21 feb. 2009

ESCRITOR DO MES, DA AELG
Entrevista en Culturas, La Voz de Galicia, 21-2-09, realizada por Camilo Franco

- Vostede combina historia e xornalismo. É unha mestura que moitos consideran unha contradicción. ¿Hai puntos de encontro?
- No meu caso nunca observei esa contradición. Obviamente, a metodoloxía é diferente, pero calquera saber, tamén a historia, ten que comunicar con xeito as súas reflexións. Na miña xeración houbo revistas modélicas ó respecto, como “Triunfo” ou “Tiempo de Historia” que fixeron un labor digno de aplauso nos estertores do franquismo. Medios de comunicación e historiadores deben ser cómplices neste aspecto.

- ¿Queda espazo nos medios para a historia e para a divulgación?
- O espazo é moi limitado, agás en suplementos ou promocións complementarias. Por outra banda os medios non ofrecen ós historiadores galegos as mesmas facilidades que a pseudohistoriadores españois, na liña de Pío Moa e outros, sostidos por fortes presións do mercado. A competencia é desigual.

- Ten estudado os medios de comunicación galegos nuns anos de moitos cambios. ¿Como describiría a evolución dos mesmos?
- Creo que os cambios foron máis no plano da renovación tecnolóxica que na propia concepción informativa dos medios. No mercado da prensa escrita, por exemplo, sobrevive unha forte presenza dos medios locais e o localismo é dominante en todos os xornais galegos. A nivel de opinión e no seu ton reivindicativo, seguen sendo modélicos os proxectos máis ambiciosos da Galicia republicana, como El Pueblo Gallego, o Galicia de Vigo ou La Zarpa ourensá.

- ¿Foi unha evolución parella á da sociedade?
- A sociedade cambiou quizais máis e basta comparar un xornal de 1977 con outro de hoxe. Pero nese cambio social os medios tamén foron decisivos, sobre todo as televisións.

-Incorporouse de maneira intensa á tribo de blogueiros galegos con As uvas na solaina. ¿Cre que a rede e os medios físicos son complementarios ou pensa que competirán polos mesmos lectores?
- De momento son complementarios e aliméntanse mutuamente. No futuro os medios tradicionais imitarán, xa o están a facer, recursos dos blogues, loitarán pola interactividade e terán que ser máis creativos e imaxinativos para conquistar unha mocidade pouco receptiva ás formas máis convencionais de comunicación.

¿Escribir no blog supuxo algún cambio na maneira de escribir nos outros medios?
Sobre todo supuxo a posibilidade de contrastar as miñas opinións de forma directa cos lectores. Ademais, dos debates que xorden a cotío en As Uvas na Solaina, nacen de cando en vez temas de interese para os meus artigos nos xornais.

- A historia local é outro dos xéneros nos que traballa. ¿É a parente pobre dos estudos académicos?
- Cada vez é menos parente pobre e en Galicia conta cunha forte tradición dende o século XIX. A historia local é decisiva na construción de referentes de identidade e, cando se afronta con rigor científico, ten a mesma validez que calquera outra parcela da historiografía.

-Acaba de publicar unha “Historia de Ourense”. Arredor da cidade hai unha certa mítica cultural. ¿Cre que a importancia cultural é maior en Ourense que en outras cidades?
- É unha mítica cultural que, como tal, remite ó pasado. Os dous grandes momentos do Ourense cultural foron a Xeración Nós e o Rexurdimento de Lamas Carvajal e O Tío Marcos da Portela. Neses dous momentos históricos, interconectados entre si, a cidade, sen renunciar á súa personalidade, abriuse ó mundo e constituíuse nun referente para unha Galicia dona de seu. Isto pasou tamén noutras cidades. A vantaxe ourensá foi contar con figuras tan xigantescas como Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Blanco Amor, que en conxunto cobren toda a historia cultural do século XX e seguen dialogando connosco. Otero ou Blanco Amor teñen aínda moitas cousas que contarnos.

A pesar de escribir moito e de estudar aos autores de ficción, ¿non se sentiu tentado pola ficción?
- A mesma pregunta fíxoma dúas veces Carlos Casares animándome a dar o salto á ficción, pero creo que o meu territorio é o xornalismo e a investigación. A Galicia de hoxe ten excelentes escritores de ficción e moitos deles son amigos meus. Prefiro que os lean a eles, que paga a pena.

8 comentarios:

Balonga dijo...

Ademais de Triunfo e Tiempo de Historia, houbo daquela outras revistas como: Cuadernos para el Diálogo, Revista Mensual (Montlhy Review), Zona Abierta, Negaciones, Ajoblanco, Viejo Topo, sen esquecer a nosa TEIMA.

No poleiro dijo...

Moito mérito tivo Teima. E ainda aguentou...Das publicadas en castelán, ningunha como Triunfo. A chamada Transición fíxoa desaparecer

Etxe dijo...

E que me dicides da "man común" epigonal... Alí, ben noviño, publiquei ilusionado o meu primeiro artigo...

Etxe dijo...

E que me dicides da "man común" epigonal... Alí, ben noviño, publiquei ilusionado o meu primeiro artigo...

Etxe dijo...

E que me dicides da "man común" epigonal... Alí, ben noviño, publiquei ilusionado o meu primeiro artigo...

Etxe dijo...

Saiume o tiro metralleta

SNARK (L.Carroll) dijo...

"O que digo tres veces é verdade".

Anónimo dijo...

Con todos os meus respetos, pero o de "Escritor do mes", paréceme unha paifocada.