20 abr 2008






Cen anos de historia cultural
2000: Castelao. Manuel Antonio


Foi tamén un ano de moitos libros notables, sobre todo nos campos da narrativa, o ensaio e a investigación. Entre os primeiros, citemos Expediente Artieda, novela de Luís Rei Núñez, que gañou o premio Xerais dese ano, fallado en Santiago, e Non volvas, unha densa novela de Suso de Toro que parte da vinganza dunha muller ofendida. Xosé Carlos Caneiro achegaba Ébora; Xosé Luís Martínez Pereiro, Medición definitiva do limbo, e Xavier Seoane, Ábrelle a porta ao mar, narrativa familiar sobre a guerra, tinguida de realismo máxico.
Basilio Losada publicaba a súa primeira novela, Princesiña de Francia, e o novelista limiao, residente en terras coruñesas, Antón Riveiro Coello, dábanos unha das súas mellores novelas, As rúas de Bakunin, premio García Barros e recuperación merecida da memoria do anarquismo coruñés nas primeiras décadas do século XX. O mesmo autor publicaba a excelente colección de relatos Animalia (Galaxia), coa que gañara o premio Café Dublín un ano antes.
María Xosé Queizán achegaba a súa novela Ten o seu punto a fresca rosa, reflexión feminista ambientada en Vigo a través da saga de tres familias de diferentes clases sociais, e Xosé Manuel Villanueva publicaba a súa novela Adeus India, adeus (Ir Indo).
Edicións Xerais lanzaba a súa colección Abismos, cun volume colectivo titulado Narradoras e dous títulos de Medos Romero (Dubido se matei a Lena) e Xesús Fraga (Tute para catro). Da mesma quinta son obras como Salitre, de S. Jaureguizar; Infancia e desventura de Lino Carrán (Galaxia), novela de Xosé Miranda, e Un. Dous e Tres noverlas + poesía gráfica (Tris Tram), de Antón Risco, e O corazón portugués (Galaxia), de Ramón Loureiro, novela que aposta pola fantasía e que foi finalista na terceira edición do premio Eixo Atlántico.
Nas letras para a mocidade e infancia, subliñemos títulos como Capitán Araña, novela de aventuras de Rafael Lema; As cousas claras, de X.A. Neira Cruz, premio Merlín e novela sobre a educación sentimental do seu protagonista, e Un polbo xigante, relato infantil de Carlos Casares (Galaxia).

15 comentarios:

Anónimo dijo...

Volvo da Liga de Debate, tan interesante como aparentemente ignorada polos medios. Co saúdo de retorno queda aquí unha homenaxe particular ao Arume dos Piñeiros extensiva a todo o blog.

Sobre a devandita Liga (ignoro se saben de que lles falo) e certa -segundo o meu xuízo- lamentable omisión institucional ao mellor escribo algo noutro momento.

Anónimo dijo...

Sexa benvido, Saavedra. E que, como quedou o seu instituto nesa Liga?

Anónimo dijo...

Canto á competición, gañamos dous, perdemos un e non pasamos á seguinte fase; canto ao resultado en termos educativos e de relación, o balance foi extraordinario.

Aspecto aludido na outra mensaxe: na clausura, o responsable da idea e responsable máximo da organización, Santiago Martínez ( non é un político, senón un antigo membro do equipo de debate da USC) fixo un agradecemento á Dirección Xeral que acolleu o proxecto, "a única porta que se abriu á Liga de Debate", veu dicindo.

Como supoño que deducen, procurei como encher de contido a críptica alusión. Resulta que varias institucións bancarias refugaron colaboración por ter comprometido o orzamento do exercicio correspondente; e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Consellaría de Educación), disque porque non apoian proxectos dun nonseiqué elitista. Estou basicamente perplexo.

En fin, completo a información: o balance de resultados ensino público / privado é determinante a favor da nosa "parte"; non había ningún centro da provincia de Ourense; e asistín a unha acougante constatación de que a diferenza entre centros vilegos e urbanos seica está para borrarse, polo menos a este nivel.

Convídoos a que vexan a páxina, aínda que está sen meter a información sobre o que foron estes tres días. O anteriormente mencionado, para esquecer, na medida do posible.

Haxa boa noite.

Anónimo dijo...

Gustariame ter máis datos sobre o rexeitamento da Dirección Xeral de Innovación Educativa. Sempre hai tomate por detrás (cotilleos, envexas e cousas polo estilo), pero neste caso cun argumento contra elitista atráeme. Conte, conte.

Marcos Valcárcel López dijo...

Moitas grazas pola súa cita e as gabanzas en El Progreso, Xosé Manuel, e benvido de novo. No meu centro falamos desa Liga, en concreto unha profesora, pero ningún dos docentes interesados tiñamos o tempo necesario para dedicarlle a tarefa e deixámolo pasar.

Marcos Valcárcel López dijo...

De moi novo había na única TV que había daquela o concurso CESTA Y PUNTOS que moitos lembrarán. Un ano quedou finalista o equipo dos Maristas de Ourense e toda a cidade seguiu con paixón o saber dos concursantes (lembro a un Cobo, moi popular).
O colexio organizou unha excursión a Madrid, a Prado del Rey, para apoiar ó equipo (por certo, non lembro se gañou ou perdeu). E alí fun eu, moi neniño aínda.
Os "hermanos" non daban puntada sen fío: montaron a excursión como cultural. E saben que nos levaron a ver como visita cultural? El Valle de los Caídos e o Museo do Exército. Tempos!!!

Anónimo dijo...

Gañaban sempre os de León. ;))

Anónimo dijo...

Moitas gracias pola homenaxe, amigo Saavedra. Pero ten vostede toda a razón: perversión é a palabra.

Anónimo dijo...

Cousa simpática de italianos.
Isto non é máis ca unha chea de tópicos, que algo de verdade encerran

Anónimo dijo...

Importante! Artigo no Pais que afirma que en Galicia non se pode escolarizar a un alumno en castelán. Indignante, necesitamos encher de comentarios esta nova, non podemos permitir máis mentiras!!!

Aquí o link:
http://www.elpais.com/articulo/sociedad/perseguido/castellano/elpepusoc/20080421elpepisoc_1/Tes

Anónimo dijo...

Amplío para o Arume (e eventual resto de interesados) no que demanda tocante á Liga de Debate.

Seica o(s) promotor(es) da idea petaron en diversas portas, públicas e privadas, demandando o imprescindible apoio financeiro e infraestrutural para realizar o proxecto; debeu ser (deduzo) máis ou menos a un tempo, e no que toca á Administración non me parece que houbese ningún tipo de prelación que xustificase celos ou prevención de parte. O feito é que a Dirección Xeral de Xuventude deu todo o seu apoio; o Subdirector Xeral estivo na oficina de información, aparentemente como un máis, nalgún momento; algunhas funcionarias atenderon o servizo de autobuses e outros conceptos; o Director Xeral clausurou e quixen ver que de maneira entusiasta (sen que o feito de que sexa un antigo alumno meu me nubrase moito, aparentemente, a vista). E, obviamente, debeu correr con todo o financiamento da Liga.

Segundo dixen, ao escoitar o enfático e distintivo agradecemento da organización, estes oídos sentiron un tilín. Preguntei onde sabían, e dixéronme o indicado na outra mensaxe. Como, obviamente, a palabra elitista non pode ter sentido económico (todos os equipos fomos aloxados no Monte do Gozo, sen dispendio económico de ningún tipo e en igualdade de condicións), deduzo que alude a promover unha actividade onde alumnos traballadores, esforzados e eventualmente brillantes poidan intercambiar, competir (molesta?) con outros, desenvolver as súas capacidades, medrar e proxectarse.

Isto é o que parece haber. Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Anónimo dijo...

Penso eu, coa mala intención de atopar orixe, se o promotor (ou promotores) coxeara dalgún pe que á administración máis axeitada non compracera. Dígoo porque este tipo de actividades contan co respaldo na medida en que o que organiza coñece a quen ten que coñecer, a pesar de suscitar receos noutros lugares onde ao mellor cadraba máis.
Creo que me explico. O que non quere dicir que me pareza nada ben este estado de cousas.

Anónimo dijo...

Por se pode dalgún modo solventar algunha das dúbidas, indicarei que o promotor e responsable da actividade, Santiago Martínez Suárez, non aparenta para nada iso que se chama bloqueiro clásico, aínda que de política non falei con el en absoluto; por outra banda, é fillo de Antonio Martínez Puñal, profesor de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais na USC, igual aquí coñecido por algún ou algúns. A lista e currículo dos xuíces -apoiantes particularmente entusiastas da iniciativa- encóntrase neste lugar e parece elocuente en diversos sentidos.

Por outra banda: considerar elitista a Liga de Debate, non apoiala por tal imputación, constitúe unha disfunción antieducativa de tal calibre que me van dispensar por absterme, a partir de aquí, de entrar nun debate que priorice miserias colaterais; que, por outra banda e segundo digo, me pareceron totalmente ausentes neste asunto. Se mo queren crer.

busto.agolada dijo...

Amig@ blogueir@: Queremos informarte da Xuntanza de blogueiros que terá lugar en Agolada (Pontevedra) o día 31 de maio de 2008. Gustaríanos contar coa túa presenza.
Agradecémosche que lle deas publicidade ao evento desde a túa páxina. Se o tes a ben coloca o logo da xuntanza nun recanto do teu blog.
Para máis información:
http://blog-xuntanza.blogspot.com

Anónimo dijo...

Agora a todo lle chaman "evento". (A)ventamos o vento dos eventos na eventualidade da aventura?

A Golada, centro xeográfico de Galicia? Os pendellos merecen unha visita. Pra comer, un restaurante que hai despois do pueblo na carretera, dirección Betanzos. Os que non temos blog tomaremos unha tapa de palillos, non?

Isto quen o organiza? Queen, Freddy Mercury, McQueen, Angêla Bou Galo, Maria du Soleil du Tanga?