9 feb 2009


Anos 50 / A Mirada Retida
Marcos Valcárcel
La Región 08-02-2009

Francisco Fariña Busto, director do Museo Arqueolóxico, garda unha boa colección de fotos de paisaxes e edificios da nosa cidade, realizada polo seu pai, Luciano Fariña. As que eu vin son dos anos 50, concretamente de 1956, creo: estaba aínda en construción o Colexio Marista na rúa Bedoya, por exemplo.Da mesma época debe ser esta que escollín hoxe, o edificio, ó carón do Goberno Civil, onde ten a súa sede o Instituto Nacional de Previsión. Supoño que foi unha das grandes obras da época, cando o Paseo aínda non estaba cheo de altas torres.O edificio, no que eu observo, non cambiou moito dende aquela: a foto foi tomada nun día tranquilo, sen automóbiles, quizais un domingo. A imaxe respira un ton de gran pracidez no pasear das xentes ou no paisano que se achega en bici, que ben podería ser Antonio Ricci, o protagonista de ‘Ladrón de bicicletas’ (1948).Para os que non vivimos esa época, o cine, sobre todo o neorrealismo español e italiano, é como un álbum de fotos de familia ou un caixón de soños perdidos. Pero, mentres soñamos, vivimos como plenamente reais esa nostalxia dos tempos non vividos.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

De feito hai tres arquitecturas na foto. Ao fondo á esquerda o que parece un edificio público (podería ser unha praza de abastos?) feito de pedra de cantería; un edificio de vivendas para a burguesía, sen dúbida construído a principios de século e, finalmente, un deses edificios públicos que no franquismo se facían por catálogo, e cuxos exemplos podemos ver por todas as cidades galegas.

Neste edificio do "Instituto Nacional de Previsión" vemos a típica arquitectura escurialense dos anos 40, imitadora no seu pretendido colosalismo (comparen a altura dos tres edicicios) do pazo do Escorial (xa saben: lugar onde se deposita a escoria).

E mentres o franquismo construía fríos mamotretos que pretendían recrear as glorias imperiais do pasado (el imperio hacia Dios), os especuladores descendentes daqueles primeiros estraperlistas agardaban turno para trocear os novos ensanches en solares. Eis o caso do "ensanche" santiagués. E así que cada vez que acompaño a unha persoa que visita Compostela, teño que lle esconder ese horror que é a praza de Galicia e as rúas que dela saen para a "zona nova".

Anónimo dijo...

Ms, o edificio do fondo á esquerda foi o ghoberno militar, antes fora a sede dos maristas, creo, e venderon xunto coas hortas traseiras que se convertiron en rúa Juan XIII para construir o novo edificio de Bedoya.

Eu coñezo os dous irmaus donos do edificio que vostede dí ser para a burguesía. Teñen ben máis propiedades nesta rúa. Véxoos todo-los días paseando xuntos, gosto moito de parolar con eles. Ambas famílias viven moi harmónicamente nese edificio. Teño entendido que comparten mesa, e xa encetaron a terceira xeneración de convivencia.

Non lle calculaba tanta edade ó edificio.

Anónimo dijo...

Seguindo coa teima da memoria, recoméndolles que vexan:

"O carro e o home" (1941), rodada na comarca de Lobeira, coa voz de don Xoaquín Lorenzo.

http://flocos.tv/curta/o-carro-e-o-hom/alta/