Mostrando entradas con la etiqueta Portugal. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Portugal. Mostrar todas las entradas

9 feb 2009

Sen política portuguesa.
Méndez Ferrín.

Faro Vigo 9-2-09

A inexistencia dunha política exterior é unha das características da Xunta de Galicia que presidiu Touriño. Moi especialmente notouse a faltar unha política para Portugal. Con Fraga Iribarne a Xunta tivo unha política cubana e unha política portuguesa, secundada por Fidel Castro e por Mario Soares respectivamente. Mais toda a administración Touriño viviu de costas a Portugal, sen que Quintana ousase corrixirlle nesta materia a plana ao presidente. As conversas sobre o AVE foron vistas polo pobo como frías e insinceras. Nada semellante a aquela xeira do presidente Soares polo provincia do Alto Minho que culminou nunha recepción en Valença aos intelectuais galegos, nos que Fraga Iribarne se apresurou a incluir a Camilo José Cela e así. A liga dos concellos do Limia non sei se é viva ou morta e a dos concellos do Miño xa a anulara o gobernardor Jorge Parada (PSOE) hai un mundo de tempo, por ameazar a unidade de España. Funciona, con escaso ánimo apesares de que o seu xerente, meu amigo Mao, é un entusiasta sincero, o Eixo Atlántico. Esta alianza de municipios é de alcance político moi limitado e son moitos os galegos que aspiran a máis no que se refere ás relacións entre Galicia e Portugal.Entre as posibilidades reais que nos ofrece a Unión Europea está a de constituir euro-rexións. Unha euro-rexión factíbel cuxa posta en vigor reportaría beneficios de todo tipo aos pobos de aquén e de alén Miño e Xurés sería a que englobase o Noroeste ibérico, ou sexa a actual Galicia e o Norte de Portugal até a bacía do Douro (incluída). Os territorios galegófonos da Asturias Occidental, León e Zamora estarían incluídos nesta euro-rexión que só podería chamarse co vello nome de Gallaecia. Sei ben que existen reticencias ideolóxicas e políticas, así en Portugal como en España, que levan un mundo de tempo tratando de frear ou adiar o proxecto. Hai xa moito que a miña familia e os seus amigos vigueses somos, por utilitarismo, usuarios do Sa Carneiro do Porto, onde hai un letreiro que di: "O aeroporto de tódolos galegos" (en galego). Se observamos o movemento de mercadorías nas es-autoestradas e estradas de Galicia non podemos ignorar o aumento de vehículos portugueses ano tras ano. Cada vez más os visitantes portugueses de lecer non son só os siareiros do Corte Inglés de Vigo e chegan en masa a Compostela e á Coruña, cousa que hai pouco tempo non facían. Ao revés e en dirección ao Sul os nosos conveciños fanse cada vez máis frecuentadores de Portugal. As únicas librarías do territorio español que venden literatura en portugués son algunhas de Galicia.Pois ben, a Xunta actual BNG-PSOE non diu pasos avante na constitución da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal. Por suposto, á oposición do PP este tema parécelle espiñento e propicio a rachar España e, sempre maís de Aznar ca de Fraga Iribarne, Núñez Feijóo e Corina Porro únense ao histerismo da Galicia Bilingüe que detesta desde as simas da alma a restauración da unidade histórica galegoportuguesa. Esperemos que no próximo Parlamento do Hórreo se trate por fin deste tema despois das eleccións. Pro teñen que aparecer novos actores e actrices no escenario

2 dic 2008


Mozambique (por Luís Menéndez)
Entendéndose en galego coas tribos dos macuas.

A Marcos Valcárcel, coa meirande amizade, de sempre.

De delirios e feitiçarias
Teus encantos profundos de Africa

Noémia de Sousa.

-¿E os homes están, aonde?
-Nâo há na aldeia. Estan tudos na massanga.

Foi así como respondeu Eliana, mulher de dezaoito anos, nunha das tantas aldeas macuas –barro, canizo, palma- que abeiran a estrada terrea do norte que vai morrer en Mocimboa da Praia. Neno dormente baixo a capolana de cores, garrafa de cinco litros de auga na cabeza, equilibra o seu camiñar randeante na liña de area vermella que a leva do pozo á aldea seguida doutras mulleres ás que acompañan, coma sempre, multitude de crianças. E sorrindo, pero con indisimulado temor, continúa:

-O trabalho dos homes é fazer filhos, eles son a nossa riqueza. É asím.

Ben, si, ás veces velos cavando naquela terra árida, dándolle cun sacho de media manga, achaiando os terróns da massanga para plantar se acaso algunha papaieira desafiante a sequidade, a salinidade, o vento…Pero os máis deles están a durmir á sombra das acacias ou obrigando os rapazolos a botarse literalmente sobre a calzada provocando a freada do 4x4 e metendo pola xanela media libra de castana de cajú, as mangas de Macomia, un galo pericote…

Estou nun país musulmán, este norte mozambicano. Máis xiíta que sunnita. Mesquitas a eito, pero con cultos diversos segundo as confrarías. Todos se reclaman da umma, isto é, do mesmo Profeta e do mesmo Corán. E o home é o home. E a muller, tamén. Pero custa diñeiro, traballa e camiñan detrás do macho. Así foi de sempre….O Islam chega ata estes afastados contornos de África pero compite coas crenzas animistas aínda enredadas co miolo do saber popular. Tamén neses círculos de fe e confesións sobrenaturais a muller ten rol secundario, semella que asume resignadamente unha inferioridade imposta tras séculos de dominación masculina. Despois dunha danza damba na paradisíaca illa de Matemo, no arquipélago das Quirimbas, a grea infantil que participa despide entusiasta o home branco, rico, colono, “patrâo”, coas tres posicións do choque de mans (palma-polegar-palma). As nenas, xa mociñas, agardan para ao final, e cunha tímida reverencia collen a túa man aberta entre ás delas que suavemente esvaran coma un xesto entre protección e cariño. Pero tamén submisión.

A vela árabe, triangulando o ímpeto do vento, empurra a jalufa cara á illa de Ibo, á que fora capital de Cabo Delgado no tempo portugués. Chegar a Ibo é traspoñerse coma dun soño no que amodo vas camiñando pesadamente sobre un chan esvaradío, as figuras deambulan lentas, lentísimas, por aquelas rúas de area (non se coñece coche en Ibo) escoltadas por palmeiras e jacarandás, mesmo na liña das casas coloniais, estragadas totalmente por decenios de abandono. Baixo un sol cegador das nove de mañá, luz e calor pegañento, sae da escuridade interior dun predio un bacoriño negro, seguido de dúas pitas, para finalmente apoiarse no marco da porta un neno de ollos grandes e pel escura con trazos hindús, esculcando silente o paso do forasteiro…

(Foto, unha danza “Damba”, nas illas Matemo (Moçambique). Fermoso , ¿non? )

4 nov 2008















Arias e o medo ós caraveis
andoliña 4-11-08

Carlos Arias Navarro, o derradeiro xefe de goberno de Franco, quixo declararlle a guerra a Portugal e consultaba cos Estados Unidos, vía Robert Ingersoll, entón vicesecretario de Estado, para gañar puntos. Contábao onte con detalle o xornal El País estudando documentos do Departamento de Estado norteamericano agora rescatados. Os caraveis foron un soño de esperanza dende o outro lado da fronteira e aló foron os xornalistas, tamén galegos, a contárnolo (algúns encontraron acubillo fronte á represión, como Margarita Ledo).
Os caraveis asustaron o réxime franquista, temeroso dun contaxio democrático, e os fascistas pecharon Triunfo e reaccionaron con chulería: "España estaría disposta a librar o combate anticomunista, a soas se fose necesario", dicía Arias. E pensaría: para iso gañamos a guerra. As mensaxes do xefe de goberno de Franco, na primavera de 1975, tamén semellan pregos cara a EEUU para que Kissinger facilitase o ingreso de España na OTAN. Poucos meses despois un Arias espectral enchía as pantallas da TV para comunicar entre bágoas a morte de Franco. Un documento único, patético (está en youtube) dun mundo lúgubre que se despedía asinando varias penas de morte.

14 oct 2008


A erguer unha videira...
andoliña martes 14-10-08

Que cousa é a vida?
Vaia pregunta para un martes pola mañá, nesta contraportada onde sería imposible calquera proxecto de resposta. Cada artista, cada poeta, cada filósofo, ten a súa resposta e todas son quizais válidas. Aínda máis: de certo, cada individuo e en cada hora, en cada etapa da súa vida, tería algo que dicir ó respecto.
Eu gusto sobre todo do que din os poetas. Collo un libro, sempre próximo, O espírito da Terra, de Miguel Torga. E leo a súa Bucólica, escrita en San Martinho de Anta, 1937: "A vida é feita de nadas/ De grandes serras paradas / À espera de movimento; / De searas onduladas pelo vento; / De casas de moradia / Caídas e com sinais/ De ninhos que outrora havia / Nos beirais; / De poeira; / De sombra de uma figueira; / De ver esta maravilha: / Meu pai a erguer uma videira / Como uma mãe que faz a trança à filha". Non é mala resposta, non: a marabilla do pai coa súa videira, da nai facéndolle as trenzas á súa filla.
Vaia en homenaxe, se mo permiten, de Ramiro Fonte, poeta e novelista, autor desa excepcional triloxía que comeza en Os meus ollos. E con el, en lembranza tamén do sociólogo Xoán Bouzada e do pedagogo Suso Jares: tempos mouros estes meses para a nosa cultura.

6 oct 2008

Recuperar Gallicia
X. L. MÉNDEZ FERRÍN (Faro Vigo, 6-10-08)

Un bon amigo dime que esaxero ao insistir en que os portugueses ollan para o seu Norte e non ven alí Galicia. Hai uns cincuenta anos, o Porto ollou efectivamente para o Norte e achou que nós existiamos como pobo e como País, a iniciativa da Associação de Jornalistas e Homens de Letras daquela cidade. Foi cando abriron aló un comprido espazo público ao que chamaron Praça da Galiza, cunha considerábel escultura de Rosalía de Castro no centro. Por entón, Vigo, en reciprocidade, erixiu un modestísimo busto á memoria de Camões, neste caso co concurso da Asociación da Prensa da cidade galega, na Praza de Portugal. Tamén en Vigo hai unha rúa do Porto que até hai pouco tempo lucía unha boa lápida de mármore que alguén fixo desaparecer e que iría parar ao depósito de ladroízos vigueses onde tamén foi achantada a varanda do Náutico, a fonte luminosa da praza dos cabalos de Oliveira e outras valiosas pezas de ornato público. Perante o monumento a Rosalía non se fan actos no Porto e o de Camões apenas recibe unha ofrenda fría e oficialista no Día de Portugal.Despois de medio século de indiferencia, parece que en Portugal aparecen signos de que acolá saben como se chama a terra que hai e pobo que vive para aquí do Porque Nacional da Peneda-Gerês e do Río Miño. Un centro universitario privado de Vila Nova da Cerveira decidiu hai tempo recuperar o nome de Gallaecia porque os seus ilustrados promotores sabían ben que a Lusitania aquén do Douro era só unha antelequia ideolóxica e Gallaecia figura tamén nos nomes dalgunhas poucas entidades do Norte de Portugal, o cal é moi relevante. O aeroporto de Matosinhos, que nós vimos crecer, que nos vén servindo moi ben aos galegos do Sul nos últimos tempos e que hoxe recibe o nome de Sá Carneiro, tamén se decatou de que existimos. Somos, hoxe, ben visibeis no Sá Carneiro e loce alí un grande letreiro no que pode lerse: "Oporto (en versión castellana do topónimo), o aeroporto de tódolos galegos". No meeting point deste aeroporto hai unha moi clara indicación que di "Galiza" e que sinala ao lugar de onde parten os autobuses para o noso País.Hoxe son moitos os portugueses e os galegos que acreditan nas inmensas posibilidades que suporía unha activación efectiva da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal, ou Eixo Atlántico. Mais non se apreza vontade política para dar pasos adiante nese sentido. Tense lanzado a idea de que tal Eixo debería recuperar o nome de Gallaecia. E por qué non o de Gallicia, tendo en conta que así lle chamaban ao noso reino común orixinal Venancio Fortunato, Martiño de Dume e Isidoro de Sevilla nos séculos VI e VII? Penso eu que a Nova Gallicia non pode ser só un buró parar xestionar axudas da UE, se é que vai haber máis favores para rexións transfronteirizas, senón un organismo vivo e actuante no que a vella torgueira galegoportuguesa poda facer abrochar gromos novos de civilización. E iso esixe unha conciencia cultural e histórica e unha determinación política que non dou visto por ningures no universo partidario vixente. Desde logo, no futuro parlamento do Hórreo deberían sentar verdadeiros partidarios de Gallicia. E tamén nos concellos, desde o Ortegal ao Miño.

21 jul 2008

Fírgoas de historia e xornalismo
Curros en ‘El Correo de Celanova’ (I)

As Fírgoas desta semana (Galicia Hoxe; 20.07.2008)

Destruid esa “raya”, que separa como una muralla de odio, una familia de hermanos, convirtiéndola en extranjera, y sobre las ruinas de esa muralla tended el puente por el cual se comunique y enlace el corazón de Galicia al corazón de Portugal, restableciendo la obra de Dios, que destrozaron los reyes; y haciendo que uno y otro se completen por justaposición, viviendo en el porvenir como vivieron en el pasado, unidos por los lazos de la fraternidad y del amor, según conviene á pueblos de la misma raza y con la misma historia”.

12 jul 2008


en poleiro alleo. ¿Anacos de autovía abducidos?
Afonso Vázquez-Monxardín (LR: 12-7-08)

Por necesidades do servizo -levar unha filla a un campamento ou algo parecido- fixen unha reviravolta preciosa sobre o mapa a fin de semana pasada: Ourense, Zamora, Salamanca, Ciudad Rodrigo, A Guarda, Viseu, Chaves, Ourense. Ou sexa, fun ata o sur de Castela León por España e volvín por Portugal. Teño que dicir que había tempo non facía un percorrido tan fermoso. Non descubro nada a ninguén se lles falo marabillas do románico e do modernismo, ollo, de Zamora e o que queiran desa Florencia castelá que é Salamanca. Tamén, sorpresa descoñecida, Ciudad Rodrigo -cunha barbacana defensiva impresionante e unha estrutura urbana en núcleo medieval chea de vida- e A Guarda e Viseu. A primeira destas é a urbe máis alta de Portugal, a máis de mil metros de altitude -ía un frío que arripiaba- e tamén cunha parte medieval compacta ao redor dunha vella catedral gótica chea de vida e historia.Alí era fácil lembrar o laio de Afonso X nunha das súas raras cantigas de amigo, cando di muito me tarda o meu amigo na Guarda. E se cadra non era tanto a referencia ao desa cougo da moza pola marcha do amado á guerra da reconquista -que daquela andaba por aquelas beiras- se non simplemente que está nun alto de moito nabizo, duns cincocentos metros de alto. Os pobriños atacantes medievais non deberían pois loitar tanto contra os defensores senón procurar non chegar derreados aos pés da muralla a sitiar despois de arrastrar cabalos, catapultas, coirazas, espadas, armaduras, todo sempre costa arriba. Non me estraña que lle tardase o amigo. Viseu, máis adiante, noutro outeiro fermoso, ten un parque urbano central inzado de carballos e castiñeiros; un exemplo para os inimigos naturais das palmeiras entre os que, por suposto, me conto. (...)

14 jun 2008

Derradeiro Terras de Acolá
HOxe, sábado 14/6 EMITESE POLA TVG AS 16.00 HORAS O DERRADEIRO CAPITULO DA SERIE “TERRAS DE ACOLÁ” , RESUME DOS 12 EMITIDOS E DEDICADO AS RELACIONS GALEGO-LUSÓFONAS, POR NOME “IRMANDADE ATLÁNTICA”. A TODOS/AS QUE AMOSACHEDES INTERESE, APOIO E ANIMO POR ESTE TRABALLO MOITISIMAS GRAZAS E ATA A VINDEIRA (AGARDAMOS PRONTA REPOSICIÓN). COMO RECORDO, VOS ENVIO A FOTO DALGÚNS AMIGOS QUE DEIXEI POR AFRICA. APERTAS
LUIS MENENDEZ

7 jun 2008

Timor Leste, a illa do Sol (en Terras de Acolá)

Recibín unha mensaxe do amigo Luis Menéndez: “Mirade ó de Timor este sábado, ou como nos entendemos en galego no Extremo Oriente, a 22.000 qms..”.
E vin o programa, por suposto, o “Terras de Acolá”, do que xa falamos ben aquí (ver 16 marzo). E, en agradecemento, vai aquí un breve resume do mesmo.
País independente dende o 2002, está na área da cultura portuguesa no mundo. Unha parte da illa pertence a Indonesia.
Terras de arroz, bananais e plantacións de café. Dende o 1515 andou por alí a presenza dos misioneiros e conquistadores portugueses. E hoxe, a tantos miles de quilómetros, segue sendo visible esa pegada lusa: velaí o Menéndez, no programa, entendéndose, en galego, cos habitantes da illa.
A reportaxe salienta tamén a pegada da cultura chinesa e do catolicismo, que os diferenza dos veciños indonesios (o maior país musulmán do mundo). Vemos imaxes dos túneles que furan a illa, feitos polos xaponeses na segunda guerra mundial, onde hoxe xogan os nenos.
A illa foi colonia portuguesa ata 1975. Logo invadiuno o xeneral Suharto coas tropas de Indonesia. En 1999 aprobaban un referendo de autodeterminación: quedaban douscentos mil mortos dese período de 25 anos.
A reportaxe fala ademais do heroe independentista do FRETILIN (Fronte de Liberación de Timor); Xanano Gusmao, e entrevista ó arcebispo Ximenes Belo e o avogado Jose Ramos Horta, actual presidente, os dous premio Nobel da Paz (nas fotos). Este último fala do seu país como unha terra contraditoria, un pobo guerreiro e pacífico á vez. Cunha moi alta diversidade étnica e lingüística: coexisten 16 linguas autóctonas e son oficiais o portugués e o crioulo (tetu): no ensino poténciase a excelencia do portugués co crioulo como complementario.
E algunhas notas de gastronomía, economía e crenzas. Manteñen, xunto co catolicismo, o animismo: nos camiños vense túmulos animistas feitos con caveiras de búfalo. No plano económico, aspiran a vivir do desenvolvemento agropecuario e do petróleo, ata agora explotado por Australia. O deporte nacional é a pelexa de galos, cunha extrema violencia. Unha lenda di que a illa foi creada, como o mundo, por un crocodilo: e ven nas súas montañas a imaxe do réptil deitado.

13 mar 2008

axenda
Terras de Acolá, o programa que dirixe Luis Menéndez, hoxe no Paraninfo do Otero Pedrayo

9 mar 2008

Destruid esa "raya" (Curros)

“Destruid esa “raya”, que separa como una muralla de odio, una familia de hermanos, convirtiéndola en extranjera, y sobre las ruinas de esa muralla tended el puente por el cual se comunique y enlace el corazón de Galicia al corazón de Portugal, restableciendo la obra de Dios, que destrozaron los reyes; y haciendo que uno y otro se completen por justaposición, viviendo en el porvenir como vivieron en el pasado, unidos por los lazos de la fraternidad y del amor, según conviene á pueblos de la misma raza y con la misma historia”.

Con esta cita de Curros, recupero (en COMENTARIOS) un artigo meu sobre a presenza de Curros en El Correo de Celanova (1893-1895). Saiu nun número da revista Arraianos (non o teño agora a man) e tamén nas Actas do I Congreso Internacional Curros Enríquez, celebrado en Celanova no 2001 (Consello da Cultura Galega, 2004, 2 tomos): no segundo tomo está un amplo traballo meu, titulado "CE na prensa ourensá e celanovesa: un xornalista republicano-federal", tomo I, pp. 557-591.

8 ene 2008

en poleiro alleo

Unha proposta aperturista (Afonso Monxardín en Galicia Hoxe, 8 xaneiro)
Sobre a cultura portuguesa no ensino

Do vicio á apocalipse (Xosé M. Sarille en ECG 8 xaneiro). Da familia e do integrismo católico.

Os ríos das nosas infancias (Alfredo Conde, ECG 8 xaneiro)

Anxo, 2008 (M.A. Fernán Vello, GH 8 xaneiro)

16 dic 2007


Casares, Torga, Del Riego, González Tosar
PAN POR PAN domingo 16 decembro. Caricatura de Miguel Torga por Suso Sanmartín.

Chea de intervencións de interese estivo a última xornada do Simposio Carlos Casares: o luns falarei dalgunhas delas. Inauguramos un roteiro dedicado ó escritor na súa cidade natal e centro de boa parte da súa obra de ficción e dos seus estudos. Rematou o encontro o poeta Luís González Tosar, que evocou as súas viaxes de amizade con Casares, sempre cheas de anécdotas asolagadas en humor. Relembrou cando visitaran en Coimbra ó poeta portugués Miguel Torga, que se ergueu da sesta para recibilos e foi moi amable con eles (aínda que non era ese o seu carácter habitual). O mesmo Miguel Torga veu noutra ocasión a un acto en Vigo e don Paco del Riego tentou convencelo de que escribise sobre Galicia: “escriba algo sobre esta terra tan fermosa, cunha paisaxe tan verde...”. Pero o xenial autor dos “Diarios” só acertou a dicir: “Si, é unha terra ben verde. Pero eu non son unha vaca”.

20 jul 2007


Saramago.

Pan por Pan 20 xullo


Creo que desta vez o Nobel das letras portuguesas anda errado, quizais influído pola súa propia experiencia persoal. José Saramago declarou que Portugal remataría por integrarse en España, converténdose en provincia dun Estado que pasaría a chamarse Iberia. O vello ideal iberista do século XIX, en boa medida, pero estamos no século XXI: que tería que gañar Portugal nunha solución dese tipo á marxe de perder a súa capitalidade e poñer en risco a súa diferenza cultural?
O marco europeo xa derrubou as fronteiras económicas que existían hai cen anos: os vellos Estados nacionais cederon a Europa as súas competencias económicas, militares e mesmo estratéxicas. O achegamento entre Portugal e España faise agora dende a contorna europea e non precisa xa outras lecturas. Euroescéptico, Saramago prefire obviar esta realidade e aferrarse ó seu soño. Está no seu dereito.

29 abr 2007

Portugal
Dende outro ámbito cultural, o poeta Carlos Marzal reivindicou recentemente a necesidade de incorporar o portugués á escola e aproveitar as sinerxias culturais que iso xeneraría, alternativa que tamén se defendeu recentemente neste foro.
Velaquí o seu excelente artigo, completo (só dicir que eu engadiría na lista de traductores lusófonos ó noso Basilio Losada).

En mis ensueños de pedagogo por libre, se me ocurre que una hora semanal de portugués en las escuelas –ahora que el español es lengua de enseñanza obligatoria en Brasil– haría más por la formación integral de nuestros alumnos que las tan necesarias y bien empleadas horas de inglés. Con muy poco esfuerzo los acercaría a una extraordinaria e inacabable literatura, a una de las civilizaciones más apasionantes de la historia cultural, y a formar parte de una comunidad hispano-portuguesa de cerca de 700 millones de hablantes. Casi nunca, con tan poco, se podría hacer tanto.

30 mar 2007


Seica son Os Grandes Portugueses.

Andoliña sábado 31 marzo
Imaxe de J. Opie (Este tema está tamén a debate no blog Fragmentos de Galaxia)
Con este título, Os grandes portugueses, un programa da televisión pública portuguesa (RTP) elixiu, cos votos emitidos polos espectadores, o gran portugués máis importante de todos os tempos. Na lista estaban nomes como Afonso Henriques, primeiro rei de Portugal e fundador do país, Vasco de Gama, Pessoa e Saramago. Pero o gañador foi António Salazar, ditador nese país case 40 anos, entre 1932 e 1968. Co 41 por cento dos votos emitidos. A esquerda do país veciño protesta e di que se quere branquear o salazarismo.
Sorprendeu o segundo elixido: Álvaro Cunhal, do Partido Comunista que loitou contra Salazar. Como explicar o paradoxo? A min non me sorprende moito. Moita xente admira as personalidades fortes, contundentes. Cantos galegos, por exemplo, admiraban por igual a Manuel Fraga e a Fidel Castro? Por tras de Salazar e Cunhal, quedou Arístides de Sousa Mendes, diplomático que axudou a miles de xudeus perseguidos polos nazis, contra a vontade de Salazar.
En Alemaña tamén se fixo esta enquisa e eliminouse o nome de Hitler, porque non se admitiron personaxes que non respectaran os Dereitos Humanos. En España? Se se fai, mellor co modelo alemán.

18 mar 2007


Portugal.
Pan por Pan 18 marzo. Imaxe de D. Hamilton

A Xunta levou un revés importante coa instalación en Badaxoz do Secretariado Técnico do Programa de Cooperación Transfronteiriza da Unión Europea, a xanela pola que deben pasar todos os proxectos de cooperación que apoiará a UE ata 2013, incluídos os da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A Xunta aspiraba a levar a súa sede para Vigo, pero España e Portugal preferiron Estremadura. Cales son as razóns desta preferencia por Badaxoz antes que Vigo? Algo tería que ver o centralismo dos Estados, incluído o portugués: Lisboa antes que Porto. Badaxoz está no medio do eixo Madrid-Lisboa. E din que Estremadura fixo ben os deberes: integrando o portugués nas escolas, por exemplo. Aquí, aínda hai moitos prexuízos que asocian ese achegamento a Portugal co nacionalismo e co lusismo. E así nos vai.