Mostrando las entradas con la etiqueta Política Estado. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Política Estado. Mostrar todas las entradas

28 ene 2009

Cidadáns preguntóns
Andoliña 28-1-09
MARCOS VALCÁRCEL

Cando menos hai que recoñecerlle a Rodríguez Zapatero certo valor por acudir ó programa dos cen cidadáns preguntóns. A maioría das preguntas tiveron o seu interese e moi escasa condescendencia co presidente: un equipo escollido de xornalistas e columnistas non o faría mellor. Palpábase o cabreo popular, fillo da forte crise, e os convidados foron directamente ós problemas, sobre todo económicos, que afectan a boa parte da poboación. Había dramas humanos no plató e Zapatero non tiña outra que escoitar e reconfortar todas as voces queixosas.
O presidente domina a retórica e alguén lle dixo que non dese cifras nin datos para non meter o zoco: el tampouco sabe cando vai rematar a crise. Fixo un esforzado exercicio de vontade e esperanza, pero sen concretar case nada. Víuselle acurralado cando foi interpelado polos cartos concedidos ós bancos e tamén polas armas que España vende a países en guerra que non respectan os dereitos humanos. Faltoulle, nestes casos, capacidade de reacción e tamén credibilidade.
Estes programas estúdanse nos laboratorios dos partidos. Seis millóns e medio de persoas optaron por non desconectar e escoitar a Zapatero: quizais ese foi o seu maior éxito.

15 nov 2008


Cambalache
MANUEL RIVAS, El País 15/11/2008

Cuando era un ángel de la guardia y director general de la Benemérita, Luis Roldán no consiguió nunca ser entrevistado a fondo y en prime time en televisión. Ése era su verdadero anhelo. Lo intentó por todos los medios, pero sólo obtuvo displicencia. Un día tuvo una revelación. Se le apareció en sueños Alfred Hitchcock y le dijo: "Escucha, Rol, muchacho. Cuanto más elaborado sea el malo, mejor será la película". Desde entonces, se aplicó a la tarea, desarrolló lo mejor que supo lo peor de sí mismo, derrochó talento para hacer bien el mal, se sacrificó incluso en penosas orgías y desagradables dispendios, hasta conseguir, no sin alguna incomprensión en este país de la envidia, una meritoria condena de 31 años de prisión por delitos propios de una encomiable voluntad de estilo, como malversación, cohecho, fraude y estafa. Y todo por conseguir una entrevista en hora de máxima audiencia. El guión de Luis Roldán no se entiende de otra forma. Con todos los matices y diferencias pertinentes, ése es también el caso de otros esteticistas como Mario Conde o Julián Muñoz. Por fin empiezan a ser comprendidos. (...)

31 oct 2008

OPINA A RAÍÑA
ANDOLIÑA 31-10-08

Opina a raíña Sofía no novo volume haxiográfico que lle preparou a xornalista Pilar Urbano. E creo que non debería opinar porque o discurso oficial era que a nosa monarquía se caracterizaba pola súa discreción, prudencia, espírito de sacrificio, etc. E opinar de temas políticos, que atinxen ás institucións representativas, estalles vedado por principio. Sempre se dixo que en España había máis juancarlistas que monárquicos, pero non sei se a personalidade de dona Sofía participa con entusiasmo desa categoría de apoios.
É previsible, dende logo, que a raíña sexa moi conservadora, estea en contra da eutanasia e do aborto ou queira manter a relixión nas escolas. Pero debería reservar as súas opcións cando as mesmas están presentes no debate político e no foro parlamentario. Moito máis grave aínda é pronunciarse contra a Lei do matrimonio homosexual, que está recorrida no Tribunal Constitucional por un partido político.
O máis simpático do libro é comprobar a falta de empatía dos monarcas con Aznar, a quen lle reprocha a súa "expresión tan seria" fronte ás gabanzas que merecen Felipe González, Alfonso Guerra ou Rodríguez Zapatero. Si, temos unha raíña conservadora, pero ben orixinal.

18 oct 2008

Quintana saúda o acordo cun rotundo «Galiza é hoxe un país máis forte ca onte»
«Sempre tivemos unha sá envexa dous vascos e cataláns», afirma o vicepresidente


A información do apoio do BNG ós presupostos Zapatero...

Acerta o BNG? Podía facer outra cousa?

11 oct 2008


Esperanza Aguirre
andoliña 11-10-08

Primeiro caía simpática porque se facía a despistada ou a inocente cando a abordaban de súpeto os homes de negro de Caiga Quien Caiga: entraba na categoría de políticas espontáneas e algo simpáticas. Logo pasaron moitas cousas na Comunidade de Madrid, con actuacións moi lamentables no campo da Sanidade Pública. Hai só uns meses Esperanza Aguirre ensinou os seus cairos na liorta interna de poder contra Rajoy e demostrou que ía a por todas e que non tiña demasiados escrúpulos: non gañou de momento, non sei se perdeu.
Agora sabemos que ten as Universidades Públicas da súa Comunidade Autónoma a pedir por portas: reduciu o 30 por cento o diñeiro para gastos correntes, o que serve para pagar as nóminas dos seus profesores, e non solta tampouco as débedas consolidadas. Como boa neocon que ela mesma se considera, a Esperanza Aguirre amólalle investir cartos en todo o que cheire a Estado de Benestar. Ata os cárceres privatizarían, seguindo o modelo americano, se puidesen.
Por certo, que din os neoliberais desta gran treboada do capitalismo global? Nos EEUU o goberno xa fala de nacionalizar os bancos en crise: se Marx e Lenin levantasen a cabeza!

23 jun 2008


CONVERSA NUN CAFÉ
La Región 23 xuño (M. Valcárcel)

Media España estaba pendente do que podía suceder en Valencia, no Congreso do PP, remate dun ciclo convulso na dereita española. Onte mesmo escoitamos esta conversa nun café auriense.
- Que che parece? Ó final parece que o Rajoy saíu vitorioso, elixido con oitenta e catro por cento dos compromisarios.
- Ben, en realidade os congresos gáñanse antes de inauguralos e Rajoy tíñao moi seguro cando ningún dos seus opoñentes foi quen de presentar un candidato alternativo. Outra cousa é que os resultados sexan para bater palmas: despois de todo o que pasou, é imposible restablecer a unidade ideal e xa viches como se despachou, mesmo con saña, Aznar contra o seu delfín. Hai “apoios responsables” que matan.
- Si, pero a lectura que fará todo o mundo, mira o que din xa todos os medios, é que Rajoy gañou a Aznar. E que ademais se liberou da vella garda, dos Aznar, Acebes, Zaplana, Elorriaga, Mayor Oreja, Vidal Quadras, e moitos máis.
- É unha posible lectura, pero todos eses que citas e outros, mesmo María San Gil, agora xa non teñen nada que perder e non creo que queden calados. Esperanza Aguirre non é moi silenciosa, non? E o congreso uniunos no desamparo e non se sabe como van reaccionar. Creo que a crise é xa irreversible, de verdade. Iso non ten arranxo.
- Pero hai caras novas, e femininas, mira esa moza e nova secretaria xeral, María Dolores de Cospedal, supoño que traerán novos modos de facer política. Personaxes como Jiménez Losantos ou Pedro J. Ramírez xa non terán moito que pintar nas axendas do Partido Popular.
- Véxote optimista, pero eu só vexo unha loita polo poder. Pura e dura. A renovación dos mandos co reclamo da viaxe cara o centro: tamén Aznar xogou a iso no seu día e ata pactou cos nacionalistas. E logo, xa ves. Porque no programa non hai cambios, non? Eu vexo que segue o de sempre: contra o matrimonio homosexual, contra a materia de Educación para a Cidadanía, etc. Mesmo o alcalde de Madrid, o vitorioso Gallardón, é un home de dereita pura, fóra as formas.
- Ben, haberá que darlle tempo ó tempo. Os cambios nunca poden ser radicais e menos nun partido de dereitas. Ó cabo todos os congresos fanse para ventilar as loitas de poder: despois os que gañan son os que deciden a andaina e evolución política do partido, día a día. Tamén ós “populares” galegos, que apostaron ó cabalo gañador, haberá que darlles tempo. Mira este xornal o que pon: “Acento gallego en Valencia”. Aquí di que os compromisarios galegos levaron varias emendas de corte galeguista e autonomista.
- Si, home si. Pois vaia autonomistas. Con Núñez Feijóo e Corina Porro pedindo a “Libertad Lingüística” e manifestándose ó carón dos que lle queren darlle a estocada letal ó galego. Que non estamos no século XIX. Que non hai galeguismo posible co desprezo do galego. Se se chaman rexionalistas, vale. Pero que non me veñan con máis contos.

21 jun 2008


Desasosego.
Pan por Pan sábado 21.
Imaxe: Contra a parede, de Genovés.
Observo desasosego nos ambientes progresistas. E non falo aquí do magnífico “Livro do desasosego” de Fernando Pessoa, senón da inquedanza das xentes de esquerda ante unha Europa que aproba normativas a favor da semana de 60 ou 65 horas (volveremos ós tempos de “Xente ao lonxe”?) ou que responde ó problema da inmigración só con medidas represivas, tratando como delincuentes ós sen papeis e negándolles os seus Dereitos Humanos, eses Dereitos que encarna a propia Europa. Para máis agravio, neste segundo caso cos votos de moitos deputados socialistas españois no Parlamento europeo: agás Borrell, Ramón Obiols e Mati Grau i Segu, ben por eles. Difícil de entender cando o PSOE en campaña electoral rexeitou as teses que sobre a inmigración defendía con entusiasmo o PP, non moi arredadas do que agora se apoia. Que mudou dende aquela?

20 jun 2008

Estepona -
E os partidos, a dirección dos grandes partidos, nunca se entera destas cousas?

Pareceume moi axeitada a columna de hoxe de Enric González, nas páxinas de TV de El País.

30 may 2008


DÚAS PREGUNTAS
Andoliña 30 maio

Sóubose onte o contido das dúas preguntas que Ibarretxe quere formular na súa consulta ós vascos, da que tanto se ten falado. Así está a actualidade política: o galimatías vasco e o galimatías Rajoy.
As dúas preguntas do lehendakari están redactadas cunha chea de palabras agradables: “final dialogado da violencia”, “proceso de negociación”, “acordo democrático”, “dereito a decidir”, etc. A priori case todo o mundo está de acordo con tales propostas. Con todo, hai un pero. Na primeira pregunta o “final dialogado da violencia” está suxeito a esta redacción en condicional: “se previamente ETA manifesta a súa vontade de poñer fin á mesma para sempre”.
E aí está o problema. A banda terrorista non ten ningunha intención de entrar nesa condicional: teno demostrado abondo. De que valería, pois, votar en afirmativo se ETA non vai facer caso ningún do resultado? Por outra parte, se a banda decidise deixar a violencia, xa sobra case todo o resto: que os partidos vascas se dediquen a facer política, sen máis reviravoltas. Os analistas interpretan a consulta Ibarretxe en clave de estratexia electoral. Lexítima, pero frustrante cando se vexa que, rematadas as eleccións, todo vai seguir igual.

26 may 2008


LOITAS DE PODER. AUTOCRÍTICA.
La Región 26 maio (Imaxe: o Saturno de Goya)

O poder. Esoutro día dicía eu neste mesmo xornal que era case imposible esculcar ideas diferentes ou posicións ideolóxicas nidias nos bandos enfrontados dentro do PP. O mesmo pensan dentro e, de feito, confesábao onte Jorge de Moragas, asesor principal de Rajoy: “Esta é unha loita de poder, non de ideas”. Se as ideas son as de sempre, qué move, pois, ás duascentas ou trescentas persoas que foron ata a sede de Genova a abouxar os seus líderes? Pois o deseño das estratexias futuras. Alguén botou contas e decatouse de que é case imposible gobernar España con ningún tipo de maioría sen o apoio dalgún dos nacionalismos periféricos: non saen as contas nin os votos precisos. Por iso Jorge Moragas di agora que el non renuncia a que lle vote un nacionalista moderado desencantado.
Nada novo. Tampouco é nada tan novo. Lembremos que Aznar chegou ó goberno cando falaba catalán na intimidade e demandaba (e lograba) os apoios de CIU e PNV. O centrodereita en España é plural e, dende logo, cataláns e vascos (podemos engadir galegos e canarios) non se senten cómodos cunha dereita de raigames só españolistas, que non entenda a pluralidade estrutural do Estado. Veremos, pois, a Rajoy e ós seus en adiante falando da “España plural”, como fixo Zapatero? Pois non sería mala cousa e, de paso, que o PP galego reivindique a súa propia galeguidade e se arrede radicalmente de campañas que inventan falsas realidades como unha suposta imposición do galego no noso país (pobriños dos castelán falantes, asediados polos xornais en galego, o cine en galego, a xustiza en galego, etc. non sei como poden soportalo!).
Extrema dereita. Di tamén Jorge Moragas que non é bo que haxa extrema dereita, supoño que se refire á organizada en partidos políticos (na sociedade nunca deixou de habela). Pero eu creo que para pular un modelo centrista e reformista, sería bo que o PP deixase caer pola borda toda a súa carga de extrema dereita. Iso non racha a unidade do centrodereita, pola contra define espazos rigorosos. E os votos que se perdan dunha banda, pódense recuper de abondo entre o electorado centrista, maioritario. Doutra banda, os retos do futuro son tan grandes que non creo que haxa posibilidade de convivencia tolerada nun mesmo partido: vexan o exemplo italiano, os extremistas están levando a toda a dereita e ó país en pleno a un discurso integrista, excluínte e xenófobo.
Outra crise. Hai outra crise que case non sae nos xornais, só en columniñas pequeniñas: a de Izquierda Unida. Xentes de vontade e esforzo militante, sumidas na confusión tralo desastre electoral. Cando menos Llamazares e os seus tiveron a valentía da autocrítica ó recoñecer nun comunicado que non coñecen ben a sociedade española. En realidade, iso pásalle a todos os partidos, tamén ós que gañan as eleccións. Só que cando gañas acertas na polaroid, na foto fixa dun momento dado. E con iso xa levas os votos necesarios. E vas tirando.

23 may 2008

Semanas de paixón. (Pan por Pan venres 23 maio)

A Mariano Rajoy agárdanlle varias semanas de paixón ata o congreso de xuño do PP. A degradación parece xa imparable. Cada día suma un novo goteo de críticas, saídas de ton e defeccións. O máis sorprendente é que custa ver aí algo máis que un problema de formas: non hai ideas a debate, menos proxectos ideolóxicos alternativos. Iso non significa que a crise non sexa grave: lembren o papel decisivo dos personalismos na descomposición da UCD. O certo é que a dereita, fóra do poder, non sabe resolver os seus problemas: onte un contertulio falaba nunha emisora de radio da “coalición de bloqueo” contra Rajoy que se está montando, dentro e fóra do PP. Un humorista galego, López, resumía o conto neste diálogo: “Agora vai resultar que Mariano é de esquerdas”, di un personaxe. E o outro resposta: “As posicións dependen das referencias”.

21 may 2008


Rajoy e os estereotipos
Andoliña 21.5.08
Supoño que son un dos moitos galegos e galegas cabreado pola crise do Partido Popular. Non pola crise en si, que xa entrou nos terreos do esperpento político, senón polo tratamento informativo que se lle dá da mesma nalgúns medios. Os medios que agardaron ata este barullo de declaracións, contradeclaracións e mensaxes crípticas para descubrir que Rajoy é galego e que todos os seus movementos son, así editorializa un xornal de Madrid, "habilidades de un gallego".
E xa estamos asolagados no imperio dos tópicos: a súa astucia galega, a súa indecisión porque non sabe se sobe ou baixa da escaleira, a súa ironía e desconfianza etc. Todo vale no esquema. Se en Madrid lesen a Santiago Lamas agora estarían a falar da "crise borrosa" do PP, porque o seu máximo dirixente procede da ancestral Galicia Borrosa.
Que digan o que queiran, penso. Pero resulta abafante este abuso dos esterotipos que, como indican algúns estudos, veñen de moi lonxe, de varios séculos atrás sen dúbida: velaí os poemas que nos dedicaron algúns poetas españois (moitos) do Século de Ouro. Curioso que caian nestes retratos simplistas, aqueles que logo se fartan de dicir que eles están por riba dos argumentos identitarios. Curioso de verdade.

6 may 2008


Leopoldo Calvo Sotelo, despedida en Ribadeo (crónica de Xaime da Pena)


Fora xa do boato da Vila e Corte, chegaron polo mediodía os restos de Leopoldo Calvo Sotelo a Ribadeo.
Repousaron ata as seis nun engalanado Concello de Ribadeo do que é ademais de fillo predilecto, alcalde honorario.
Dicir que Calvo Sotelo tivo relación con Ribadeo, degradaría a paixon que sempre sentiu pola vila. Alí estivo na súa nenez, levou a súa noiva e logo muller a coñecer o rompente do Cantábrico e cos seus fillos no verán foron unha familia que se esperaba, ademais de por ser numerosísima e que non pasaba desapercibida, tamén pola categoría dos invitados e convidados que se caían por Ribadeo por mar e terra. O Rei estivo invitado en varias ocasións na súa casa e sen dubida de aí lle ven o título real de Marques da Ría de Ribadeo, e se non houbo algún Consello de Ministros foi sen dúbida por que era algo lacazán o bo do Leopoldo e prefería a orde de Madrid que a desorde mariñán.
Onte, por tanto a vila que tanto gabou deulle o derradeiro adeus, e verdadeiramente sentido polo que se viu, xa que pecharon practicamente todos os locais comerciais, e congregou as autoridades civís e militares de Galicia, que ollaron como oito membros das diferentes armas do exército portaban sobor dos seus ombreiros o cadaleito cuberto cunha bandeira de España.
Estivo a Xunta ó seu máis alto nivel con Touriño e o Parlamento representado por Dolores Villarino. O Estado polo Delegado de Goberno e tamén a Provincia polo Subdelegado.
Tamén estiveron alcaldes e ex alcaldes, case todos da UCD que logo repetiron no PP, con Alberto Núñez Feijoo a cabeza, e un pequeno grupo de ex-compañeiros de partido. José María Pardo Montero, Antonio Díaz Fuentes, Cándido Sánchez Castiñeiras entre outros.
Celebrou un funeral de corpo presente o Bispo de Mondoñedo na Capela de Santa María do Campo, que se desfixo en citas para xustificar a bonhomía do defunto, namentres un coro de voces brancas axudaba a canta-la misa, na que puidemos ver a Landelino Lavilla, Martín Villa , a ministra Cabrera, e os seus fillos cun aspecto grave e desolado, acompañaban na dor a dona de Calvo Sotelo que se lle notaba que o óbito foi inesperado xa que estaba realmente afectada.
Fixeron posteriormente na intimidade un enterro no Cemiterio municipal, e nós deixamos Ribadeo nunha tarde gris, cas ganas de entonar unha habanera na honra dun bo home, despois dunha pequena tertulia vespertina nunha terraza baixo a Torre dos Moreno.

5 may 2008

Dous artigos de interese (El País 6 maio 2008)

Ou, cando menos, que eu xulgo interesantes. O de Almudena Grandes porque reflicte como é na dereita onde hoxe está a mobilización política máis dinámica e onde hoxe se reivindica, curiosamente, o papel da ideoloxía (se don Gonzalo erguese a cabeza...). O de Antón Baamonde, porque subliña as grandes virtudes do bipartito galego na Xunta no que significa de reforzamento dun discurso plural e non sectario.

"Mejor dos", de Antón Baamonde

"Ideología", de Almudena Grandes

29 abr 2008


"Sin españoles, nadie habría pagado por mi hijo"
O pai de un dos mariñeiros africanos secuestrados aguarda en Seychelles a chegada do atuneiro vasco (El País, 29-4-08; foto Claudio Álvarez, EP).
O NOSO MUNDO, OS OUTROS.
Andoliña 30 abril
Por sorte acabou ben, sen desgrazas persoais, o secuestro do barco Playa de Bakio por piratas de Somalia: un tema que non permite ningún xeito de frivolidades nin acenos románticos, porque había detrás un grupo de mariñeiros xogándose a vida coas súas familias aterrorizadas en terra. Hai xa bastante tempo que os barcos españois levan, ó carón de mariñeiros galegos, vascos ou andaluces, un numeroso continxente de inmigrantes, sobre todo de orixe africana: o traballo é moi duro e hai xentes que non poden escoller. Deste xeito, a paisaxe humana dos nosos portos pesqueiros, dende A Guarda a Ribadeo, muda de forma acelerada nunha babel de linguas e culturas.
O pai dun dos mariñeiros secuestrados, natural das Illas Seychelles, amosábase onte moi ledo e lembraba unha verdade contundente: “Se non fose nun barco con españois, ninguén pagaría polo meu fillo”. Unha realidade indiscutible, que sería hipócrita negar: coa súa inxenua verdade ese pai está a desvelar as moitas barreiras que separan o noso mundo dos outros. Ese mariñeiro pertence xa, aínda que nunha posición secundaria, ó universo dos privilexiados. Outros moitos loitan cada día, algúns ata a morte, por ter esa mesma sorte.

22 abr 2008


Ave Fénix.
Pan por Pan mércores 23 abril


A crise aberta no Partido Popular tralas eleccións está a desenvolverse co guión dos peores augurios. Por riba do xogo retórico, a confrontación Rajoy-Aguirre ten unha dureza sorprendente: se se tratan así entre amigos, do mesmo partido, que pensarán dos seus adversarios políticos (non digamos inimigos)? Asistimos a achegas tan surrealistas como descubrir que seica no PP hai “socialdemócratas”, pero eu non me imaxino a ningún líder “popular” a ler ás escondidas as teses do renegado Kautsky, que diría o vello Vladimir. En fin, non se sabe que sairá deste parto dos elefantes, aínda que nada sucede en van. A crise pode ser unha catarse necesaria, pero as chagas nunca curan ben de todo. Rexurdirá un novo PP como Ave Fénix das cinzas desta crise? O malo do conto é que a lenda di que o ovo da Ave Fénix renacía cada cincocentos anos. E non creo que Esperanza queira agardar tanto.

21 abr 2008


Menudo barullo...

Menudo fregado que se está montando no PP a nivel español. Entre os diferentes sectores están a dedicarse "xoias" semellantes ás que detinaban ata agora ós seus adversarios políticos ("enemigos", dirían eles).
Se a cousa segue así, vai haber lío e ben gordo no PP de aquí a xuño.
Iso tería incidencia evidente no PPdeG e deixaría a organización galega en mala disposición para as próximas autonómicas: se as perdesen os peperos galegos, de novo, sería a hecatombe para Rajoy que presume cando quere de galego. Se iso chega a suceder, non lles viría nada mal ós promotores dunha nova CG, como informa hoxe a Voz. Se son quen, engado eu, de facer unha campaña ben feita e de fasquía nidiamente galeguista.

20 abr 2008


Elas están aí
Pan por Pan domingo 20 abril
Foi a foto da semana, sen dúbida. Estaba en todas as portadas do martes: Carme Chacón presidindo un desfile militar como nova ministra de Defensa. E dando a súa primeira orde: “Capitán, mande firmes”. Hai centos de artigos sobre esa xornada: ata Méndez Ferrín escribiu do significado dese aceno. Tamén houbo chanzas, risas, burlas. Un titular nauseabundo nun xornal: “Carmen, la del bombo”, ríndose do seu embarazo (en El Mundo).
Hai moito machismo latente e aboiando na nosa sociedade: nuns casos maniféstase con pequenas mofas, nos máis graves co maltrato e a morte. Pero elas están aí. E están a facelo moi ben: as nosas concelleiras, deputadas, alcaldesas, científicas, escritoras, músicas, médicas, traballadoras. Chegaron ata aquí coas súas propias forzas. Teñen todo o dereito a ser valoradas polo seu traballo. Algunhas ademais son guapas, pois mellor para elas.
Nota: Contador. O Xulio Outumuro colocou onte un contador no blog. Se o sei interpretar (ó mellor non) onte sábado houbo máis de 230 visitantes e superáronse os 1140 hits, entradas a ler post ou comentarios. O domingo, 302 visitantes e os mesmos hits do sábado: pensei que os domingos entraba menos xente, pero vexo que non. Benvidos/as todos/as.

18 abr 2008


en poleiro alleo (18 abril)

Firmes! , de X.L. Méndez Ferrín (Faro Vigo 18 abril)

O acoso escolar é unha realidade, pero tende a magnificarse (Xesús R. Jarés en FV)