7 ene. 2008


Á marxe, de Carlos Casares

Un lector preguntaba noutro fío por qué non se publicaban as columniñas da Voz de C. Casares. Xa lle responderon alí, por parte doutro contertulio, pero vou ampliar a información para todos os lectores/as.
As columnas de Á marxe están a ser publicadas pola Editorial Galaxia, na colección Biblioteca Carlos Casares, que hoxe conduce Víctor Freixanes. O primeiro tomo, que recolle as columnas de 1992, apareceu no ano 2005. Dende aquela foron saíndo varios e no Simposio C. C. de decembro, en Ourense, presentamos xa os tomos V e VI, correspondentes ós anos 1996 e 1997. Faltan pois aínda case 5 tomos, pois morreu en marzo de 2002.
Todos os libros están ilustrados (tamén as novelas que se están reeditando deste autor) con pinturas de Egon Schiele, o xenial artista expresionista alemán e un dos preferidos de Carlos.
Teño entendido que Pedro Blanco está a realizar un índice temático de todas as marxes, o que constituirá un instrumento de consulta moi útil para todos os estudosos e admiradores do escritos (grazas polo traballo, Pedro).
Supoño que ó rematar de reeditar estas Marxes, Galaxia debería continuar a recoller todo o xornalismo de Casares: por ex., os seus artigos en LVG anteriores a 1992, que son moitos; a sección de crítica literaria A ledicia de ler; as súas entrevistas e reportaxes, pois cultivou diversos xéneros (de memoria, lembren a entrevista sobre a morte con Domingo García Sabell ou os seus artigos sobre Suecia no verán de 1976) ; tamén os artigos anteriores de La Región, que eu dei a coñecer e agora habería que recoller de xeito exhaustivo. E mesmo moitos outros artigos aparecidos na prensa española, en xornais e revistas (El País, El Ciervo, Quimera, etc.). Recollido todo isto que estou a describir poderiamos falar dunha obra xornalística próxima ós 20 tomos (e creo que non me equivoco). Casares merece todo iso e seguirá a redescubrirse ante novos lectores/as.

3 comentarios:

Carqueixa dijo...

Obrigado.

proxectista 3 de 3 dijo...

ola, habia tempo que non pasaba por aqui. Era só para dicirte que como lean os do meu pobo que o Egon Schiele era alemán vanse mosquear...

Apertas.

marcos valcarcel dijo...

Agradezo a corrección, proxectista, e corrixo o erro: EGON SCHIELE naceu o 12 de xuño de 1890 en Tulln, unha pequena cidade perto de Viena. Foi o terceiro dos catro fillos do xefe de servizo do ferrocarril metropolitano Adolf Eugen Schiele e da súa esposa Marie, Soukoup de solteira. Tivo tres irmás: Elvira, Melanie e Gerti, e en Tulln fixo os estudos da súa primaria. Toda a súa vida estivo vinculado a Viena, aínda que tamén andou por cidades alemanas como Múnich e Colonia. Por certo, detalle curioso, SCHIELE morreu o 31 de outubro de 1918 (tres días antes morrera a súa muller Edith), ámbolos dous vítimas da GRIPE ESPAÑOLA.