14 sept 2008







Metamorfose dos anxos, de X.L. Méndez Ferrín
(Faro Vigo 12-9-08)

Nas fotos Gerardo Diego, Blas de Otero e Cunqueiro: este último si que sabía de anxos aínda que o esquecera aquí Ferrín.

De neno, contáronme a estoria da sublevación de Luzbel, o máis belo dos anxos, contra Deus. Impresionoume a súa grandeza máis ca épica e o relato serviume para imaxinar nitidamente a invención do Inferno e aparición de Satán no mundo e no trasmundo. Anxos, Arcanxos, Serafíns, Querubíns, Dominacións, Tronos, Virtudes e Potestades son as diferentes castes de anxos ou espíritos puros que conseguín manter na memoria. Logo estaban o Anxo da Garda e os anxiños consistentes na cabeza dun pícaro con dúas aliñas apegadas que poboan os retábulos barrocos. O pior dos meus pesadelos infantís foi un no que me vin acosado por un enxamio de tales mostros cativos, que rían perversos. Mahoma veneraba estas figuras incorpóreas, que el herdara da Biblia, e nada menos ca o Corán lle foi transmitido por Deus a través dunha delas. De mozo, poucas veces me divertín tanto como o día no que lin no Padre Feixóo unha humorística distinción racionalizada ao modo tomista entre a natureza dos anxos e a dos trasnos, co fin de deixar en ridículo coido que aquel Padre Laínez que defendía a existencia dos segundos.
Eu teño moita máis simpatía polos tardos ou trasnos galegos ca polos anxos inconsúteis e sobrehumanos. Unha extrañísima afección dos anxos revelouse en certos poetas do século XX, entre os que non se contan certamente Pound nin Maiakovski, afección producida pola irradiación que un día exerceu Rainer Maria Rilke. É certo que poetas crentes coma Gerardo Diego escribiron bonitas bagatelas sobre os Angeles de Compostela. Pro tamén contumaces materialistas (Alberti) foron capaces de convocalos como tal no libro Sobre los Ángeles. O comunista cristianizante e unamuniano Blas de Otero é autor dun duro libro titulado Ángel fieramente humano. En canto a Lorca, este poeta máximo meteu, entre ciganos inesquencibeis, figuras andróxinas ou asexuadas de arcanxos belísimos representados en estatuas públicas de Granada. Estes anxos literarios non deben, digo eu, de provir de Lost Paradise, o poema perfecto de Milton. Como tampouco pensaría nel Ricardo Carballo Calero cando deu á luz na Benito Soto o libro titulado Anxo de Terra, nin tampouco Aquilino Iglesia Alvariño, castelanizante ocasional, ao poñerlle ao seu, cuase contemporáneo do anterior, Contra el Ángel y la noche. A moda dos anxos literarios debeu de se ir cando Ánxel (tamén) Rei Ballesteros deu á luz a súa novela Dos anxos e dos mortos, coa cal o espírito da nova narrativa pareceu ter unha continuidade do máis esixente. De meniño non tiven demasiada fe na existencia dos anxos (había tantísimos seres invisibeis nos que crer!) e de maior nunca sentir a necesidade de xogar á fantasís fabricando anxos poéticos. Un día non lontano durmín incómodo nun hotel alemán debido a que este estaba situado nunha Engelstrasse. Coidei ao principio que se trataba dunha rúa á memoria de Federico Engels; pro non: era só a Rúa do Anxo.Vexo apegado nun farol da Porta do Sol, Vigo, un carteliño no cal calquera de esas sectas modernas que andan polo mundo captando diñeiro dos inocentes anuncia un curso sobre "Metafísica de los Angeles". Xa non se trata, ai, de anxos poéticos senón da nova relixión dos anxos que, procedente dos EE UU, irrumpeu con forza na cultura de masas hai anos. Por iso, na actualidade, cando me falan en anxos non penso en San Miguel, nin no da Garda, nin nos das cabeciñas aladas, senón na cara de apalambrado que pon Nicholas Cage cando fai de anxo no cine.

18 comentarios:

Anónimo dijo...

Vaia. Venme de lembrar o conto alemán do "Engel mit Schue" (Anxo con zapatos):

Un cura encargóulle a un famoso pintor que lle pintara un anxo prá sua Eirexa. Cando estuvo rematado, gustóulle moito ó cura, e desfíxose en loubanzas pró pintor ("Lobte das Mahler in der Himmel": "Alabóu ó pintor no ceo"). Pero cando se fixóu un pouco máis, o crego reparóu en que o anxo tiña zapatos. Volvéuse ao pintor e berróulle :"Pero a quén se lle ocurre!! Cando viu un anxo con zapatos??". Respondéulle o pintor: "E cando viu vostede un sin eles?".

Anónimo dijo...

Esta dedícolla ao XM Glz, que seguro que a sabe:
PREMER.

Anónimo dijo...

A mín gústame esa teoría de que os anxos son visitantes do futuro. Precisamente o Monxardín falaba ese outro día das viaxes no tempo nun artigo.

Anónimo dijo...

Os anxos sofren metamorfose?

ENtón, nos debemos ser as "ourugas". XDDD.

Anónimo dijo...

I esta, pra o Arume dos Piñeiros:
PREMER.

Anónimo dijo...

Quen fora aquel que dixera que é un erro pintar aos anxos con alas( ou áas,ou asas), porque ao ceo súbese coas mans?
Ah! era o pai de Louis Pawles (según conta o escritor no seu libro máis famoso).

Anónimo dijo...

PARA MARCOS: Deixei hoxe no Liceo un sobre ó teu nome que contén unha revista que ó mellor non coñeces. Saúdos.

Anónimo dijo...

Comunista, cristianizante e unamuniano Blas de Otero?
O de:
"luchando cuerpo a cuerpo con la muerte
al borde del abismo estoy clamando
a Dios y su silencio retumbando
ahoga mi voz en el vacío
inerte..."
O mellor eu tampouco me atopo moi ben últimamente, pero sempre pensei que era poeta, simplemente poeta que pedía "sólamente la palabra"
Que non quere decir que comunista cristianizante e unamuniano sexa nada ruín, e fieramente humano e anxo tampouco, pero na poesía ás veces, o silencio, como na música forma parte inseparable da partitura e facilita unha mellor comprensión.
Admita o meu silencio solidario.

Anónimo dijo...

En xusta correspondencia, amigo don Xoan: si pintas con amor.

Marcos Valcárcel López dijo...

Graciñas CHesi, pasarei a recollelo cando poida. E grazas a todos/as de novo.

Marcos Valcárcel López dijo...

Só en youtube se poden encontrar xoias como eses Angelitos Negros, iso si que é unha viaxe no tempo.

Por certo, que lles pareceu, se a viron, a CIty of Angels, 1998, con Nicolas Cage, remake de Win Wenders. Pasárona hai un par de anos pola tele, a min gustárame...

Anónimo dijo...

Sempre que se fala de anxos, lembro o anxo da historia de Walter Benjamin, e o cadro de Klee. Proben, paga a pena.

lourixe dijo...

Primeiro ataca o termo "Galiza", e agora ao meu idolatrado Nicholas Cage (merecidamente oscarizado por Leaving Las Vegas). Este Ferrín non sabe que facer para me provocar! :D

Anónimo dijo...

Por que presupón, señor Jimy, que ninguén dos presentes coñece o anxo da historia de Walter Benjamin e o cadro de Klee?

Anónimo dijo...

Eu teño unha lámina co pre-lisérxico anxeliño de Klee...

Anónimo dijo...

Pois o que non o teña, que o imprima a cores:premer.

Anónimo dijo...

Amiga Lourixe: viu vostede ao Cage en World Trade Center? Alí faise vostede apóstata do Nicolás. Desde que fixera de Sailor en Wild at heart non levantou cabeza.

Anónimo dijo...

Non presupoño que ninguen nin todos coñezan os anxos de Benjamin e Klee, recomendo que os proben aqueles que non os coñezan e os recorden os que xa os coñezan.