3 may 2008


A vida dos maiores

Andoliña 3 maio 2008. Imaxe: Cabeza de home,
de Van Dyck.

Escoito na Radio Galega un anaco dun programa que trata sobre a Lei da Dependencia e a atención ós nosos maiores. Chaman persoas dende as casas contando as súas experiencias. Eu debín coller o programa en mal momento. Vexan. O primeiro que chama quéixase con detalle porque non lle pagaron aínda nada e, aínda que fixo todos "os papeis", logo llos perderon polo camiño: "Son uns mangantes, eles e elas, todos", di, indignado cos funcionarios que lle importunan a vida. Chama logo unha señora e case bota a chorar porque di quen os seus fillos si que a atenden, pero non lle dan agarimos: nada os que están fóra, que nin chaman, e insinúa que tamén pouco os que viven con ela.
Xa chegaba, pero hai máis. A terceira persoa ó teléfono está aínda máis cabreada cás outras. Segundo ela, atendeu á súa nai enferma durante vinte anos. Logo levouna canda ela outra irmá e esta quedou cos cartos da nai e secuestrouna en vida, sen deixala falar con ninguén. A segunda filla di que a primeira tíñaa mal coidada e chea de merda. Supoño que estes casos son certos. E haberá máis. Pero, unha vez máis, os medios sen querelo amplifican a traxedia. Se esa fose toda a realidade, habería que concluír que as familias galegas son un inferno.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Onte, na cadena Ser, tamén contaban casos de persoas que levaban un ano agardando por unha axuda. O que pasa é que, intereseiramente, só poñian exemplos de comunidades gobernadas polo PP (Valencia) ou outros partidos (Canarias), non o PSOE.
Ter que coidar unha persoa que non se pode valer é un traballo moi duro. Os enfermos, cando son psíquicos, pódeche amargar a vida porque non é fácil aturalos. Lévanche a contraria, negan estar enfermos...

Un caso diferente: unha filla, cun cativo que ten que coidar, ten os dous pais moi maiores, nunha cidade. Os velliños caeron na rúa varias veces, así que non poden saír sos. Axudas para coidalos, ningunha. A través de coñecidos, contrataron unha muller peruana. Tenos moi ben atendidos cando esta filla non está con eles. Sáelles en máis de mil euros por mes, un traballo de poucas horas. Imposible atopar a ningún "nativo" que faga o traballo da peruana. E mellor así, dime a rapaza: a peruana é alegre, divertida, non un dos nosos toxos malencarados.

Anónimo dijo...

A da xente vella, na nosa sociedade, sí que é "invisibilidade" de verdade.

Anónimo dijo...

A lei da dependencia pura propaganda electoral
Sei dun, e varios casos onde a valoración polo técnico da dependencia dende que a tramitaron burocráticamente vai facer un ano, e dependencias tramitadas onde sí se perderon os papeis...Se lles contara...

Anónimo dijo...

¿Qué foi de Caldeira ?