10 ene. 2008

Provocando (Bieito Iglesias en ECG 10 xaneiro)

O novelista francés Restif de la Bretonne labrou a súa sona escribindo catálogos de costumes do século XVIII; pero nos seus cadros galantes introduce un pormenor que os aparta por completo do realismo: "Os homes non se namoran das damas pola pureza das súas faccións, a galanura do seu corpo, as súas prendas espirituais, etc, senón, exclusivamente, pola beleza dos seus pés". (A verdade das mentiras. Vargas Llosa). Inadvertidamente, o escritor libertino confesa unha paixón secreta e feiticista que hoxe coñecemos como bretonismo. Os seus contemporáneos amarían outras moitas meiguices nas mulleres, no entanto a súa obsesión polos pés delicados de ponte perfecta e dedos fiordos, lévao a medir a fermosura co metro subxectivo do seu desexo.
Algo semellante pasoulle ao bispo de Tenerife, tamén el vítima dos segredos inconfesables do seu subconsciente. Este monseñor seica se sente provocado polos rillotes de doce anos, insolentes e guapos. Onde o resto dos mortais só ve raparigos máis ou menos trastes, Ilustrísima apreza tentadores, demoníacos acenos de sátiros en calzas curtas que someten a castidade a duras probas. As declaracións deste xerarca da Igrexa (abominables, por canto converten os mozotes en crueis sedutores dos pobres pederastas, tan sensibles eles que se ven arrastrados ao pecado pola descarada louzanía da carne noviña) unicamente conteñen unha verdade: "A sexualidade é complexa". A duns máis complexa que a doutros, de todos modos.
Mentres tanto a católica España maniféstase contra o terrible goberno laico que padecemos, culpable de chamarlle matrimonio á unión gaia e de aplicar as leis de divorcio e interrupción do embarazo promovidas por gabinetes anteriores. A Conferencia Episcopal debería presentarse ás eleccións de marzo cun programa abolicionista do aborto, do divorcio, do condón e do casal homosexual. En lugar diso fai campaña a favor do PP, que aínda que gañase nunca asumiría medidas tan impopulares. Deus nos libre de falsos profetas.

4 comentarios:

marcos valcarcel dijo...

Magnífica a recomendación final do artigo de Bieito: que se presente como tal a xerarquía eclesiástica ás eleccións e que recolla todos os votos que se identifiquen con esas propostas (de paso, quitaríalle uns cantos votos ó PP).

apicultor dijo...

Excelente artigo de Bieito Iglesias, que comparto ao cento por cento.

A min tamén me chamou moito a atención as declaracións de filopederastia do bispo de Tenerife. E, naturalmente, provocáronme unha indignación e un noxo inconmensurables.

Como di Marica Campo nun artigo en ANT sobre este asunto (non por un casual titulado "Pola boca morre o peixe"), nada hai máis sagrado que a infancia. E estes bispos, que avalan, xustifican ou practican a pederastia, non merecen máis ca o noso máis profundo desprezo.

Jymy de Rairo dijo...

A culpa toda é do Psoe que non pon a Igrexa no seu sitio.
É un partido tan contradictorio, inconguente que se move nun permanente si-non, que semella galego.

Un amigo dijo...

Eu non creo que a culpa sexa do PSOE, pero si penso que ten a culpa de non ter avanzado nestes catro anos na consecución dun estado laico de verdade.
O artigo,... non se pode dicir mellor.