12 sept 2008


A felicidade
(Andoliña 12-09-08)


A felicidade: é o único realmente importante. Semella obvio, pero convén repetilo, mesmo con insistencia. E iso non ten outra faciana que o amor ós seres queridos e o que recibimos deles mesmos, a capacidade de convivir en harmonía, de compartir con amigos e amigas horas de alento e desalento. Levamos séculos de Historia vivida e escrita e sería moi doado encontrar centos de definicións de grandes personalidades sobre a felicidade. Todas as que gardan algo de verdade teñen que ver co que escribín antes e pouco conta niso, de certo nada, a acumulación de poder ou de riqueza ou de calquera outra falsa ilusión.

Da noite para a mañá o mundo tal como o coñecemos pode confundirse nos seus perfís, esvaecerse nos seus absolutos ou perder todos os adobíos que nós mesmos lle colocamos. E a vida mantén o mesmo sutil ritmo de inestabilidade, como un xogo entre infantil e absurdo repetido por inercia, sen coñecer ben as súas claves máis fondas. Por iso é necesario invocar, coa regularidade metódica dun mantra oriental, a forza das palabras primixenias: Amor, Amizade. Sen falso pudor a que nos acusen de cursilería estilística. Cando menos así o sinto hoxe, cando escribo nesta tardiña dun xoves solleiro de setembro.

27 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

P.S: eles xa saben o por qué desta nota. Graciñas a Benito Losada, Camilo Nogueira, Trebolle, Afonso Monxardín, Apicultor e Millán Picouto.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Véxoo alicaído: agardo que sexa este outono melancólico que xa está entre nós.

Anónimo dijo...

A realidade é vengativa, non nos perdoa nunca, porque sabe que nos mentimos e nos devolve a imaxe, que tantas veces evitamos mirar.
Mais sen esperanza a vida non se desenvolve, perdela, abismarse na desesperanza é unha crueldade con nos mesmos, que non nos merecemos, unha brutalidade innecesaria. Mentres haxa alento o movemento da vida opera como unha promesa que pode trascender a continxencia. No amor, na amizade encontramos a rendención, porque nos supera, porque nos trascende e encontramos acobillo e camiño para sempre.
Non sei das súas cuitas amigo Marcos, pero reciba a miña aperta.

Anónimo dijo...

Fermoso e sentido texto o de Marcos, nas antípodas da "cursilería estilística".

En efecto, e a fin de contas, poucas son as cousas merecentes de valía, e as que apunta Marcos son as primeiras (e case únicas). Moitas veces deixámonos levar pola voracidade de ser, de posuír, de estar, de ter, nunha voráxine absurda e, en realidade, inútil.

Unha aperta para todos os amigos de verdade (para aqueles que non conciben a amizade como algo "instrumental"). E, en especial, para Marcos.

Anónimo dijo...

Nunca absurdo, Marcos. Aperta grande en tempo de atoutiñar o único importante. Ou presentarse en por el, coma quen non.

Anónimo dijo...

¿Por qué un texto fermoso pode deixar a un con tanto desacougo…?... non sei que está debaixo... pero se lle doe a Marcos tamén nos doe un pouco a todos ... (e non esquezan algúns que, aínda que ultimamente escribo pouco, sigo a vixiarlles.... pórtense ben.....)

Trebi dijo...

O mellor é non pensar se queres ser feliz.O mellor é afrontar a vida como veña, aproveitando os bos momentos e ir salvando os complicados. Iso é a felicidade.
Marcos lembrei estos parrafos que leín estos dias (Son de A COIVA DO MUNDO, de Xosé M. Pacho Blanco).
Aperta de Trebolle

Anónimo dijo...

Amigo Descrido, canto tempo sen lelo! Non ten perdón de deus que ultimamente non nos ilustre cos seus sempre interesantes comentarios. Amigo Trebi, eu de maior quero ser tan sabio coma vostede.

E boto moito en falta o bo saber dicir e escribir do amigo Leituga 1. Dixera que para setembro volvería, pero se coñece que aínda anda moi ocupado. Esperemos que sexa por pouco tempo.

Anónimo dijo...

Entón, cales son as antípodas da cursilería estilística?

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Eva Mendes, sen dúbida.

Anónimo dijo...

Aaahhh!...cabáramos

Marcos Valcárcel López dijo...

Unha explicación.
Creo que lles debo unha explicación a todos vostedes...
Escribín esa columniña máis que alicaído, pero naquel momento necesitaba facelo. Non quería falar disto no blog, pero aí vai.
Onte mesmo fixéronme dúas resonancias magnéticas, de cerebro e cervicais. A plexopatía de que lles falara seica, di un especialista, non é tal. E a cousa non pinta moi ben, non quero dicir máis. Oxalá me equivoque.
Nese estado de ánimo escribín a columniña, cando un pensa nas cousas que realmente importan.
(Os nomes que citei no primeiro comentario foron os primeiros en enterarse, por diversas razóns).

Anónimo dijo...

Nada, don Marcos, Vde. non debe nada a ninguén; en todo o caso, debémoslle nós, os da Solaina, a Vde.

*Por crear un espazo público como este.

*Por nos dar a posibilidade de expresarnos, que é moito, moitísimo, na República Galega dos Ermos do Interior.

*Porque iniciativas como a súa favorecen que un burato negro no medio da antimateria se vaia tornando algunha cousa que pode chegar a ser, algún día, país de seu.

Un grande abrazo, don Marcos. De todo o corazón.-

Anónimo dijo...

Saúdos, abrazos, ánimos.
Que sexa só un mal trago pasaxeiro.

Anónimo dijo...

Nunca choveu que non escampase, amigo Marcos. Daquela o que hai que ter é un paraugas ben grande -e vostede teno inmenso en todos os que o queren- para taparse da choiva e non mollarse.

Apertas e ánimos.

Anónimo dijo...

Estamos aquí permanentemente. Querendo ser cerebro, cervical, medular de apromo e persistencia.

Pretendo non ser impertinente. Adiante.

bouzafria dijo...

Deséxolle que todo vaia ben, que irá.
Por se lle serve de distracción cóntolle que a finais de agosto fixen en compaña dunha curmá unha rápida visita a Gulfariz, pescudando as pegadas dos nosos avós. E alí atopamos xente maior que os coñeceron, e tamén dixeron que houbera outro veciño que se fora para Ervedelo: Benxamín chamábase.
Unha aperta.

Anónimo dijo...

Marcos acabo de ler as túas palabras e fiquei desconcertado. Espero que todo se resolva ben e pronto.

Lamento que non sexa hora para chamar a ninguén senon facíao.

Sexa o que for lembra que eu a miña muller eiqui estamos.

Anónimo dijo...

Eiquí estamos é unha maneira de "acompañar", de estar co doente, que é das poucas cousas que poden facer os compañeiros.

Anónimo dijo...

O Marcos comentaba ou outro día que tiña fame e que durmía ben.
Non pode haber dous síntomas mellores. O que parece revirado hase endereitar meu amigo. Xa verás.

Anónimo dijo...

Marcos: moito ánimo (que non lle ha faltar) e adiante.

Anónimo dijo...

Seille ben o mal que se pasa nestes momentos, pero xa verá como querer é poder.
Saudos e moito ánimo

Anónimo dijo...

Para botar unhas risas cos Monty Pithon:para o amigo Marcos.

Anónimo dijo...

Monty PYTHON, con "y" grego.
Esta tamén vai dedicada para o Marcos:

http://es.youtube.com/watch?v=NqJQ8RD7-Nw&feature=related

[Hitler non morreu! Vive en Inglaterra e vaise presentar ás elecións...]

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Desculpas polo erro. Non volverá suceder.

Anónimo dijo...

Iban dous ingleses camiñando pola rúa, e facía tanto aire que case non entendían o que se decían:



-It´s windy !
- No, is thirsday!
- Me too! Let´s have a drink!

lourixe dijo...

Poñemos a proba as nosas escalas de valores cando circunstancias persoais ou dos nosos achegados nos confrontan coa efemeridade das nosas vidas. Os avances médicos permítennos hoxe non só durar máis, senón con máis calidade, do que temos que tirar proveito para enriquecernos de calor humano. Marcos, é vostede multimillonario, malia algún baixón nada vai poder con ese espíritu afouto de vendimador ourensán.