OS POLÍTICOS QUEREN SER XENTE
Andoliña 24 maio (Imaxe: Dona en camisa, A. Derain)
Andoliña 24 maio (Imaxe: Dona en camisa, A. Derain)
Desta campaña electoral, a diferenza doutras anteriores, deduzo dúas novidades. A primeira, a riqueza de medios que exhiben todos os grandes partidos: os dous que cogobernan no bipartito e o principal da oposición. Todos seguen unhas estratexias xerais que se cualificarían non hai moitos anos como un exceso de electoralismo: ata a contratación, mesmo no BNG, de figurantes mozos para un mitin.
A miña segunda conclusión é que os políticos queren ser xente do común. Verán. Escoitei hoxe na radio este eslogan: “Vota PP, o partido que máis se parece ós galegos”. Creo que vai na liña de flotación daquel “Galego coma ti” que tantos éxitos lle dera noutros tempos a Fraga Iribarne. E os nacionalistas, cando menos en Ourense, o mesmo: levan días a dicir que o seu candidato, Álex, é o máis parecido á xente normal da cidade. Xa o dixo Quintana e repíteo a cotío o propio candidato. E velaí a música deste mesmo grupo: “Xente que camiña...”: por certo, a mellor banda sonora da campaña, da man de Berrogüeto.
Que sucede? Vense os políticos como marcianos doutra galaxia para insistir tanto en que son xente normal? Ou teñen medo do menosprezo que as enquisas reflicten sobre a clase política en xeral?
6 comentarios:
É un síntoma do neo-populismo que nos invade. O da "xente" quen primeiro o tilizou foi a Confederación Española de Cajas de Ahorros, con aquel anuncio e aquela cancionciña de "estamos con la gente, con toda la gente, la buena gente".
E digo "neo-populismo" para diferencialo do de antano, que agora ten como últimos e deostados refuxios o "Luar", os "Tonechos" e algún que outro furancho nas Rías Baixas. O neo-populismo de hoxendía distínguese do seu predecesor en que o actual é un populismo mesocrático, dirixido xa non ao "pobo", senón á "xente". Ou sexa, a ese inmenso segmento social agrupable baixo o tique de "clases medias", que non sinala só unha situación económica obxectiva -nin, dende logo, un determinado lugar nas relacións de produción- senón tamén unha mentalidade, unhas aspiracións, uns valores básicos consensuados e un imaxinario compartido.
Na miña opinión, os políticos teñenno dificil para ser xente normal desde o momento que a política perdeu a súa inicial vocación de servicio aos demais. Ou sexa, desde que hai xa formalmente establecida unha "carreira política" e tipos que viven dela toda a súa vida como outros do taxi, da Diputación ou de mercanosa. ¿A cantos políticos coñecedes que dimitan por principios ou por ter metido a pata? ¿que terá a política que ningún deles quere volver ao taxi,a escola ou o seu antigo oficio, para desde alí seguir ca súa vida de sempre, e mesmo para facer política a outro nivel?
Non hai éxito electoral sen as clases medias, sen "a xente": por aí van as cousas dende logo. En favor do BNG, hai que recoñecer o seu pluralismo social interno (non falo do ideolóxico agora) onde tanto caben galegos de romeiría con gaitas e polbo con cachelos como "señoritos" das cidades, das clases medias, galeguizados tralo paso polas aulas universitarias. Para entendérmonos caben os admiradores dos Tonechos e os de Guadi Galego e Berrogüeto, mesmo algúns rockeiros bravús polo camiño. Neste sentido si houbo unha certa ampliación social (lembran as históricas manifestacións do BNG con labregos de Lugo ou de Ourense chegados en autobuses?)que, con todo, debe aínda medrar e asentarse, tamén cunha certa coherencia e modernización ideolóxica (como se dixo por aí embaixo, creo que APC).
Eu penso que é a ausencia de capacidade de "liderazgo", de capacidades e habilidades diferenciais e destacables dos candidatos, as que fan que os publicistas utilicen o único atributo posible: son persoas normais, e dicir non é unha opción se non que, na maioría dos casos, non teñen máis.... Fan da necesidade virtude (lembremos que o primeiro que utilizo de cheo este argumento no ámbito da política en España foi Aznar Vs González e logo tanto o mesmo Zp como Rajoy subíronse o carro..). Logo búscanse argumentos científicos para tentar de darlle visos positivos e pseudocientíficos que si neo-populismo, que si permite dar unha imaxe de proximidade (que en moitos casos non é certa como moi ben sabemos)... E para seguir cos tópicos, ademais en moitos casos seguen aquel vello dito que se estuda en publicidade "si non tes nada que dicir capaz de diferenciarte , ponlle musica e canta..."
Extraordinario por chocalleiro e sintomático o vello dito co que nos ilustra o amigo Descrido: "se non tes nada que dicir capaz de diferenciarte, ponlle musica e canta...".
Xenial!
O da "xente" está moi ben. O que non está tan ben é o "seito" en que algúns alcaldables pronuncian a palabra nos videos.
Publicar un comentario