3 jun 2008


ÁNXEL CASAL. Andoliña martes 3 xuño

Editado polo Consello da Cultura Galega e o Seminario de Estudos Galegos e coordenado por Afonso Mato, chéganos un coidado e fermoso volume dedicado a “Ánxel Casal, un editor para un país”. O mártir galeguista, home das Irmandades, de Nós e do SEG, “editor nacional” en palabras de Ramón Villares, foi un pioneiro no que hoxe chamamos industria cultural. Esta publicación fai de catálogo do labor das editoriais Lar e Nós, entre 1924 e 1936, e reproduce as portadas e fichas bibliográficas de toda aquela xeira: unha marabilla. E non só iso: tamén recolle os folletos de propaganda política que na mesma casa se fixeron para o POUM, Frente Popular, UHP ou Juventud Antifascista.
Catálogo excepcional, vai acompañado de tres monografías críticas de Ernesto Vázquez Souza, especialista na vida e obra de Casal; de Mercedes Bangueses, sobre o papel da ilustración na editorial, e de Lourdes Pérez, sobre os folletos e panfletos xa citados.
Casal creou unha nova iconografía da nosa identidade. Fixo verdade, como di Vázquez Souza, a proclamada “Soberanía estética de Galicia” de Risco. Este libro vén, con toda xustiza, a recoñecelo.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

É Alfonso Mato un de Historia que estudiou na Moure de Santiago? Un saúdo para el se visita este blog.

Marcos Valcárcel López dijo...

Alfonso Mato estudou Historia a finais dos 70 e creo que traballa(ba) no IGI de Díaz Pardo, ademais de colaborar no CCG. Ten diversos traballos de documentación, entre eles un valioso volume sobre a Historia do Seminario de Estudos Galegos e a edición de diversos textos de Alberto Vilanova (así, de memoria). Un saúdo tamén para el, se por aquí se achegase.

Anónimo dijo...

Alfonso Mato é unha excelente persoa e un tipo moi competente. Vaia para el tamén o meu saúdo.