Recuperando o disco duro…. Raíces. As primeiras fotos (FÍRGOAS 2)
Algunha vez téñome laiado, para min mesmo, de non gardar demasiada memoria da miña infancia. Foi unha infancia sinxela, quizais aburrida, tranquila dende logo. Pero non é certo: só que tire un pouquiño do fío da memoria, o disco duro empeza a activarse e as lembranzas e anécdotas van aboiando, ensarilladas unhas noutras. E a iso imos agora.
A Granxa
Nacín na chamada estrada da Granxa, un tres de marzo de 1958. Moi perto do cimiterio de San Francisco. Dende o balcón da miña casa víanse as cruces e as tumbas e os nenos xogabamos por alí perto. Aínda está en pé a miña casa natal, facendo curva, xusto onde remata a rúa que pasa por diante do cimiterio e fai a curva para subir cara Barrocás, a casa da esquina, metida un pouco para atrás. Lembro ben as cores azuis e verdes, suaves, das habitacións. E o piso de madeira, con algún buratiño: por alí se me escoaban os monequiños de plástico que viñan nos deterxentes de Omo, elefantes, leóns, tigres, xirafas (velaí o meu Rosebud).
Din que fun un neno tranquiliño, que non molestaba a ninguén. Podía pasar horas xogando con eses animaliños ou ensimismado no meu mundo. Tamén era falador, iso si, cando me deixaban. Daquel barrio lembro pouco, pouco tempo debín estar alí. A primeira escola estaba moi perto da casa e nada lembro dela, agás xogar no patio a coller lombrices e metelas en latiñas de metal. Tamén lembro que me daba por rachar e comer os papeis das marxes dos primeiros libros e enciclopedias, encantábame mastigalos e alguén me chamaba O Ratiño ou algo así. Eu ía á escola co meu irmán maior, Félix, que me leva ano e medio, e un día seica nos deu de esguello unha furgoneta cando cruzabamos a rúa: a min non me pasou nada, el un pouco magulladiño, creo.
O meu pai chamábase Félix Valcárcel Martínez e tiña un pequeno obradoiro de xoiería, xa o tería daquela, na rúa de Santo Domingo (despois foi tenda de xoieiría atendida polos meus tíos Olga e Exmelin); o seu pai, José Antonio, e el mesmo, viñan de Armariz, das terras de Nogueira de Ramuín, e a avoa paterna, Rosalía, dun pobo moi perto, Verdefondo. O José Antonio andou nos anos mozos, teño entendido, de ambulante polas feiras con artigos de xoiería e outros produtos. A miña nai, Carme López Vázquez, viña de Ervedelo, pobiño próximo ó Seminario, nos arredores de Ourense: os meus avós maternos, Benxamín e Carme, pasaran a experiencia da emigración, en Cuba e na Arxentina. O Benxamín era das terras de Barra de Miño (un seu irmán chamábanlle “O Lobo” e contábase que matara un cabalo dunha puñada na cabeza). A miña nai ten dúas irmás, as miñas tías Dorita e Pura, esta vive hai moitísimos anos en Francia (ven nos veráns), aló foi traballar o seu home, Manolo, ós asteleiros de Marsella, levan xa anos xubilados.
Os meus pais casaron moi novos e din que, cando a data da voda, a miña nai andaba enferma. Pero o meu pai insistiu diante do Benxamín en respectar a data: se facía falta, casaban con ela na cama. Moi cedo tiveron o primeiro fillo, o meu irmán Félix; ano e medio despois cheguei eu. Tamén me contaron que a miña nai lera daquela a popular novela “Corazón “ de D’ Amicis e gustáballe este nome para o seu fillo: por sorte, alguén, quizais o meu pai, sacoullo da cabeza e escolleu o “Marcos”, que daquela non era un nome moi habitual.
Pouco despois de nacer eu deberon empezar a facer a casa da Avenida da Habana, n.111 no seu día. Lembro, aínda na casa da Granxa, un día de choros e tristuras e loito: se non estou errado, morrera un obreiro, un albanel, nas obras da casa nova. Os nenos fomos apartados, para non enterarnos de nada, pero vimos o ambiente luctuoso, claro. Na casa da Habana viviríamos no terceiro piso (o resto da familia, avós paternos, tíos paternos, tíos maternos, etc., nos outros). O meu pai rexentou durante moitos anos un xigantesco obradoiro (dicíamos “taller”) de xoiería, de fabricación (medallas, pulseiras, etc.) e de arranxos para a tenda de Santo Domingo. A miña infancia está chea de imaxes de medallas, Virxes dos Remedios ou dos Milagres, máquinas monumentais e espazos escuros nos sotos do taller. Xa lles contarei. Por certo, unha curiosidade: na casa de enfronte, aínda que non nos tratamos moito daquela, vivía un tal Afonso Monxardín, cos seus pais e irmáns.
As primeiras fotos
Na casa da miña nai hai algunhas caixas con fotos. En tempos estaban gardadas naquelas caixas metálicas tan bonitas do Cola-Cao, lembran? Estou vendo agora, dende o fío da memoria, algunhas desas fotos. Nunha delas estamos tres irmáns: Félix, eu mesmo e no medio Fátima. Ela aínda é un bebé e collémola cos nosos braciños. Podería ser unha foto do Screchk. Os dous estamos perfectamente peiteados, cos nosos flequillos milimétricos (ó estilo Mireille Mathieu) e unhas camisetas de liñas grosas. Noutra estamos espidos, ensinando o pito, Félix e eu, no fouciño dun impresionante Delahaye (como se escriba) que tiña o meu pai daquela, quizais nunha viaxe, quizais en Extremadura. Outras son de Ervedelo, da casa dos avós maternos, e temos tamén a típica foto montados nun burriño, en medio das vides que nos agarimaban nas vendimas.
Xa lles contei, en entrega anterior, do Colexio do Pilar. Quero engadir agora que os nenos daquela vivíamos nun ambiente de bastante liberdade. Pasamos moito tempo no Parque de San Lázaro, xogando as canicas, con longos ríos de area movida, e outras cousas. Había un postiño de baratixas e trapalladas na parte superior (perto de onde hoxe está a estatua do Carrabouxo) e por alí andabamos os nenos a rebulir sempre. Os meus pais estaban moi preocupados, con razón, polas amizades que tiñamos. Do resto, gozabamos de bastante liberdade. Por exemplo, lembro nunha ocasión coller as bicicletas e ir durante horas pola estrada de Alongos e entrar en varias leiras a subir as cerdeiras e o gran banquete de cereixas da nosa infancia. Na casa non sabían nada, por suposto. Doutra, con qué compañías andaría eu?, deille os meus pais un bo desgusto: andabamos a coller cobres e metais de fincas e casas abandonadas e logo as vendíamos nalgún almacén de xoiería da cidade. Non sei se sería a primeira vez que eu fun pero o dono do almacén recoñeceume e chamou de inmediato ó meu pai: entre as ferrallas que levabamos ían algunhas virutas de prata e ouro que eu collera no taller do meu pai, de seguro pensando que non tiñan maior valor. A bronca debeu ser monumental, pero o disco duro da memoria xa a borrou hai moitos anos.

30 comentarios:
Ben fermoso este primeiro recordo da súa infancia (aínda que vexo o de Faíscas 2). Nunca agradeceremos o suficiente ao Cola-Cao ter feitas aquelas caixas de metal onde medio (por non dicir todo) país garda aínda a súa infancia. Non hai Cidade da Cultura que poda almacenar a vida da xente en arquivos nacionais e cousas do estilo como as caixas do Cola-Cao. Deberían facer un monumento ao deseñador de tales custodias da memoria.
Unha curiosidade, Don Marcos. Desde onde vivíu vostede non primeiros anos, Carretera da Granxa, oíase a trompeta do cuartel, cando tocaban pra izar ou arriar a bandeira, ou pra outras sináis?.
Hora de baixar bandeira (creo que era ás oito da tarde) (corneta, notas largas, a tile significa agudo):
Dó
Sol
mí mí dó dó sol
do sol
mi mi do do sol
do sol
dó
Forma parte da "paisaxe sonora" da miña infanza: eu vivía perto de vostede.
O obradoiro de xoiería era, en efecto, un lugar fantástico e insondable, amplo e escuro, con estrañas máquinas de precisión e aparellos tamén escuros, ignotos para os profanos. Alí deberon traballar, nos momentos de máis auxe, cando menos máis de media dúcia de operarios, pois espazo habíao de abondo.
Contará o amigo Marcos no seu momento -e desculpas por adiantarmne- que seu pai, nacionalista dos de verdade, tivera a feliz idea de facer -e vender a prezo de custe- centos de bandeiriñas galegas coa estrela, en prata e esmalte branco e azul e vermello, para prender na solapa ou no xersei. Un pin que se di agora. Perfectas, fermosas e elegantes. De seguro que aínda hai, polo país adiante, moitas persoas que atesouran a bandeiriña como prata en pano. Non é para menos.
Si, XDC, podíase oír a trompeta do cuartel, aínda que teño un recordo difuso ó respecto. Non lembro en cambio a sensación do paso do tren polo túnel de San Francisco, pero tiña que escoitarse tamén, pois estaba moi perto.
Das bandeiriñas que cita apicultor, feitas en prata e esmaltadas, aínda hai moitas por Galicia, aínda que eu non conservo ningunha. Tamén fixera un pin coa bandeira e o mapa recortado do país. Niso foi pioneiro, pois non había nada semellante e supoño que se venderon moi ben.
Graciñas a Xulio, por colgar a fermosa imaxe do Cola-Cao.
A foto é ben fermosa, pero, e non quero parecer tiquismiquis, as caixas en cuestión abrían noutro sentido ;).
Ten razón Arume: abrían en posición horizontal.Estas chegaron despois, deben ser as máis modernas.
Eu tamén era do Cola Cao,pero durante un tempo paséime aos "jóvenes leones" de Nesquik.
Estiven vendo estoutro día "El desencanto", película rodada entre 1974 e 1975, e que poden baixar íntegra desde
http://video.google.es/videoplay?docid=-4328591122826254708&q=%22el+desencanto%22&total=28&start=0&num=10&so=0&type=search&plindex=0
Non sei se algún de vostedes a viu e se poderían dar a súa opinión sobre a nai das "criaturitas".
Esa é unha película emblemática dos anos setenta, da que xa se falou aquí, creo lembrar.
Os irmáns Panero, a nai castrante(Felicidad acaso?), a omnipresencia do pai morto e eximio poeta franquista (Leopoldo Panero).
Que tropa!
Preciosas lembranzas, Marcos. Claro que tendo unha avoa chamada Rosalía, natural dun lugar co nome de Verdefondo non podía ser doutro xeito. Verdefondo é nome de país de fadas, en verdade. A túa infancia lémbrame ben a miña. Eu tamén apañaba cobres e outros metais e ía vendelos aos talleres. E marchaba durante horas roubar froita... ou a pelexarme nas baterías cos dos outros barrios. E quedaba tardes enteiras xogando cos bichiños do Omo. Había ese deterxente e outro que se chamaba Ese. Eu, que fun sempre un descrido, pensara un chiste que era un anuncio publicitario: Ese Omo lavan como Dios. Felicidades polo texto. Agardo con ansia a continuación. Pois a memoria de cada un é tamén a memoria de todos.Unha aperta.
a) Está a saír un artigo indignado contra o deseño novo dos botes de colacao, cuxas tampas troncocónicas son imposibles de abrir.
b) As paisaxes sonoras da miña infancia son moi ricas:
1.- O tren entrando ou saíndo do túnel -tremían os vidros qeu tiñan a masilla cuarteada.
2.- Os sapos croando como extraterrestres no verán, entre as horas do Camiño Caneiro e os Maristas, onde non entestaban directamente.
3.- Os marraus que se resistían a morrer no Asilo das Monxas, cando tocaba matanza. (Eran algo próximo porque de alí viñan a recoller a lavadura das casas para os alimentar).
4.- Os vellos demenciados que berraban en dous estilos: a) mántrico, repetitivo, grave... e b)Chio esgazador do silencio da noite.
5.- As voces das monxiñas trando amablemente de impor silencio.
(Nos últimos, retirábannos da terraza da casa).
FIRGOAS: estes textos de lembranza da memoria, dende a infancia, levarán a etiqueta FÍRGOAS (homenaxe a Manuel Luís Acuña) e este é o segundo: antes houbo outro sobre o Colexio Pilar.
Graciñas a todos polos súas palabras. Como di Xosé de Casanova, a miña foi unha infancia sinxela e quizais, a priori, nada literaria: pero debe haber outras moitas semellantes, polo que el conta na súa mensaxe, e todos forman parte dunha memoria común que paga a pena gardar.
PARA XOSE DE CASANOVA e para todos/as:
Na toponimia das raíces paternas, hai un Armariz como pobo central e, cara abaixo, un Verdefondo, da avoa paterna, e cara arriba, un Verdecima, onde houbo casa familiar en tempos e tamén lembranzas infantís. Alí pintou o meu irmán Félix, que foi un gran pintor, os seus primeiros cadros de paisaxes galegas comigo ao seu arredor xogando entre os pinceis en medio do campo de millo.
Todos eses pobos son do Concello de Nogueira de Ramuín, onde o meu pai foi hai moitos anos concelleiro do BNG, cando era alcalde un tal José Luís Baltar. Tamén facía de corresponsal (anónimo ou con seudónimo) de LA REGIÓN, cunhas espléndidas crónicas en galego que eu lle revisaba, máis que nada na lingua.
Parabéns Marcos, tamén lle é unha maneira como outra de espelírse dos pantasmas, se os houbera, e de participar a todos dun mesmo.
As sóns da miña infancia son as pegadas das patas ferradas do animal que tiraba do carro do carboeiro, subindo da Tinería cara a Ruanova, e o rebumbio da xente nos bares cantando "Arroz con chícharos, patacas novas, repolo de Betanzos e máis cebolas" e " A raíz do toxo verde, e moi mala de arrincare, os amoriños primeiros son moi malos de olvidare".
Adícada a Maria Teresa do barrio do Couto aló nos mediados 70.
Marcos e Etxe:
Lembran o forno da panadería "Chaparro", facendo esquina entre Habana e o camiño de bulleiro que pasaba por baixo do asilo e iba dar á Bedoya? Lembran unha casa cunhas viñas que había nese camiño,hoxe rúa?. Ese camiño estaba cheo de certas "deposiciós orgánicas" perteñecentes a uns rapaces que estudaban nunhas "aulas",por chamarlle dalgún xeito, que había un pouco máis arriba. Concretamente na esquina Habana-Bós Aires, onde hoxe hai un bar. Non tiñan "servizos", aparte de outras moitas deficiencias. Se quere máis detalles pregúntenlle a un mestre que deu clase alá: o sogro do actual Delegado do Goberno en Ourense.Sabe que se lle fixo unha homenaxe de xeito relativamente recente, como "mestre da República". Ou a outro mestre que fixo alá as súas prácticas como tal: o actual delegado da "Voz" en Ourense. Pero boeno: sen calefacción, sen WC, o teito caendo aos cachos, mixturados alumnos de diferentes cursos...Aínda así, algúns non saíron moi parvos.
Podíalle contar moito do forno do Chaparro que ata algo de parentesco tiñamos. A vella qeu atendía na parte que daba á Av. de Buenos Aires, inventara unha escrita ideográfica para apuntar as barras, bolas, fabiolas, cornuchos, ósos, etc. e aporllas ás clientas.
Alí, pola parte de abaixo, refuxiábase o "unha sola", un deses toliños entrañables que só quería unha peseta e non máis. Por certo qeu morreu unha fría noite de reis cando non o viu un camión da vasura que daba marcha atrás naquela rúa.
Claro que me lembro da casa esa do Camiño Caneiro. E do granado que tiña. Alí era onde cantaban os sapos que eu oía. Para min sempre foi unha casa de misterio, cunha familia moi singular...
Tamén é curiosa a historia do concelleiro corrupto qeu autorizou a ocupación da metade do Camiño CAneiro coa casa da esquina coa Habana. Bo disgusto levara o Chaparro e mais o Cadavid... cos coches...
Nese camiño aprendin eu a andar en bicicleta, alá por 1966.
E que me di do muro de coios coa alambrada da cima por onde se podía guichar o patio dos curas que ata alí chegaba.... e o final en "catro camiños", nome medieval, aí queda eso.. Seguro que eramos máis novos.
Memoria n' As Uvas. Entre viñas e caldas, ao mellor, e desculpen unha analoxía que espero non pareza egocéntrica. Será fírgoa forma só ourensá? Norma o dicionario físgoa e non sei cal resultará máis eufónica.
Desta segunda, lembranza puntual para aqueles arxénteos adminículos bandeiroestrelados dos que nunca posuín un; a partir deles, lembranza asociada ao seu artífice.
Naqueles tempos, contáranme que un día o xoieiro recibira no choio a visita dun peculiar colega: era, segundo as miñas noticias, holandés, xudeu e falaba o que vou chamar portugués sefardí; seica era de uso aínda no gremio da súa cidade, penso que Amsterdam. Non sei se o fillo pode confirmalo; só digo que, xoieiro ou frade, moito me tería gustado falar con el e, xaora, co anfitrión.
Lembro moi ben, como Etxe, o forno do Chaparro e o camiño de case monte por onde eu ía ó colexio (a antiga Zeta, así lle chamabamos). Moitas empanadas recollín eu alí. E estaba ó carón do taller do Cadavid (que seica padecía, dixéronme, agorafobia). Entrañable tamén a evocación do toliño "Una sola" (eu creo que pedía en castelán).
Para XMG: descoñecía esa historia do xoieiro e xudeo holandés (errante?) que foi falar co meu pai, pero puido ser. Ás veces viña xente de fóra porque o obradoiro chegou a ser moi potente e vender o xénero en lugares ben diversos (cando menos de España). Encantaríame ter máis detalles desa historia. Pero...
Sóubeno por Darío Xohán Cabana daquela, haberá cousa de trinta anos. Non sei se daquela xa tiña el trato (nun tempo tivo bastante, e por certo motivo eu tamén) co Millán Picouto, e se era a fonte; se queres, podes probar.
Ten razón Etxe, era unha casa misteriosa. Unha vez, unhos rapaces rompéronlle os cristáis todos a pedradas.
Lembro ben á velliña que vendía o pan na padería. Ibamos os rapaces a comprarlle un "hueso" e decíanos: Se comprarades un "bollo", que vos costa o mesmo e aprovéitavos máis!. Podíalle o "instinto maternal" sobre o "instinto do negocio".
Da Coba, aínda hoxe fun ver o Xaime e abrimos os paquetes. Dígollo como o sinto: non sei que lle hei dar eu a vostede.
Será degustado como merece. Moitas moitas grazas.
Tranquilo: eu xa "chimpéi" un igual, en canto relía, un por un, os capítulos de EHP.
Caro profesor González:
O paupérrimo dicionario RAE dá como forma preferente 'físgoa'.
Tamén admite 'fírgoa', supoño que como eles expresan, "tamén se di".
En português padrão, 'fisga'.
Estravís, que nunca se equivoca, dá a forma 'fírgoa'.
En todo caso, vén do latín 'fixicare' que significa cravar, cortar, fender.
E ese 'r' por 's' penso que é un simple caso de rotacismo, potentísimo na área lucu-auriense.
Saúdos, profesor.
No do rotacismo estaba, Medela, por iso supuxen que non fose normativizado. Non coñecía o étimo; obviamente, del dedúcese un fisga ou físgoa previo ao fenómeno rotacista.
O dicionario da RAG é, en efecto, paupérrimo en caudal; para ser operativo, como mínimo cómpre o Gran Xerais coas súas noventa e pico mil entradas; Estraviz, xaora, non deixa de ser ben útil. Cumprimentos, Medela.
Admirado señor González: Pido inmensas desculpas. Como din alén do Padornelo, alén de Pedrafita, metinme "en camisa de once varas".
Ah, o Gran Xerais é un marabilloso compendio léxico, mais non acabo de comprender como é que pode haber discrepancias e/ou diverxencias co dicionario RAE (nas mesmas palabras) e/ou co VOLGA.
E tamén, por que os de Xerais non din 'Grande' en vez de 'Gran'????
Na vida escoitei falante patrimonial ningún dicir 'Gran'(como sinónimo de 'grande'). Nin tampouco 'mentres'. Nin 'tras'.
Nin 'logo' no canto de 'despois'.
Nin...
Cumprimentos e máis outra vez, pedido de desculpas, profesor.
¿De verdá que non saben que lles poden meter drogha no Cola-cao?
Pareceme a min que é mais probable que os narcos metan cola-cao na drogha
Pois eu mentres e tras si, Medela. Ambos son ben correntes na diatópica luguesa; o primeiro, se cadra, máis ben nalgúns lugares ca noutros, e non se entre xente tirando a maior, á par agora dos que tenden a "normativizar" algo a fala. Ora que "un tralo outro" e "queda alí por tras" son cousa que me resulta ben familiar, non sei se principalmente o segundo.
Ándolle algo espeso, Medela; de aí, quizá, este xeito dubidoso. Saudiños, saudiña.
Publicar un comentario