha interesante achega ó labor deste singular fotógrafo).

13 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu sigo, dalle que te pego, con Komrad Lorenz e o seu "O home atopóu ó can". Clásico e delicioso. Cantas veces o lembro, ó ver os pobres cas antropomorfidados da cidade.

Pinchar

Anónimo dijo...

É mesmo certo o que di o señor da Coba: Os cans "de cidade" teñen algunha cousa de artificioso, de rutina cativa e preguiceira... E alégrome pola normativa que impón o aparvamento dos marráns antes do sacrificio, e continúo sen comprender a falta de sensibilidade cos touros na infelizmente chamada "Fiesta nacional".

Anónimo dijo...

Vaia! Julio Medela, de Lobeira, por eiquí!
Sei que Lobeira tén unha rede de "axentes secretos de Lobeira" infiltrados en todas partes. Pero esta vez visítanos un axente nada secreto dese concello! Saúdos!

Anónimo dijo...

hahahahaha
É certo, Lobeira foi territorio foral, case unha república...
Aínda conservamos servizo secreto, mais un servidor, que non gusta nada desas institucións, admira "secretamente" este blog desde hai tempo.
Moi bo o comentario, sr. da Coba. Aínda ben que nos queda bo humor.
Cumprimentos.-

Anónimo dijo...

Eu non teño can. Hai que ser demasiado coherente con ún mesmo pra poder telo. Un can é un "termómetro das incoherencias do dono".

Anónimo dijo...

Eu soñéi unha vez que me despertaba convertido nun can que se chamaba Gregorio .

Anónimo dijo...

As emociós humanas son clasificadas de xeito bén diferente según as culturas e as épocas. Mesmo as distintas línguas dan conta dos diversos xeitos de percibir o que sentimos. O mero feito de "verbalizar" emociós xa as desnaturaliza. As emociós dos animáis imaxinámolas atopando semellanzas entre a súas conductas e a nosas, e supoñendo motivaciós semellantes pra elas. Pero posiblemente atopamos as semellanzas que buscamos ("vemos o que queremos , ou podemos,ver"). E da diferencia entre as motivaciós, xa mellor non falar.
Penso nesto mentras imaxino o xeito tan diferente que teñen un "urbanita" e un home rural de imaxinar os pensamentos dos animáis domésticos.

Anónimo dijo...

Ben, señor da Coba, había que remontarnos a Fritz Krüger, que en +- 1920 ficou abraiado co arcaísmo dos habitantes de Lugo, Ourense e Braga. Tamén non creo que vallan agora os habitantes de Lobeira (xubilados anticipados, etc) como representantes do mundo simbólico rural.
Tal vez pensen de maneira diferente unha empregada doméstica de Los Angeles e un madeireiro da República de Tatarstan... Como exemplo de urbanitas vs. rurais.
Evidentemente, as emocións animais son "etic". Como nos imaxinarán eles a nós??
E que haberán pensar de nós eses sucios e desprestixiados talibáns, cando saiban que comemos quente e ata nos fartarmos tres veces por día e que abandonamos os pais nas estacións de servizo por non sabermos qué facermos con eles???
E falando de animais, penso que os canciños "de cidade" teñen unha relación impropia cos amos, que é a de proporcionaren compañía. O ser humano quere compañía humana. Os animais, tradicionalmente, deben servir de alimento, protección, garda, alerta, pastoreo ou deporte, mais, honestamente penso que independentemente do cariño que se lles profese, os humanos deben compartillar amor, amistade, lealtade, desexo sexual, honor, admiración, etc. E nos animais chamados de compañía, os roles confúndense, e en caso de aparecer algún conflito, sempre saen perdendo os máis débiles.
Cumprimentos.-

Anónimo dijo...

Máis que compañía, o que buscan moitos donos urbanos de cas é sentirse deuses ante alguén. Sábeno os psicólogos: sentímonos mellor se non nos vemos como o derradeiro eslabón da cadea.
Vótelle unha ollada coas súas pupilas ás terras de Lobeira da miña parte,Julio Medela. Paséi algúns momentos inolvidables por aí, fai anos.

Anónimo dijo...

E, xa que a cousa vai de cás, fálenos do Castro Leboreiro. Esa localidade portuguesa,non lonxe da súa, que da nome a unha recoñecida raza de cás.

Anónimo dijo...

Coñece Lobeira, sr. da Coba???
Coñece a serra do Leboreiro???
Coñece o principio do mundo???

O río Fragoso, o planalto do Leboreiro (do xermánico latinizado Leoveredus, non de Lepor-oris), a pedra de Anamán (do paleo - europeo "Annwm" {"O Alén"});
tal vez as maxestuosas vistas de Penagache;
a interminábel estepa de carqueixas e uceiras; as brandas crastexas da Seara e Portos; Baldemir, e as vellas cabanas onde eran abandonados os vellos para alí seren devorados polo lobo; a Fraga, onde o se fala como no século XII... Por fin, o marco 31, o Corno Dourado, onde en día claro se dexergan no lonxe os redondos cumios dos Ancares, se cadra o Teleno?? E cando o ollar saudoso se dirixe para o sur... Alá no lonxe... Tal vez... Podía ser... Un parque eólico... Guindastres??? ... Casas!!! Algunha cousa brilla... Si. Si. É certo. Viana do Castelo. O mar.

Cumprimentos aos señores Da Coba e Valcárcel.

Anónimo dijo...

Coñezo Lobeira perfectamente, Sr. Julio Medela. I eses lugares que nomea. E moita xente de por alá. Aparte do que aprendo por ler no seu blog, claro...

Anónimo dijo...

Este séu último comentario está xa impreso e metido na bolsa dun telescopio terrestre que compréi nos chinos, pra cando veña un fin de semana soleado e con ceos craros.