O 10 de decembro de 1948 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptaba a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, aprobada en París por 48 votos favorables, 8 abstencións e ningún voto en contra: hoxe, 60 anos despois, será lembrada tan relevante efeméride por asociacións e institucións de todo o mundo. Non debeu ser doado chegar a un acordo coma ese tras unha longa guerra mundial e nun contexto de guerra fría nacente, pero a Declaración está aí, vixente e como horizonte ideal de moitos Estados do mundo onde os seus artigos seguen a ser aínda un soño de liberdade e democracia.
Se pensamos nos inxentes progresos realizados nestes 60 anos no campo das ciencias, a tecnoloxía, a medicina ou a investigación, non podemos menos que sorprendernos: o noso propio vocabulario é tamén novidoso (internet, ADN, células madre, etc.). Pero outra cousa é o progreso moral do ser humano: neste terreo mantéñense horrores doutro tempo que a Humanidade non logra botar atrás, Guantánamo incluído.
Por iso será preciso hoxe recitar de novo, solemnes: "Ninguén estará sometido á escravitude nin á servidume (...) Ninguén será sometido a torturas nin a penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes".
P.S.: sobre o mesmo tema e no mesmo xornal, textos e opinións de Anxo Tarrío, Manuel Rivas, etc.
1 comentario:
Onte, coincidindo co aniversario, o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega presentou en Vigo o 3º volume da triloxía EDUCACIÓN E PAZ, coordinado polo profesor Xesús R. Jares recentemente falecido.
Esta terceira entrega recolle unha escolma de 30 textos da literatura galega que dunha ou doutra forma fan referencia á defensa da cultura da paz pola que tanto pelexou o amigo Jares.
Un fermoso xeito, abofé, de conmemorar a efeméride.
Xabimusic
Publicar un comentario