27 feb 2009


Miradas Alleas (IV)
MARCOS VALCÁRCEL
and0liña 27-2-09

No ano 1973, centenario do nacemento de Azorín, Xesús Alonso Montero publicou, na luguesa editorial Celta, unha colectánea de textos do escritor alacantino titulada Rosalía de Castro y otros motivos gallegos. Sobre esa base, revisada e ampliada, aparece agora Galicia (Paisajes, gentes, carácter, costumbres, escritores...), unha nova recolleita de textos azorinianos, preparada e introducida por Alonso Montero na serie Miradas Alleas, da Xunta de Galicia.
Só polos seus numerosos textos rosalianos, Azorín xa ten un lugar de honra nos galegófilos de orixe foránea. Ante o silencio ou o desprezo de tantas voces, Azorín reivindicou a nosa autora como un dos grandes poetas do seu tempo e amosou o seu respecto e admiración tamén por Manuel Murguía. No libro hai moito máis: a visión da paisaxe galega, dende os textos de Rosalía, dona Emilia Pardo Bazán e Valle Inclán; o seu entusiasmo pola música popular galega; palabras agarimosas para Lamas Carvajal; a súa exaltación da coroza, etc.
Moi oportuna esta volta sobre as páxinas de Azorín, ese filósofo do pequeno que mantén toda a elegancia da súa prosa, como ben subliñaron Vargas Llosa, Pere Gimferrer ou o noso Casares.

No hay comentarios: