2 abr 2007


Chámanlles “makeover”.

Ou programas que poden contribuír, mira ti, a mellorar a calidade de vida. Levan xa varios anos arrasando nos Estados Unidos e en Latinoamérica, despois de que pinchasen os “realities” máis tradicionais tipo “Gran Irmán” ou “A casa da túa vida”. E chegan a España, con retraso, cando aquí tamén está a caer a audiencia deses programas que moitos chamamos Televisión Lixo. O que chega non é mellor: a cadea estadounidense ABC ten dende o 2002 un programa chamado “Extreme makeover” sobre o cambio físico radical das persoas: xa ven de onde se copiou o formato de “Cambio radical” (Antena 3) que tantas queixas provocou nestes días de médicos e consumidores.
Xa Otero Pedrayo escribiu nos anos 20 do pasado século sobre “o culto ó corpo”, pero don Ramón non fixo ciencia-ficción e nunca imaxinou algo tan endiañado como persoas que se prestan a ir á televisión para que lles cambien o seu físico mediante a cirurxía estética e así “endereitar a súa desastrosa vida”. Os reclamos do programa son frases como “Podré reír”, “Mi pareja no me dejará” ou “Por fin bajaré a la playa con mis hijos”, xogando sempre coa escasa autoestima de moitas persoas para montar o espectáculo arredor das súas miserias.
A min todo isto lémbrame “O home elefante” e “A muller barbuda” nas barracas de feira. Nos Estados Unidos xa triúnfan “makeover” onde buscan persoas que sufriran unha desgraza, que perdesen a súa casa por un incendio ou un furacán, para facerlles unha nova casa e mellorarlles a vida. Canto nos gustan os contos de fadas! En fin, xa saben, a televisión que virá: todo é cuestión de tempo.

11 comentarios:

Moralla dijo...

Destrutivamente (auto)destrutivo e destrutor. O Imperio (contra)ataca.
Makeover, Gameover!
A túa autoestima depende de EE.UU!
Globalízate! e vencerás!
He-man he-man he-man!!
que asco

Moralla dijo...

Noraboa polo post

Mr Tichborne dijo...

e logo a da concursante que estivo 3 días na UVI, porque non lle fixeron as probas de tolerancia a anestesia, e non avisaron á súa familia ata dúas semanas despóis. Xa roza o penal.

Ana Bande dijo...

Benvidos ao deserto do real, Zizek dixit, esto é o que hai, baleiro cerebral absoluto consecuencia do desprestixio do humanismo e do culto ao espíritu. Esta éche outra consecuencia máis desta cultura do envoltorio que nos dirixe...esto sí é pura pornografía e non o do catálogo polémico con imaxes eróticas de Xesús, a Virxe e compañía. Eu non aturei moito ese programa, tiven que cambiar de canal ao ver a cara que lle quedaba a filla dunha "concursante" cando mirou a que debía ser súa nai. Coma sempre, atopei neste teu espazo un chisco de consolo perante tanta estupidez. Parabéns, coma sempre.

Silvio Falcón dijo...

"Cambio Radical" é o que necesita Galiza Nova, dende logo, despois da súa Asemblea Nacional (incidentada, cando menos).

Gustaríame saber a vosa opinión ao respecto.

http://eu-e-galiza.blogspot.com/2007/04/habemus-secretaria.html

Unha aperta!

Anónimo dijo...

A verdade que a televisión en xeral empeza a ser tan estraña ao meu tempo de lecer que de non ser polas protestas que logo apareceron na prensa nin me decataría da existencia do susodito programa. Baixo o argumento hipócrita de facer feliz ás persoas só se esconde o desexo de gañar audiencia e polo tanto de gañar cartos. Nos podémolo criticar canto queiramos, o importante é que non o fagan os accionistas de Antena 3. Por certo, en El Pais vin que ao lado do anuncio ese sobre o programa viña outro nunha páxina enteira sobre Corporación Dermoestética ¿simple casualidade?.

Anónimo dijo...

Magoa que non exita un programa na televisión no que transformen asasinos e malas persoas en BOAS PERSONAS. Magoa que non exista un programa na televisión que transforme dictadores, destructores da democrácia en DEMÓCRATAS. Magoa que non exita un programa de televisión que transforme o mundo en POESÍA.

MAGOA.

Anónimo dijo...

Y os parece ilógico el éxito de estos programas, cuando sobre todo a las mujeres, se nos exige una talla 38, unas piernas larguísimas, pechos de 95 o más, etc, etc, etc.

Marcos Valcárcel López dijo...

Obviamente, amiga anónima, estes programas teñen un éxito "lóxico" na expresión maquiavélica dos programadores: primeiro, creamos as necesidades: a obsesión co corpo perfecto, o endeusamento "dun" modelo de beleza; e logo, vén o resto, vale todo para chegar a iso. Dende dietas case asasinas a programas-lixo e humillantes coma este. Por certo, algunhas voces moi críticas con outros contidos (velaí a Igrexa e os conservadores coa súa denuncia da pornografía) semellan moi calados ante estes bodrios, que para min son, "espiritualmente", aínda máis infames. Saúdos tamén a todos/as os/as compañeiros/as que participaron no fío: Moralla, Mr. Tichborne, Xavier, Ana Bande e Silvio Falcón.

Anónimo dijo...

Corporación Dermohistérica, quererás dicir, Xabier.

Anónimo dijo...

Tal como o contan, ese programa debe ser abominable, un compendio de todas as nosas -a sociedade!- simplezas, angueiras, valores, complexos e traumas. En suma, da tiranía da beleza elevada a impúdica ostentación catódica: o reino do "ostentóreo".

Agora ben, hai un fino fío entre a crítica social e cultural e a pudibunda e escandalizada posición puritana. Fino fío que moitas veces traspasamos con pasmosa tranquilidade e sen decatármonos. Eu o primeiro, que conste.

Porque imos ver.
En base a que criterios predicamos que a cirurxía estética está "ben" nuns casos e noutros está "mal"? Cal é punto exacto da "moderación" e cal o do "exceso"? Onde se sitúa ese arcano chamado "sentido común" nesta cuestión?

Non quedamos en que vivimos nun mundo constitutivamente plural, heteroxéneo, de individuos autodeterminados e libres? Ou é que pensamos -así de simple- que vivimos nun mundo alienado e que as persoas son uns monicreques inermes a mans de poderosos poderes e que só uns poucos -qué curioso: precisamente nós- son quen de discernir e de substraerse as súas diabólicas tentacións?

Pero non teman: non penso facerme ningunha operación "dermohistérica". Mais teño que recoñecer que un par de retoquiños non me virían nada, pero nada mal.