Pelerinaxes
Un contertulio desta casa pregúntame por que Galaxia non ten publicadas as obras de Otero Pedrayo, Pelerinaxes e Do San Lucas ao San Xoán (Sazóns de Compostela). Polo que respecta á primeira podo informarlle que Ediciós do Castro reproduciu en 1993, en edición fascsimilar, o orixinal de 1929, cunha breve nota previa de Marta González.
Aproveito a ocasión para rescatar unha vella Andoliña (17.9.04), na que falaba deste libro:
PELERINAXES, DON RAMÓN E O XAMÓN
A sección de Efemérides dun xornal galego lembra que se cumpren nestes días os 75 anos da aparición de “Pelerinaxes”, de don Ramón Otero Pedrayo, publicado pola Editorial Nós na Coruña en setembro de 1929 (hai unha reedición facsimilar de Ediciós do Castro en 1993). Foi aquela a crónica da viaxe que en sete xornadas fixeran, desde o 7 de xullo de 1927, don Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e “Ben-Cho-Shey” desde Ourense a San Andrés de Teixido, cruzando a Galiza central. En total 233 km. dos que fixeron a pé 146, porque don Ramón mancouse nun pé e para o resto acudiron ao coche e ao cabalo.
O libro é unha pequena xoia da nosa literatura de viaxes, cun interesante limiar de Vicente Risco e uns deliciosos debuxos da súa man. Pervive toda a forza das mellores prosas oterianas, que reflexiona sobre a filosofía do camiño e a necesidade de “sentir o decorrer, o devenir, o “elan”, os grados de perfeizón, etc., é propio das filosofías ceibes, imaxinativas, sentimentás. Nelas a fixeza somentes representa un caso fuxitivo nun istante de tempo. Camiñando rexurden tódolos momentos hourizontes novos. Unha serra vibra como un ser vivente na su pele; sentimos pasar un río coma unha forza, non como unha cousa que corre. N´hai un paisaxe feito definitivo e formado”.
Este podería ser un dos nosos grandes roteiros culturais. Cando se faga, hai que poñer unha placa en Monterroso que lembre a “cea feudal” dos camiñantes e os versos de don Ramón: “Groria do porco, frol da invernía,/ Sona da casa, lapa da carne./ Xamón”.
21 comentarios:
Esa poboación que aparece na ruta, Viana, non me dóu conta cal é.
Perto de Chantada.
Pois nada, nada. Haberá que repetir a ruta. Sobre todo polos percebes no restaurán a carón da igrexa, á que xa fun varias veces "de vivo". O da miga de pan na fonte dame igual. E a herba de namorar, tamén. Percebes, percebes. E Viño.
Tamén sei dun bó restaurán en Cariño, perto. E o que está a pé de praia en Bares, tampouco está mal.
E así tamén podo ver cómo quedóu a lagoa "ecolóxica" esa das Pontes. O enxeñeiro encargado da reconversión "ecolóxica" é amigo meu. A ver que fixo ese carallo. A ver se están xustificadas as conferencias sobre o tema que anda dando por ahí.
Pois polo que di Otero está despois da serra do Faro e é un pobo que pertence ó concello de Carballeda de Chantada.
O que despistou ao contertulio (como tamén me despistou a min) é ese "I" do título: "Pelerinaxes I", pois deixa entrever que houbo ou hai un volume "II", cando menos, polo que a obra non estaría rematada.
Por outra banda, se é certo que hai contos de Otero aínda inéditos, eu non sei a que esperan as correspondentes entidades para publicalos. Ou consideran que son impresentábeis pola súa baixa calidade? (digo eu, por dicir algo)
Marcel Swann
Vaia por diante o meu agradecemeto ó señor Valcarcel pola súa resposta.
Marcel, ten vostede toda a razón. Coñezo a existencia dese libro e, efectivamente, pensei iso mesmo cando vin o (I)
É certo que hai contos aínda inéditos. O outro título está mesmamente no libro Ramón Otero Pedrayo, da autoría do propio Valcarcel, publicado en 1988, centenario do nacemento de D. Ramón (non estou moi certo, pero penso que na editorial Ir Indo) e foi precisamente de aí de onde saquei o dado.
Por outra banda, 'as correspondentes entidades' son Galaxia, que ten os dereitos sobre as obras de Pedrallo (e de moitos outros clásicos) e do señor de Trasalba concretamente porque foi el propio o presidente desa editora até a súa morte, en 1976.
Finalmente unha consideración que coido que non é menor: as edicións da maioría das obras de R.O.P. son dunha calidade ínfima (por dicilo dun xeito suave) porque escarallan os textos do autor ó pasaren @s seus/súas 'corrector@s o 'turmix' do estándar ortográfico do noso idioma (versión ILG) que é, como se dixésemos, que hai que ver as películas, orixinais en branco e negro, coloreadas por ordenador. Eu a iso chámolle 'prostitución'
Nótase que vostede, Marchulenis, non leu as obras "en idioma orixinal" de Otero Pedrayo.
Tal como son fanse bastante difíciles de dixerir para un lector "normal", e non facer uns mínimos cambios implicaría que fose aínda moito menos lido polos galegos.
Non lle vexo eu moito problema a que no canto de "espeutros" se poña "espectros" ou en vez de "eisprotadores" se poña "explotadores", por citar só dous exemplos tirados ao chou de Arredor de si, A Coruña, Nós, 1930, pp. 79 e 106.
Outra cousa diferente é discutir se nalgunha adaptación concreta se puideron pasar de rosca, que sempre debe respectar o máximo posible o orixinal.
Así pois, eu non lle chamaría a iso "prostitución", que me parece unha palabra inxusta, excesiva e que di ben pouco de quen a profire.
Para MARCHULENIS:
o libro que vostede cita, de 1988, publicado efectivamente en Edicións Ir Indo, é da autoría conxunta do historiador XOSE RAMÓN QUINTANA e máis este cronista. Que conste como tal, en honor á verdade.
Non podo máis que concordar con Apicultor. Nefeuto, as obras eiscribidas por Outeiro Pedraio están correxidas pr´a as faguer algo mais lexíbeles prós leutores, sin qu´isto baste pr´alteirar o cerne nen práiticamente nada sostantivo da prosa outeiriá. Proistituizón parésceme tamén vocábulo mui eisaxeirado para cualifecar as correuccións galaxiás.
Non digo eu que haxa que sacralizar a escrita de Don Ramón (ou doutros autores) pero paréceme a min que hai unha cousa que se chama 'criterios de edición' (por exemplo, a que eu chamo 'biblioteca gris' (que xa non é gris) de xerais, si que os utiliza, cando fai publicacións de obras con estudo crítico). Non, non me parece de recibo poñer as obras de Pedrayo en galego estándar.
Collan, por poñermos un exemplo, a 'edición' que fixo Galaxia de 'O mesón dos ermos'. A min daríame vergoña facer unha edición así, e, ademais, sen edición crítica, sen autoría das 'correccións', sen enumeración de criterios (?) de edición.
Está claro que lin a Pedrayo en orixinal, son licenciado en filoloxía galega.
Certamente, ten vostede toda a razón, señor Valcarcel. Imperdoable pola miña parte esquecer ese dado.
Se vostede, Marchulenis, di que leu a obra de Otero Pedrayo en "idioma orixinal", non teño ningún problema en crelo. Pero o creo pola súa palabra, non porque sexa licenciado en filoloxía galega, pois é evidente que tal circunstancia non é conditio sine qua non para obter dita licenciatura.
Ten vostede razón, Apicultor.
Eu non son filóloga e nen quito nen poño rei, pero polo que di Marchulenis e aplicando o sentidiño xuraría que non é correcto modificar un texto, sen o consentemento do autor (que neste caso non se pode obter a menos de contar cunha boa medium) e sen unha mínima explicación, expoñendo os criterios seguidos e xustificando as solucións adoptadas. (Son das maniáticas que lemos toda a letra pequena, bibliografía incluida).
Non lembro agora, se ir procurala, se a edición desa obra en concreto está "mal adaptada" e se non dá explicacións das opcións elixidas.
Eu xa dixen que: "Outra cousa diferente é discutir se nalgunha adaptación concreta se puideron pasar de rosca, que sempre debe respectar o máximo posible o orixinal". Pero manteño a maior.
Eu creo que, a este respecto, nón hai un criterio editorial único. E está ben que así sexa. A necesidade dunha "edición crítica" -que non sempre é posible- non anula que se poidan facer tamén edicións "demóticas", por así chamalas. A colección literaria de Galaxia non é unha colección filolóxica e ten pretensións de dirixirse ao público lector xeral, non só aos estudiosos de Otero ou aos filólogos. Polo que lembro, ademais, hai algunhas edicións de Otero nesa colección, as que se fixeron ao principio, como a de "Devalar", que están ateigadas de notas, maiormente innecesarias, segundo eu o vexo. Pero "Devalar", ao fin e ao cabo, é unha novela que non van ler máis que os adictos a Otero. Porén, no caso dunha antoloxía da narrativa breve de Otero, destinada a actuar como unha especie de introdución ao conxunto da prosa oteriá, vexo perfectamente lóxica e necesaria a súa normativización e un uso moi prudente das notas de carácter lingüístico e filolóxico.
A filoloxía debate entre modernización de textos e conservación no referente á edición crítica. En cadanseu caso o filólogo está obrigado a explicar os criterios, porque non sempre se trata dunha modernización completa ou dunha conservación completa. As decisións adoptadas, se veñen acompañadas dunha especificación dos criterios, son sempre benvidas. Criticables, pero razoadas.
Pero falamos de edicións críticas, destinadas case a profesionais. Cando traspasamos o ambiente académico e entramos no ámbito editorial de divulgación, os criterios necesariamente varían. Porque entran outros factores (como a lexibilidade para xente afeita a unha norma lingüística) tan lícitos como os empregados para a construcción dunha edición crítica.
Todo esto, sen entrarmos en consideracións sobre anotación. Porque entón os editores vólvense tolos e non aceptan máis cás imprescindibles, ou sexa un número que tenda o máis posible a cero. E lermos algún autor, mesmo do ano 2006, sen notas é todo un reto intelectual, ás veces insalvable.
Esta mañá ía engadir aquí un comentario e esquecino: agora non ten moito sentido porque coincide, cento por cento, co asinado por Leituga. Pero aí vai:
Normalmente as correccións da lingua de Otero son norma da editorial, en concreto, de Galaxia, que ten os dereitos. Eu mesmo fun culpable nunha ocasión (a reedición de "O libro dos amigos") e caéronme algúns paus por iso, supoño que xustificados. É un problema de rexistros: non é o mesmo unha edición crítica para público especializado ou universitario que unha edición divulgativa para o alumnado, por exemplo. Aínda nesta pódense incluír unhas notas de edición, iso si estaría ben. Pero a lingua de Otero está cambiada moitas veces dende as edicións orixinais, tamén por Galaxia no seu día. Ademais, non esquezamos que nos seus textos mesmo hai erros de imprenta e alguén pensa logo que son cousa de estilo (como el podía inventar palabras e retorcer a lingua ó seu gusto...). Nun sistema normalizado, deberían convivir as dúas edicións, a dos estudosos e a do gran público. Precisamente para facilitar o acceso deste ás súas obras. Cabe engadir que con Otero (ou con Blanco Amor ou con Fole) hai que ir con moito: non se pode entrar a normativizar cunha padeadora ou algo así, por suposto.
E, na liña do que di Arume, na literatura española dos clásicos, poñamos do século XVI ou XVII, non se plantea ese problema: as edicións escolares non respectan os orixinais daquel tempo nin moito menos. E ninguén se tira dos pelos, non?
Totalmente de acordo. Facer ler aos estudantes, sobre todo aos de primaria, os textos da maioría dos galeguistas históricos sen unha correción morfolóxica é facerlles pasar un suplicio innecesario (no caso de Otero, un pouco de correción sintáctica non viría tampouco mal, de feito: eu canso moito da prosa oteriana, sobre todo se se compara coa máis limpa e natural de Castelao). E se se queren crear lectores, e máis aínda en galego, coido que hai que achegar os clásicos ao grande público.
Mudando de terzo, amigo Marcos: Leu alguén o libro de memorias de Ceferino Díaz que foi presentado onte en Compostela, na coleción "Memoria" de Galaxia? Abofé que ten boa pinta. Se alguén o leu, estaría ben comentalo nun post á parte.
Con iso de manter a "fidelidade" ao texto acontecen ás veces cousas ben curiosas. Eís o caso de Otero.
Nunha vella edición incompleta das súas colaboracións en El Pueblo Gallego, nun dos artigos seleccionados, a antóloga, levada por ese afán de respectar absolutamente o texto, reproduciu literalmente a referencia nominal que o de Trasalba facía a un tal Frend, con n. E, en efecto, así apararecía no xornal vigués.
Pero resulta que ese tal Frend non existiu nunca e que, lido cun mínimo de atención o texto, é máis que evidente que Otero se estaba a referir a Freud, con u.
O choio é que Otero adoitaba remitir a man os seus artigos, e que na súa caligrafía n e v son moitas veces indistinguibles. O compoñedor do texto na redacción do xornal non tiña porque entender o texto, senón transcribilo como mellor podía. El leu Frend e puxo Frend.
Moitísimos anos máis tarde, a antóloga volveu cometer o mesmo erro sen deterse a pensar sobre a congruencia de que aparecese un fantasmal Frend nun texto que quedaba incomorensible con tal mención.
Otero falaba inequivocamente de Freud, e iso nótase até no propio título do artigo, ademais de no seu contido.
Paradoxos do "respecto"! (e do labor dos filólogos e dos estudosos da literatura)
Coa deformación profisional inevitable, tamén convén indicar se estamos diante dunha edición escolar ou divulgativa. Ou sexa: que procede dunha revisión e reforma do texto orixinal. Porque os límites da reconstrucción ás veces tamén se sobrepasa. Sería necesario mesmo un copyright específico para o refacedor do texto.
Según teño entendido as traducciós tamén están suxetas a certos dereitos de propiedade intelectual. Por qué non as "refeitas".
Publicar un comentario