2 oct 2008

Desvío, de Bieito Iglesias (ECG. 2-10-08)

Stephen Hawking foi ovacionado polos viciños na súa visita a Fisterra. Recibimento tan caloroso podería significar que os naturais daquelas partes lle están agradecidos polas súas pescudas relativas aos buratos negros e polos seus libros divulgativos sobre a historia do tempo. Está o pobo verdadeiramente interesado nas metáforas que achega a astrofísica en dura competencia coa poesía, tales como big bang, materia escura do universo, desvío ao vermello das galaxias ...? Quere saber a xente que sucede cando un obxecto traspasa o horizonte de eventos, alén do cal a frecha do tempo se dispara en caprichosas direccións? Polo que eu sei, diría que non.
Entendo que as preguntas formuladas polo común dos mortais son máis crasas. Aínda estes días escoitei, ao pé do edificio de Correos, a un señor que interrogaba cantando, con música da Raspita: "Ladrón, ladrón, ladrón, roubáchesme a miña muller; ladrón, ladrón, ladron, que lle querías facer?" Co anterior non quero negar o fascinio que exercen os astros sobre tódolos corazóns, calquera que contempla en agosto un firmamento no que ferven as estrelas sentirá a emoción que o escritor Edmond Jabès rexistrou en frases lapidarias: "A dor é un ceo estrelado, a noite enteira está en nós".
Pero a admiración popular por Hawking é, en realidade, un xeito de homenaxear a Providencia. Non sei se saben -se non o saben dígollo eu- que o vulgo pensa que se Deus tolle algún membro, a forza do órgao mancado acode á cabeza, volvendo ao baldadiño máis intelixente. Certo que, sendo eu eivado, non me aplauden como ao Stephen, pero iso débese a que, en lugar de entregarme á astronomía, dediqueime a actividades que Chichi Campos (en paz estea o lembrado humorista) englobaba baixo o rótulo de astrodeterminación.

16 comentarios:

Anónimo dijo...

Amigo Da cova, deixeille o libro no Latino, pase cando poida a recollelo.

Prefiro o final da crítica da razón práctica:
O ceo estrelado sobre min, e a lei moral no meu interior.
Ou como diría Otero:
O ceo estrelado sobre min e a voz da tradición no meu interior.

Anónimo dijo...

O ceo estrelado é indiferente a nosa dor.

Anónimo dijo...

Recólloo "ipso facto" (era unha expresión moi habitual nos comics da miña infanza). Tardo exactamente 8 min 45 s.
É que aprendín a camiñar sempre có mesmo paso(1) , pra saber o tempo exacto que me leva chegar ós sitios, como o Kant, que era un reloj andante.

(1) Paso: eiquí, có senso de "velocidade á que se camiña" (fr."allure").

Anónimo dijo...

A inmobilidade física debe propiciar unha grande concentración de enerxía cerebral. Non obsta para a forza evocativa no, de seu, móbil Bieito; principalmente, no gusto dun servidor, en adxectivos e outros vocablos de arraigañada ourensanía.

E quen me coñece persoalmente saberá, por motivos obvios, que non fago aquí, nin noutro lado, escarnio do deporte.

Anónimo dijo...

¿E con cal das dúas frases se queda vostede, Jimy? ¿Coa de Kant ou coa de Otero? Porque parecen incmpatibles.

Anónimo dijo...

XDC: "Allure" tamén é aspecto, aire, máis ou menos, referido a alguén. De aí, cecais, unha colonia excelente (creo que de Cardin) que ten ese nome: Allure. E "ipso facto" ven sendo "polo mesmo feito" ou "a consecuencia de": indica máis que velocidade ou rapidez na execución, a consecuencia de algo previo. Un exemplo podería ser "Chamoume e fun ipso facto" o que non quere dicir que acudiches axiña á chamada senon que acudiches por unha acción anterior que desencadeou o teu acto: a chamada anterior desa persoa provocou que foras alá: ou sexa, un pode facer algo "ipso facto" é non ten que ver necesariamente coa inmediatez ou celeridade coa que respondes senon que remite a consecuencia dun acto previo que provoca a reacción. Claro que o uso máis coloquial de esos termos xustifica que se empreguen hoxe noutro senso. Igualmente ocorre, penso agora, co verbo "encaixar": sempre foi ó revés: alguén lle encaixaba un golpe a outro: é dicir, o encaixador pegaba e o outro recibía. Hoxendía, na fala coloquial, é ó contrario: "encaixa" quen recibe. Non quero crer (nen creo) que sexa mellor unha acepción ou outra e non estou a favor dun idioma que se anquilosa; só fago esta consideración un pouco por enriba. O sexa, se vai recoller "ipso facto" o libro ó Latino, non é necesario que se apresure: abonda con que vaia recollelo.

Anónimo dijo...

Ou sexa, en termos aos que está habituado o Delapierre, sería "na mesma causa".
O libro xa o recollín. En realidade son dous.No que vai de día ,xa levo acumulados catro libros pra leer.
O de "encaixa", lémbrame unha pregunta que me fixo un amigo moi mullereillo, e que non lle soupen responder. Preguntóume, en castelán:
-Cuando un hombre y una mujer f*llan , cual de los dos "la" tiene dentro?.

Anónimo dijo...

Sabe alguén, por un acaso, por onde é que anda o señor Leituga One?
E a señorita Eu Mesma?
E a señorita Doniña?

Obrigadinho!

Anónimo dijo...

XDC: Eu creo que no caso da foda que púdicamente vostede transforma en elegante elipsis, o que a encaixa e o home mentras que a recipiendaria recolle, espero que con ledicia, o trabuco encaixado polo seu "partenaire". Se encaixan á perfección consíguese unha construcción carnal tipo Lego que ten o seu aquel de xogo aínda que non fai rir. E que o sexo é unha cousa, aínda que natural, ben extrana. Consigue que colonizado y colonizador obteñan os mesmos beneficios agás en caso de eyaculación precoz, mal do que Deus nos libre. Feliz fornicio, ouh yeah. Por certo: a colonia (sen ter nada que ver neste caso con colonizados e colonizadores) Allure é de Chanel, retráctome da minha referencia precedente, ipso facto).

Anónimo dijo...

Certo, anónimo, Otero non tiña nada de kantiano, tampouco de cartesiano. Polas bocarriveiras non se encontrou coa filosofía moderna. A verdade é que Otero tiña pouco de filósofo. O seu verbo remonta o camiño do mito traéndonos a plenitude dun tempo que é soño e vedraia forza presente.

Da Cova, supoño que non lerá os catro "ipso facto"

Anónimo dijo...

Señor Medela: O excmo. señor Leituga One foi visto, todo ufano e saleroso, o pasado día 1 de outubro tratando de conseguir, en desatada loita corpo a corpo, unha copa de viño no sarao cultureta dos 25 anos do CCG (véxase crónica do acto no post sobre o Che). Evidentemente, el era quen tiña información de primeira man sobre os pormenores da Duquesa.

Anónimo dijo...

O de "ou yeah" lémbrame que o título da canción dos Beatles "come together" significa en inglés rueiro "irse xuntos" ( "virse xuntos"), que é o mellor resultado do fornicio, como suxire o exlatinista.

Anónimo dijo...

Por certo, exlatinista. O "xogo" non ten porque facer rir.

Tal e como nos explica J.Huizinga, na maioría das linguas do mundo o "xogo" dos nenos ou o "xogo", como sinónimo de "articulación" o de "folgura" ,están representados pola mesma palabra (tamén a interpretación musical). Esto é así porque a verdadeira esencia do xogo é a "libertade", o abandono de normas ríxidas (Huizinga dixit).

Anónimo dijo...

Así é xogo, Da Cova, libre, libre pero reglado, porque "to play guitar" ten que suxeitarse a reglas, como xogar a fútbol, ou columpiarse (os xogos de vértigo, que dicía Huizinga). Non hai libertade sen reglas, e para exemplo, o xogo.

Anónimo dijo...

Cada palabra leva a súa regra, dicía Wittgenstein, ehí a posibilidade de interpretación e traducibilidade, e a inexistencia dunha linguaxe privada.

Anónimo dijo...

XDC: O caso é metela, sen máis, como aconsella Medela. (A falta de haikú, aí queda o pareado).