8 ene 2008


Olá, irmán Don Paco (Méndez Ferrín, Faro de Vigo 7 xaneiro)

(Suscribimos -eu e creo que tamén moitos lectores/as desta casa- , liña por liña, o fermoso artigo que onte lle dedicaba Ferrín a don Paco del Riego)

Vexo nunha interviu que Francisco Fernández del Riego está rexo, lúcido, crítico ou sexa coma sempre. Crúzome por Camelias con Rufo Pérez, e o mesmo. Este cronista, que vai vello, nunca dará xuntado suficiente volume de agradecemento para aqueles resistentes que foron capaces de sobrevivir o franquismo e de nos trasmitir aos máis novos os secretos do que houbera antes, ou sexa nos días da II República. Falo dos que coma Del Riego naceron entre 1910 e 1920 e que hoxe, se fican, son rexos nonaxenarios.Se morreron, eses resistentes seguen dictándonos norma nos máis suntuosos tabernáculos da nosa memoria. Salvador Espriu definiu a función histórica da xeración heroica, naturalmente en catalán, con estas verbas: "Nós vivimos para salvarvos as palabras/ e pra vos devolver o nome de cada cousa".Así fixo Rufo Pérez González no labor diario do Instituto Santa Irene conmigo. Así fixeron, con quen tivo ouvidos para ouvir, e cada un á súa maneira, Lois Soto, Daría González, Carlos Velo, Celso Emilio Ferreiro. E houbo moitos máis, homes e mulleres, no labor de restaurar a Patria ameazada e modular o relato. Desde a miña historia particular podo decer que cada un dos transmisores emitiu un punto de vista diferente e fixo énfase no que el vivira con meirande paixón. Para ese cronista Francisco Fernández del Riego constitúe un caso especial: nunca foi esplícito no pormenor dos acontecementos pro a súa presenza e a súa acción diaria impúxonos un estilo. De cada un dos movementos de Paco del Riego, da mañá á noite e desde o término da Guerra Civil, desprendeuse e despréndese un imperativo: recuperar a Nación derrotada, recuperar a palabra. Os nosos inimigos tamén percibían isto por iso odiaron a Paco del Riego e nunca conseguiron domealo, nen sequera nos días de falsidade e defección aos que a historia oficial chama "La Transición".Vexo con inmensa satisfacción como o irmán Don Paco calca con seguridade a soleira do ano 2008, e digo irmán porque é así como os que procedemos da tradición das Irmandades da Fala nos tratamos (cando nos peta a gana) antre nosoutros. As preocupacións de Don Paco son as dos bos e xenerosos: que a lingua (na devandita tradición soemos decer idioma) sobreviva, que Galicia se erga da prostración e da miseria pública na que aínda xace. El é optimista, como todos os loitadores metálicos dotados de intelixencia crítica e de corazón sen lañas. Obrígannos as súas palabras e a súa conducta a sérmolo nós tamén.Gostaría de lle mandar un saúdo cordial ao irmán Don Paco. "Meu querido amigo, non sei se viches que o primeiro meniño que naceu en Galicia no ano 2008 foi inscrito no Rexistro Civil co nome propio de Anxo, en idioma galego. Espero que viva moitos anos co nome e os apelidos de Anxo García Machado, tantos coma ti viviches e vivirás. Sen o labor de persoas patrianas coma ti ese neno sen dúbida existiría pro non se chamará Anxo. A miña aperta de sempre".Ah, a mamá de Anxo declarou, orgullosa, aos medios de comunicación: "Nós quixémoslle poñer un nome galego". Olá, pequeno Anxo.

53 comentarios:

Xaime dijo...

Non lles da a sensación que Ferrín está amolecendo.
Dende hai un tempo fala moito dos maiores, dos tempos pasados, da historia privada e pública -de todos nós-, postura que me agrada.
Haberá pois contertulios, que deixarse de andróminas e chegar onde haxa que chegar para que desta vez lle teñen -nós teñen- que dar o Nobel.

Anónimo dijo...

Velaí a lista dos nomes máis comúns entre os/as nados/as en Galicia no ano 2006. Sobre un total de 20.000.

PABLO 432 LUCIA 476
HUGO 360 LAURA 353
DANIEL 355 SARA 324
ALEJANDRO 351 PAULA 310
DAVID 288 MARIA 283
ADRIAN 274 ALBA 248
DIEGO 269 CARLA 246
MARTIN 248 NOA 227
MANUEL 217 ANTIA 222
BRAIS 205 ANDREA 217

Anónimo dijo...

Vaia. Tras os nomes clásicos viñeron os ingleses (Sheila,Johnatan,...)logo os bíblicos (Moisés, Adán, Ruth...) ( e logo os nomes en galego. Agora parecen volver os clásicos e algún galego. Poderían decir a qué partido político votan os pais deles? Ou polo menos a qué partido NON votan?.

SurOeste dijo...

Ferrín non amolece -cerna durísima- pero manexa a pena lixeira e sabiamente para amolecernos aos demais. A min case me fai chorar...

Os antropónimos como manifestación cultural-estética-ideolóxica na tradición galega: podería ser o título dunha tese. Lembremos que o mesmo Ferrín xa nos deu unhas ideas ao comentar o nome dos fillos de Rosalía e Murguía.

Anónimo dijo...

Tiña razón Nietzsche cando nos falou do eterno retorno do idéntico. Nunca o entendín, ata que coñecín o caso (real) da bisavoa chamada Melanía (de orixe portuguesa) e a bizneta chamada Melanie (supoño que pola artista).

De todo o modo, insuperábel o neno de Pastoriza, Lugo, chamado
"DWIGHT LODOS" (sic).

"Retrato del colonizado" de Memmi tiña que ser de lectura obrigatoria.

Cumprimentos.-

Anónimo dijo...

Cal nome é máis galego: Manuel ou Anxo?

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois, sobre o que pregunta ARUME, por número de cidadáns galegos con ese nome, aínda debe ser Manuel. Cando se fixo o Dicionario dos Nomes Galegos que coordenou Ferro Ruibal, Manuel era o nome máis abundante entre os homes (e María nas mulleres). Non sei se iso cambiou na última décado.
Sobre Anxo, teño escoitado reclamar (non sei se con acerto)
que a forma correcta sería Ánxelo: Anxo sería só un hipocorístico popularizado.

Anónimo dijo...

Estimado sr. Valcárcel: Grazas pola súa intervención.
Manuel é forma totalmente galega.
Aínda que Manuel e María non leven demasiado tempo onda nós. Na idade media eran rarísimos.
E sobre o que ten escoitado, é totalmente certo que Anxo non é nome propio. É hipocorístico de Ánxelo (que é a forma que se utiliza en Portugal e que se debía utilizar aquí). Outro hipocorístico mal utilizado como nome propio é Xurxo. Xorxe é a forma adecuada. Outro, Sabela. Outro, Katia (por Ekaterina). Outro, Fuco. Lástima dos idiomas abandonados ás súas propias forzas, sen normativa (nin burguesía) que os ampare.

Anónimo dijo...

En portugués, o antropónimo é Ângelo; coma Ângela son notorios cultismos, cuxa etimoloxía resultará innecesario rexistrar.

En español, a forma feminina é Ángela e a masculina coincide co nome común, resultado do fenómeno fonético coñecido como apócope.

A min, o galego Anxo, máis ca hipocorístico, paréceme tradución directa desde o español con mentes na homonimia, nese idioma, entre nome común e de persoa. Véxase tamén a forma, ben popular, Ánxel; e o feito de que bastantes Anxos -posiblemente os iniciais- galeguizaron o seu nome desde o castelán de bautismo.

Despois, curiosamente, do Anxo masculino derivaría un Anxa feminino; o Dicionario Galego dos Nomes de Feixó (1ª ed., 2003) rexistra os catro nomes, en dúas parellas: a entrada básica é Anxa/Anxo.


Se a frecuencia confire excelencia, o máis galego de todos os galegos debo ser eu: Xosé Manuel González Pérez.

Anónimo dijo...

Corríxome: o máis galego dos nados entre, digamos, 1940 e 1960.

Anónimo dijo...

Ola, pequeno Anxo. Ás veces un le os comentarios antes có artigo (que bonitura, este) e fai o imbécil. Amolecido, Xaime? Collendo sitio para o relevo.

Marcos Valcárcel López dijo...

Enfiando co que dixo Xaime ó comezo: FERRÍN non anda amolecido, só sucede que está a cubrir un papel necesario. O mesmo que cubriu Otero Pedrayo nos 60: o de Patriarca das Letras Galegas. E no estilo hai veces que as pegadas son moi evidentes. E el non será unha reencarnación da "alma" (perdón!!) do da rúa da Paz?

SurOeste dijo...

José/Xosé tamén debe ser un nome relativamente moderno nos gustos antroponímicos galegos e tivo un éxito rotundo no século XIX. Pero non esquezamos que ademais da vontade dos pais e padriños unha opinión moi a ter en conta en tempos non tan afastados era a do cura que bautizaba. Así os Xosé/María e Xesús serían parte dunha política da igrexa católica por revitalizar o culto á ("sagrada") familia.
A miña bisavoa sempre contaba que os seus proxenitores, Antonio e Francisca, foran apadriñar unha nena á que os pais querían poñer o nome de Preciosa. O cura interveu para que no canto de Preciosa lle puxeran un nome do santoral, porque a nena preciosa sería naquela tenra idade, quen o dubida?, pero no futuro estaba por ver se había ser bonita ou fea e (un argumento definitivo) non era bon que se foran rir da nena polo nome. Á nena entrou Preciosa e saiu Antonia.

Anónimo dijo...

Si, señor. Eu, o primeiro caso deses que oín foi o dun de Rianxo que entrou Daniel e saíu Alfonso; causa dinástica, seica.

Anónimo dijo...

Botei unhas vistas a un dos volumes que entregou a voz sobre Historia de Galicia que os meus parentes coleccionaron. No que dedicou Pegerto Saavedra á idade moderna vese o cambio dos antropónimos: alí apréciase a aparición de José/Xosé, María e de todos os santos (para)tridentinos, tipo Antonio ou Francisco ou Domingos durante os séculos XVI e XVII. Máis que para a sagrada familia para o novo testamento, non fose que o vello trouxera lembranzas excesivamente xudaicas. E para as ordes relixiosas, revitalizadas, que, en puridade, actuaban como verdadeiras factorías económicas da época.

Anónimo dijo...

Para os do ano 2008 hai rumores de Apicultor (co hipocorístico Api), Leituga (sen hipocorístico, pero con tratamento numérico sucesivo). Algún Xohandacoba, todo xunto, vailles callar: fixo.

Anónimo dijo...

Don Paco, o luns día 7 de xaneiro , cumpriú 95 anos e Ferrín o que fixo foi felicitalo cun bo artigo, como adoita. Eu espero que a saúde e o humor acompañen a D. Paco e o próximo sábado podamos felicitalo a carón de Isaac Díaz Pardo no convite do PEN Clube en Vigo.

Xaime dijo...

Temos falado que Ferrín hoxe está por riba de case todos e representa nas letras galegas un plus que de momento so él ostenta.

Eu teño un "Angel" na familia que non lembro chamalo por ese propio, senón como Xelo.
En Lugo e moi normal -Saavedra, confirmará o dato- hai moitos Xelos e Xelas, sen dúbida bautizados com o Angel e Angela.

Anónimo dijo...

Estimado sr. Xosé M. González (o máis galego entre os galegos):
Sería vostede tan amábel de me explicar este seu parágrafo?

"A min, o galego Anxo, máis ca hipocorístico, paréceme tradución directa desde o español con mentes na homonimia, nese idioma, entre nome común e de persoa."

E que creo que o problema radica en que en português, o nome do santo é Anjo, e o do etéreo ser, Ângelo.

Grazas anticipadas.

Anónimo dijo...

Vaia, non sabía que cambiara o José orixinario polo de Xosé, Saavedra. Unha vez, non hai moito, dixo que aínda conservaba o José, pero agora supoño que o debeu mudar. Parabéns polo troco.

Anónimo dijo...

Acho, dilecto Medela, que é às avessas: o etéreo ser é anjo; por ende, tamén o Santo da Guarda; e o antropónimo, Ângelo: por certo, non debe ser moi frecuente en Portugal.

O que quero dicir é que, dos da miña idade, mudaban para Anxo persoas bautizadas coma Ángel; e, paralelamente, existía Ánxel popularmente: aínda llo chaman arestora ao meu chapista (o que me amaña o coche, non a miña persoal carrozaría). Ao facer a versión, na carencia de rigor filolóxico (en particular, falta de repertorios onomásticos), posiblemente se escolleu como propio o nome común de tales integrantes da corte celestial, dando por boa a equivalencia en español, á fin e ao cabo única referencia posible -daquela- en materia "culta" e formal.

Sería ben saber quen foi o primeiro que se autotitulou Anxo; porque de Fole, xa saben, tamén de Ánxel Casal e posiblemente outros máis. O de Xelo/Gelo, que di o Xaime, hipocorístico en galego e tamén en español, dá en efecto para reflexión: de onde virá tal apelativo, que conserva o -o apocopado? Eu non sei; e agora, lamentablemente, téñome que ir. Mañá lereinos de gana.

Anónimo dijo...

Non, Apicultor, a razón previa segue operando; sinto decaer de novo na súa consideración. E ben entendo a razón da censura; pero aquí acóllome a causa particular.

Anónimo dijo...

En asturiano, Xelu, Xelín, Xel son as variantes máis usuais: de feito pouca xente se chama Ánxel. Quizáis a pronuncia antiga fora grave e non esdrúxula sobre Angelus. Tamén Xelos, por Ánxela ou Ánxeles.

Anónimo dijo...

Daquela non é correcta a súa auto-caracterización: "o máis galego de todos os galegos debo ser eu".

(Case estou a pensar en mudar o meu nome de novo para o castelán...)

Anónimo dijo...

Non creo, Marcos, que Ferrín se reencarnase en Otero. Fáltalle a súa xenerosidade.

Ferrín omite no seu texto o nome de alguén que foi moi importante para el durante unha época: Ramón Piñeiro.

Si, xa sabemos que despois tivo moitas e moi fortes diferencias con el, e que o demonizou por activa e por pasiva (Ferrín a Piñeiro: enténdase).

Pero, a estas alturas, Ferrín xa debería ter dixerida a súa inquina e ser máis bondadoso.

Ou acaso non se lembra de que foi Piñeiro quen apostou literariamente por el? Que foi quen lle editou e prologou os primeiros libros?

Non, de momento non se reencarnou en Otero. Fáltalle a súa xenerosidade. Esperemos que, máis cedo que tarde, a posúa.

Anónimo dijo...

Vai pois unha de ÁNXELA , que a bailaron no "lento".

Anónimo dijo...

O concepto de "xenerosidade" pode entenderse de moitas maneiras, pero todas van desde o dicir (relativamente doado) até o facer.

Penso que a Ferrín non lle custaría nada ser tamén xeneroso no dicir con Ramón Piñeiro. De feito, xa o foi. Nalgunha ocasión ten alabado a obra cultural dos homes de Galaxia (Piñeiro incluído), e en Grial publicou cousas nos anos 60. O que pasa é que os desencontros, que foron persoais e políticos, foron a dúas bandas. A Ferrín méteno na cadea no ano 71 (creo recordar) e ninguén de Galaxia, excepto Paco del Riego, se interesa por el, e todos sabemos da teima anticomunista do binomio Piñeiro-Sabell. Se a isto lle engadimos o proceder político destes dous personaxes na chamada "transición", podemos entender que as diferencias continuasen.

Anónimo dijo...

Non faga iso, Apicultor, por moita razón que teña en criticarme. De todas maneiras, o concepto de meu, no que aquí me alcanza, soborda a legalidade.

Perdón por inmiscir aspecto puramente persoal; non volverei a el, se non se volve caso de máis fuste.

Xaime dijo...

Apicultor, a ninguén lle interesa que se amañen as cousas entre Ferrín e Piñeiro.
A bon entendedor poucas palabras bastan.

Anónimo dijo...

Explíquese algo mellor, Xaime. É que eu son mal entendor.

Anónimo dijo...

Entendedor, quería dicir.

Anónimo dijo...

Metempsicoses,transmigración das alamas. Ferrín é cada día que pasa mais piñeirista, non polas súas palabras senón polo destino. Sabe que non hai outra saida que un grande pacto galeguista que poña a salvo o cerne do pais, pero ninguén se toma en serio o seu ser como galego, os galegos non nos tomamos en serio e así vai devalando o pais.

Anónimo dijo...

Eu son galego e, de cando en vez, tómome en serio, aínda que a verdade é que normalmente prefiro tomarme en broma. Pero do que non creo ser capaz é de "tomar en serio o meu ser como galego". Pon vostede uns deberes un pouco complicados, amigo Jimy.

Anónimo dijo...

Vostede di que é galego, e pode querer deixalo de ser, como tantos, ou pode querer afirmar ese ser.
O deber é libremente asumido, do contrario sería unha imposición.
Ser galego é universal é para min un deber que tento tomar con humor. Obviamente as veces a seriedade presentase polas situacións e resultan ridículas as bromas, o humor é unha saida, é non resignarse a calar ou bramar, senón a dicir.
Ferrín compriría hoxe un papel piñeirista extrordinario se a súa obsoleta ideoloxiá non llo emborronase. De feito creo que a astucia da razón llo fai cumprir. A practica unanimidade para a candidatura ao novel, as súas amizades dende a dereita galeguista a extrema esquerda, a súa imaxe de patriarca, a sua icona paseado polo pais...

En Ferrín aniña a alma de Piñeiro, transmigración, metempsicoses, meten que cosas?...dícía Molly....xa estou digresionando....

Anónimo dijo...

Parabéns para Paco del Riego polo seu 95 aniversario.

Anónimo dijo...

Unha das palabras características de Fernández del Riego é a de "encetar": cada vez que o vexo con ese rostro de bonhomía transparente vénseme á cabeza. E, como consecuencia, cada vez que escoite esa palabra, estarei sempre vendo ou lembrando a súa figura modestamente eminente.

Anónimo dijo...

Querido artistiña de Rairo (permítame este alcume tan de "Vicente Risco", co que vostede garda algunhas semellanzas, como Arume ten un toque cunqueirán-italianizante e Da Coba foleano-ourensao):

Acabouse o tempo dos Patriarcas (mesmo o das Matriarcas tamén) e non creo que Ferrín queira asumir ese papel. A verdade é que ninguén llo pediu nunca, tampouco.

Ferrín foi un señor que se dedicou durante anos á súa profesión, sen reclamar premios ou cargos. O que habería que esixirlle é que empezase (ou rematase) a última parte desa triloxia comezada con "Antón e os inocentes" e continuada en "No ventre do silencio". E logo que escribise as súas memorias.

Marcos Valcárcel López dijo...

PARA M. SWAN:
Boa parte das memorias de Ferrín xa están escritas: bastaría con recoller o seu xornalismo destes anos en Faro de Vigo e ordenalo un pouco: a infancia ourensá, os amigos desaparecidos, o compromiso político, as lecturas e pegadas de escritores europeos, etc.
En canto ó papel público de Ferrín, non sempre un é de todo libre de escoller: quero dicir que, á marxe do que Ferrín pense ou queira, a situación do país e as demandas das novas xeracións poden levarlle a cumprir esa función "patriarcal" das letras galegas que eu lle adxudicaba.

Anónimo dijo...

Eu, a pesar do que di vostede, amigo Valcárcel, creo que unha redacción nova da súa autobiografía podería aportar unha visión distinta da súa vida. Porque eu creo que os artigos de Ferrín son moi irregulares. Non de calidade (algúns véxoos moi ocasionais, escritos con demasiada premura, pero non perden ao meu xuízo calidade básica: non esquezamos que publica dous a semán, que entrega os sábados a máquina na redacción do Faro), senón de ton, de fasquía e mesmo de ideoloxía. Sería interesante que se puxera a escribir dun tirón para manter un pulso narrativo máis coherente (aínda que esto non é preceptivo, por suposto) e para dotar a eses fragmentos que foi quitando semán a semán unha vertebración engadida e profunda. Non sei. Debería, ao mellor, explicar mellor esto, pero teño que marchar agora mesmo. Voltarei axiña.

Xaime dijo...

Ferrín pelexa a diario ca ialma de Piñeiro, xa que agora escomeza a decatarse que so hay patriarcas de preguerra e non posteriores.
De ningunha maneira quixera dicir que haxa que darlle a razón a Piñeiro, non, pero o furibundo ataque que arrumbou ca súa figura e case súa obra, trasladouno as tenebras interiores, das que só xente capaz como Ferrín sería capaz de sacalas.
Que políticos actuales teñen a categoría personal, intelectual e política de Piñeiro, ningún, a pesares de eso é denostado, xa que o nacionalismo de esquerdas, fuxe del e refugao e nin siquer aceitalle categoría de persoaxe do galeguismo do Século XX.
Ferrín estase decatando de eso, que se cometeron erros o descabezar o movimento politíco galeguista o deixarlle a esquerda o monopolio do nacionalismo-galeguismo, e insisto na miña percepción que día a día, artigo a artigo, sermón a sermón, estáse resituando para reivindicar a praxis de Ramón Piñeiro a vista de que a situación actual e deplorable, na que a moqueta, o poder e control do partido e o que ocupa exclusivamente os dirixentes políticos do noso país.

Marcos Valcárcel López dijo...

Interpretación interesante a súa, don Xaime, sen dúbida. Non debe ser desbotada de todo: de feito, o país que vivimos parécese pouco ó que Ferrín puido imaxinar na súa mocidade e iso dará moito que reflexionar, non?

Anónimo dijo...

Paréceme que vai sendo hora de que nos vaiamos tomando en serio a nós mesmos, en serio, non dende o pranto tráxico, con humor, pero en serio.

Ferrín é o unico escritor que ten unha escola, pola simples razón de que foi o suficiente xeneroso como para recoñecer outros talentos, ainda que as veces se equivocase. Este é o motivo do seu recoñecimento actual, serio, lonxe de ruido mediático e próximo aos que verdadeiramente importan, os lectores, o que queda dos intelectuais, e xentes da cultura.

Ferrín reune unhas potencialidades raras no pais. Paréceme que é unha cuestión de visión, de estar a altura de como se presentan as cousas, e dar xogo no marxe, arrombando con tanta vácua oficialidade

Anónimo dijo...

Ferrín é un tipo estupendo: culto, valente, pinante e cun punto péndigo que o fai enormemente literario. Ademáis, é un bo escritor, especialmente, poeta. Pero no político é un disparatado (segue a xurar por Stalin) é no intelectual fáltalle esa dimensión de ecuanimidade e distancia que se lles supón aos patriarcas. Dará un bo patriarca da súa tribo; non da tribo enteira. E nunca revisará a súa opinión sobre Piñeiro; sería negar a súa propia biografía; sería negarse a si mesmo. E xa é un pouco tarde.

Anónimo dijo...

Encontro as súas argumentacións, xaime, confusas. A o meu ver vostede apunta dous problemas e unha solución:
Problemas:
- "se cometeron erros o descabezar o movimento político galeguista o deixarlle a esquerda o monopolio do nacionalismo-galeguismo"
- "a moqueta, o poder e control do partido [de que partido?] é o que ocupa exclusivamente os dirixentes políticos do noso país"

Solución aos problemas:
"reivindicar a praxis de Ramón Piñeiro"

1. Quen cometeu o erro de descabezar o galeguismo? É vostede consciente de que Ramón Piñeiro quería que o galeguismo se diluíse en formacións nacionalistas e (tamén) en non nacionalistas/galeguistas? Que fixo R. Piñeiro por restaurar o PG nos anos 50 e apoialo máis tarde no ano 1978, cando no famoso congreso de Poio? Penetrou o piñeirismo no PSOE e mais no PP galegos? Quen reivindica hoxe o piñeirismo neses partidos (fóra de formalidades e boas palabras)?

2. Cal é a solución que nos aporta aos problemas que vostede ve?

- Crear unha "Realidade Galega", ou sexa, un grupo de notables situados por riba do ben e do mal, constantemente tirándolles das orellas aos partidos (incluído o BNG?) por non ser galeguistas de abondo? Porque só ven a moqueta e non os problemas dos galegos?

- Refundar (a marca) "Partido Galeguista"? De ganchete co señorito de la curuña Carlitos Marcos, por exemplo? Outro partido máis para roubarlle os votos... a quen?

- Refundar a Xeración Nós (a Xeración "As Uvas"), ou sexa, dedicarnos á cousa non política, opinando por aquí e por alí, pero pasando de todo?

- Volver facer un asalto "pacífico" aos partidos non nacionalistas para galeguizalos, ao xeito piñeirán? Que bonita imaxe aquela foto de Ramón Piñeiro con Felipe González! E Fco Vázquez pasando do galeguismo ao guerrismo en cuestión de meses? Que bonito aquel traballo de desgaste de Paco Vázquez e La Voz de Galicia contra Domingos Merino (recorda? Esquerda Galega-PSG-PG). De quen foi a culpa a xacobinización do PSOE e do PP? Do nacionalismo de esquerdas?

Anónimo dijo...

Disculpen, quería dicir que comín dúas ou tres veces con Ferrín, nesas xuntanzas que organiza Aser Álvarez (de 'Arraianos') e pareceume, desde a miña ignorancia sobre estes temas, que Ferrín ten a categoría de home de estado galego, tal como a tivo, penso, Otero Pedrayo e Beiras.
Evidentemente, no país non se dan as circunstancias para que calquera persoa, desde o máis sinxelo dos mortais ata os antes referenciados, poidan desenvolver en plenitude as súas facultades. E as contradicións propias de toda natureza humana aínda se agudizan máis e se tornan máis evidentes e paralizantes.

E estou ben grato a Ferrín, porque a lectura de 'Arraianos' hai xa ben anos, cando eu estaba a traballar en Catalunya, foi o pulo decisivo que me puxou para o galeguismo, é dicir, o nacionalismo galego.

Estimado señor Swann: Piñeiro viviu nuns anos ben difíciles. Se Antonioni fose galego, ben seguro que sería calefactor, e "Blow Up" sería unha entelequia.
Cumprimentos.-

Anónimo dijo...

A estas alturas politicas non se trata de crear xa nada, se non de defender uns sinais de identidade que ninguén ,nin o BNG se toma en serio.

A única reacción posibel é dende a sociedade civil, é dicir, dende o galeguismo; a acción política daquelas persoas conscientes da gravedade da sitación independentemente de onde militen, se militan, pero que teñen claro que a identidade galega é unha cousa ben seria, que sería nefasto, e triste perder, polo que urxe un pacto galeguista coa intención de reavivar a identidade.

Pero a sede non fai necesariamente a fonte.

Anónimo dijo...

Estimado Julio Medela: Eu emborracheime, hai xa ben anos, unhas cantas veces con Ferrín e entre as poucas cousas serias que recordo está a súa completa incapacidade para pensar politicamente en serio; moito menos como un home de estado. Polo demáis, insisto, é un tipo estupendo.

Anónimo dijo...

Eu creo que a Ferrín viríanlle ben varios heterónimos, porque hai moitos Ferríns nun só Ferrín, e probablemente todos verdadeiros.

Xaime dijo...

Sr. Swann, perdoe pero a mín so lle me interpreto eu mesmo e síntoo de corazón, por que sabe que o aprecio, pero non atinou nin unha.

Marcos Valcárcel López dijo...

Sobre o tema RAMÓN PIÑEIRO, para o amigo M. Swan:
Sobre RP pódense facer moitas críticas e matizacións, pero ás veces semella que se lle quere facer culpable ata de que os equipos galegos de fútbol non vaian ben. Mestura vostede moitas cousas e do PG coruñés de Carlitos Marcos o pobre RP, falecido en 1990, é totalmente inocente. Como doutras cousas que se lle apoñen. En Realidade Galega había moita máis xente que RP e de ideoloxías diversas, p.ex.
Advirto tamén un certo reproche ós contertulios na súa frase
"Refundar a Xeración Nós (a Xeración "As Uvas"), ou sexa, dedicarnos á cousa non política, opinando por aquí e por alí, pero pasando de todo?". Pola miña parte, nunca ousaría tal comparación e o de "pasar de todo" é moi relativo: moitas veces son outros os que pasan de calquera voz crítica, mesmo dentro do nacionalismo ou do galeguismo.

Anónimo dijo...

Non entendeu o meu comentario con respecto a este blog. O que non logro entender é esa teima dalgunhas persoas de pedir hoxe "máis galeguismo", como se o galeguismo fose unha idea abstracta por riba dos partidos. Pedrallo tíñao ben claro: para el o galeguismo estaba no partido político que defendía as ideas dos galeguistas.
Non teño moitas ganas de discutir. Teño gripe desde hai dous días e teño que facer para continuar gañando para os garavanzos.

Anónimo dijo...

Teña paciencia coa gripe Marcel, eu estouna a pasar, e presentouse dura.

Do nacionalismo e do galeguismo habería moito que falar.

Pero noutro momento e posibelmente noutro contexto.

Respecto a Solaina, a verdade é que se trata dun espacio virtual de concurrencia de internautas con inqedanzas culturais. Un grupo intelectual, é outra cousa moito mais seria.

Anónimo dijo...

Teña paciencia coa gripe Marcel, eu estouna a pasar, e presentouse dura.

Do nacionalismo e do galeguismo habería moito que falar.

Pero noutro momento e posibelmente noutro contexto.

Respecto a Solaina, a verdade é que se trata dun espacio virtual de concurrencia de internautas con inqedanzas culturais. Un grupo intelectual, é outra cousa moito mais seria.