Mostrando entradas con la etiqueta Comunicacións mesturadas (que dicía Luís Seoane). Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Comunicacións mesturadas (que dicía Luís Seoane). Mostrar todas las entradas

17 ene 2009

Pan por pan.
La Region 16-01-2009.

Modelos. Cando estamos aínda empezando a albiscar o que supón a crise económica e financeira, é obvio que hai que reflexionar e cambiar de modelo. A crise afecta xa ás potencias emerxentes como China e Brasil e as súas consecuencias no Terceiro Mundo serán desoladoras. O mundo non é un chicle que se poida estirar ata o infinito sen rachar. Os recursos son limitados e empeñámonos en camiñar cara un desenvolvemento sen límites. Págao a natureza, o medio ambiente, en forma de contaminación, cambio climático, extinción de especies Hai que limitar os excesos da globalización, crear cidades de tamaño medio e recursos e enerxías sostibles, revalorizar o mundo rural e producir sen tóxicos nin pesticidas, causantes logo de enfermidades ambientais que non somos quen de controlar. Non o debemos facer moi ben, á vista dos resultados. Deámoslle unha oportunidade ás xeracións que veñen detrás.
(Na imaxe pedras erosionadas, As Cíes)

2 ene 2009

Marcos Valcárcel.
Pan por pan.
La Región 02-01-2009.

Un consello. Falábase nos 90 do esplendor da nova novela española. Julio Llamazares era escéptico ó respecto e publicou entón un artigo neste sentido, recollido en ‘Entre perro y lobo’. Dese artigo tomo prestado este consello final, que segue sendo pertinente: ‘Nadie parece acordarse de que la literatura es ante todo oficio de solitarios, de que una novela -como un cocido- necesita su tiempo de cocción y de reposo, que en literatura el éxito es un factor secundario y que, para un escritor, lo más importante de ella ha de ser únicamente ayudarle a entender su tiempo o, al menos, a soportarlo. Y que, aún desde la óptica de quienes la consideran como un negocio o como una puerta a la fama, nada más contraindicado que convertir la novela en un ‘boom’ o en una moda, porque, a la larga, y por mucho que queramos ignorarlo, el destino de las modas es pasar y el de los ‘booms’ convertirse en ‘boomerangs’’.

19 dic 2008




Perspectivas.

MARCOS VALCÁRCEL

ANDOLIÑA,19 diciembre 2008.

En cumprimento da Lei de memoria histórica, retírase a estatua de Franco a cabalo en Santander. Por certo, unha cidade moi fermosa, pero tamén chea de símbolos franquistas por todas as partes. Fernando Ónega di que, ademais de praza do Generalísimo, a nivel popular a praza da estatua "era a dos seis ovos: os do cabalo, os do ditador e os do alcalde que mantivo alí o monumento". Porque ese é o tema: suprímese a última estatua do xeneral empoleirado e ben está, pero pasaron xa 33 anos da súa morte física. Hora era, dende logo.

Porque todo é cuestión de perspectiva, claro. Ou "asegún" que dicía don Vicente. Os nostálxicos falanxistas protestan, pero a maioría dos cidadáns ve ben esta limpeza, pura "hixiene democrática".

Escoito tamén o presidente do goberno eloxiar o labor das forzas de seguridade contra o terrorismo etarra. Labor encomiable, sen dúbida. Zapatero dá a cifra de 365 detidos en dous anos, un etarra cada dous días. O dato ten unha lectura positiva. Pero tamén aquí hai outras perspectivas: despois de baleirar os cárceres de presos políticos coa amnistía en 1977, é tremendo tamén pensar que cada dous días hai un novo mozo ou moza vasco disposto a penetrar no camiño da barbarie.

9 dic 2008

Homofobia vaticana.

MARCOS VALCÁRCEL

Andoliña-Galicia Hoxe-9-12-2008

O Vaticano acaba de engadir unha medalla máis de ignominia á súa recente historia. Que ten páxinas nada honrosas como os escándalos masivos en Estados Unidos polos cregos acusados de abusos sexuais ou a súa oposición ó emprego do preservativo, política que en lugares como o continente africano só pode contribuír a acentuar o xenocidio da sida en varias xeracións de cidadáns africanos.

Pois ben, a Unión Europea, a través de Francia, vai propor na ONU o próximo 10 de de­cembro unha proposta para a despenalización universal da homosexualidade. Hai 90 países no mundo que condenan a homosexualidade con diferentes penas de cárcere, multas ou torturas: entre eles están os estados máis retrógrados do mundo como Arabia Saudí, Emiratos Árabes, Irán, Mauritania, Sudán, Iemen e algúns estados do norte de Nixeria. O Vaticano decide asociarse a estes países e ó integrismo islámico mesmo cando está a vida dos homosexuais condenados en xogo: ulo o famoso Dereito á Vida que invocan acotío as Igrexas para xustificar as súas teses noutros temas de debate?

Uns 60 Estados, do total de 192 membros das NU, asinarán a proposta despenalizadora. O Vaticano, unha vez máis contra a Historia.

23 mar 2008


Sátira e poetas (5)
María a Balteira.
(Imaxe de Luís Seoane para o libro de Lorenzo Varela)
A nosa poesía medieval ten todo un tesouro no rexistro satírico: as cantigas de escarnio e maldizer. Nelas quedaron inmortalizados algúns nomes asociados a certas prácticas sexuais. Velaí María Peres a Balteira, quen, tras unha vida de luxuria e pecado (algo así como a moza esa que tanto lle gorentaba ó gobernador de Nova York), decidiu retirarse en sinal de penitencia e buscar un crego con quen confesar. Tal arrepentimento non foi aceptado polos trobadores, porque moitos deles afiaron as súas sátiras contra a pobre muller: así, Fernán Vello insiste en que a Balteira tomou con ela a un crego “e deulle a cama en que sol jazer/ e diz que o terrá mentre viver”. Moitos séculos despois acudiría Lorenzo Varela en desagravio desta cantadeira e bailadeira cunha fermosa cantiga que racha co tópico da xograría e na que a imaxina bailando coa súa saia leda, “lume nos ollos i o aire nos pés”.

12 oct 2007


Da privacidade
Pan por Pan venres 12 outubro. Imaxe de Genovés.
Non sei que dirán os xuristas sobre o dereito á privacidade, pero tal cousa se está a poñer moi difícil no mundo no que vivimos. Por iso resulta interesante a decisión de Google de retirar de You Tube un vídeo que reproducía unhas imaxes nas que un grupo de mozos se burlaba dun enfermo mental. As protestas do pai, a denuncia pertinente e o eco dos medios de comunicación posibilitaron esa decisión e paga a pena aplaudila. Hoxe calquera pode colgar un vídeo en You Tube, onde xa hai millóns deles, moitos abondo disparatados. E non só iso: calquera pode caer nas redes dun desaprehensivo e verse colgado no sistema, en contra da súa vontade (falo por experiencia). Vivimos unha sociedade tan mediática como exhibicionista e ese cóctel resulta explosivo axitado por persoas irresponsables: velaí os casos de agresións provocadas a escolares para despois colgalas en Internet.

8 jul 2007

Vacacións para moitos/as

Moitos e moitas amigos/as andan xa de vacacións e tamén se notou no blog estes días. Pois que o pasen o mellor posible todos eles e elas. A min (e a miña familia) tócanos, como sempre, en agosto, datas nas que o blog estará paradiño e nas que nunca publico nada tampouco na prensa. Por exemplo, o amigo Monxardín anda polas Irlandas, un ano máis, con 35 alumnos/as de ESO e Bacharelato do Instituto de As Lagoas: dan conta das súas andainas no blog AslagoasenIrlanda.

23 jun 2007

Día das Letras Galegas en Roma

Unha amiga quedou un pouco sorprendida da celebración do Día das Letras Galegas en Roma por iniciativa do Instituto Cervantes.
Semella que os aires romanos reconciliaron a Francisco Vázquez, "diplomático", coas letras galegas. Ela encóntralle á cousa pouca poesía. Pero non deixa de ter a súa gracia.

16 may 2007


Unha entrevista a tres bandas
(Detalle de Ingres)

Creo que xa lles falara da entrevista que me fixo hai unhas semanas Belén Regueira a propósito deste "noso" blog. E que me serviu ademais para estrearme na tecnoloxía do Messenger cunha charla a tres bandas con Belén e con Manuel Bragado. A entrevista xa está publicada en papel (eu ainda non a vin nese formato), no marco do Cultur.Gal, e tamén na rede no enderezo que agora lles dou, por se lles interesa:
http://www.culturagalega.org/i+c/index.php#publicacion
COMO PODES ACABAR NO YOUTUBE…
Andoliña 16 maio
Hai un par de meses chamáronme dunha televisión local para facerme unha entrevista sobre a represión na guerra civil. Expliqueille ó meu interpelante que había outros especialistas no tema, pero insistiu en que fose eu e finalmente aceptei. Chegado ó estudo da citada TV, sentáronme nunha mesa diante das cámaras ó carón do entrevistador (o que me chamara) e outra persoa na outra beira da mesa. Cando nos presenta descubro que a programada entrevista presentábase como un debate no que eu tería que polemizar cun representante de Falange Española. Sentinme burlado e fixen aceno de marchar, quitando o micrófono e explicando que non era para iso para o que fora chamado. O entrevistador desculpouse e convenceume para facer a entrevista, duns vinte minutos, sobre o tema indicado. Logo de falar, marchei.
E hai un par de semanas un amigo mándame un video de You-Tube reproducindo o inicio da entrevista (non o programa completo). Alfredo Conde fixo onte referencia a este suceso case surrealista no seu artigo diario. O peor do conto é o título co que colgaron o recorte audiovisual: “Comunista se niega a debatir con falangista”. O que algúns chaman xornalismo cheira que apesta ...

11 may 2007


En poleiro alleo


Galicia en Mondariz (Helena Villar, ECG)

"Yo solo sé que estoy entregada a mi destino", (a cantante Mariza nunha entrevista de FV)
A foto de Mariza é un agasallo ó contertulio e amigo APC.

8 may 2007

En poleiro alleo
Pouco cambiou o mundo dende o tempo dos romanos, di Monxardín. Sarille, "enfant terrible" do noso xornalismo, cuestiona a valía e cualidade poéticas de María Mariño. E Luís G. Tosar reencóntrase co mundo da aldea, pero, por baixo da gabanza, hai aspectos distanciadores...

O auriga Diocles e Fernando Alonso (Afonso Monxardín, en Galicia Hoxe)

O que vostede debe saber de María Mariño (X.M. Sarille, en El Correo Gallego)

Gabanza da aldea (Luís González Tosar, en El Correo Gallego)

6 may 2007

rescoldos dunha entrevista

Afonso Monxardín pásame este aviso:
Entre os videos colgados na páxina de http://www.democraciaourensana.es/
aparece o da túa entreista en Auria baixo o título de
COMUNISTA NO QUIERE INTERVENIR CON FALANGISTA

(Por certo, nunca eu me identifiquei alí como comunista, nin nada semellante...)

4 may 2007


o sal da Terra
Pídenme colaborar na difusión desta mobilización. En www.verdegaia.org
figura o manifesto, os obxectivos e os asinantes da mesma.
É obvio que é chegado o momento de mirar cara a Terra: sempre o foi, pero este país precisa de moita atención e respecto co seu medio natural.

22 abr 2007


Galicia Hoxe, as portadas máis ousadas
Sen ningunha dúbida, o xornal Galicia Hoxe merece o título de medio galego máis ousado nas súas portadas, a xuzgar polo ofrecido nos últimos meses. Vexan esta imaxe de Kate Moss que se publicaba, en gran formato, o pasado 18 de abril. No interior ofrecíanse outras imaxes máis, entre elas un excepcional retrato que lle fixera Chuck Close no 2003.
E pechemos aquí o pé de foto antes de ser alcuñados de machistas intolerantes.

Os parabéns da semana
(Imaxe de Peter Zokosy)
A Agustín Fernández Paz, por eses 65.000 exemplares de Cartas de inverno (nova comentada en Brétemas).
Ás forzas de seguridade por explicitar o seu compromiso coa lingua galega na xuntanza do pasado venres: En galego, con toda seguridade, campaña promovida pola Asociacións de Funcionarios de Normalización Lingüística.
A Méndez Ferrín e a Manuel Rivas, por reivindicar a memoria de Casares Quiroga e reclamar que se anule a impudicia do nome falanxista dun hospital coruñés (nova comentada en Arumes). A Manuel Rivas, ademais, por conseguir o merecido premio dos Libreiros de Madrid do ano 2006 pola súa novela Os libros arden mal.
Ó concello da Coruña que inaugurará nesa cidade, o próximo día 27, un Parque co nome do escritor Carlos Casares.
Ó poeta Darío Xohán Cabana, por ofrecernos un poemario tan auténtico, tan no seu estilo, como Cabalgada na brétema (Galaxia).
A Francisco Xosé Fernández Naval, gañador, segundo conta a prensa hoxe, do Premio Cidade de Ourense de Poesía, co seu poemario Miño.
E a Xavier Puente Docampo , grazas cinéfilas (xa sabe el por qué).
Poden engadir vostedes, se o desexan e lles parece pertinente, máis parabéns.

21 abr 2007

Arredor do blog

Estes días tiven múltiples problemas informáticos, dos que vostedes non se enteraron, pero por iso escribín menos (colgando textos dende o Instituto). Unha treboada averiounos ascensor, tv e conexión a Internet: telefónica foi rápida e cambiei a conexión un día despois, pero logo empezou a fallar o portátil. Bloqueábase case ó empezar. Revisado por amigos (Antonio, da Casa da Xuventude) quizais o motivo sexa que o aparello se quenta con facilidade: o técnico de Inforcom (Manuel Expósito) onde fun hoxe limpou a fondo o ventilador, a ver se agora vai ben...
E a noitiña do sábado tiven unha longa entrevista coa xornalista Belén Regueira e co amigo Manuel Bragado (Belén tamén estivo en Ourense, cun fotógrafo, e charlamos moi de vagar). A Belén sorpréndelle sobre todo que dous "carrozas", arredor case dos 50, sexamos tan fieis no asunto este (moitos outros pinchan) e ademais teñamos un coro de seguidores tan entusiastas: no diálogo intentamos explicar as causas diso e niso teñen vostedes moito que ver. (Pola nosa-miña banda, o principal mérito quizais sexa a constancia e dispor dunha vida abondo organizada e rutinaria -agás cando fallan os aparellos-: hai uns meses falaba eu disto con Antón Costa, que me coñece de vello, e dicía el: "ti, si; ti, sendo como es, poderás manter un blog no tempo...").
A entrevista vai destinada a unha reportaxe sobre o mundo dos blogs que seica estará na páxina do Consello da Cultura Galega, no Culturgal e na rede en xeral. Falamos con toda a vivacidade e liberdade co trebello ese do Messenger que nunca usará, pero confeso que é divertido. Agora sei por que entrampan os rapaces co tema. Falamos de moitas cousas das que temos falado aquí (xa lles avisarei cando se publiquen os resultados da charla) e mesmo dei tres ou catro enderezos de contertulios que máis trato, porque creo que tamén lles queren preguntar algo ó respecto (así que, se os chaman, non se asusten, será por isto). Máis nada, seguiremos fedellando...

14 abr 2007


Homenaxe a Anxo Guerreiro
Andoliña 17 abril
O sábado, na simbólica data do 14 de abril, rendéuselle ­unha homenaxe a Ánxel Guerreiro Carreiras, Xeluco no mundo político. Non puiden estar alí e aproveito este recuncho para mandar a miña adhesión a este acto que convocaba a Fundación 10 de Marzo. Seica o encontro foi un éxito e alégrome polo homenaxeado: merecíao, polo seu papel como deputado autonómico en dúas lexislaturas (1981-1985 e 1997-2001), como única voz do PCG na Cámara, e polo seu labor nos debates do actual Estatuto de Autonomía e aínda arredor do proxecto da Comisión dos 16; por alí andaba tamén, no debate estatutario, Xosé Luís Barreiro, no seu caso en nome do Partido Popular de Galicia.
Só tratei a Xeluco ocasionalmente, na campaña conxunta que fixeran Esquerda Unida e Esquerda Galega. Por iso podo falar con liberdade. E daquela pareceume unha persoa afable e traballadora, tamén comprometida coa causa da esquerda. É certo que a andaina do PCG e de EU nestes anos estivo chea de crises, pero o mesmo sucedeu en Cataluña e noutras zonas. E sería inxusto querer facer responsable de todo iso a Xeluco: foron moitos máis os que deixaron ese barco, con toda lexitimidade, ademais. Uns cantos deles están gobernándonos hoxe.

11 abr 2007

COMUNICACIÓNS MESTURADAS

Cartas dende o pasado (III). Galicia Hoxe 11 abril
Ramón Piñeiro, Méndez Ferrín, unha dedicatoria no Percival...

Asuntos internos, de Afonso V.Monxardín, Galicia Hoxe 10 abril

A 20 anos da morte de Primo Levi, de Jack Fuchs (en Galiza-Israel.blogspot.com)